Vaporear vs. fumar. Distinta calada, mesmo dano
O pasado mes de decembro, unha investigación realizada polo diario británico The Times revelou o que xa era un segredo a voces: detrás das campañas en Facebook e Twitter que promovían a liberdade e o glamour de vaporear estaban organizacións vinculadas ás tabaqueiras, que son os grandes accionistas das empresas de cigarros electrónicos. Este traballo xornalístico tamén mostrou como a industria da nicotina financiou artigos científicos que minimizan os riscos do vapeo. Situar estes aparellos no mercado como unha alternativa menos mala ao tabaco tradicional é o principal obxectivo dos fabricantes, pero as probas están a demostrar que son igual de prexudiciais. «Múltiples estudos –sen interferencias da industria do tabaco– están a demostrar a capacidade destes dispositivos para produciren exactamente as mesmas enfermidades que produce o tabaco convencional. Estamos a falar do empeoramento da asma, dun maior risco de procesos infecciosos e peor evolución destes, así como dun potencial enfisema pulmonar, bronquite crónica e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), que xa é a terceira causa de mortalidade global e de perda de calidade de vida”, explica Ruth Pitti, vocal da área de Tabaquismo da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR).
Cada vez máis novos.
Para os neumólogos non está a ser doado contrarrestar con pedagoxía a esmagadora presenza do vaporeador. O consumo de tabaco, en todas as súas formas, medrou entre os mozos españois de entre 18 e 24 anos e en boa medida pola normalización do seu uso nas redes sociais. Así o revela a Asociación Española Contra o Cancro, que detalla que o 57 % dos mozos e mozas pensa que vaporear está de moda porque o fan actores, streamers e influencers. Aínda que a media de idade para comezar a fumar cigarros é de 14 anos, a primeira calada electrónica chega aos 9 anos, segundo o Comité Nacional de Prevención do Tabaquismo.
Existen varios tipos de dispositivos para inhalar que se poden confundir. Cada un ten as súas características particulares.
- Cigarro electrónico ou vaporeador. Estes dispositivos producen vapor usando un líquido, que xeralmente contén substancias aromáticas e cantidades variables de nicotina líquida, que se quenta mediante un atomizador e despois se inhala. Poden ser descartables, recargables mediante un contedor de carga ou cun cartucho.
- Vaporizador. Tal como o cigarro electrónico, utilízase para inhalar unha substancia en forma de vapor, pero mentres que o primeiro está deseñado para evaporar líquidos con sabor, estes están deseñados para pulverizar substancias sólidas, como herbas (cánnabis), resinas
ou aceites esenciais. - Tabaco quentado. Estes dispositivos conteñen tabaco procesado, picado ou en po, que se quenta en lugar de queimar. A normativa española equipárao co tabaco convencional, polo que a súa venda está prohibida a menores e non se pode utilizar nos mesmos espazos que os cigarros.
Un fume por descubrir.
Sábese moito das máis de 7.000 substancias químicas e tóxicos que compoñen o fume do tabaco tradicional, pero aínda queda por descubrir case todo os vaporeadores. Os científicos levan desde 1954 realizando estudos epidemiolóxicos sobre o cigarro convencional, mentres que o electrónico leva pouco máis de 20 anos no mercado. «Queda aproximadamente unha década para coñecer exactamente os danos xerados polo vaporeador. Non só nos pulmóns, senón en todo o organismo», indica Ruth Pitti. A pesar deste atraso na investigación, xa se dispón de información suficiente para afirmar que as substancias contidas nestes aparellos son tóxicas para as vías respiratorias e o sistema cardiovascular.
«Algunhas destas substancias están aprobadas para a súa inxestión por axencias como a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA, polas súas siglas en inglés), pero non o están para o seu consumo por inhalación. Ademais, conteñen axentes coñecidos como carcinóxenos clasificados como de clase I pola Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC, polas súas siglas en inglés). É dicir, son capaces de producir mutacións tumorais nas nosas células independentemente da súa concentración», informa a neumóloga. Isto non é exclusivo do vaporeador e tamén se dá cos cigarros convencionais, pero precisamente por iso a comunidade científica chega á conclusión de que calquera consumo, xa sexa cun vapeador ou con tabaco tradicional, suporá sempre un risco de desenvolver cancro. «Obviamente, canto máis se fume ou vaporee, maiores son as posibilidades. Pero dada a natureza destes axentes carcinóxenos, mínimos consumos nunha persoa predisposta xeneticamente, pode acabar desenvolvendo este tipo de enfermidades», advirte Pitti.
