Guacamole

Seguro que leva aguacate?

Hai produtos que poden resultar interesantes para aforrar tempo e esforzo na cociña, pero non todos son iguais: algúns teñen moi pouco aguacate e a súa composición deixa moito que desexar.
1 Maio de 2024

Guacamole. Seguro que leva aguacate?

En apenas un par de décadas, o guacamole pasou de ser un alimento exótico e pouco coñecido a estar totalmente integrado na nosa vida cotiá. Son varias as razóns que explican isto: agora os aguacates son máis accesibles na nosa contorna, hai unha maior disposición a incluír na dieta pratos doutras latitudes e tamén unha maior preocupación pola alimentación saudable. 

Proba diso, é que hoxe en día podemos atopar guacamole envasado e listo para comer en calquera supermercado. De feito, cada vez temos máis opcións, o que é unha vantaxe, pero tamén ten un pequeno inconveniente, que é que a escolla pode complicarse. Por iso, é importante ter en conta algúns aspectos fundamentais. 

Tres tipos de produtos.

A primeira vista, os produtos a base de aguacate que analizamos poderían parecer moi similares: véndense en frascos de forma e tamaño semellantes nos que aparece a palabra «guacamole» xunto con imaxes desta preparación ou dos aguacates cos que se elabora. De repararmos nos detalles podemos ver que nalgúns casos hai grandes diferenzas. Concretamente, deberiamos observar a denominación de venda, que adoita aparecer xunto á lista de ingredientes. Así, poderemos distinguir tres tipos de produtos: a polpa de aguacate (Los Cursos), guacamole (Eroski, Avomix e Frudel) e salsa guacamole (Zanuy, Santa María, Old El Paso e Herdez).

O guacamole e o resto de produtos elaborados con aguacate non están definidos na lexislación, o que dificulta a súa categorización. Por exemplo, non se establece unha porcentaxe mínima de aguacate. Polo tanto, o que se usa como denominación de venda é o nome que todo o mundo coñece, ou ben, unha descrición do produto. 

Así, sábese que o guacamole é unha preparación elaborada con aguacates machucados ou triturados, no que este ingrediente é o principal e se atopa en proporcións elevadas. Ademais, engádense pequenas cantidades doutros ingredientes, como sal ou zume de limón. 

Nunha salsa, a proporción de aguacates é notablemente menor. O problema é que nalgúns produtos isto non queda claro. Ocorre en Zanuy, que destaca a palabra «guacamole», mentres que a palabra «salsa» apenas se aprecia. Tamén en Old El Paso, que na parte frontal destaca as palabras «guacamole brando», a pesar de que só contén un 15,4 % de aguacate e a súa denominación de venda é «salsa guacamole». A clave está na cantidade de aguacate que conteñen. 

Análise

Para realizar esta guía de compra, seleccionáronse dez produtos elaborados con aguacate producidos por marcas líderes no mercado, nos que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración vén determinada pola proporción de graxas e de sal.
  • Ingredientes. Coñecer a calidade comercial, sobre todo a cantidade de aguacate ou o uso de aceites, vexetais ou antioxidantes.
  • Información comercial. Analizamos se achega información de valor ou se pode ser confuso ou levar a engano o consumidor.
  • Prezos. Recollidos en marzo de 2024. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero tívose en conta a relación calidade-prezo para o ránking.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre coa lexislación vixente.

Canto aguacate conteñen?

A máis alta atópase en Los Cursos, cun 98 %, dado que se trata de polpa de aguacate. Ségueno moi de preto os guacamoles: Avomix, Avomix picante e Eroski suave (todos cun 95 %), Eroski picante (92 %) e Frudel (90 %). 

