Etiquetados nutricionais fronte a fronte
A estas alturas, a poucas persoas lles soa estraño o nome de Nutri-Score. En novembro de 2018, o Goberno de España anunciou a implantación deste sistema como unha ferramenta de etiquetado frontal capaz de comparar a calidade nutricional dos produtos empaquetados e incentivar a elección do máis saudable. O obxectivo non é outro que apoderar o consumidor. Actualmente, mentres en España é froito de discusión no Congreso dos Deputados, en Europa, un grupo de 269 investigadores e 21 asociacións médicas e científicas asinaron unha petición para esixirlle á Comisión Europea que adopte Nutri-Score como obrigatorio en todos os países membros.
Un etiquetado nutricional que, durante os últimos meses, foi obxecto de polémicas, críticas e inconcrecións. Parte da industria alimentaria e algunhas persoas profesionais da nutrición mostráronse remisas a Nutri-Score e circularon varios contos sobre este sistema que leva máis de tres anos funcionando con éxito en países veciños como Francia, Holanda ou Alemaña. Sen ir máis lonxe, foi acusada de favorecer intereses privados, e ata de privilexiar a algúns produtos ultraprocesados por encima doutros máis naturais.
O apoio da ciencia
“Ningún dos sistemas de etiquetado é perfecto” –recoñeceu en marzo o ministro de Consumo, Alberto Garzón nunha entrevista concedida a Consumer–, “pero Nutri-Score é o que máis consenso xera e, ademais, conta cun apoio abafador da ciencia”. Referíase á carta asinada por máis de 80 científicos, nutricionistas e profesionais da saúde (cardiólogos, endócrinos, oncólogos…) co obxectivo de solicitar a rápida e urxente implantación de Nutri-Score en España, ignorando “as campañas que se levaron a cabo para desprestixiar a ferramenta”.
“É unha auténtica falta de coñecemento. A xente non se informou ben. Ademais, a industria está en contra de que haxa un etiquetado que poida deixar peor parado a algún alimento que a outro”, defende Jordi Salas, experto en Nutri-Score e membro da Rede de Expertos da Axencia de Saúde Pública de Cataluña.“Pídeselle moito máis do que pode chegar a ser un etiquetado frontal. Nutri-Score, do mesmo xeito que outros semáforos, valoran os alimentos nutricionalmente. Actualmente está cumprindo coas normativas da lexislación europea, que non obrigan, por exemplo, a incluír na etiqueta nutricional a cantidade de azucre engadido. Como vai cuantificar Nutri-Score algo que nin sequera está incluído nas etiquetas dos produtos?”, engade Salas.
“De feito, Nutri-Score é o único etiquetado que responde ás directrices nutricionais marcadas pola Organización Mundial da Saúde para darlle o visto e prace a calquera sistema de valoración nutricional”, explica Salas.Cada un destes obxectivos, ademais, inclúe varias subcategorías que hai que cumprir. “E existen máis de 40 estudos científicos que demostran a efi- cacia na comprensión de Nutri-Score á hora de facer a compra desde ese punto de vista nutricional”, subliña Salas.
Outros sistemas de etiquetado cumpren con varias das directrices da OMS, pero nunca con todas. “Se se implementa unha política de saúde pública como esta tense que dar un tempo prudencial para adaptar o sistema á realidade do contexto alimentario”, defende Nancy Babio, investigadora da Unidade de Nutrición Humana da Universitat Rovira i Virgili. “Cando se aplicou en 2016 o sistema de selado chileno, por exemplo, deuse un tempo para redebuxar os puntos de corte e os cálculos estatísticos. Para que un sistema de etiquetado sexa eficaz primeiro ten que cumprir con todas as directrices da OMS e, xa logo, resolver os seus coadoiros”.
- Establece un obxectivo. O etiquetado debe ter un destes fins: promover a elección de alimentos saudables, destacar os alimentos críticos ou comparar a calidade nutricional de alimentos.
- Conta cun deseño gráfico facilmente comprensible. Debe incluír cores, palabras e símbolos para que sexa o máis simple posible e facilmente lexible.
- Determina o cálculo do algoritmo. Establece límites para cada elemento e deseña cálculos estatísticos para os perfís nutricionais.
- A súa efectividade debe ser comprobada a través de estudos científicos.
- Está controlado por procesos de monitorización. Deben medir a extensión da aplicación e o efecto que provoca sobre as compras dos consumidores e a reformulación de produtos.
Fonte: Manual to develop and implement front-of-pack nutrition labelling. Organización Mundial da Saúde.
