Cremas de cacao

Demasiado azucre e pouco cacao

Protagonistas de moitas merendas infantís, estes produtos presumen de ter ingredientes como froitos secos ou leite. Con todo, o seu alto contido en azucre e graxa fainas só recomendables para contadas ocasións.
1 Setembro de 2022

Cremas de cacao. Demasiado azucre e pouco cacao

Se viaxamos no tempo ata a década de 1980 será fácil que nos topemos cun anuncio publicitario dalgunha crema de cacao. Nesas datas estes produtos comezaron a facerse populares. Promocionábanse como alimentos con bos ingredientes (leite, cacao e abelás) enfocados á elaboración de merendas infantís e que se asociaban con aspectos positivos, transmitindo a idea de que achegaban enerxía e eran axeitados para o crecemento dos menores. Pasou moito tempo desde entón, pero este produto segue moi presente nos bocadillos e sándwiches de moitos nenos e nenas. Lonxe de caer no esquecemento, o seu consumo aumentou nos últimos anos. Para facernos unha idea, na primeira década deste século o consumo medio por español estaba ao redor de 310-330 gramos por ano, unha cantidade que hoxe en día se atopa ao redor dos 400 gramos por ano, é dicir, o que equivale a un envase mediano. De todos os xeitos, estas cifras debemos interpretalas con cautela, porque son valores medios, así que hai persoas que nunca consomen este produto, mentres que outras o toman case a diario. 

O éxito deste tipo de produtos radica principalmente nas súas características organolépticas: teñen un intenso sabor doce, no que predominan o cacao e a abelá, e
unha textura característica que fai que poidamos untalas sobre unha rebanda de pan e que, ademais, resulta moi untuosa na boca. Estas características dependen estreitamente dos ingredientes que conteñen e da proporción na que se atopan. Por exemplo, a textura será máis sólida nas cremas compostas por aceite de palma, como Nutella, que naquelas onde predomina o aceite de xirasol, como Nocilla. 

Neste sentido, a elección dunha ou outra marca dependerá sobre todo dos nosos gustos persoais. Pero máis aló diso, hai elementos obxectivos que deberiamos considerar á hora de facer a compra.

Diferenzas a primeira vista

Estes produtos parecen moi similares se temos en conta o seu aspecto e o seu deseño. Trátase de cremas que se comercializan en tarros transparentes nos que se mostran imaxes do produto sobre rebandas de pan, acompañado dalgunhas abelás. Neste sentido, as cremas que presentan diferenzas claramente apreciables sobre o resto son as que teñen dous sabores, como Nocilla ChocoLeche e Eroski, dado que están compostas por unha combinación de dúas cremas, unha de cacao e outra de cor branca, que, a diferenza da anterior non contén cacao magro, senón manteiga de cacao e leite. 

Para coñecer todos estes produtos en detalle, convén consultar a etiquetaxe. De entrada, a primeira información na que deberiamos deternos é a denominación de venda. Normalmente móstrase xunto coa lista de ingredientes e infórmanos acerca das súas características xerais. Por exemplo, en todos eles indícase “crema de cacao” e nalgúns se especifican ademais outros detalles, como o contido de cacao, abelás ou outros ingredientes. Por exemplo, na crema Valsoia indícase “crema para untar de abelás e cacao con soia”.

Análise

Para realizar esta guía de compra seleccionáronse cremas de cacao elaboradas por marcas líderes no mercado, nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración vén determinada pola cantidade de azucres e a proporción de graxas.
  • Os ingredientes. Para coñecer a calidade comercial, especialmente no que respecta á proporción de ingredientes apreciados, como cacao, abelás ou leite, e o tipo de graxa empregada.
  • A información comercial. Analizamos se é honesta e cumpre a lexislación ou se pola contra é confusa ou resulta enganosa.
  • Prezo. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero a relación calidade-prezo tívose en conta para as posicións do ranking.
  • A etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación.

O azucre é o protagonista

Sen dúbida, onde atoparemos a información máis importante é na lista de ingredientes. Para poder interpretala adecuadamente convén saber que deben citarse en orde, segundo a súa importancia no produto. É dicir, se o primeiro ingrediente é o azucre, significa que é o que se atopa en maior proporción. É o que ocorre en todos os produtos analizados, así que isto xa nos dá unha pista das súas características nutricionais. A proporción deste nutriente atópase entre o 50% de Veritas e o 58% de Nocilla ChocoLeche. O único matiz atopámolo na crema Veritas, que contén azucre moreno en lugar de branco. A diferenza do que se adoita crer, as diferenzas entre ambos son insignificantes desde o punto de vista nutricional, xa que os dous están compostos basicamente por sacarosa. Así pois, a substitución do azucre branco por azucre moreno non fai que o produto sexa máis saudable. O que si pode facer é que o sabor sexa lixeiramente diferente, algo que debemos ter en conta para elixir en función dos nosos gustos persoais.