Das salsas de guacamole, o produto de Old El Paso contén só un 15,4 % de aguacate, mentres que no resto de salsas atopamos cantidades moito menores: Herdez contén un 4 %; Santa María, 1,5 % e Zanuy só 0,7 % de aguacate en po. Na maioría destes produtos, o primeiro ingrediente é a auga e o segundo é a cebola. (Zanuy e Santa María) ou o tomate verde (Herdez). Só en Old El Paso atopamos o aguacate como segundo ingrediente, aínda que cunha cantidade escasa.

Os outros engadidos.

Descifrar a lista de ingredientes é fácil en produtos como a polpa de aguacate ou o guacamole. Así, no único produto da mostra que declara pertencer ao primeiro grupo, só atopamos aguacate (98 %); ácido cítrico, que se utiliza para proporcionar un toque ácido e mellorar a conservación; ácido ascórbico, que se emprega para evitar a oxidación, e sal, que potencia o sabor.

Nos guacamoles engádense ingredientes típicos desta preparación, como cebola, pemento vermello, allo, coandro, lima ou zume de limón. Ademais, normalmente tamén se usan acidulantes ou antioxidantes: ácido cítrico e ácido ascórbico. Frudel só contén limón, allo e sal (o limón serve como acidulante e antioxidante, xa que contén ácido cítrico e ácido ascórbico de forma natural) e os produtos de Avomix  conteñen tamén alxinato sódico, que se usa como espesante.

Nas salsas de guacamole, ler e interpretar a lista de ingredientes faise máis complicado. A grandes liñas, podemos concibir estes produtos como emulsións formadas por auga e materia graxa, ás que tamén se engaden outros ingredientes para acadar determinadas características organolépticas:

  • Materia graxa. Utilízanse diferentes tipos de aceite. En Santa María, de xirasol; en Old El Paso, de colza, e en Zanuy, aceites de colza e coco. Pola súa banda, na etiqueta de Herdez indícase «aceite vexetal», pero non se detalla o que é, o que incumpre a lexislación europea.
  • Ingredientes vexetais. En todos atopamos elementos comúns que se adoitan empregar no guacamole, como a cebola, o tomate, o chile ou o coandro. 
  • Outros ingredientes. Tamén se empregan acidulantes, como o ácido cítrico, ou antioxidantes, como o ácido ascórbico. Ademais, hai que engadir outros moitos que serven para modificar as características organolépticas: azucres, para mellorar o sabor; colorantes (curcumina), para proporcionar cor; aromas, para dar sabor e cheiro; espesantes, para proporcionar corpo (amidón, soro de leite, goma xantana) ou emulsionantes, para garantir que os ingredientes se mesturen de forma homoxénea. De novo a etiquetaxe de Herdez incumpre a lexislación porque non se especifican as funcións que realizan os aditivos que contén.

Por que se conserva durante tanto tempo?

Unha das maiores vantaxes do guacamole listo para consumir en comparación co guacamole caseiro é que a súa duración é notablemente máis alta. Para conseguilo pódense utilizar diferentes estratexias, que dependen do tipo de produto: 

  1. Normalmente as salsas guacamole están sometidas a un tratamento térmico de esterilización, é dicir, aplícanse altas temperaturas durante un tempo suficiente para eliminar os microorganismos patóxenos. 
  2. No guacamole que se comercializa como acabado de facer, adóitanse engadir acidulantes e antioxidantes que dificultan o desenvolvemento de microorganismos patóxenos e a oxidación do produto. Ademais, mantense a temperaturas de refrixeración para conseguir eses mesmos fins. 
  3. En moitos destes produtos que se comercializan como acabados de facer, aplícanse altas presións sobre o produto xa embalado. Deste xeito, elimínanse os microorganismos patóxenos sen alterar a composición e as características organolépticas do produto, a diferenza do que ocorrería se se aplicase un tratamento térmico.

A graxa é o principal nutriente.

Se repararmos na información nutricional, veremos que o contido en graxas é significativo. As cifras sitúanse entre o 3,2 % de Old El Paso e o 17,2 % de Avomix. Se facemos distincións entre os tipos de produtos, a polpa de aguacate Los Cursos, contén un 11,7 % de graxa; entre os guacamoles, as proporcións oscilan entre o 10 % de Frudel e Eroski ata o 17,2 % de Avomix, nas salsas de guacamole oscilan entre o 3,2 % de Old El Paso e o  14,7 % de Herdez.

