Un carro da compra máis saudable con Nutri-Score
Nutri-Score púxose en marcha a finais de 2019 e, desde a súa implantación, revolucionou os sistemas de etiquetaxe en Europa. Para quen non estea a estas alturas afeito a velo estampado nos alimentos que compramos, trátase dun logotipo nutricional de cores que se coloca na cara frontal dos envases e que divide os produtos segundo a súa calidade nutricional. Vai do verde, que corresponde á mellor calidade (asociado á letra A), ao laranxa escuro, que corresponde á peor calidade (asociado á letra E).
Este logotipo, que se actualizou en 2024, naceu para facilitar as eleccións de compra dos consumidores, algo que despois de cinco anos parece conseguir. O éxito víase vir. Antes da súa implantación realizáronse estudos previos que xa prevían o impacto na calidade nutricional da cesta da compra. En termos de percepción, facilidade de identificación ou rapidez á hora de comprendelo, e en comparación con outros logotipos nutricionais que xa existían, os resultados de enquisas realizadas a decenas de miles de consumidores en 12 países europeos, incluída España, confirmaron a eficacia de Nutri-Score.
Unha información máis clara aumenta as vendas dos produtos máis saudables.
En palabras do director da Fundación EROSKI, Alejandro Martinez Berriochoa, “a implantación da etiquetaxe nutricional avanzada Nutri-Score cumpriu os seus obxectivos principais: ofrecer información clara, transparente, baseada na ciencia e comprensible para as persoas consumidoras”. Deste xeito, é evidente que se está a fomentar a reformulación de produtos para mellorar os perfís nutricionais, mesmo coa eliminación de produtos menos axeitados. “Este avance permíteche tomar decisións máis conscientes e saudables, aliñado coa calidade nutricional da cesta da compra”, engade o responsable.
Pódese dicir entón que Nutri-Score desprazou as vendas cara a produtos máis saudables? As cifras falan por si mesmas. Ao sumar todos os alimentos e bebidas, en 2023 o 56 % das vendas corresponderon aos dous perfís con mellor calidade nutricional (A e B), fronte ao 50 % de 2020. Se se inclúe a categoría intermedia (C), a repartición acada o 80 %, cinco puntos máis que hai tres anos. A evolución máis rechamante obsérvase nos produtos de consumo diario: o 79 % dos produtos vendidos están etiquetados como A ou B. Mesmo na categoría ocasional —doces , snacks e salchichas—, onde reinan D e E, a suma de A, B e C creceu cinco puntos.
Unha compra máis consciente
EROSKI foi pioneiro na implantación desta etiquetaxe nutricional en España. Agora, un estudo elaborado pola Escola da Alimentación da Fundación EROSKI analizou os datos de evolución das vendas e a composición nutricional dos seus produtos de marca propia entre 2020 e 2023. As conclusións resúmeas Alejandro Martinez Berriochoa, director da Fundación EROSKI: “Nutri-Score facilitou a toma de decisións de compra máis conscientes e saudables, pero ademais impulsou melloras significativas na composición nutricional dos produtos”.
A análise consistiu en revisar a evolución das vendas en cada categoría de produtos de marca propia de EROSKI para cada unha das letras da etiquetaxe Nutri-Score. As conclusións amosan que a maior parte das vendas se concentraron nas mellores letras (A e B) en detrimento das menos interesantes (D e E). Ademais, desde 2020, as vendas desas mellores letras aumentaron. “Isto demostra que os consumidores, cando dispoñen de información clara, transparente, fiable e de fácil consulta, fan un bo uso dela para mellorar os seus hábitos alimentarios e a súa saúde, e fano de forma sostida”, sinalou Martínez Berriochoa. Así mesmo, este resultado positivo non repercutiu nos alimentos frescos non procesados que non levan Nutri-Score. “A hipótese de que este logotipo podería afectar negativamente a venda dos produtos frescos, base dunha alimentación saudable, queda totalmente descartada”, detalla o responsable.
Os produtos elaborados con froitas e hortalizas, cereais, patacas, legumes, froitos secos e sementes son a base da nosa alimentación. Nesta categoría, aqueles con mellor calidade nutricional, coa letra A e B, foron os máis vendidos.

Vinculado á dieta mediterránea
O que tamén demostra esta análise é que Nutri-Score se adapta perfectamente ás recomendacións de saúde pública e que é 100 % coherente coa dieta mediterránea. Varias investigacións realizadas en España, en particular un estudo clínico coordinado polo Proxecto SUN (Seguimento Universidade de Navarra) sobre 20 503 participantes, confirmaron que os alimentos que obteñen a peor puntuación en Nutri-Sore están asociados a un maior risco de mortalidade prematura: o seu consumo, en concreto, duplica o risco de cancro. Cando se integra Nutri-Score na pirámide mediterránea constátase que existe un excelente paralelismo, por iso, o estudo presentado pola Escola de Alimentación de EROSKI ofrece información desagregada por cada grupo de alimentos.
A tendencia tamén foi positiva para os alimentos cuxo consumo se recomenda varias veces por semana. Un maior consumo de produtos máis procesados na categoría de peixe e marisco levou a un aumento nas vendas dos artigos C e D.