Materia graxa, aceites e manteiga

O segundo ingrediente en importancia é a materia graxa. É o que ocorre en todos os produtos, salvo en Veritas, no que ocupa a terceira posición, detrás do azucre e o cacao. Todas as cremas conteñen aceite de xirasol e manteiga de cacao, salvo Natra, que ten aceite de colza e de palma, e Nutella, con aceite de palma. A combinación de materias graxas faise por motivos nutricionais e organolépticos: o aceite de xirasol e o aceite de colza son máis saudables que as graxas sólidas ou semisólidas, como o aceite de palma ou a manteiga de cacao, debido á súa maior proporción de graxas insaturadas. Pero, por outra banda, isto fai que as primeiras sexan líquidas a temperatura ambiente, así que non lle achegan boa textura ao produto, como si fan o aceite de palma e a manteiga de cacao, que, ao ter unha maior proporción de graxas saturadas, son máis sólidas e por iso achegan a untuosidade tan característica destas cremas.

O máis valorado: cacao e abelás

Nestas cremas os ingredientes máis apreciados son, sen dúbida, o cacao e as abelás. Ambos adóitanse destacar na etiqueta, xa sexa en forma de imaxes ou con palabras, e tamén se mencionan habitualmente na denominación de venda. Por iso na lista de ingredientes especifícase a proporción na que se atopan, tal e como establece a lexislación. Se nos fixamos na proporción de cacao podemos facer tres grupos de produtos: os que conteñen unha proporción de arredor do 4-5%, como Nocilla ChocoLeche, Natra, Milka e Eroski 2 sabores; os que conteñen unha proporción de arredor do 7-8,5%, como Nocilla original, Nutella e Eroski; e os produtos
cunha proporción máis alta, de entre o 11% e o 19,8%, como Valsoia, Nocilla Noir e Veritas. O contido de cacao inflúe sobre o sabor e o prezo. O contido de abelás atópase na maioría dos produtos arredor do 4%-5%, como en Nocilla, Eroski 2 sabores e
Milka. Destacan Nutella, Valsoia e Eroski, que son as cremas que presentan as proporcións máis altas, entre o 13%-14%. Por outra banda, Natra contén tan só un 2% deste froito seco. Na crema Veritas non se especifica esta información porque, ao non destacar a presenza de abelás no envase, non ten obrigación de indicar a cantidade. Isto podería ser sinal de que non se atopan nunha proporción elevada, porque pola contra o habitual é destacalo. En calquera caso, non temos forma de confirmalo. No extremo oposto atópanse as cremas de Eroski, que destacan a proporción de abelás na parte frontal do envase, o que facilita coñecer este dato dunha simple ollada.

Cremas de cacao saudables?

Na etiqueta dalgúns produtos fanse referencias ás características nutricionais. Por exemplo, en Valsoia indícase “rica en fibra”, en Nocilla original e Nocilla ChocoLeche móstrase “-35% de graxas saturadas” e nesta última indícase tamén “fonte de calcio”, debido ao seu contido en leite. Ademais, varias destacan a ausencia de aceite de palma (Nocilla, Eroski) ou a presenza de aceite de xirasol (Milka).

En principio, poderiamos pensar que todos estes aspectos son positivos e que o desexable sería elixir as cremas que teñen mellores ingredientes (por exemplo, aceite de xirasol fronte a aceite de palma) e as que teñen un mellor perfil nutricional (por exemplo, as que conteñen menos proporción de azucres e mellor perfil de ácidos graxos). Pero non debemos esquecer que todos os produtos analizados nesta guía están compostos por unha elevada cantidade de azucre, que no mellor dos casos supón un 50% da composición e iso non se ve compensado polo feito de ter moita fibra. Así pois, convén telo presente para destinalos a un consumo ocasional. Se o facemos deste xeito e no contexto dunha dieta saudable, o seu impacto sobre a saúde non debería ser significativo. Debemos concibilos como produtos que consumimos unicamente para o goce e en ocasións puntuais, non para nutrirnos nin de forma habitual.