Cando se trata de graxas saturadas non hai tantas diferenzas. De feito, as cifras son bastante similares: na maioría dos casos roldan o 2,5 %. Só tres presentan valores máis baixos: Frudel (1,15 %), quizais pola variedade de aguacate empregada; Santa María (1,1 %), debido ao uso de aceite de xirasol e Old El Paso (0,6 %), debido ao uso de aceite de colza.

Non todas as graxas son iguais.

Máis aló da cantidade, é importante ter en conta de onde proceden estes nutrientes, porque non todas as graxas son iguais. As que proveñen do aguacate pódense considerar saudables, pero non podemos dicir o mesmo de todos os tipos de aceite que se utilizan na elaboración das salsas. Así, o aceite de colza sería preferible ao de xirasol, mentres que o aceite de coco estaría no último lugar.

A etiqueta de Herdez non especifica o tipo de aceite que contén e, ademais, indica a cantidade de graxas trans. Ambos os dous detalles incumpren a lexislación europea: a información nutricional está estandarizada para non dar lugar a confusións e evitar malas prácticas comerciais. En todo caso, esta última información podería indicar que se trata dun aceite insalubre, dado que contén graxas trans, cando o ideal sería que estivesen ausentes. 

Cantas calorías conteñen?

Nestes produtos a cantidade de graxa está moi relacionada coa subministración de enerxía. Polo tanto, o que presenta un valor máis baixo é Old El Paso (77 kcal/100 g), mentres que o valor máis alto é o de Avomix (182 kcal/100 g). Para que nos fagamos
unha idea, unha mazá achega unhas 85 kcal e 100 g de arroz cocido, unhas 130 kcal. En calquera caso, non é o mesmo obter calorías duns alimentos que doutros. Por exemplo, a mazá, o aguacate ou o guacamole son máis interesantes que a salsa de guacamole.

É interesante o guacamole listo para consumir?

Para valorar se este tipo de produtos é unha boa opción, convén sopesar as vantaxes e os inconvenientes e as súas diferenzas cos produtos caseiros.

Saudable?

O aguacate e os produtos elaborados a partir del, como o guacamole, seguen xerando receo entre algunhas persoas pola mala fama que aínda teñen as graxas. Pero as graxas son necesarias para o bo funcionamento do organismo. O importante é que proveñan de alimentos sans, como o aguacate. Por iso, tamén é saudable o guacamole feito con ingredientes sans (aguacate, cebola ou tomate). 

Mellor que o preparado?

Os produtos listos para consumir presentan varias vantaxes fronte aos preparados caseiros: non requiren tempo nin esforzo de preparación e, ademais, teñen unha vida útil relativamente longa, aínda que esta duración depende moito do produto e do tratamento de conservación. Pero tamén cómpre ter en conta certos inconvenientes: algúns teñen unha peor composición (pouca cantidade de aguacate), un prezo relativamente elevado e unha gran cantidade de sal. Non podemos escoller os ingredientes nin as súas proporcións, como ocorre nunha receita caseira e, ademais, teñen un maior impacto ambiental, polo envasado e pola necesidade de refrixeración.

Algúns levan demasiado sal.

Un dos aspectos máis importantes que convén consultar na etiqueta é a cantidade de sal, porque nalgúns produtos é excesiva. Considérase que un alimento contén moito sal cando supera o 1,25 %. É o que ocorre en cinco dos produtos analizados: Zanuy (1,7 %), Herdez (1,6 %), Santa María (1,5 %) e Avomix e Avomix picante (ambos cun 1,3 %). Neste sentido, o máis recomendable serían os produtos de Eroski, que son os que menos sal conteñen (ambos cun 0,8 %). Hai que destacar que a salsa Herdez non cumpre coa lexislación europea, xa que indica a cantidade de sodio en lugar da de sal. 

