Bruxismo: Mordendo estrés

Este mal hábito de apertar ou chiar os dentes de xeito involuntario conduce co tempo a un desgaste das pezas dentais e a sufrir dor na zona mandibular
1 Xaneiro de 2011
Img salud 2 listado 187

Bruxismo: Mordendo estrés

O estrés cada vez maior da sociedade moderna, acrecentado aínda máis pola crise económica, déixase notar non só nos petos dos cidadáns, senón tamén nos seus dentes e mandíbulas. Cada vez hai máis persoas que sofren o chamado bruxismo, o hábito inconsciente de apertar os dentes, por un factor emocional, aínda que tamén pode asociarse a un mal encaixe dentario. Varios tratamentos actuais poden solucionalo e evitar a perda de pezas dentais, por destrución do esmalte e da dentina, así como outras terribles consecuencias, como a dor de cabeza e dos músculos da mandíbula, do pescozo e ata do oído.

Dores mandibulares e de cabeza, as máis comúns

Apertar ou chiar os dentes de xeito continuo coñécese como bruxismo, que pode ser nocturno ou diúrno. Este movemento inconsciente ten unha compoñente funcional -orixínase por algunha singularidade no xeito de encaixar os dentes- e emocional, xa que as persoas con estrés acusado tenden a apertalos máis sen se decataren. A consecuencia é unha sobrecarga do sistema mastigatorio que, co tempo, produce un desgaste das pezas dentais e contracturas nos músculos relacionados. Isto tradúcese na aparición de dor na zona da mandíbula e na articulación temporo-mandibular (ATM), que conecta a mandíbula inferior ao cranio e que se sitúa xunto ás orellas. Por este motivo, a sensación de dor na rexión que rodea as orellas ou de cefaleas son algúns dos sinais deste problema.

Dende o punto de vista funcional, o bruxismo ten a súa orixe nunha malformación facial ou nunha mala oclusión dental, é dicir que todas as pezas dentais da arcada superior e da inferior deberían encaixar de maneira perfecta e pechar todas á vez, coma se se tratase dun fecho. Non obstante, cando un dente está mal posicionado provoca o que os expertos denominan “un contacto prematuro deste cos outros dentes”, de xeito que o sistema dentario se ten que adaptar e a mandíbula se move a unha posición anómala. É como andar coas costas tortas. Os músculos contractúranse e doe.

Así e todo, nos últimos dous anos a situación do sistema socioeconómico favoreceu un aumento do número de visitas ás consultas por bruxismo derivado de trastornos emocionais, que teñen unha clara influencia no desenvolvemento deste problema de saúde. As persoas que xa sofren dunha mala posición dos dentes se, ademais, acusan o malestar derivado da perda dun traballo, dificultades económicas ou o propio estrés laboral, tenden a apertalos, e afanse ata que xorden os primeiros síntomas. De feito, o bruxismo é un xeito de vehicular a agresividade, a rabia e as tensións contidas nas mandíbulas.

Un problema cada vez máis habitual

Estímase que polo menos o 70% das persoas nalgún momento da súa vida apertan os dentes de xeito pasaxeiro. Non obstante, constitúe un problema real nun 50% dos casos, segundo datos achegados polo especialista Javier Mareque Bueno, cirurxián maxilofacial do Centro Médico Teknon e profesor de Cirurxía e Implantoloxía da Universidade Internacional de Cataluña (UIC), a partir de distintos estudos da literatura médica. É máis frecuente en mulleres dos 30 aos 50 anos, que ademais adoitan padecer un maior número de episodios. O retrato robot do afectado é unha muller duns 40 anos, que vive moi estresada pola dificultade que comporta compaxinar a dobre faceta de nai e traballadora.

Outros perfís que, polas súas características físicas, son máis proclives a bruxar son as persoas con síndrome de Down e os enfermos neurolóxicos, xa que o sistema nervioso que controla os músculos pode facer que estes teñan un ton muscular elevado en distintas partes do corpo e que este repercuta de xeito negativo no aparato mastigatorio.

O bruxismo tamén afecta aos nenos, aínda que non ten nada que ver co do adulto. Nos máis pequenos é un trastorno transitorio, de maior ou menor grao, que se dá mentres teñen os dentes de leite, e deixan de apertar os dentes así ao se producir o recambio dental e adquirir a dentición definitiva e, polo tanto, unha estabilidade da oclusión.

Síntomas delatores

En que momento un afectado é consciente de que debe acudir ao médico? O primeiro indicio do problema é espertar cunha sobrecarga matutina nos músculos mastigatorios, é dicir, na rexión dos músculos que moven a mandíbula e na zona situada arredor da orella. Esta dor é a consecuencia de apertar os dentes durante toda a noite. Algunhas persoas sofren cefaleas e deciden acudir ao neurólogo, que descarta que se trate dunha dor de cabeza típica e que os envía ao especialista. Outras veces, nunha visita ao dentista, cando este explora a boca, pode detectar que o paciente ten desgastes dentais e dentadas no bordo da lingua, o que se coñece como liña alba, que se orixina polo rozamento continuo dos dentes coa lingua e provoca a formación dun calo nas enxivas.

O tratamento: longo e segundo a orixe do problema

O bruxismo adoita ser unha patoloxía infratratada aínda cando pode ter importantes repercusións para os pacientes: dende a abrasión das pezas dentais ata a súa caída, e mais problemas graves derivados desta perda e a afectación do aparato mastigatorio: aparición de dificultades nutritivas, malas dixestións, úlceras de estómago e ata depresión. Os dentes son un elemento de relación social. As persoas que non os teñen non están cómodas sorrindo e foxen da vida social.

