Pizzas conxeladas

Pizzas conxeladas: o segredo está nos ingredientes

Para elixir a mellor pizza, o segredo non estaba na masa, como rezaba o famoso slogan dunha coñecida cadea de pizzerías. Saber que leva e en que proporción axudaranos a escoller a opción máis recomendable. Unha pista: busca aquelas que leven verduras e hortalizas, e coidado co sal.
1 Novembro de 2021

Pizzas conxeladas: o segredo está nos ingredientes

A pizza é un deses alimentos que gusta a case todo o mundo. Posiblemente isto sucede porque reúne unha serie de características que adoitan resultar moi atractivas: ten unha mestura de sabores moi particular (ácido, doce, salgado, umami), un aroma moi atractivo (pan tostado, ourego…) e unha textura chea de matices (crocante, elástica, esponxosa). E todo iso con apenas tres ingredientes básicos: fariña, tomate e queixo.

Agora ben, hai un pouco de truco cando se di que “a pizza gusta moito”, porque en realidade existen moitos tipos. É suficiente pensar, por exemplo, na cantidade de variedades que podemos conseguir con tan só facer variacións nos tres ingredientes básicos: a masa (crocante, esponxosa, fina, grosa…), o tomate (ácido, doce, en puré, en salsa…) ou o queixo (variedade, grao de maduración…). Sen esquecer o resto dos ingredientes, entre os que podemos atopar unha diversidade case infinita, desde os clásicos xamón cocido ou atún, ata opcións menos comúns, como espárragos, quinoa ou a controvertida piña. Hai unha pizza a gusto de cada persoa.

Para elixir, busca na etiqueta

Os ingredientes da pizza non só determinan as súas características organolépticas –o sabor, o aroma ou a textura–, senón que tamén inflúen de forma decisiva sobre outros aspectos, como o prezo ou a composición nutricional. De feito, existen enormes diferenzas entre distintas marcas e variedades, así que é especialmente importante ler as etiquetas con detemento para poder facer unha boa elección.

Iso si, consultar as etiquetas non sempre é fácil, entre outras cousas porque require de tempo e, a miúdo, custa interpretalas. Por non falar de que, ás veces, nin sequera nolo cuestionamos porque temos a sensación de que non é necesario. Isto pode ocorrer precisamente con alimentos como as pizzas, porque, como mostran na parte frontal do seu envase unha imaxe do produto xunto co nome e dous ou tres ingredientes “principais”, podemos chegar a pensar que esa información é suficiente para coñecer as súas características. Pero en realidade non é así.

En que deberiamos fixarnos? 

O primeiro que deberiamos consultar é a denominación do produto, que normalmente figura xunto coa lista de ingredientes. Así poderemos ter unha idea aproximada das súas características. Trátase dun produto para o que non existen categorías comerciais nin definicións legais, como si ocorre noutros alimentos tales como o xamón cocido ou o queixo. Neste produto atoparemos unha breve descrición das súas características (por exemplo, “pizza de masa fina cuberta con queixo Edam, queixo Mozzarella, queixo Emmental e queixo azul”), xunto cunha referencia ao tipo de tratamento ao que foi sometido (neste caso, “produto ultraconxelado”).

Pero sen dúbida, a parte máis importante da etiqueta é a lista de ingredientes, porque é a que realmente nos informa das características do produto. Xa sabemos que nela se mostran os elementos que forman parte do alimento e que se enumeran en orde decrecente, segundo o seu peso. Por iso non é de estrañar que o primeiro ingrediente que se mostra en todas as pizzas analizadas é a fariña de trigo, xa que é o elemento maioritario. Tampouco hai sorpresas co tomate e o queixo, que son os compostos que se mostran a continuación, xa que son tamén os máis abundantes en case todas as pizzas analizadas, salvo algunha excepción, como Garden Gourmet Veggie Lovers, que non leva queixo.

Análise

Para realizar esta guía de compra seleccionáronse pizzas elaboradas por marcas líderes no mercado, nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación NutriScore. A valoración vén especialmente determinada pola cantidade de sal, de graxa e a achega calórica.
  • Os ingredientes. Para coñecer a calidade comercial do produto, especialmente con respecto aos que se destacan no seu nome, así como a cantidade de tomate.
  • A información comercial. Analizamos se proporciona información de valor ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano ao consumidor.
  • Prezo. Non foi un criterio para avaliar a calidade do produto, pero a calidade/prezo tívose en conta para as posicións do ránking.
  • O etiquetado. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

Máis ou menos tomate

Se no envase se destaca algún ingrediente, xa sexa con imaxes ou con palabras, debe indicarse a proporción concreta na que se atopa. Por exemplo, nas pizzas indícase a cantidade de tomate, porque ese ingrediente menciónase na denominación de venda. Deste xeito podemos saber que existen grandes diferenzas entre os produtos analizados, xa que algúns teñen máis do dobre de tomate que outros. As cantidades van desde o 27 % de Dr. Oetker Ristorante Prosciutto ata o 12,6 % de Eroski Seleqtia de Provolone y Boletus. Isto non é necesariamente un indicador da calidade da pizza, pero se a cantidade de tomate é moi elevada, pode ser un sinal de que os ingredientes máis valorados, é dicir, os que lle dan nome ao produto, como o xamón ou as verduras, están en baixa proporción. É o que ocorre precisamente na pizza de Dr. Oekter.

