Canelóns

Canelóns. Non é carne todo o que reloce

Ata 40. Este é o número de ingredientes que poden conter algúns canelóns precociñados. Entre tantos nomes e porcentaxes, non é doado saber cal é a mellor opción. Dámosche as pistas.
1 Outubro de 2025

Canelóns. Non é carne todo o que reloce

Os canelóns listos para consumir son xa un clásico entre os pratos precociñados. Cada vez máis decantámonos por este tipo de comida debido á falta de tempo, á comodidade que ofrece e á crecente oferta. Por iso, cobra aínda máis importancia a necesidade de coñecer as súas características con detalle. Os canelóns son un bo exemplo disto porque existen importantes diferenzas entre eles.

De que están feitos?

Para comprender as características dos canelóns, é fundamental ler a lista de ingredientes. Pero non sempre é doado, porque en moitos casos é longa. Hai produtos, como por exemplo Maheso ou Casa Mas, que superan os corenta ingredientes, o que complica aínda máis a tarefa.

Os canelóns elabóranse con varios elementos, como a pasta ou a bechamel, que á súa vez constan de varios ingredientes. Nunha bechamel, por exemplo, podemos atopar leite, fariña, aceite, cebola… Para aclarar, convén ter en conta que, en termos xerais, os canelóns están elaborados a partir de catro elementos: pasta, recheo, mollo bechamel e queixo.

Análise

Para elaborar esta guía seleccionáronse seis canelóns de carne elaborados por marcas líderes, nos que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración co algoritmo actualizado en 2024 vén determinada pola cantidade de sal e de graxas saturadas.
  • Ingredientes. Para determinar a calidade comercial do produto, especialmente no que respecta á cantidade e ao tipo de carne.
  • Información comercial. Analizamos se proporciona información valiosa ou se pode confundir ou enganar o consumidor.
  • Prezos. Recollidos en xullo de 2025. Non foi un criterio para avaliar a calidade, ben que no ránking se tivese en conta a a relación calidade-prezo.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

Bechamel, o composto principal

É o elemento principal en Maheso (representando o 58 % do total) e Casa Mas (móstrase en primeiro lugar na lista de ingredientes). Ademais, os fabricantes teñen que indicar os ingredientes que empregan nos seus produtos (todos o fan). Suponse que na maioría do resto dos produtos o bechamel é tamén o elemento principal porque, malia que non se menciona expresamente nin se indica a súa cantidade, conteñen como primeiro ingrediente algúns dos que se empregan na preparación deste mollo: leite (Price), leite desnatado en po parcialmente reconstituído (La Cocimnera) ou auga, utilizada para reconstituír leite en po (Eroski). Carretilla é o único produto no que o bechamel non é o ingrediente principal e só representa o 35 % do total.

Tamén hai que prestarlle atención á materia graxa empregada no bechamel. En todos os casos, trátase de aceite de xirasol. A excepción é Maheso, que emprega aceite de colza. Ambos teñen un sabor neutro e un custo relativamente baixo, pero este último ten unha composición nutricional máis interesante que o aceite de xirasol.

O sabor e o valor do recheo

O recheo é a parte máis importante dos canelóns, porque é o que máis sabor e valor comercial e gastronómico achega. Pero normalmente non temos xeito de coñecer a súa proporción. Estes datos só se indican en Casa Mas, nos que o recheo supón un 28 %. O que si podemos saber é a cantidade de carne, porque como este ingrediente se destaca no envase, na etiqueta debe indicarse a proporción na que se atopa.

  • Cantidade de carne. O produto que máis contén é Casa Mas (19 %), cun 8 % de porco, 8 % de polo e 3 % de vaca. Seguido por Carretilla (15 %), Eroski (13,4 %)
    e La Cocinera (11,9 %). En último lugar, está Price cun 5 %. Maheso expresa as porcentaxes de carne baseadas no recheo, en lugar de facelo sobre todo o produto. Isto está indicado na etiqueta, pero é difícil de ver. Así, as porcentaxes de carne no total son dun 4,1 % de galiña e dun 3,6 % de porco. En total, contén un 7,7 % de carne.
  • Tipo de carne. Todos os produtos conteñen carne de porco, algúns de forma exclusiva (Carretilla, La Cocinera e Price) e noutros, combinada con outros tipos de carne: Casa Mas (xunto con polo e vacún), Eroski (xunto co polo) e Maheso (no que a galiña está en maior cantidade que o porco).

A carne máis prezada é a de vaca, pero tamén é a máis cara. Por iso, case non se utiliza. No extremo oposto atópase a de ave, que é a máis barata, pero achega pouco sabor e é máis seca. A de porco achega sabor e suculencia debido ao seu contido en graxa, e o seu prezo sitúase nun termo medio. Por iso é a que máis se utiliza.