O tratamento é multidisciplinar, xa que a miúdo deben intervir varios profesionais como o odontólogo xeral, ao que os pacientes adoitan acudir en primeiro lugar cando experimentan as primeiras tensións e dores nos dentes; o cirurxián maxilofacial, ao que se remiten os pacientes; un fisioterapeuta e un odontólogo especializado na ATM; e mais un psicólogo cando a orixe do problema é emocional. Ademais, a terapia pode ser de dous tipos: condutual e médica.

O tratamento condutual é o que aplica o psicólogo ou o psicoterapeuta para intentar desentrañar cal é a causa do estrés na vida do paciente, aquilo que lle provoca o bruxismo, despois de que este visite sen resultado a otorrinolaringólogos, odontólogos e neurólogos, entre outros, na busca da orixe da súa dor na rexión maxilofacial. Comprobouse que, cando o paciente reduce o seu nivel de ansiedade, grazas á psicoterapia, o bruxismo mellora de xeito notable.

O tratamento médico depende de cal sexa a raíz e o alcance do problema: se os dentes están mal posicionados colócase unha férula de descarga; se se produciu un desgaste ou perda de pezas dentais, realízase unha reconstrución dentaria mediante a coronoplastia para recuperar a súa anatomía normal, e se o problema está na mandíbula, porque o queixo se atopa cara a adiante ou cara a atrás, opérase para corrixir a base ósea e é necesario entre un 10% e un 15% dos casos de bruxismo, nos que debe intervir o cirurxián maxilofacial.

Tratamentos

  1. Colocar unha férula de descarga semirríxida. É unha peza que se pon entre as arcadas superior e inferior dos dentes para evitar o seu rozamento. Está feita de materiais acrílicos, como as resinas, e dun prezo variable, aínda que de media custa uns 500 euros. O principal problema das férulas, ata hai poucos anos, é que se desgastaban decontado e habíaas que substituír cada ano. O gran cambio que se produciu é que agora duran arredor de tres anos e son mellor toleradas polos pacientes, que poden falar con elas postas. De feito, adoitan ser transparentes e constan dun enganche metálico na súa parte posterior e pódense levar tanto durante o día como de noite (ás veces abonda só durante o tempo de descanso nocturno), segundo a evolución clínica do paciente e da severidade do seu problema.
  2. A ortodoncia. Realízase cando os dentes aínda non se desgastaron polo bruxismo pero están mal colocados, e detéctase nesta posición incorrecta a orixe do problema.
  3. A coronoplastia. Este tratamento complétase en poucas sesións para restaurar os dentes danados ou perdidos polo bruxismo, no que se engaden composites (resinas sintéticas) moi resistentes que replican a forma dos dentes que tiña o paciente antes de se desgastaren. Consiste en colocar a parte visible dos dentes (a punta ou coroa) que se foi danando de xeito que estes recuperen unha posición de encaixe perfecta na que o paciente non aperte. Antes de colocar os composites, a reconstrución das pezas dentais realízase nun laboratorio mediante debuxos e esquemas, e despois arránxanse os dentes. O resultado é como “se ao paciente, lle medrasen as pezas nunha hora”, afirma Mareque. Os composites proporcionan a mesma información ca a férula, polo que unha vez rematada a coronoplastia, non é necesaria a férula.
  4. A cirurxía da mandíbula. Esta intervención, que se alonga entre unha hora e hora e media, realízase baixo anestesia xeral. Require dun día de ingreso, tras o cal o paciente recibe a alta ao seu domicilio. Corrixir a posición da mandíbula é importante, xa que se está cara a atrás, téndese a forzala cara a adiante (ou á inversa) e iso provoca dor. É o mesmo que lle acontece a unha persoa que ten unha perna máis longa ca outra: que tende a andar de lado e iso prodúcelle problemas de costas e dor. Coas novas técnicas cirúrxicas realízanse cortes moi pequenos para fixar a mandíbula mediante placas de titanio. No pasado o afectado saía do quirófano coa boca inmobilizada durante todo o proceso de curación e debíaa manter así durante un mes, con importantes restricións dietéticas. Non obstante, hoxe en día, os avances permiten que, tras a cirurxía, o paciente, pasada unha semana, xa poida inxerir alimentos de mastigación doada.

O peor dos escenarios para un paciente con bruxismo é que teña que pasar por todos e cada un destes tratamentos. Isto acontece cando ten os dentes mal colocados e o óso onde estes se insiren tamén ten unha mal posición. Nese caso, o tratamento completo do paciente duraría dous anos. Pero se só precisa a férula ou a coronoplastia en dous ou tres meses o tratamento finalizaría.

Detectáronme bruxismo: que debo facer?
  • Acudir a un profesional para que o oriente sobre a súa situación particular e tratarse por un especialista en patoloxía maxilofacial e por outros profesionais con experiencia contrastada en bruxismo.
  • Ter paciencia, xa que tras o diagnóstico o tratamento é longo. Non se pode corrixir unha posición anómala de 10 ou 15 anos en pouco tempo.
  • Utilizar a férula de xeito continuo, xa que o seu uso intermitente produce un borrado da memoria muscular e provoca que os músculos volvan axiña á posición viciada.
  • Estar disposto a corrixir o problema de base, xa que a férula só é útil en dentes desgastados, mal posicionados ou nos ósos maxilares.

Fonte: Javier Mareque Bueno, cirurxián maxilofacial do Centro Médico Teknon e profesor de Cirurxía e Implantoloxía da UIC