A saúde da pel

Acné: Cando o rostro rebenta

Para evitar lesións máis graves e duradeiras é fundamental acudir ao dermatólogo ante a aparición dos primeiros grans
1 Xaneiro de 2011
Img salud listado 717

Acné: Cando o rostro rebenta

Xuventude, divino tesouro, dicía o poeta. Non obstante, o espertar desa etapa vital é tamén unha época de revolución hormonal que, en ocasións, pasa factura ao rostro. A maioría de adolescentes sofre a, a miúdo, molesta acne, un problema dermatolóxico que tamén pode afectar aos adultos por mor de diversas causas. Cando isto acontece, os dermatólogos aconsellan acudir á súa consulta ante a aparición dos primeiros grans para evitar lesións máis graves e duradeiras no tempo.

A acne é unha enfermidade da pel moi común, visible e antiestética, que se desenvolve en distintas etapas da vida, como a adolescencia, a xuventude e a do adulto novo. Nestas idades, amosar unha boa imaxe corporal é para moitos, determinante.

Por este motivo, o benestar psíquico das persoas afectadas, xunto co alcance das súas lesións, son razóns de peso abondo para iniciar un tratamento que borre a indesexable acne das rexións corporais afectadas, que son as máis ricas na produción de graxa e, desafortunadamente, as máis expostas e difíciles de agachar: cara, pescozo, ombreiros, costas e tórax.

A acne e as súas lesións

A acne vulgar, tamén chamada polimorfo, aparece en zonas seborreicas localizadas no rostro e na parte superior do tórax. O motivo reside en que son áreas de pel ricas en produción de sebo e isto favorece a posterior aparición das lesións típicas da acne. A secuencia dos feitos é a seguinte: na maioría dos casos, a acne debuta na adolescencia xa que as hormonas adrenérxicas actúan sobre pequenos peliños invisibles (os folículos pilosos) da cara e do tronco, que se inflaman. Deseguido rexístrase un aumento da graxa que obstrúe eses folículos e, en consecuencia, fórmanse uns pequenos grans vermellos que se enchen de pus e outras lesións máis fondas que logo cicatrizan. Para rematar, nese terreo graxo a bacteria “Propionibacterium acnes”, que se atopa na superficie da pel, coloniza as zonas dérmicas ricas en sebo e orixina a inflamación característica destes grans.

O resultado é un rostro e un tronco zarrapicado con distintos tipos de grans (negros, brancos, vermellos, con pus e tamén grandes e dolorosos) que se distribúen aleatoriamente. Así, entre as lesións típicas desta afección cutánea figuran os sebos (ou graxa que aparece primeiro), os comedóns (ou típicos poros da pel que se taponan e que se coñecen como puntos negros, aínda que tamén pode haber grans brancos) ou as pústulas (aparición de pus en grans vermellos). As pápulas (grans previamente vermellos que logo se inflaman), os nódulos (lesións máis profundas que doen), as máculas (ou zonas da pel descoloridas detrás dunha lesión acnéica que lle confire ao rostro un aspecto inflamado) e as cicatrices resultantes das distintas lesións son outras das caras da acne.

Alén da adolescencia

A cadea de cambios físicos que conducen á aparición da acne retárdase cos anos, aínda que hai unha franxa de idade, comprendida entre os 35 e os 40 anos, que a sofre cada vez máis. Trátase, especialmente, de mulleres que sofren un estado de nerviosismo por distintos motivos familiares e laborais, pola alimentación e polo estrés, factores que poden perpetuala. De feito, o tipo máis frecuente é a acne persistente, a que xorde na adolescencia pero se mantén na idade adulta. Pero tamén existe a “acne de inicio tardío”, que xorde en persoas de máis de 25 anos que nunca a padeceran antes.

Segundo os últimos datos facilitados pola Asociación Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), durante a adolescencia e a xuventude, a acne é a enfermidade máis prevalente, xa que afecta ao 80% dos mozos de ambos os dous sexos de entre os 12 e os 18 anos, mentres que a partir dos 19 e ata os 24 anos xa afecta a unha menor porcentaxe, en concreto, a unha cuarta parte dos que se atopan nesa franxa de idade.

Tratamento: canto antes e á carta

Moitas persoas consideran a acne un mal inevitable debido aos cambios hormonais que se producen na adolescencia e na xuventude, e pensan que co tempo desaparecerá por si soa. Aínda que isto é en parte certo, se o proceso se abandona á súa sorte o máis probable é que os afectados acaben coa cara e con outras partes do corpo sinaladas polos episodios de acne xuvenís de modo inconfundible e para sempre.

Por este motivo, os expertos insisten cada vez máis en que deixar pasar o tempo, sen iniciar un tratamento, é un erro. Aínda que a acne non se pode previr (xa que se descoñece cando se iniciarán os cambios hormonais que a dispararán), si se pode tratar de maneira precoz así que aparecen os primeiros sinais co fin de freala e de evitar danos posteriores, como as cicatrices.