Os ingredientes “estrela”

Dos ingredientes que se destacan no envase –por exemplo, no nome e na imaxe da parte frontal–, tamén se indica a proporción na que se atopan, o cal nos dá unha excelente pista para ter unha idea das características do produto. As cantidades oscilan entre o 36,7 % dos vexetais de Garden Gourmet Veggie Lovers e o 14 % do xamón cocido de Dr. Oetker Ristorante Prosciutto. En calquera caso, case todas cumpren co que prometen. É dicir, os ingredientes que se promocionan atópanse en cantidades significativas e adoitan ser os principais, tras a fariña, o tomate e, en ocasións, o queixo.

Así, Garden Gourmet Veggie Lovers é a pizza que contén unha maior proporción deses ingredientes “nobres”. Séguenlle Buitoni American Style XtraCheese, cun 24,7 % de queixos; Buitoni Masa Fina de jamón y queso, cun 15 % de mozzarella e un 9 % de xamón cocido; Buitoni Bella Napoli Verduras, cun 23,5 % de verduras. O único salientable é que a pizza Garden Gourmet Veggie Lovers destaca a presenza de quinoa, cando en realidade se atopa nunha proporción de tan só o 0,7 %.

O aceite importa? 

Ademais dos tres ingredientes básicos e os que lle dan nome ao produto, podemos atopar outros que tamén se utilizan habitualmente na elaboración das pizzas, como o aceite, que se emprega sobre todo para conseguir que a masa non quede seca nin quebradiza. Nos produtos analizados, os aceites utilizados son de oliva, nabiña, xirasol e palma. Os máis apreciados polas súas características nutricionais son os dous primeiros: o de oliva –presente en Eroski Seleqtia de Provolone y Boletus e en Buitoni Bella Napoli Verduras– e o de nabiña, que é como se coñece ao aceite de colza e está presente en Buitoni Masa Fina de jamón y queso e Buitoni American Style XtraCheese. Poderiamos considerar que o aceite de xirasol –empregado en Garden Gourmet Veggie Lovers– ten un efecto neutro sobre a saúde. O aceite de palma, que se atopa en Dr. Oekter Casa di Mamma 4 quesos, resulta o menos apreciado.

En calquera caso, debemos ter en conta varios matices. O primeiro é que habitualmente utilízanse varios tipos de aceite no mesmo produto: por exemplo, Dr. Oetker Tradizionale Speciale leva aceite de nabiña e aceite de oliva virxe extra. E o segundo apunte, moito máis importante, é que á hora de elixir este tipo de produtos deberiamos centrar a atención nas súas características xerais e non tanto en detalles como o tipo de aceite, máis aínda cando este se atopa nunha proporción bastante escasa. Dito doutro xeito, desde o punto de vista nutricional, é preferible comprar unha pizza na que predominan os ingredientes saudables, aínda que estea elaborada con aceite de xirasol, como Garden Gourmet Veggie Lovers, que outra con ingredientes insáns aínda que leve aceite de oliva virxe extra e aceite de nabiña, como Dr. Oetker Tradizionale Speciale, que leva salame e xamón cocido.

Así se elaboran

Algunhas persoas desconfían deste tipo de produtos porque pensan que son sometidos a tratamentos estraños ou que conteñen ingredientes perigosos. Nada diso. En realidade, unha pizza ultraconxelada elabórase basicamente coma se a fixésemos na casa: fórmase a masa con fariña, auga e sal, na maioría dos casos, tamén con aceite e lévedo. Déixase fermentar, en caso necesario, dáselle forma e cóbrese cunha base de tomate, os ingredientes ao gusto. A continuación, introdúcese nun túnel de conxelación onde alcanza unha temperatura duns -40ºC e, posteriormente, almacénase en conxeladores a uns -20ºC ata o momento de consumo.

Que hai dos nutrientes?

Outra parte importante do etiquetado é a información nutricional. É case o único que adoitamos ler, sobre todo, as calorías e as graxas, pero por si soa non sempre resulta útil e pode dar lugar a malas interpretacións. Por exemplo, as pizzas Garden Gourmet Veggie Lovers e Buitoni American Style XtraCheese teñen aproximadamente a mesma proporción de hidratos de carbono (arredor do 25 %), pero no primeiro caso unha boa parte procede de verduras e hortalizas, así que se trata de hidratos de carbono complexos, máis recomendables.

