Mediación

As vantaxes de resolver un conflito sen chegar aos tribunais

O mediador profesional pódese considerar o “sanitario” do enfrontamento entre dúas partes. Mediante ferramentas de escoita activa e comunicación non violenta, axudan a curar a afronta emocional e a resolver conflitos sen acudir aos tribunais.
1 Marzo de 2023

Mediación. As vantaxes de resolver un conflito sen chegar aos tribunais

Cando dúas partes entran en conflito, teñen dúas opcións para resolvelo: acudiren a un terceiro neutral, árbitro ou xuíz, que decida e impoña a solución, ou buscaren eles mesmos a solución e chegar a acordos. Neste segundo caso entra en xogo a mediación, unha vía alternativa na que os protagonistas acordan os pactos, de forma equilibrada e igualitaria, podendo poñer fin ao enfrontamento, coa axuda dun profesional da mediación, sen xudicializar o seu caso. Nuria Calvo Boizas, avogada e mediadora especializada en xestión de conflitos, dános as claves da mediación en España.

Que é a mediación? 

A Asociación Española de Mediación (Asemed) define este tipo de negociacións como un “proceso polo que unha persoa independente e imparcial axuda a outros a encontraren solucións para resolver as súas diferenzas, evitando acudir aos tribunais para resolver o conflito”. Trátase dun procedemento voluntario e confidencial, cuxo obxectivo é buscar, mediante o acordo e o diálogo, solucións personalizadas a cada conflito.

Para que serve?

Normalmente acudimos ao xulgado cando dúas persoas non saben como solucionar un conflito e esperan que un terceiro impoña unha solución. Na mediación, os implicados son os protagonistas: van tomar as súas propias decisións, porque son eles os que van enfrontar o conflito e chegar a acordos, axudados polo profesional da mediación, que é imparcial e neutral. O seu traballo é tender pontes, non asesorar, facilitando que o conflito se vexa desde todos os puntos de vista. Do que trata a mediación é de virar 180 graos o conflito, para que cada parte vexa o problema desde o punto de vista do outro.

Que principios a rexen? 

Todo proceso de mediación desenvólvese baixo as premisas da voluntariedade, neutralidade, imparcialidade e confidencialidade. Dentro desa voluntariedade, a mediación non se inicia se as partes non están decididas ou se empezan o proceso e deciden acabar antes de tempo sen acordo. Tamén é voluntario para o mediador, quen determinará se o que se fala entre as partes se pode mediar ou non. Existen conflitos en que non é posible a mediación: cando se dá unha desigualdade ou falta de equilibrio entre as persoas en conflito, cando o mediador observa que hai unha situación de maltrato ou violencia, ou se as partes están tan enfrontadas que non poderán resolvelo nese momento.

Como se regula?

Existen tantos tipos de mediación como conflitos, no ámbito familiar, laboral, escolar, civil ou comercial. A súa regulación está recollida na Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en materia civil e mercantil, que reúne as directivas comunitarias e cuxo regulamento se desenvolveu un ano despois, no Real decreto 980/2013. As distintas normativas autonómicas en materia de mediación familiar adhírense aos mesmos principios e bases establecidos pola lexislación estatal e europea.

Onde se pode atopar un mediador?

O Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación depende do Ministerio de Xustiza e recóllese nunha base de datos informatizada e gratuíta, a través do portal web do ministerio. Así mesmo, a Asociación Española de Mediación publica anualmente unha Guía de Mediadores Profesionais de España, que se pode consultar online ou en papel en xulgados, notarías, concellos, rexistros da propiedade e do mercantil, nos que se atopan os datos dos mediadores en activo,  por provincias e área de especialización. Desta forma podemos buscar profesionais mediadores que estean debidamente formados e certificados para desenvolveren a súa actividade, cumprindo cos requisitos recollidos na lei.  

Rexistro de Mediadores: remediabuscador.mjusticia.gob.es

Asociación Española de Mediación: asemed.org

Que vantaxes ten?