O dano é aínda maior en mozos, mozas e adolescentes. En xeral, o aparello respiratorio está deseñado para recibir unicamente aire cargado de osíxeno e expulsar dióxido de carbono, polo que non leva nada ben que cheguen a el substancias tóxicas. «Pero, se por riba lle engadimos o feito de que nin o sistema respiratorio nin o sistema inmunolóxico acabaron aínda de se formaren, o dano será maior», indica Pitti. Hai efectos que se observan máis a longo prazo, despois de anos de consumo, como a perda da función pulmonar ou a EPOC. Pero tamén se están a ver consecuencias a curto prazo, sen necesidade de levar anos vaporeando. «Estamos a falar dunha maior frecuencia de infeccións das vías altas -rinite, otite ou sinusite- ou dun mal control da asma», sinala.
Ao quentar o líquido no cartucho, os seus compostos convértense en aerosois, que son inhalados polo usuario. A calor tamén fai que algúns materiais do dispositivo se disolvan e se aspiren.
Creando un cerebro adicto.
Outra parte escura destes produtos é a súa etiquetaxe, que ata a data é bastante laxa. Hai diferenzas substanciais entre o que di ter e o que realmente ten. Un estudo de 2015 que analizou o contido dos cigarros electrónicos en varios países mostrou que algúns dos clasificados como «sen nicotina» si a conteñen, aínda que en pequenas cantidades. «Pero cantidades mínimas de nicotina, ademais da propia conduta de consumo, xa teñen a capacidade de xeraren un cerebro adicto. Todo isto fai que o uso de vaporeadores se converta nunha porta de entrada ao consumo de tabaco», engade Pitti.
Isto xa se está a observar na poboación máis nova, tal e como demostran as enquisas sobre adiccións dos últimos anos (ESTUDES 2023 e EDADES 2022). Deles xorden datos que demostran que o vaporeo abre a porta ao tabaco. Segundo a enquisa do Ministerio de Sanidade sobre o uso de drogas no ensino secundario (ESTUDES), entre os 12 e os 13 anos, o cigarro tradicional non está tan estendido –faino un 4,1 %– e prefírese o electrónico, pero o consumo de tabaco quintuplícase entre os 14 e 18 anos (21 %).
Cando falamos de menores, todo está en construción, incluído o cerebro, que non acaba de madurar ata os 25 anos. A última parte en facelo é a encargada de tomar decisións e controlar os impulsos, un motivo que converte á maioría dos adolescentes en «curtopracistas» e cunha «certa predisposición» a asumir riscos que, sendo adultos, nin se lles pasarían pola cabeza. «É neste momento no que se xeran adiccións, dado que o contacto con substancias aditivas como a nicotina, cun potencial aditivo igual ou superior ao da heroína, é capaz de modificar ese cerebro en construción», analiza o neumólogo.
Que substancias conteñen?
Non se sabe exactamente o que conteñen estes cigarros electrónicos e o que o organismo traga ao vaporear. En primeiro lugar, porque ao falar das substancias que conteñen hai que mencionar, por unha banda, as que están no líquido e que foron aprobadas maioritariamente para o seu uso en alimentos e cosméticos, pero non para seren inhaladas e, por outra, as que se producen como consecuencia do seu quecemento e que se manifestan a través do vapor. Estas últimas son máis ou menos tóxicas, dependendo da potencia do quecemento, da resistencia empregada e do material co que estea feito o aparello.
En segundo lugar, porque cada país ten unha normativa diferente. Case todas as normativas, se non todas, están cheas de baleiros legais. Ademais, moitos cartuchos son vendidos, especialmente en liña, de forma ilegal, é dicir, sen ter informado sobre a súa composición. En terceiro lugar, porque hai miles de fabricantes en todo o mundo e cada un deles engádelle diferentes substancias con diferentes sabores que son á súa vez unha combinación de diferentes químicos. Sen esquecer o complicado que é calcular a dose destas substancias que se adquiren ao vaporear, xa que, ao non indicar as unidades como os cigarros, é difícil de avaliar. Polo momento, isto é o que a ciencia sabe sobre algunhas destas substancias:
Co paso do tempo, a medida que continúe o uso do cigarro electrónico, os expertos entenderán mellor como afecta o vaporeo aos pulmóns. Pero o que se sabe polo momento é que hai varias enfermidades asociadas ao vaporeo.
- Pulmón de flocos de millo. «Os neumólogos denominámola bronquiolite obliterante. É unha inflamación bronquial e xa hai estudos que a relacionan con aromas e outras substancias dos cigarros electrónicos, entre eles o diacetil. Foi descrita en 2001 cando un grupo de traballadores da industria alimentaria (que pasaba moito tempo inhalando este produto químico) encargados de faceren os flocos de millo con manteiga para microoandas caeu enfermo, de aí o nome non científico», explica a neumóloga Ruth Pitti.
- Epidemia EVALI. Son as siglas en inglés de dano pulmonar asociado ao vaporeo e cigarro electrónico e foi descrita o verán de 2019 nos EUA, onde resultaron afectadas máis de 2.800 persoas, das que faleceron 68. Esta enfermidade, que causa danos moi similares aos da covid-19, acabou relacionándose co acetato de vitamina E.