No segundo caso, proveñen sobre todo da fariña de trigo, composta basicamente por amidón, polo que son hidratos de carbono simples e menos recomendables. É dicir, para interpretar a información nutricional, debemos complementala coa lista de ingredientes.

A grandes trazos, as pizzas teñen unha proporción significativa de hidratos de carbono, arredor do 26 % nos produtos analizados. Isto non é de estrañar, tendo en conta que os ingredientes principais son a fariña e o tomate. Na maioría atopamos unha cantidade de graxas notable, arredor do 7 %, aínda que existen importantes diferenzas entre as que teñen moito queixo e as que non. Buitoni American Style XtraCheese proporciona un 11 % de graxas, Garden Gourmet Veggie Lovers, que non leva queixo, contén un 4 % de graxas.

O resto dos ingredientes principais son os que marcan as diferenzas no resto de nutrientes, como a fibra, máis abundante nas pizzas elaboradas con verduras, ou as proteínas, cuxa proporción é maior en pizzas con ingredientes proteicos, como Eroski de Atún, Buitoni American Style XtraCheese ou Buitoni Forno di Pietra Barbacoa, con valores comprendidos entre o 11 e o 12 %.

Cantas calorías se inxiren? 

A achega calórica é maior nas pizzas que conteñen cantidades notables de certos ingredientes, como o queixo, debido á súa cantidade de graxa. Por exemplo, en Buitoni American Style XtraCheese (255 kcal/100 g) ou Dr. Oekter Casa di Mamma 4 queixos (224 kcal/100 g). É máis baixo nas pizzas con ingredientes pouco calóricos, como as de verduras: Garden Gourmet Veggie Lovers (169 kcal/100 g) e Buitoni Bella Napoli Verduras (177 kcal/100 g). Por ter unha referencia, unha mazá proporciona unhas 50 kcal; un escalope de tenreira, unhas 150 kcal, e unha rosquilla de chocolate, unhas 265 kcal. Obviamente non todas as calorías son iguais, é máis saudable un puñado de noces que un anaco de torta, aínda que as primeiras proporcionen máis calorías. No caso das pizzas, con todo, si que é algo para ter en conta, porque estes produtos teñen unha achega calórica considerable.

Ollo co sal

Debemos poñer especial atención na cantidade de sal. Aquí tamén atopamos notables diferenzas, que van desde o 0,6 % de Garden Gourmet ao 1,4 % de Buitoni American Style. Na maioría, a cantidade de sal está arredor do 1,2 %, o cal é un valor bastante elevado: considérase que un alimento ten moito sal a partir dun 1,25 %. De feito, as únicas pizzas que se atopan por debaixo do 1,2 %, ademais de Garden Gourmet, son Buitoni Masa Fina (1,15 %) e Buitoni Bella Napoli Verduras (1 %).

O contido de sal é, precisamente, un dos elementos que máis inflúe neste caso á hora de puntuar o produto mediante o sistema Nutri-Score, sen esquecer outros que tamén teñen moito peso, como a cantidade de graxa e a achega calórica. As diferenzas nestes nutrientes explican tamén a gran variedade de puntuacións que mostran os produtos analizados, que van desde a A de Garden Gourmet Veggie Lovers ata a D de Dr. Oekter Casa di Mamma 4 quesos e Buitoni American Style XtraCheese.

O podio do sal
  • Buitoni American Style XtraCheese: 1,4 %
  • Dr. Oetker Tradizionale Speciale: 1,3 %
  • Dr. Oetker Prosciutto: 1,3 %
  • Eroski de atún: 1,3 %
  • Eroski Seleqtia Provolone y Boletus: 1,3 %
  • Dr. Oetker Casa di Mamma 4 quesos: 1,2 %
  • Buitoni Masa Fina jamón y queso: 1,15 %
  • Buitoni Forno de Pietra Barbacoa: 1,12 %
  • Buitoni Bella Napoli Verduras:  1%
  • Garden Gourmet Veggie Lovers: 0,61 %

A Organización Mundial da Saúde considera que un produto é alto en sal se contén máis de 1,25 %.

Importantes diferenzas no prezo

Existen notables diferenzas entre os prezos das pizzas analizadas. Se facemos a comparación para unha ración de 100 gramos, as máis caras son de Garden Gourmet Veggie Lovers (1,20 €) e Dr. Oetker Tradizionale Speciale (1,12 €). As máis baratas resultan Eroski de Atún (0,54 €) e Eroski Seleqtia de Provolone y Boletus (0,70 €). Están xustificadas estas diferenzas pola elección dos ingredientes? Non.

