Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

: Contos sobre alimentación: cando aos adultos nos enganan como a nenos

A diario, profesionais da información que escriben sobre saúde e nutrición reciben numerosos comunicados. Esa abundancia de noticias e a procura de titulares rechamantes provoca que moitas veces os medios se convertan en meros trasmisores de contos.

Nutrición interesa. Nos últimos anos foi callando na poboación a mensaxe de que unha boa saúde implica necesariamente unha alimentación equilibrada e saudable. O público quere saber máis e os medios de comunicación convencionais viron un filón para atrapar a eses lectores que len de bo grao noticias sobre aquilo que poden poñer no prato ou comprar no supermercado.

Falta de rigor e confusión

Con todo, a nutrición séguese entendendo como unha división menor dentro da saúde e non sempre se aborda co rigor que debería. Bombardeados polas marcas comerciais, seducidos pola inmediatez das redes sociais e, moitas veces, conxurados polo poder do famoso clickbait (encandear cun titular potente, aínda que o corpo da noticia non teña nada que ver), en ocasións os xornalistas convértense en transmisores involuntarios de medias verdades ou contos. Os pais e as nais, pola súa banda, compran produtos infantís convencidos de que son bos para os seus fillos, porque llo din a publicidade, as publirreportaxes e algúns influencers.

As noticias falsas chegan ás familias porque ese filtro previo –que se supón que debería facer o bo xornalismo– en moitas ocasións perdeuse. Outras veces, conflúen mensaxes confusas ou interesadas por parte da industria, que levan as familias a comprar certos produtos que acaban favorecendo a obesidade de pequenos. Por exemplo, informacións que falan de que “a vitamina C é necesaria para mellorar as defensas respiratorias”, son usadas por fabricantes de zumes envasados para promocionar o seu contido de vitamina C. As familias, preocupadas pola saúde dos seus pequenos, acaban por darlles cada día este produto que contén azucres libres, o que aumenta o risco de que o neno acabe con sobrepeso.

Algo similar sucede coas galletas ou os cereais enriquecidos con vitaminas e minerais. É suficiente cun artigo aparentemente inofensivo facéndose eco do observatorio dun coñecido fabricante, que revela que os nenos que seguen unha dieta rica en vitamina B sacan máis sobresalientes, para que as familias busquen mellorar as notas dos seus fillos da forma máis fácil: con galletas, cereais ou outros produtos enriquecidos. Pásase por alto que estes alimentos normalmente teñen unha carga calórica alta e un alto contido en azucres engadidos, dous elementos que inciden na obesidade infantil.

Con todo, adóitase pasar no bico dos pés sobre un feito moi relevante: os nosos nenos cada vez dormen menos e iso incide nun menor rendemento escolar. Este dato inclúeo o estudo Pasos 2019 da Fundación Gasol. A falta de horas de sono non só lastra as notas, asóciase cunha probabilidade de máis do dobre de presentar sobrepeso ou obesidade ao longo da infancia e adolescencia.

Conflito de intereses

Como sucede con todas as ciencias aplicadas, a nutrición non é unha ciencia exacta. Está en continua evolución e admite matices. Ata entre os propios nutricionistas non sempre hai consenso. Ás veces, fórmanse correntes antagónicas que poden facer que o xornalista se sinta entre dúas augas. Para a xornalista especializada en temas de saúde e alimentación Marta Del Valle, “a evidencia científica sobre a nutrición non cambia tanto. As únicas investigacións que engaden ruído son as que chegan auspiciadas pola industria.

Por iso, o primeiro que debe facer un bo xornalista é analizar de onde lle chega esa información, quen está detrás, antes de deixarse cegar pola mensaxe. Se eliminas os estudos con conflito de interese ou financiados de forma interesada pola industria, non hai tanta novidade”. Sucedeu, por exemplo, hai tres anos cando, en metade do debate entre azucres libres e intrínsecos e o seu papel na obesidade, a Asociación Española de Fabricantes de Zumos (Asozumos) poñían o foco nun estudo de SGF Internacional que concluía que “o contido en hesperidina do zume de laranxa é maior que o de vitamina C”.

A este micronutriente atribuíaselle un papel cardioprotector. SGF é, en realidade, un organismo autorregulador creada pola industria dos zumes. É dicir, tratábase dunha información interesada que, en palabras de Eduard Baladia, fundador da Rede de Nutrición Baseada na Evidencia, “ademais de non proporcionar datos concluíntes sobre esa suposta acción cardioprotectora, habería que ver se nun vaso de zume hai suficiente hesperidina para evitar un evento cardio ou cerebrovascular. E o seguinte sería avaliar o risco-beneficio, porque os zumes son bebidas que proporcionan azucres libres, clasificados como perniciosos para a saúde e cuxo consumo hai que limitar”.

Onde atopar información veraz?

Institucións

  • OMS (@WHO)
  • AESAN (@AESAN_gob_es)
  • CSIC (@CSIC)
  • Ministerio de Sanidade (@sanidadgob)
  • Ministerio de Consumo (@consumogob)
  • Academia Española de Nutrición y Dietetica (@aedninforma)
  • Health On the Net (@HealthOnTheNet)
  • Instituto #SaludsinBulos (@SaludsinBulos)
  • Fundación Maldita (@maldita) Universidades, asociacións e colexios profesionais

Selos

Páxinas web e aplicacións que leven os selos:

  • Web Médica Acreditada
  • Distintivo AppSaludable

Outras contas

Para saber de quen nos podemos fi ar en Internet e nas redes sociais, hai que fi xarse en:

  • Que sexa un profesional sanitario, como un médico ou un dietista-nutricionista.
  • Que conte co respaldo maioritario doutros compañeiros de profesión.
  • Que apoie as súas afi rmacións con estudos científi cos de prestixio.
  • Que non prometa curas milagrosas, perdas de peso infalibles ou alente mensaxes alarmantes.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións