Iluminar máis para ver menos
Cada noite, as estrelas saúdannos dende o ceo, pero non sempre as vemos. O culpable? As cúpulas de luz alaranxada que levitan sobre os núcleos urbanos. Son a causa da pobre eficiencia da iluminación pública e, ademais, unha chamada de atención, máis ca visible, para desenvolver proxectos que iluminen mellor e con menos gasto.
Luminarias que locen moito e mal
De nada serve utilizar, por exemplo, 3.000 vatios para iluminar unha rúa se a metade desa potencia escapa cara á atmosfera ou cara ás fachadas das casas veciñas. É máis lóxico distribuílos correctamente e aforrar no consumo de luz. Malia que a normativa actual permite que ata un 20% da luz que propagan as luminarias escape por riba delas, a realidade é ben distinta: aínda hoxe atópanse modelos que poden enviar cara a arriba unha porcentaxe superior. As luminarias deseñadas en forma de globo que aínda se ven nalgúns lugares son un exemplo. Estes modelos cegan por mor da gran cantidade de luz indirecta que irradian e apenas iluminan o lugar onde están colocadas. A alternativa é substituílas por luminarias con peche plano e horizontal que emitan toda a luz cara a abaixo, onde se concentra todo o tránsito de persoas e vehículos.
Invasión de ecosistemas
A contaminación lumínica tamén está presente en costas, ribeiras de lagos, ríos e fragas. Os seres vivos destes ecosistemas non escapan da invasión lumínica. A privación da escuridade altera, coma no caso das persoas, os seus ciclos vitais e os seus comportamentos. Praias e costas tinguidas de franxas luminosas e de árbores que parecen as do Nadal en calquera época do ano son postais que deberían quedar no recordo.
Lámpadas de vapor sodio e tecnoloxía LED
A gran parte das lámpadas que hoxe poboan os núcleos habitados son de vapor de sodio de alta presión. Son lámpadas de descarga que emiten unha luz amarela monocromática. Hoxe en día os díodos emisores de luz, comunmente chamados LED, están a substituír nalgúns lugares ao vapor de sodio e son a tecnoloxía do futuro. Teñen unha maior eficiencia enerxética porque iluminan máis ca as de vapor de sodio con menos vatios, a luz que emiten é máis direccional e a durabilidade das lámpadas é moi superior, co conseguinte aforro de mantemento. Pola contra, chegan a duplicar o prezo das lámpadas de vapor de sodio e a súa luz branca, amais de atraer máis insectos, está xerada por un compoñente azul que debido á súa lonxitude de onda curta se dispersa máis no ambiente.
Puente la Reina, un exemplo de eficiencia enerxética
Dende o 2008, as rúas da localidade navarra de Puente la Reina ilumínanse de modo eficiente. Grazas a unha serie de modificacións, como a integración do grupo óptico na parte superior das luminarias e a instalación de reguladores de fluxo que permiten diminuír a potencia a partir da madrugada logrouse un aforro de 15.000 euros anuais no recibo da luz, pero sen que iso supoña unha redución na visibilidade das súas rúas. As lámpadas actuais, de vapor de sodio de 70 vatios, conseguen o dobre de luz efectiva ca as anteriores luminarias de 100 vatios.