A base da nosa alimentación
Segundo os datos de 2023, o 85 % das vendas na categoría de froitas e hortalizas —que atopamos froitas en conserva e deshidratadas, pratos preparados de hotalizas ou conservas en vinagre, entre outros— concentráronse en produtos clasificados coas letras A e B. Desde a implantación do Nutri-Score, as vendas de produtos coa letra A aumentaron seis puntos. Esta evolución reflicte un desprazamento cara a opcións máis saudables e débese en parte á reformulación dos produtos procesados destas gamas.
Na categoría de alimentos elaborados con cereais e patacas, que inclúe o arroz e os seus derivados, o pan, a pasta e os pratos preparados con estes ingredientes, os resultados confirmaron unha alta concentración de vendas nas letras máis favorables, A e B. En concreto, un 90 %, o que supuxo un aumento de case catro puntos nos produtos coa letra B desde 2020, a expensas dun descenso de case tres puntos dos da letra D. Segundo os responsables do estudo, a maior presenza dos produtos integrais e a reformulación das receitas dos pratos preparados a base de arroz e pasta favoreceron este resultado.
Na categoría de legumes, froitos secos e sementes, o 61 % das vendas foron para produtos etiquetados coa letra A, que creceron catro puntos desde 2020, en gran parte debido ás melloras da proposta da gama destas categorías: produtos D que pasan a C, produtos C que melloran a B e un incremento claro dos produtos A.
Tras analizar os datos de cada letra, o estudo realizado pola Escola de Alimentación da Fundación EROSKI amosa un “efecto dominó”. Isto significa que en case todas as categorías de produtos cualificados cunha E foron cedendo terreo ao D; eses D ao C; os C ao B, e os B ao A.
Pero, ademais, a industria alimentaria tamén respondeu reformulando as receitas: produciuse unha reformulación de ingredientes, un recálculo de porcións e, nalgúns casos, ata a retirada dalgunhas referencias co peor perfil nutricional.
En definitiva, Nutri-Score demostrou dúas vitorias: o consumidor compra mellor, a industria responde a esta demanda e os nutrientes menos recomendables desaparecen gradualmente da cesta da compra.
No centro da pirámide
Entre os produtos de consumo frecuente atópanse os lácteos. Falamos do leite, os queixos frescos, semicurados e curados, iogures non azucrados nin edulcorados, quéfir, callada e bebidas vexetais. Os consumidores decantáronse polos produtos con perfís máis saudables e o 50 % das vendas concentráronse nas letras A e B, mentres que un 35 % corresponderon á letra D, debido principalmente aos queixos curados, que son produtos que achegan graxa e sal. Ao comparalo cos datos de 2020, observouse un incremento de case tres puntos en produtos coa letra A, mentres que os da letra D caeron 3,4 puntos.
Na categoría de peixe e marisco, que inclúe os conxelados e en conserva e os pratos preparados con estes ingredientes, a venda dos produtos coa letra C e D creceu. Segundo os responsables, a razón débese a que cada vez se compran máis os produtos con máis procesamento, como os pratos preparados de peixe. Nas carnes, que non inclúe nin friames nin embutidos, o 47 % das vendas concentrouse na letra B e o 44 % na C. Os primeiros incrementáronse en máis de oito puntos respecto a 2020.
Os alimentos que só se recomendan tomar de cando en vez, tamén experimentaron unha evolución positiva.

Os produtos máis ocasionais
Cando falamos dos produtos de consumo ocasional, como a carne procesada e os embutidos, as letras D e E foron as que concentraron a maior parte das vendas: 40 % e 32 %, respectivamente. Son produtos con moitas calorías, graxas —especialmente saturadas— e sal, polo que a maioría obteñen malas notas en Nutri-Score. De todos os xeitos, os produtos coa letra B creceron case tres puntos desde 2020 e os da letra E caeron 2,4.
Na categoría de comida precociñada, na que se inclúen pizzas, empanadas e lasañas, entre outros, máis da metade das vendas (61 %) concentrouse na letra C. Desde 2020, detectouse unha redución do peso das vendas dos produtos B, que se reparte entre os A (3,4 puntos máis) e C (2,4).
Nos mollos, desde 2020 aumentaron ata seis puntos os produtos con letra A, pero tamén creceron os da letra E (8,7 puntos). A diversidade de solucións nesta categoría, a súa natureza en moitos casos de produtos de indulxencia e a entrada en xogo doutros factores diferentes á preocupación pola saúde na mente do consumidor explican este comportamento polarizado.
Noutra das opcións menos recomenbles, os aperitivos salgados, máis da metade das vendas concentráronse na letra C, o que reflicte a dificultade de conseguir mellores clasificacións nutricionais neste tipo de produtos. Aínda que si melloraron as eleccións: desde 2020 reduciuse a compra de produtos cun D (6 puntos) e E (0,2 puntos), cuxas vendas se desprazan a produtos coa letra C (8,4 puntos máis). A pesar desta leve mellora, os resultados amosan algo obvio: a imposibilidade de atopar aperitivos coas letras A e B.
Se falamos dos alimentos e as bebidas doces, observouse unha evolución positiva na maioría das subcategorías. En galletas e bolaría reduciuse significativamente o peso da letra E a favor de clasificacións máis saudables como D e C. Esta tendencia positiva apunta a un interese por buscar, dentro dun grupo de alimentos non saudables, os menos prexudiciais. Nas sobremesas doces, a mellora está ligada á eliminación de ingredientes como as graxas de palma nos produtos da marca EROSKI, especialmente nos xeados, que melloraron a súa nota.
En definitiva, estudos coma este demostran que Nutri-Score funciona. Desde a súa implantación, as persoas consumidoras dirixiron as súas decisións de compra cara a produtos con mellores notas mentres os fabricantes optimizaron a receita dos seus produtos para obter unha mellor clasificación.
Os datos agregados de todos os alimentos e bebidas con Nutri-Score reflicten que máis do 50 % da cesta da compra dos consumidores estivo protagonizada polos produtos coa mellor calidade nutricional. Ademais, creceron desde 2020.