A mediación é un proceso máis flexible e económico que acudir aos xulgados e os seus prazos de resolución tamén son máis breves. A mediación equilibra a situación, para que haxa igualdade de condicións entre ambas as partes en conflito, nun espazo cómodo e tranquilo, no que poidan expresar o que lles pasa e escoitar o outro. É un proceso máis rendible que xudicializar, non só no aspecto económico, senón por tempo e emocións. “No xulgado hai cuestións, feridas de fondo, que non se poden tratar. O xuíz non vai escoitar a parte emocional, nin resolvela, só dita sentenza e iso é poñer un apósito sobre unha ferida que non cura. A mediación levanta o apósito, desinfecta a ferida e deixa que cure ao aire. Podería dicirse que os mediadores somos os sanitarios dos conflitos”, explica Nuria Calvo.

En que tipo de conflitos pode intervir?

Xa se trate de separacións, divorcios, conflitos na aula, agravios no ámbito laboral, problemas veciñais, reparticións de herdanza ou disolución de empresas familiares, a mediación chega a calquera ámbito da vida civil e comercial, aínda que tamén existe a mediación penal e penitenciaria, comunitaria e intercultural, que axudará a considerar diferentes puntos de vista para resolver unha situación enquistada. A mediación na comunidade educativa pode abordar o acoso escolar mediante a prevención e a formación, pero non cando o bullying xa se cometeu, porque implica que a violencia xa existe. Do mesmo xeito, non é posible mediar en casos de violencia de xénero durante un proceso de separación. Si se poden facer en mediación, “prácticas restaurativas”, en paralelo ao xulgado, para conseguir unha comunicación diferente, sen violencia, como forma de xestionar o conflito. “Deste xeito, as vítimas poden procesar como se sentiron e os vitimarios reflexionaren sobre o que os levou a facer dano e escoitar a vítima sobre o que provocou a súa conduta. Isto non implica que cheguen a un acordo, pero si que sexan capaces de seguir coas súas vidas”, sinala a mediadora.

Como se aplica no ámbito familiar?

Ás veces, o conflito prodúcese no seo da familia, que pode recorrer á mediación se non atopa as ferramentas para resolvelo por si mesma. Este tipo de intervención afecta a todos os membros da familia implicados, para cambiar a forma de tratarse cara á comunicación non violenta. O profesional da mediación proporcionaralles habilidades de asertividade, descrición de emocións e escoita activa. “Cando che falan ben, respondes ben. Iso é o que traballamos coas familias que teñen problemas. Por exemplo, os pais que adoptaron e teñen dificultades con esa adopción cando o neno medra. Traballamos con todos eles para que a forma de comunicarse sexa diferente e deixe de gritar e insultar e se transforme nunha comunicación fluída e de calidade”, sinala Calvo Boizas.

Tamén se pode recorrer á mediación ante a dificultade que supón o coidado de familiares dependentes. “Traballamos moito os conflitos relacionados co coidado de anciáns ou fillos enfermos, porque nas familias xorden moitos conflitos cando hai algún membro que precisa coidados especiais. Isto xera que todo xire arredor deses familiares e xurdan friccións sobre como nos organizamos ou tomamos decisións. Todo isto pódese traballar coa familia de xeito preventivo, para que no futuro teñan as ferramentas suficientes para solucionaren cada situación”, explica Calvo. Outra posible intervención mediadora atópase na contorna das empresas familiares, nas que se abordan posibles conflitos futuros mediante a creación de protocolos, para ordenar o relevo xeracional cando, por exemplo, se xubile o dono da empresa, e deixar así por escrito como se incorporarán os fillos e a familia política e como resolver os problemas societarios que poidan xurdir na empresa familiar. 

Como comeza un proceso? 