Dos dous produtos analizados que conteñen verduras, o importe de Garden Gourmet Veggie Lovers é un 22,45 % maior que o de Buitoni Bella Napoli Verduras, que ademais leva aceite de oliva. Por iso, á hora de facer a compra, hai que fixarse ben no prezo de cada produto, porque hai opcións máis económicas cos ingredientes máis recomendables. Outro exemplo que demostra que a selección de ingredientes non ten que encarecer o produto é Eroski de Atún. É a opción máis económica e está elaborada cun ingrediente considerado como “nobre”.

Para coidar o peto, tamén é recomendable fixarse naquelas marcas ou mensaxes que vinculan o produto cunha “elaboración tradicional”, como Buitoni Forno di Pietra Barbacoa ou Dr. Oekter Casa di Mamma 4 quesos. Esas mensaxes non teñen significado real, é dicir, non melloran a calidade do produto, pero si que encarecen o prezo. Á hora de comparar importes, debemos ter en conta, ademais, que moitas pizzas se comercializan en formatos diferentes. Por exemplo, Buitoni Bella Napoli Verduras pesa 470 g, mentres que Buitoni Masa Fina de jamón y queso, só 320 g. Por iso, convén facer as valoracións referidas a unha mesma cantidade de produto, por exemplo, a unha ración de 100 g.

Conclusións

Case todas as pizzas analizadas teñen tres ingredientes básicos en común, que son os que habitualmente caracterizan a este alimento: fariña de trigo, tomate e queixo, sen esquecer outros como o aceite e o sal. Isto fai que a súa achega calórica sexa considerable: arredor de  kcal por  g de media. Tamén ocorre co sal –arredor do 1,2 % na maioría dos casos– e a graxa, que xeralmente está arredor do  7%.

De todos os xeitos, existen notables diferenzas entre elas; por exemplo, na cantidade de tomate (a máis alta corresponde a Dr. Oetker Ristorante Prosciutto, cun 27 %) ou na de ingredientes “nobres”. Neste aspecto as pizzas máis destacables son Garden Gourmet Veggie Lovers, cun 36,7 % de vexetais e Buitoni American Style XtraCheese, cun 24,7 % de queixo.

Se consideramos exclusivamente os aspectos nutricionais, as pizzas máis recomendables serían Garden Gourmet Veggie Lovers e Buitoni Bella Napoli Verduras, pero os seus prezos son bastante altos, especialmente para a primeira delas, que é a máis cara de todas as que se analizan (1,20 €/ración). Se temos en conta a relación calidade-prezo, as máis recomendables serían Eroski de atún e Eroski Seleqtia de Provolone y Boletus, debido sobre todo a que o seu prezo é moi inferior e contan con outros aspectos positivos, como un etiquetado moi completo, claro e fácil de ler.

Unha pizza si que pode ser saudable 

As pizzas teñen fama de ser alimentos insáns, especialmente se falamos das versións comerciais. É certo que en moitos casos sono, entre outras cousas porque proporcionan unha elevada cantidade de calorías, moito sal e graxas de mala calidade nutricional. Isto débese, xeralmente, a que están elaboradas con ingredientes pouco ou nada saudables, como xamón cocido, beicon, fariñas refinadas… Agora ben, tamén podemos atopar algunhas versións con mellores características, de modo que poida ter cabida dentro dunha dieta saudable. Por exemplo, se eliximos variedades que non conteñan ese tipo de ingredientes insáns, polo menos, non en gran proporción, e que teñan unha notable cantidade doutros saudables: verduras, hortalizas, froitos secos…

Recomendacións de compra 

Á hora da compra deberiamos prestar especial atención a varias cuestións:

  • Ingredientes máis recomendables. Desde o punto de vista nutricional, o desexable é que haxa abundancia de vexetais, tanto de verduras coma de hortalizas.
  • Sal e calorías. Da información nutricional, o máis importante é buscar os produtos con menos sal e con pouca achega calórica.
  • Prezo. Fuxe de mensaxes como “forno de pedra” ou artesanal. Carecen de significado real e encarecen o prezo.
Canto pode gastar unha familia ao ano en pizzas?
  • Eroski de atún: 104 €
  • Eroski Seleqtia Provolone y Boletus: 145 €
  • Buitoni Masa Fina jamón y queso: 148 €
  • Buitoni Forno de Pietra Barbacoa: 171 €
  • Dr. Oetker Prosciutto: 181 €
  • Buitoni American Style XtraCheese: 192 €
  • Dr. Oetker Tradizionale Speciale: 200 €
  • Dr. Oetker Casa di Mamma  quesos: 203 €
  • Buitoni Bella Napoli Verduras: 239 €
  • Garden Gourmet Veggie Lovers: 268 €

Os cálculos realizáronse considerando un consumo dunha pizza por semana ao longo dun ano.

A mellor elección está en saber que leva encima da masa