- Neumotórax espontáneo primario. Esta enfermidade, tamén chamada colapso pulmonar, prodúcese cando hai un burato no pulmón polo que escapa o osíxeno. Isto é algo que pode ocorrer despois dunha ferida (por exemplo, de arma branca), pero tamén porque nalgunhas persoas se desenvolven unhas bochas na parte superior dos pulmóns que non producen síntomas, pero que si se poden romper co tabaquismo. Recentemente, o prestixioso cirurxián torácico do hospital Johns Hopkins (EUA), Stephen R. Broderick, alertou de numerosos casos de pulmóns colapsados entre mozos e mozas que non fuman, pero si vaporean.
Nicotina: unha cantidade incontrolable.
Esta substancia altamente aditiva atópase nos cigarros tradicionais, pero tamén nos vaporeadores. «Incluso está presente en doses baixas nalgúns dos catalogados como sen nicotina», advirte Ruth Pitti. Este composto provoca efectos negativos sobre o sistema nervioso central, o endócrino, o cardiovascular, o musculoesquelético, o respiratorio, o gastrointestinal, o metabolismo en xeral e o desenvolvemento do feto. Segundo a Sociedade Americana contra o Cancro (American Cancer Society), se un cigarro ten unha media de 8 mg de nicotina e ao fumar alcanza entre 1 mg e 2 mg ao organismo, segundo a marca (necesita unha media de oito succións para consumirse), nos electrónicos as cantidades varían segundo cada fabricante, polo que a maioría das veces o consumidor descoñece a nicotina que está a tomar. Para consumir completamente un cartucho é necesario un maior número de caladas, o que correspondería a un maior número de cigarros convencionais. Os datos varían dunha marca a outra, pero de media un cartucho consómese en 230 succións, o que equivale a case 28 cigarros convencionais.
Propilenglicol e outros compostos.
O líquido base dos vaporeadores é o propilenglicol, unha substancia derivada do glicerol e un aditivo común nos alimentos. Tamén se usa para facer anticonxelante, disolvente de pintura e fume artificial. Os glicois, que están presentes nos complementos alimenticios, son inofensivos cando se consomen por vía oral, pero cando se inhalan teñen efectos negativos para a saúde: irritación das vías respiratorias que poden agravar problemas de asma, fibrose quística e a EPOC. Ademais, ao seren sometidos á combustión, poden xerar pequenos compostos como o formaldehido (tóxico que pode provocar enfermidades pulmonares e aumentar o risco de cardiopatías), acetaldehido e a acroleína (herbicida que pode causar danos pulmonares irreversibles), todos eles substancias canceríxenas.
Os cigarros electrónicos tamén conteñen a miúdo diacetil, un produto químico ligado a unha enfermidade pulmonar chamada bronquiolite obliterante. Ademais, os compoñentes metálicos que quentan o líquido dos vaporeadores poden liberar metais nocivos como níquel, estaño, chumbo ou cadmio. Outra substancia propia destes dispositivos é o benceno, un composto volátil presente nos tubos de escape dos automóbiles.
Nos cigarros electrónicos tamén se poden atopar algunhas substancias prohibidas en España, como o acetato de vitamina E. Aínda que legalmente os vaporeadores que o conteñen non se poden vender no noso país, os que se compran en liña e os que veñen doutros países poden utilizalo como axente espesante e de distribución. Estes aceites, que se usan en cosméticos e suplementos nutricionais, non están aprobados para a inhalación. Despois do diagnóstico dunha misteriosa enfermidade pulmonar que causou 68 mortes nos Estados Unidos, unha investigación descubriu que estes aceites poderían recubrir os pulmóns e provocar unha intoxicación xeneralizada.
«Os aerosois que expulsan os vaporeadores danan o corazón. Pero, ademais, teñen un efecto que non teñen os cigarros convencionais, e é que estas substancias, como a acroleína e a nicotina, producen alteracións no sistema eléctrico do corazón e poden chegar a producir arritmias, tanto taquicardias como bradicardias, e algunhas veces poden resultar mortais», explica o cardiólogo Manuel Anguita, portavoz da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC). E isto pode ocorrer a curto prazo, sen ter que levar anos vaporeando.
Ademais, o uso destes dispositivos non axuda a deixar a nicotina. Así o demostra a información do grupo de traballo de Abordaje de Tabaquismo de la Sociedad Española de Medicina Familiar y Comunitaria (semFYC), que indica que o 80 % dos consumidores de cigarros electrónicos tamén fuman tabaco, o que aumenta o risco de sufrir un infarto de miocardio e un ictus. «Tanto o risco de infarto como de endurecemento das arterias obsérvase máis a longo prazo, pero a curto prazo nos mozos e mozas estase a ver un maior risco de arritmias e palpitacións, precisamente porque as substancias do vaporeador entran en contacto con tecidos orgánicos aínda inmaduros e os efectos nocivos son maiores», aclara o cardiólogo.