Conxelados, refrixerados ou a temperatura ambiente?

Moitas veces as nosas eleccións están fortemente influenciadas polos nosos gustos e necesidades. Quizais isto sexa o primeiro que deberiamos ter en conta á hora de elixir canelóns precociñados, xa que podemos atopar diferentes opcións dependendo do uso que se lle vaia dar:

  • Ultraconxelados. É o formato máis habitual. Durante a súa produción, sométense a un proceso de ultraconxelación, que consiste en reducir a temperatura en só uns minutos ata alcanzar -40 ºC. Deste xeito pódense conservar durante meses no conxelador, a -18 ºC, case coma o primeiro día. O inconveniente é que requiren máis tempo de preparación: uns nove minutos no microondas ou uns 35 minutos no forno. Este grupo inclúe La Cocinera, Maheso, Price e Eroski.
  • Refrixerados. O produto consérvase a temperaturas de refrixeración (entre 0 ºC e 4 ºC) durante varias semanas grazas ao frío, xa que se envasa nunha atmosfera protectora, é dicir, unha mestura de gases inocuos (dióxido de carbono e nitróxeno) que dificultan o crecemento de microorganismos. É o formato que máis se asemella a unha elaboración caseira. Ademais, prepárase en pouco tempo (catro minutos no microondas), pero ten que estar no frigorífico e é o que ten unha vida útil máis curta (unhas semanas). Neste grupo, inclúese Casa Mas.
  • Á temperatura ambiente. Pódense almacenar durante meses sen refrixeración grazas a un tratamento de esterilización aplicado durante a súa elaboración. Ademais, o tempo de preparación tamén é curto (tres minutos no microondas). Neste grupo inclúese Carretilla.

Parece carne, pero non o é

Algúns produtos inclúen ingredientes que teñen aspecto e textura de carne, pero que teñen diferente composición, por iso, son menos apreciados e máis baratos:

  • Carne separada mecanicamente (CSM). Obtense por métodos mecánicos a partir da carne que queda adherida aos ósos, principalmente de polo e porco. As súas características e composición son diferentes e menos apreciadas que as da carne: ten menos proteínas e máis graxa. Úsase en Maheso (cun 3,6 % de CSM de polo e de porco) e en Price (cun
    6 % de CSM de polo e 0,2 % de CSM de porco).
  • Outros ingredientes de orixe animal. Fígado de porco, touciño de porco ou graxa de porco úsanse en Maheso.
  • Proteína de soia texturizada. Ingrediente vexetal obtido a partir de fariña de soia, que se procesa mediante extrusión e secado para obter unha textura similar á da carne. Atopámola en Eroski.

Outros ingredientes

Ademais do bechamel e do recheo, tamén hai outros ingredientes nos canelóns que poden marcar a diferenza.

  • Pasta. En Casa Mas e La Cocinera úsase pasta fresca ao ovo, que se aprecia máis que a pasta convencional polo seu sabor e textura.
  • Queixo. Agás Carretilla o resto dos produtos póñenlle queixo aos canelóns. Nalgúns casos, trátase de queixo convencional (Eroski) ou queixo fundido (Price), mentres que noutros empréganse variedades máis apreciadas: Casa Mas (mozzarella e emmental), La Cocinera (emmental) e Maheso (cun 2 % de emmental).
  • Salsa do recheo. Nalgúns produtos, a carne do recheo está acompañada por tomate. O concentrado de tomate utilízase en Carretilla e Eroski, mentres que La Cocinera contén un 1,2 % de concentrado de tomate e un 13,2 % de tomate, máis apreciado que o anterior. No resto dos produtos non se emprega tomate senón outros mollos, principalmente bechamel, como en Casa Mas.

Que nutrientes achegan?

Se observamos a información nutricional, a característica máis destacable destes produtos son as proteínas. A maioría dos produtos analizados conteñen unha cantidade moi similar de proteínas (6,2 %-6,7 %), a pesar de ter diferentes cantidades de carne (entre o 5 % e o 15 %). Isto lémbranos que as proteínas non proceden unicamente da carne, senón tamén doutros ingredientes proteicos, como o leite, o queixo e as proteínas vexetais.

Destaca Casa Mas, que ten o valor de proteínas máis elevado (9 %), probablemente porque tamén é o que ten máis carne (19 %). Isto significa que nunha ración de canelóns (225 g) inxerimos arredor de 15 g de proteína, agás en Casa Mas, onde inxerimos 20 g.

