Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

“A boa vontade da industria está ben, pero, se non funciona, hai que establecer regras” : Entrevista: Alberto Garzón, ministro de Consumo

A subida do IVE nas bebidas azucradas e a implantación voluntaria do etiquetado Nutri-Score son as dúas medidas máis mediáticas que o Ministerio de Consumo puxo en marcha para intentar frear un dos problemas que máis preocupan: a obesidade infantil. Trátase de dúas decisións polémicas e que soas non poden facer fronte a un fenómeno complexo. O ministro Alberto Garzón defende que a soa existencia da carteira que ocupa xa envía unha mensaxe na boa dirección para tratar de contrarrestar a vantaxe que outros países europeos lle levan a España de cara á concienciación sobre unha vida e alimentación saudable ou nunha regulación publicitaria máis estrita. En España, un 40 % dos menores presentan exceso de peso. Ao longo de 10 números, Consumer Eroski analiza as causas deste grave problema de saúde pública desde o punto de vista de todos os axentes involucrados.

Cales son os datos do informe Aladino 2019 sobre obesidade infantil que máis lle preocupan? É un traballo tan extenso que existen múltiples perspectivas para abordalo, pero a nós parecéronnos sempre especialmente dramáticos os niveis de obesidade infantil. Aínda que hai unha certa estabilidade ao longo dos anos, non deixan de ser enormemente preocupantes. Estamos falando de que 4 de cada 10 menores de entre 6 e 9 anos teñen algún tipo de exceso de peso. Ademais, existen moitos matices, e un deles é o que chamamos a “correlación de clase”, que indica que a taxa de obesidade infantil é o dobre entre as familias cunhas rendas máis humildes que naquelas con rendas máis altas. E iso fálanos de desigualdade, de pobreza, de malos hábitos vinculados á renda. É unha fotografía problemática que lle afecta ao sector máis vulnerable da nosa sociedade: os menores.

Que se pode facer para paliar esa fenda, para chegar ás familias vulnerables e centrarse nelas? Falamos dun fenómeno socioeconómico, non só de hábitos. En primeiro lugar, temos que combater a pobreza e facer que o estado social funcione; mellorar a vida do conxunto da poboación, pero especialmente daqueles máis vulnerables. Iso vai axudar a que sexa máis fácil cambiar os patróns de consumo e de exercicio físico. Nós imos promovelo desde múltiples ámbitos. Desde o da regulación, por suposto: o relativo á fiscalidade, a sensibilización, a publicidade infantil, a información no etiquetado… Estamos ante diferentes liñas de traballo que atravesan o mesmo problema e deben ir parellas a reformas estruturais. A pobreza non se resume con medidas meramente regulatorias, o que require o noso país é cambiar as estruturas, porque nos últimos 10 anos vivimos dúas crises económicas e estas sempre lles afectan máis aos máis pobres. E aínda non temos datos de como lles infuíu o a pandemia a estes estratos.

De feito, parece que a pandemia e os confinamentos xogarán en contra da obesidade e da desigualdade. Teñen prevista algunha acción ou política especial neste sentido? A pandemia, probablemente, traerá un retroceso moi importante porque os patróns de consumo van vinculados á vida cotiá. Un confinamento no que se retivo na casa durante tanto tempo á totalidade da poboación, e moi particularmente aos pequenos, e que alterou tanto as condicións de vida, carrexa un prexuízo moi grande. A iso súmase o impacto económico sobre as familias máis vulnerables, que desde este Goberno tratamos de mitigar o máximo posible cun escudo social. Pero aínda así, é evidente que, ante unha crise económica, as familias máis humildes sofren máis. E dispoñer de menos cartos adoita implicar o consumo dun tipo de produtos que non son tan saudables. Logo da pandemia, temos que acentuar, máis aínda, toda a liña de traballo que tiñamos prevista desde o principio.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións