A chamada da paternidade
Móbil e man. Man e móbil. Este é probablemente o matrimonio máis indisoluble sobre a terra nestes momentos. Para moitas persoas, boa parte da vida pasa polo teléfono móbil. E é que as múltiples aplicacións dispoñibles converten a calquera smartphone en moito máis ca un teléfono: serve como reloxo, axenda, calculadora, medio de información, permite coñecer o prognóstico do tempo e funciona como sucursal bancaria. As últimas en deseñarse mesmo están relacionadas coa utilización do teléfono móbil como calendario de ciclos menstruais, fertilidade e ovulación. A maioría son gratuítas e, ademais de ofrecer información, emiten alarmas e avisos que funcionan como recordatorios dos días clave.
As aplicacións para utilizar o teléfono como unha axenda da fertilidade -que axude a lograr o embarazo ou, pola contra, a previlo- son numerosas. E hainas para todos os sistemas operativos: Android, iOS, Windows mobile, etc. Algunhas das máis populares son alerta de período (Period Tracker), calendario de período (Period Calendar), My days, calendario WomanLog, LadyTimer, OvuView e LoveCycles.
Como funcionan estas calculadoras de fertilidade?
O funcionamento destas aplicacións é parecido en todas elas. A maioría calcula os días de ovulación e de maior fertilidade a partir dos datos introducidos pola propia usuaria do teléfono. Este tipo de aplicacións adoitan solicitar a data do inicio da menstruación, así como a duración normal dos períodos.
Algúns, como Ovuview e Lovecycles, utilizan recursos máis sofisticados, baseados nos chamados métodos sintotérmicos. Estes métodos anticonceptivos (coñecidos polos nomes dos investigadores que os desenvolveron: Döring, Billings, Rötzer) utilizan información algo máis completa. Entre outros datos, baséanse na temperatura corporal, así como na mucosidade cervical, para calcular os períodos de fertilidade. Estas aplicacións son, en teoría, algo máis precisas.
En calquera caso, todas as aplicacións móbiles de fertilidade aclaran que os resultados que reflicten son teóricos e que se basean nos datos introducidos por cada usuaria. Algúns, ademais, advirten de que a súa información non debe usarse como método para evitar embarazos.
Duración do período e ciclo menstrual, datos básicos
Para usar estas aplicacións, a usuaria debe introducir unha serie de datos. Os relacionados coa duración do período e do ciclo menstrual constitúen a información elemental na que se basean os cálculos. Canto máis irregulares sexan os ciclos menstruais dunha muller, máis difícil resulta prever as datas dos períodos seguintes. Por outra banda, pódense incluír datos diversos, como a temperatura basal, o peso ou os estados de ánimo, co fin de que o sistema confeccione táboas coas que resulte máis sinxelo facer o seguimento.
Os programas de fertilidade para o móbil permiten ordenar a información de forma gráfica na pantalla. Desta forma, elaboran un calendario personalizado no que aparecen sinalados con diversas iconas as futuras ovulacións, así como o inicio aproximado da próxima menstruación. Algúns destes programas ofrecen mesmo a opción de compartir o calendario co médico e coa parella. Neste caso, a muller pode seleccionar os datos que desexa compartir. As aplicacións de ovulación adoitan, así mesmo, permitir gardar os datos nun ordenador ou nun servidor en liña. Unha opción que evita a perda de información, en caso de extravío ou de roubo do teléfono.
Alertas para o día D
En internet xa existían as chamadas calculadoras de fertilidade, que ofrecían (tras introducir os datos relacionados cos últimos períodos) as datas con maior probabilidade para lograr o embarazo e, mesmo, as dun eventual parto. A novidade que introducen as aplicacións para móbiles é que permiten personalizar o servizo. Desta forma, o teléfono garda os datos e emite avisos.
Estas alertas -segundo cada aplicación- pódense configurar para que se activen durante os días de ovulación ou para que advirtan da chegada da menstruación. Do mesmo xeito, pódense programar para que recorden cada día o horario de toma da pílula ou para que rexistren a temperatura basal.
A maioría das aplicacións dan esta información de modo simple. Pero as aplicacións máis completas -como Ovuview- ofrecen a posibilidade de configurar o programa para presentar os datos (dun modo ou doutro), en función do obxectivo fixado: lograr un embarazo ou evitalo.
Servizos adicionais no móbil para a fertilidade
Algunhas destas aplicacións son de pagamento (moitas son versións premium das mesmas aplicacións gratuítas) e caracterízanse porque envían informes periódicos -en formato pdf- por correo electrónico, mentres que outras amplían as posibilidades de personalizar os avisos. Non obstante, a diferenza máis notoria é que, coas versións de pagamento, se evitan os anuncios publicitarios. A maioría das versións premium custan entre 1,30 e 1,60 euros, aínda que hai algunhas un pouco máis caras, como LadyTimer (2,15 euros) e LadyCycle (2,48 euros).