Todo comeza cunha sesión informativa, coas partes reunidas ou por separado, para informalas sobre como será o proceso de mediación, os principios que o rexen, o espazo seguro —físico ou online— no que se vai realizar, as normas de quenda de palabra, tempos e a forma en que se vai levar a cabo a mediación. Despois da sesión informativa, se as partes non están convencidas, dáse unha marxe de 48 a 72 horas para que valoren e decidan se queren iniciar a mediación ou non. Unha vez aceptado, na seguinte reunión asínase a acta de constitución, no que ambas as partes se comprometen a participar e colaborar na mediación, nos termos formulados na sesión informativa. Acórdase o prezo por sesión, as normas que rexerán estes encontros e faise constar un breve resumo do problema que lles leva á mediación.

Que pasos hai que seguir?

A mediación comeza cando se ten coñecemento do problema por primeira vez. Trátase de facelo con coidado coas dúas partes. Primeiro fala unha, dende o seu punto de vista, durante 15 minutos, sen interrupcións. Ao rematar, o mediador fai un resumo ou ‘parafraseo’ do que explicou, para que a persoa escoite a súa propia historia na boca doutro e tamén para que a outra parte escoite a versión a través dun terceiro. Despois, a outra parte, nos seus 15 minutos, contará o seu punto de vista. De novo, resúmese. Posteriormente, o mediador fai preguntas, indagando, cunha comunicación positiva, para que traballen todo o que está enquistado.

Despois da primeira sesión conxunta pódese realizar o “Caucus” ou sesión individual e privada, na que o mediador formula preguntas que faciliten o desabafo e análise de cada parte por separado. Os mediadores non dirixen nin suxiren solucións ao conflito, senón a través de diferentes ferramentas, como o trebón de ideas, as cartas cos desexos de como lles gustaría que fose a situación ou o intercambio de roles, entre outras. Cada parte vai atopando o camiño e as solucións, sexan parciais ou totais, para chegar a un acordo nas seguintes sesións conxuntas.

Que pasa se non se chega a un acordo?

Ao remate de cada sesión de mediación, asínase os acordos parciais alcanzados e o acordo final cando remata a mediación. Posteriormente, poderán ser trasladados aos avogados, se é o caso, para que den forma legal, se se ten que presentar ante un xulgado como procedemento para homologar, ou ante un notario, se se pretende elevar a escritura pública, para que se poidan executar en caso de incumprimento. “Cando un conflito se afianza e as partes non poden avanzar, a mediación remata sen acordo. Pero non é un fracaso, senón un primeiro paso. Ou quizais o conflito consta de catro puntos e só se chega a acordos en tres deles e no cuarto deciden acudir aos tribunais. A mediación pode ser un primeiro paso para chegar a novos acordos no futuro”, reflexiona Calvo Boizas.

Canto custa?

Algunhas comunidades autónomas dispoñen dun sistema de quendas de oficio de mediación gratuíta no ámbito familiar, para persoas sen recursos que precisen da súa axuda. Porén, a mediación aínda non está xeneralizada e incorporada á xustiza gratuíta. No ámbito privado, hai liberdade de prezos, que oscilan entre 40 e 120 euros por sesión e adoitan durar entre 50 e 60 minutos, dependendo da dificultade do conflito. O obxectivo é atopar unha solución no menor tempo posible. A mediación é máis flexible e máis rápida que calquera outro procedemento. Se se establece unha sesión á semana, por exemplo, en catro ou seis semanas, mes e medio, podería resolverse. Neste caso, os prezos da mediación estarían entre 160-480 euros se dura catro semanas, e entre 240 e 720 euros, se dura seis. Nalgunhas mediacións moi complexas, nas que, por exemplo, o mediador ten que elaborar un protocolo ou unha repartición de herdanza con moito patrimonio para dividir, pódese acordar o cobramento dunha porcentaxe do resultado. En todo caso, a mediación resulta máis económica que a resolución do conflito en vía xudicial [en procesos nos que a cantidade reclamada supere os 2 000 euros], o que suporía un gasto en honorarios de avogado, aranceis do procurador e custas procesuais. O prezo da mediación acórdase e asínase na sesión constitutiva e adoita ser pago a medias entre as partes.