10 sistemas diferentes
Na actualidade, existen máis dunha decena de etiquetados nutricionais no mundo; algúns xa activos e, outros, a piques de estalo. De todos eles, varios son de implantación voluntaria, como Nutri-Score, aprobado en Portugal, España, Austria, Bélxica, Francia, Alemaña, Luxemburgo e Suiza; o sistema Keyhole, implantado en Dinamarca, Islandia, Lituania, Noruega e Suecia, ou o Traffic Light, do Reino Unido. Outros, como os selos nutricionais de Chile, O Perú, O Brasil, Ecuador, Israel ou Australia son de obrigado cumprimento nos seus países de orixe.
Os etiquetados pódense clasificar en dous grupos: os enfocados en nutrientes (só brindan información sobre ingredientes críticos para a saúde, como o azucre, as graxas ou o sal) e os sistemas de resumo, aqueles que fan unha avaliación global do produto en relación ao contido nutricional e sintetizan cun só símbolo, icona ou puntuación a calidade do produto. Aquí sitúase Nutri-Score. Con todo, cada sistema segue o seu propio proceso. “Só Nutri-Score e o sistema australiano teñen en conta todos os nutrientes, fronte aos que se enfocan unicamente en destacar a cantidade de sal ou os ácidos graxos saturados. Pero, por exemplo, ninguén se queixou do selado australiano coma con Nutri-Score”, puntualiza Salas.
A proposta da industria
Nada máis anunciarse en España, Nutri-Score viuse inmerso nunha “guerra de etiquetas”: cinco das 10 maiores corporacións alimentarias –Mondelez, Nestlé, PepsiCo, Coca-Cola e Unilever– intentaron lanzar o seu propio sistema de etiquetado, baseado nuns criterios e códigos de cores distintas (por exemplo, non facía referencia a 100 gramos de produto, senón a unha ración, medida que non está regulada por ningunha autoridade alimentaria). Con todo, Nutri-Score acabou por impoñerse fronte a esta proposta que acabou por suspenderse por “falta de comprensión”. Nancy Babio puntualiza que “o etiquetado frontal Nutri-Score é unha mera tradución do etiquetado tradicional de detrás do envase. É un etiquetado vivo que, coma todos, require pequenos axustes, pero non podemos pedirlle máis porque cumpre con todo o que é actualmente obrigatorio”.
A literatura científica a favor de Nutri-Score é inmensa. Un dos estudos máis recentes publicados no Journal of Behavioral Nutrition and Physical Activity defendía que o uso do selo Nutri-Score “podería protexer de ata un 3,4 % das mortes relacionadas por unha dieta alimentaria deficiente, mentres que outros, como o Health Star Rating System (Australia) ou o Traffic Light (Reino Unido) verían reducida a taxa de éxito entre un 2,8 % e un 1,1 %”. Doutra banda, varios estudos experimentais realizados en Francia tamén evidenciaron que Nutri-Score é o único que permite reducir significativamente o contido en lípidos, ácidos graxos saturados e sodio na cesta da compra. Comparado con outros etiquetados, Nutri-Score coroouse como o máis eficaz para influír no comportamento dos consumidores (especialmente naqueles que adquiren os produtos máis baratos).
Quen está detrás de Nutri-Score?
O algoritmo no que se basea Nutri-Score foi desenvolvido en 2005 por un equipo de investigación da Universidade de Oxford co obxectivo de regular a publicidade enfocada a alimentos infantís pouco saudables. Foi posteriormente validado pola Axencia de Normas Alimentarias do Reino Unido e por máis de 35 estudos científicos. Despois, Francia, co obxectivo de cumprir coa lei de modernización do sistema de sanidade, que contemplaba a creación dun etiquetado para facilitar a comprensión da información nutricional dos alimentos, decidiu aplicalo en 2017 coa axuda do Equipo de Investigación en Epidemioloxía Nutricional, un comité público dirixido polo catedrático en Nutrición Serge Hercberg e supervisado pola Axencia Francesa de Seguridade Alimentaria e o Alto Consello de Saúde Pública.