Non todas teñen leite

O leite tamén é, xunto co cacao e as abelás, outro dos ingredientes apreciados que podemos atopar nestes produtos. Isto é o que ocorre en Nocilla ChocoLeche, Eroski 2 sabores, Nocilla original, Nutella, Milka e Eroski. En todas elas utilízase leite desnatado en po. Natra tamén contén un ingrediente lácteo, concretamente lactosoro en po, que é menos apreciado e máis barato que o leite. Así pois, as únicas cremas que non incorporan ingredientes lácteos son Nocilla Noir, Valsoia e Veritas. A presenza de leite ou lactosoro inflúe sobre as características organolépticas porque estes ingredientes fan que a cor da crema sexa máis clara e o sabor máis suave. Tamén contribúen a abaratar o produto, porque xeralmente se utiliza menos proporción de cacao, que é un dos ingredientes máis caros.

Nutrientes que hai que vixiar

Ademais da alta cantidade de azucre, tamén é moi importante a proporción de graxas destes produtos, que se atopa arredor do 32%. Destaca Veritas, que é a que ten o valor máis baixo, cun 25%, e Natra, co valor máis alto, do 37%. En todas elas a materia graxa está composta por aceites, sobre todo de xirasol, e manteiga de cacao. Os primeiros atópanse nunha maior proporción, o que explica que na maioría das cremas a proporción de graxas saturadas non sexa esaxeradamente alta, arredor do 6% na case todos os casos. Destacan Natra e Nutella, cun 8% e un 10%, respectivamente, debido ao seu contido en aceite de palma, que é menos interesante desde o punto de vista da saúde. O elevado contido en azucres e graxas determina a alta achega calórica destas cremas, que se atopa ao redor de 540 quilocalorías por cada 100 gramos de produto. Todo iso explica ademais as cualificacións no sistema Nutri-Score, no que a metade dos produtos obteñen un E, mentres que o resto obtén un D. Nestes últimos a nota mellora lixeiramente con respecto dos primeiros debido, sobre todo, a que teñen un maior contido en fibra.

O que atopamos nunha ración

Coñecer os valores nutricionais dos produtos por cada 100 gramos resulta moi útil para facer comparacións e para facernos idea das súas características. Pero esa cantidade equivale aproximadamente a un terzo dun envase mediano, unha cantidade considerable, que non é habitual para consumir nunha soa inxesta. Para ter unha idea máis certeira do que consumimos nunha soa toma convén considerar a cantidade de nutrientes por ración. Pero aquí atopámonos cunha pequena dificultade e é que o tamaño dunha ración pode variar moito dunhas persoas a outras. Por tomar unha referencia, podemos considerar unha cantidade de 30 gramos, tal e como se mostra nas etiquetas dalgúns produtos. Deste xeito, a cantidade de graxas, azucres e enerxía supón a terceira parte das cifras sinaladas anteriormente para 100 gramos de produto, pero aínda así trátase de cantidades moi considerables. É dicir, unha ración de produto contén uns 10 gramos de graxas (equivalente a dúas culleradiñas), 17 gramos de azucres (case catro culleradiñas) e achega unhas 160 quilocalorías, equivalente á enerxía que achegan dous iogures naturais sen azucre, que representan unha alternativa máis saudable.

Envases reutilizables

Como consumidores cada vez somos máis exixentes á hora de elixir o que compramos, así que xa non nos fixamos só no produto en si, é dicir, na súa composición ou o seu sabor, senón que tamén nos centramos noutros aspectos. Un dos que gañou máis importancia nos últimos anos é o impacto ambiental e aquí os envases cobran especial relevancia. Nas cremas de cacao analizadas, todos os envases son de vidro, pero hai unha particularidade que diferenza uns doutros. Os dalgúns produtos, como Natra, Milka e Eroski, teñen unha tapadeira de rosca, así que unha vez que os consumimos, podemos reutilizar eses envases para outros fins (por exemplo, para almacenar froitos secos). Pola súa banda, os envases de Nocilla, Nutella, Valsoia e Veritas están pechados cunha tapadeira de plástico a presión e a súa forma e tamaño permite que, unha vez terminado o produto, poidamos reutilizalos como vaso, o cal é unha vantaxe engadida.

Mellor sen azucre?