Hai que ter en conta que o inicio do tratamento non sempre o marca a gravidade da acne (é dicir, se esta se atopa moi espallada, ten lesións moi profundas, nódulos e quistes), senón o malestar psicolóxico do afectado. Isto débese a que hai persoas que se atopan tan deprimidas que precisan que se lles aplique un tratamento médico o mais axiña posible para que a acne desapareza da súa cara, aínda que esta non sexa grave.

No tocante aos remedios dermatolóxicos dispoñibles na actualidade, a finalidade de todos eles é reducir a aparición dos novos grans que nacen e curar os xa existentes, aínda que o paciente debe ter paciencia e ser constante, xa que a melloría non se empeza a notar ata pasadas catro semanas, segundo subliña a Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (Semfec) na súa “Guía Práctica da Saúde. Enfermidades da pel e do pelo”.

A acne pódese controlar con tratamentos tópicos que conteñen medicamentos antibióticos, peróxido de benzoilo e retinoides. Son cremas e sales que se aplican sobre a pel, pero que sempre deben utilizarse baixo control médico. Tamén se trata con fármacos, como os antibióticos por vía oral ou ben hormonas, que teñen como obxectivo controlar a produción excesiva da graxa que conduce á formación da acne. Nos casos de acne rebelde pódese utilizar a isotretinoína -máis popular pola marca Roacutan ®-, que resulta beneficiosa para controlar o factor graxo, as hormonas e as bacterias que interveñen na aparición da acne. Así e todo, por mor dos seus efectos secundarios -reseca a pel, aumenta o nivel de lípidos en sangue e en mulleres embarazadas pode causar danos no feto- sempre cómpre utilizala baixo control médico.

As persoas que xa teñen cicatrices e marcas poden recorrer a solucións cosméticas, entre as que figuran os peelings e outros tratamentos para combater a sequidade excesiva do rostro. Tras aplicar algunha das opcións terapéuticas dispoñibles, a acne remite e dáse controlado ao cabo duns seis meses e un ano na maioría dos casos, arredor do 80%. Para conseguilo, débese aplicar o tratamento máis apropiado para cada tipo de paciente e é fundamental non abandonalo se se queren lograr bos resultados. Co tempo, a acne pode volver aparecer, pero se xa se controlou unha vez de xeito correcto, reaparecerá de maneira menos intensa e será máis doada de frear.

Ante a aparición dos primeiros grans...
  1. Acudir axiña ao dermatólogo.
  2. Evitar o estrés.
  3. Non abusar da exposición solar. Aínda que na súa xusta medida tomar o sol incide de xeito positivo sobre os grans, o seu abuso pode empeorar algúns casos de acne.
  4. Manter unha hixiene correcta sen chegar ao exceso. Segundo cada pel, realízase unha ou dúas veces ao día, con xabóns suaves ou para peles con acne. O secado débese facer de xeito suave e sen fregar e hai que manter o pelo limpo e apartado da cara.
  5. Os alimentos graxos, como o chocolate, non producen acne, polo que non hai que suprimir ningún en concreto, a menos que as persoas afectadas noten que empeoran ao tomalos. En calquera caso, cómpre seguir unha dieta sa, sobre todo en casos de obesidade.
  6. As mulleres susceptibles de sufrir acne deben evitar a maquillaxe e os cosméticos graxos, xa que taponan os poros. Pódense utilizar aqueles que na etiqueta poñan “non comedoxénico”, “libre de aceites” ou “non produce acne”. E deixarse aconsellar polo médico.
  7. Nos homes, é posible que o afeitado agrave a situación, polo que é preferible evitalo. Cada un deberá descubrir se lle prexudica menos utilizar a máquina eléctrica ou as coitelas.
  8. Non se debe intentar rebentar os grans nin manipular as lesións, xa que que ao facelo rompen cara ao interior, aumentan de tamaño e provócase unha maior inflamación.
  9. As persoas que xa quedaron con marcas pódense someter a un tratamento cosmético específico.
  10. Os medicamentos para a acne poden producir irritación, arrubiamento e ardor. Ao principio pódense usar menores cantidades e en días alternos (sempre que así o prescriba o médico) e pouco a pouco aumentala. Aconséllase aplicalos despois de se lavar e secar ben e evitar o contacto cos ollos.
  11. Con tratamento, a acne tarda en mellorar catro semanas. Despois hai que continuar ata o final e non o abandonar para evitar recaídas.

Fontes: Guía Práctica da Saúde. Unidade 12: Enfermidades da pel e do pelo, de Semfec, e Aurora Guerra, xefe de Sección de Dermatoloxía do Hospital Doce de Outubro, de Madrid, profesora titular da Universidade Complutense de Madrid e membro da Asociación Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV). (www.auroraguerra.com)