“Nutri-Score nace cunha tripla finalidade. A primeira é comparar a calidade nutricional de alimentos pertencentes á mesma familia: por exemplo, os copos de avea fronte aos cereais con chocolate, ou as lasañas de carne fronte ás de peixe ou espinacas. En segundo lugar, busca comparar a calidade nutricional dun mesmo tipo de alimento proposto por marcas distintas. É dicir, pode comparar cereais de almorzo recheos de chocolate dunha certa marca co equivalente doutra ”, explica Babio. “Para rematar, tamén compara a calidade de alimentos pertencentes a familias diferentes. Aquí é importante destacar que se dará entre alimentos incluídos nunha mesma ocasión de consumo ou uso (por exemplo, sobremesas como os iogures respecto ao arroz con leite)”. Para a implantación deste sistema, explica Salas, cada país interesado nomeou a dous científicos independentes da industria alimentaria para que exerzan un labor de vixilancia do sistema e proporcionen o seu coñecemento de cara a mellorar o algoritmo cando sexa necesario. “O comité xa se reuniu polo menos unha vez para poñerse a traballar”, puntualiza.
Espazo para a mellora
O algoritmo que utiliza Nutri-Score estableceuse a través de diferentes procesos de análises estatísticas. “No entanto, a partir da súa creación, Francia levou a cabo numerosas melloras estatísticas ata aproximalo ao que é hoxe”, explica Babio. E Salas engade: “A axencia inglesa foi a primeira que fixo eses puntos de corte nos diferentes nutrientes, partindo de valores moi básicos. Logo fóronse engadindo a froita e a verdura, as proteínas… En resumidas contas, adaptouse a valorar máis aló dos compoñentes críticos que, ao noso entender, é a única forma de darlle unha dimensión nutricional completa do alimento”. Así, o algoritmo cualifica positivamente a presenza de froitas, verduras, legumes, froitos secos e algúns aceites, a fibra e as proteínas. Un estudo elaborado pola cohorte española do estudo SUN (Seguimiento de la Universidad de Navarra) sobre 20.503 participantes durante case 11 anos concluíu que o algoritmo de Nutri-Score é coherente coas recomendacións de saúde pública españolas e coa dieta mediterránea.
“Polo momento non é posible modificar o cálculo de Nutri-Score fixado en 2015”, advirten ambos os expertos. No entanto, está previsto que o algoritmo poida ser redefinido dentro dalgúns anos en función do progreso dos coñecementos científicos, da vixilancia dos efectos observados, da aplicación do sistema en varios países e da evolución da lexislación europea. Os debates xa están en curso a nivel dos ministerios competentes desde hai varios meses.
Para a súa implantación, Nutri-Score, coma calquera outro etiquetado, debe ir acompañado dunha campaña de educación. “Non se pode condenar o conxunto dun sistema que funciona perfectamente en termos de saúde pública e que demostrou a súa eficacia sobre varias decenas de miles de alimentos por excepcións particulares que tamén lle afectan a outros sistemas, como é o caso do aceite de oliva”, puntualizan ambos os expertos. Desta forma, consideran que as campañas informativas sobre Nutri-Score deben centrarse en promover unha alimentación rica en alimentos de mínimo procesamento (frescos) e un consumo de alimentos envasados puntuados por este sistema.
Os selos chilenos
Os críticos de Nutri-Score adóitano comparar cos selos chilenos. Este etiquetado, instaurado no país andino en 2016, obriga a incluír nos envases un selo negro cando o produto é alto en azucres, graxas saturadas, sodio ou calorías. Para Nancy Babio non existe posibilidade de comparación con Nutri-Score, xa que perseguen obxectivos completamente distintos. “O etiquetado chileno simplemente advirte dos ingredientes críticos para unha boa saúde alimentaria, non fai un resumo nutricional como Nutri-Score. Poderían ata complementarse: NutriScore proporciona a conclusión xeral e o selado chileno detalla a cantidade de ingredientes “malos” no produto. Pero o etiquetado chileno tamén ten os seus límites e reformulacións.
Cambios nos límites
O etiquetado chileno viviu unha etapa de actualización e axustes. “Cando se implementou hai máis de cinco anos, os puntos de corte de cada ingrediente eran altísimos. Por exemplo , en 2016 estableceuse que un alimento era considerado alto en sal cando tivese 800 mg de sodio. Iso é unha barbaridade. Tras esa primeira etapa, pasaron dous anos ata que o sistema reduciu o límite a 400 mg. Algo parecido ocorreu co azucre”, explica Babio
Reformulación de produtos
De Nutri-Score tamén se dixo que pode levar as empresas alimentarias a utilizar certos trucos para mellorar a puntuación, reformulando algúns produtos ao rebaixar a súa cantidade de azucre ou ao engadir nutrientes ricos en fibra. Pero a reformulación tamén protagonizou o etiquetado chileno. Un estudo elaborado pola FAO e o Instituto de Nutrición e Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Chile (INTA), mostrou que os fabricantes reformularan o contido de azucres totais e de sodio do 15 % dos produtos estudados. Así, un 7 % modificaron as súas fórmulas que entraban na categoría “altos en azucres ” e o 5 % fixeron o mesmo na categoría “altos en sodio”.