Tamén destaca a cantidade de graxas, que oscila entre o 4,5 % de Eroski ata o
8,6 % de Maheso. Neste último, tamén destaca a cantidade de graxas saturadas: 4,5 %, mentres que o resto rolda o 2 %, o que probablemente se deba ao seu contido en queixo e graxa de porco. Iso significa que cunha porción de Maheso (225 g) inxerimos case 20 g de graxa e a metade son saturadas.

O sal e as calorías

É importante prestarlle atención ao sal, porque algúns produtos poden conter cantidades significativas. Considérase que un alimento contén demasiado sal cando supera o 1,25 %. Neste caso, todos se atopan entre o 0,73 % de Maheso e o 0,93 % de Carretilla. A excepción é Casa Mas, cun 1,1 %. Isto significa que nunha ración deste produto inxerimos 2,5 g de sal. Unha cantidade significativa, tendo en conta que se recomenda non consumir máis de 5 g diarios.

De repararmos na inxestión de calorías por cada 100 gramos de produto, veremos que está entre as 151 kcal de Casa Mas e as 121 kcal de Carretilla, que é o menos calórico porque é o único que non inclúe queixo. Isto significa que unha ración (225 g) achega entre 340 kcal (Casa Mas) e 272 kcal (Carretilla). Para facérmonos unha idea, esa cantidade de calorías é similar á que achegan dúas rebandas de pan con aguacate ou un prato de arroz con polo.

Recomendacións de compra
  1. Formato. Podémolos atopar a temperatura ambiente, refrixerados ou conxelados. Isto inflúe nas características organolépticas e determina a duración e o tempo de preparación. Os alimentos refrixerados son máis semellantes aos caseiros e quéntanse rápido, pero teñen unha vida útil máis curta.
  2. Cantidade de carne. Canta máis, mellor. Adoita ser de porco, pero a máis apreciada é a de tenreira.
  3. Outros ingredientes. Algúns produtos conteñen carne separada mecanicamente e outros ingredientes que teñen a aparencia e a textura da carne, pero pouco valor comercial, culinario ou nutricional, como a graxa de porco ou o fígado. Convén optar por aqueles que só conteñen carne.
  4. Cantidade de sal. Canto menos, mellor. Na etiqueta amósase a cantidade por cada 100 g, pero normalmente comemos uns 225 g nunha soa inxestión, así que o consumo de sal pode ser considerable.
  5. Prezo. É importante avalialo en función da cantidade e do tipo de carne, da presenza doutros ingredientes valiosos (pasta fresca, tipo de queixo, etc.) e da ausencia de ingredientes non importantes, como a carne separada mecanicamente.

Todos cun C en Nutri-Score

Existen certas diferenzas na composición nutricional dalgúns produtos, pero en xeral non son moi perceptibles. Por iso, de o calcularmos co algoritmo actualizado de 2024, todos obteñen a mesma puntuación no sistema Nutri-Score. Esta cualificación é un C e obtense, sobre todo, polas cantidades significativas de sal e graxas saturadas.

Relación calidade-prezo

Se nos fixamos nos prezos por cada 100 g de produto, a maioría está por riba dun euro. Hai casos con prezos moi semellantes, como Maheso e La Cocinera, con 1,08 euros e 1,07 euros, respectivamente. Eroski e Price son os máis económicos, con prezos de 0,54 euros e 0,33 euros, respectivamente. Nalgúns casos, é probable que os prezos estean directamente relacionados coa cantidade de carne que conteñen; por exemplo, Casa Mas é o máis caro e o que ten máis carne (19 %), mentres que Price é o máis barato e o que contén a menor cantidade deste ingrediente (5 %). Pero hai outros produtos nos que esta premisa non se cumpre. Eroski é o terceiro que contén máis carne e o segundo máis barato.

Conclusións

No momento da compra, é difícil facerse unha idea das características de cada un destes produtos porque conteñen unha gran cantidade de ingredientes. Unha das pistas que mellor nos pode orientar é o recheo, e máis concretamente o tipo e a cantidade de carne, así como o uso doutros ingredientes de alta calidade ou valorados comercialmente, como pasta fresca, o tomate ou o leite, e a ausencia doutros ingredientes de baixo valor comercial, como carne separada mecanicamente, soro de leite ou concentrado de tomate. O formato tamén é importante, porque condiciona a temperatura de almacenamento e a duración e o tempo de preparación. Sen esquecer outros aspectos, como a composición nutricional e o prezo.

Tendo en conta todo isto, o mellor produto sería Casa Mas, entre outras cousas porque é o que contén máis carne (parte dela de bovino), está elaborado con pasta fresca de ovo e é un produto fresco (refrixerado). Pero tamén ten algúns inconvenientes: é o que máis sal ten e é o máis caro.

Se, ademais dos ingredientes, a composición e o formato, temos en conta o prezo, é dicir, se temos en conta a relación calidade-prezo, a mellor opción sería Eroski.