Puntuación Nutri-Score.

As puntuacións que reciben estes produtos no sistema Nutri-score son dispares. A mellor nota é un B, que se levan os produtos de Eroski, Frudel e Los Cursos. A peor nota é un D para a salsa Zanuy. O resto dos produtos obteñen un C. As diferenzas explícanse, sobre todo, pola cantidade de sal e aguacate que conteñen, que son os elementos que determinan a puntuación.

Canto achega unha ración?

Ata agora analizamos a composición dos produtos considerando unha cantidade de 100 gramos. Isto pode ser útil para valorar as súas características e facer comparacións, pero talvez sexa pouco realista nalgúns casos, dado que ás veces as cantidades consumidas nunha soa inxestión son menores. Se considerásemos un tamaño de ración de 50 g, os valores que mostramos reduciríanse á metade.

Relación calidade-prezo.

En principio, o prezo debería estar determinado pola cantidade de aguacate, xa que se supón que é o ingrediente principal e ten un alto valor económico. Así acontece con Los Cursos, que, cun 98 % de aguacate, é o produto máis caro: 1,80 euros por 100 g., pero non ocorre así en todos os casos. De feito, o máis barato é Avomix, que custa 0,98 € por 100 g e contén un 95 % de aguacate. O exemplo máis evidente disto atopámolo nas salsas. Herdez (4 % de aguacate), con 1,66 euros/100 g, e Santa María (1,5 % de aguacate) con 1,51 euros/100 g.

Se temos en conta a relación entre a cantidade de aguacate e o prezo, os produtos máis interesantes son, por esta orde: Avomix, Avomix picante e Eroski suave. Neste terreo perden as salsas, especialmente Zanuy, cun prezo de 1,18 euros/100 g e só un 0,7 % de aguacate en po, e Santa María, con 1,51 euros/100 g e 1,5 % de aguacate.

Recomendacións de compra
  1. Tipo de produto.  A mellor opción é a polpa de aguacate e o guacamole. A peor opción é a salsa de guacamole. 
  2. Proporción de aguacate. Canto máis alta, mellor.
  3. Outros ingredientes. Nas salsas, debes asegurarte de que o tipo de aceite utilizado sexa saudable. Colza e xirasol, mellor que o de coco.
  4. Cantidade de sal. Máis do 1,25 % considérase excesivo.
  5. Coidado co prezo. Pode haber diferenzas importantes.

Conclusións

Entre os produtos elaborados con aguacate podemos atopar tres tipos: 

  • Polpa triturada. Los Cursos. É unha boa opción se temos en conta a cantidade de aguacate que contén (98 %), pero ten unha cantidade considerable de sal (1,1 %) e un prezo elevado (1,8 €/100 g).
  • Guacamole. Se temos en conta a cantidade de aguacate, os produtos máis interesantes serían os dous de Avomix e Eroski suave, cada un deles cun 95 % de aguacate. Non obstante, os primeiros conteñen unha cantidade demasiado elevada de sal (1,3 %). Neste sentido sería preferible Eroski suave, cun 0,8 % de sal.
  • Salsa guacamole. Conteñen moi poucas cantidades de aguacate, polo que non son interesantes en comparación co guacamole, sobre todo tendo en conta que algunhas resultan mesmo máis caras. Se tivésemos que escoller unha, o preferible sería Old El Paso, cun 15,4 % de aguacate, que ademais contén unha cantidade relativamente moderada de sal (0,85 %), ao igual que ocorre co prezo (1,05 euros/100 g). 

En xeral, o produto máis recomendado sería o guacamole. Eroski suave, porque presenta varias características interesantes: unha elevada proporción de aguacate (95 %) e unha baixa cantidade de sal (0,8 %), ademais de ter un dos prezos máis baixos (1,05 euros/100 g).