Por grupos de alimentos, os máis modificados foron os embutidos, os cereais de almorzo, os leites e as bebidas lácteas. Máis aló da proporción reformulada, algunhas marcas –como Nestlé, En Línea e Quaker– substituíron os azucres por edulcorantes para desfacerse do selo, xa que este sistema non os ten en conta, e ademais non está obrigado a advertirse, a diferenza de España. No entanto, Jordi Salas aproveita para destacar que as reformulacións poden ser positivas. “Este é un dos obxectivos finais: que as empresas traballen por fabricar produtos máis saudables. Pode haber trampas que son criticables, pero que un produto se reformule para que conteña menos cantidade de sal e azucre é unha boa noticia”.
As combinacións de nutrientes non contan
“Os etiquetados que se basean só en nutrientes críticos teñen unha limitación bastante rechamante: pode haber un alimento que puntúe negativamente en sal pero que inclúa outros nutrientes moito máis valiosos”, analiza Babio. No mercado hai centos de combinacións e iso complica a decisión do consumidor: que é mellor, que sexa alto en sal ou en graxas saturadas? Neste aspecto, numerosas análises e estudos recoñeceron que o punto máis forte de NutriScore é a súa facilidade de interpretación visual. Tamén ocorre cos consumidores: nunha enquisa elaborada por Hispacoop co apoio do Ministerio de Consumo, nove de cada dez aseguraron que Nutri-Score lles axudaba a detectar os produtos máis sans.
NutrInform Battery, a alternativa italiana
NutrInform Battery é un novo sistema de etiquetado que naceu en 2020 como alternativa a Nutri-Score. “O rexeitamento do sistema francés en Italia non está vinculado a estratexias de saúde pública, senón a cuestións puramente políticas internas”, defende Jordi Salas. Proposto por catro ministerios italianos, Nutri-Inform é un logotipo formado por símbolos de baterías que inclúe o contido enerxético, graxa total, graxa saturada, azucre e sal presentes nunha ración de alimento (en lugar de facer unha valoración xeral por cada 100 gramos, como Nutri-Score).
A ración decídea o fabricante
“A OMS e as entidades de saúde pública recomendan utilizar como referencia os 100 g, xa que permite comparar de xeito obxectivo os alimentos sobre a mesma base e evita recorrer a tamaños de porcións non estandarizados e a miúdo definidos polos mesmos fabricantes”, explica Salas. “En Europa non temos unha ración estandarizada e isto pódeno utilizar as empresas para alterar a porción ao seu favor e así pasar o semáforo: por exemplo, para as pizzas con queixo a porción recomendada podería ser 100, 123 ou 150 gramos, segundo as marcas”, engade Salas.
Un sistema pouco claro
Ademais de ser monocromático, o sistema de baterías é máis complexo e incomprensible. “Non é fácil de interpretar, primeiro, porque leva moita información nun espazo moi reducido e, segundo, porque funciona de forma contraria á intuición: na vida cotiá estamos afeitos a considerar positiva a batería chea dun smartphone, mentres que no etiquetado unha batería chea indica unha subministración demasiada alta e, polo tanto, hai que evitar consumilo”, describe Babio. Esta queixa que foi posta de relevo polas asociacións de consumidores, en particular en Italia (Altro-Consumo) e a nivel europeo, pola Organización de Consumidores Europeos (BEUC), que directamente rexeitou o sistema. “Aínda por riba, o sistema de baterías italianas non conta cun expediente científico serio. Os dous únicos estudos que cita na súa metodoloxía son pobres”, engade Salas. “Só o apoian os grupos de presión agroalimentarios, que o consideran un medio de preservar a imaxe dos produtos made in Italy ”.
- Datos por ración, fixada polo fabricante.
- As cantidades de calorías, graxa, graxa saturada, azucre e sal represéntanse nunha batería: canto máis chea estea por cada composto, peor.
- A porcentaxe está referenciada á inxesta recomendada dun adulto medio (2.000 kcal/día).
- As calorías por 100 g de produto.
A mesma información, tres representacións
Todos os etiquetados frontais axudan ao consumidor? Así se traducen estes cinco produtos con Nutri-Score , os selos chilenos e Nutrinform Battery.