Un dos elementos que fan que estas cremas sexan pouco recomendables é, sen dúbida, o seu elevado contido en azucre, que nos produtos analizados supón polo menos a metade da composición. Por iso no mercado existen alternativas que en principio parecen máis saudables. Entre elas atópanse as cremas sen azucres engadidos, que están elaboradas con edulcorantes. Estes compostos presentan certas vantaxes sobre o azucre (por exemplo, a maioría son acalóricos e non producen caries), pero adoitan xerar desconfianza porque existen numerosos mitos e contos que alertan sobre a súa suposta falta de seguridade. Con todo, hai que aclarar que todos eles son seguros. Iso si, poderían presentar certos inconvenientes, por exemplo, afectando á nosa microbiota intestinal ou ao noso mecanismo de saciedade, así que non serían unha alternativa definitiva como substitutos do azucre. E sobre todo, a súa mera presenza non fai que unha crema de cacao sexa saudable.

Á hora de valorar un alimento non só hai que ter en conta os “nutrientes prexudiciais” que achega, senón tamén outros aspectos, como os “nutrientes saudables” que non achega ou o uso que imos facer deles, xa que poden desprazar o consumo doutros alimentos que si son indubidablemente saudables. Por exemplo, se eliximos un bocadillo de cacao para merendar, estaremos a deixar de lado outros alimentos máis interesantes, como froita fresca ou froitos secos. En definitiva, do mesmo xeito que ocorre coas cremas que conteñen azucre, as cremas con edulcorantes tamén deberiamos destinalas a un consumo ocasional.

Ata seis veces máis caro

O prezo destes produtos parece estar relacionado coa proporción de abelás e, sobre todo, coa de cacao, dado que son ingredientes de alto valor económico. Así, as cremas máis caras son Valsoia (1,75 €/100 g, con 11% de cacao e 14% de abelás), Nocilla Noir (1,44 €/100 g, con 17% de cacao e 4% de abelás) e Veritas (1,26 €/100 g, con 19,8% de cacao). Con todo, o produto máis caro, Valsoia, custa case seis veces máis que o máis barato, Natra. Aínda que na súa composición hai notables diferenzas –o primeiro ten aceite de xirasol e manteiga de cacao, un 11% de cacao e un 14% de abelás, mentres que o segundo ten aceite de colza e de palma, un 5% de cacao e un 2% de abelás–, estas non parecen xustificar unha disparidade de prezo tan grande. Eroski, que ten unha composición similar ao máis caro (aceite de xirasol, manteiga de cacao, 7,5% de cacao e 13% de abelás), véndese por un importe máis de tres veces menor (0,56 €/100 g).

Recomendacións de compra

  • Ingredientes más apreciados. Consulta a etiqueta para coñecer a proporción na que se atopan o cacao e as abelás. Canto máis, mellor.
  • Tipo de materia graxa. Mellor elixir unha mestura de manteiga de cacao e de aceite de xirasol ou de colza, en lugar de aceite de palma.
  • A cantidade de azucre. O ideal sería que fose baixa, pero adoita andar no 50%-58%, así que normalmente as diferenzas non son moi significativas.

Conclusións

A lóxica pode levarnos a elixir os produtos con menos proporción de azucre, así que quedariamos con Veritas, cun 50%, que é un 8% menos da que máis azucre ten (Nocilla ChocoLeche, cun 58%). Pero se nos fixamos na proporción por ración, a diferenza é case insignificante: 15% da primeira fronte ao 17% da segunda. Dito doutro xeito, a proporción de azucres non marca diferenzas entre os distintos produtos.

A materia graxa si pode ser un elemento máis decisivo. A maioría das cremas analizadas están compostas por unha mestura de aceite de xirasol e manteiga de cacao. As excepcións son Natra e Nutella, con aceite de palma, unha opción menos recomendable desde o punto de vista nutricional e organoléptico.

Outro dos factores máis determinantes á hora de establecer diferenzas é a proporción de cacao e abelás. Neste sentido, os produtos coas maiores proporcións son Valsoia, Veritas e Nocilla Noir, pero son tamén os máis caros. Se consideramos a relación calidade-prezo, a mellor opción é Eroski, que contén un 7,5% de cacao, un 13% de abelás e ten un prezo de 0,56 €/100 g.

Canto se gasta ao ano?

Valsoia 27,2 €

Nocilla Noir 22,4 €

Veritas 19,6 €

Nocilla ChocoLeche 17,2 €

Nocilla original 17,2 €

Nutella 13,1 €

Milka 12,4 €

Eroski 8,8 €

Eroski 2 sabores 8,4 €

Natra 4,9 €