Artrose en xente nova
No extremo dos nosos ósos, xusto onde se unen cos outros para formaren a articulación, temos un material esponxoso que vale o seu peso en ouro. Encárgase de soportar e distribuír as cargas e de facilitar o movemento sen que os ósos se rozen entre si. Pero como ese amor que non coidamos como se merecía, só nos acordamos del cando xa o perdemos. Estamos a falar da cartilaxe, un tecido elástico que, ao desgastarse, provoca a temida osteoartrite, máis coñecido por todos como artrose. Considerado coma un trastorno case exclusivamente da terceira idade, non é raro que moitas persoas na trintena, por descoñecemento e incredulidade, sexan incapaces de vincular a dor no pescozo ou nalgunha extremidade con esta enfermidade. Por iso, cando se queixan, fano con frases do estilo “estou fatal das cervicais”, “teño o xeonllo sobrecargado” ou “levo unha semana cun tirón na man”. Malia a non relacionalo coa artrose, é posible que a padezan.
Pacientes antes dos 40
Ata hai pouco, cando unha persoa menor de 40 anos presentaba algunha destas molestias, os especialistas adoitaban tratalas como inflamacións, esgazaduras ou outras lesións mal curadas. Hoxe sábese que estas dores poden ser síntomas dunha artrose precoz, polo que se abriron posibilidades de tratamento para retardar esta patoloxía, pero sobre todo de prevención. “A artrose é unha das patoloxías articulares máis prevalentes no noso país e aféctalle a un de cada tres españois maiores de 40 anos, uns sete millóns de persoas. Aínda que sempre estivo moi vinculada á terceira idade, ao tratarse dunha patoloxía dexenerativa, a realidade é que non só a sofren persoas maiores, senón que tamén pode afectar a pacientes máis novos”, explica Enrique Calvo, especialista en Reumatoloxía do Hospital Universitario Infanta Leonor (Madrid). Así o confirma Francisco Castro, xefe de Reumatoloxía do Centro Médico Teknon de Barcelona: “Aínda que non existe unha prevalencia establecida en xente nova, a detección precoz si que revelou un aumento nos casos de artrose en persoas entre os 30 e 40 anos”. A que pode deberse? Ambos os especialistas aseguran que este debut precoz débese a un cóctel de factores. “Estamos a falar de predisposición xenética, obesidade e realización de determinadas actividades laborais ou deportes de alto impacto que xeren sobrecarga articular”, detalla Calvo.
Primaria
Aínda que representa a gran maioría dos casos, descoñécese a causa. Pode afectar só a articulacións específicas, como as da man, o xeonllo ou a cadeira, ou pode moitas articulacións á vez.
Secundaria
A causa é outra enfermidade, como unha infección, unha anomalía articular conxénita, unha lesión, un trastorno metabólico, un trastorno que danou a cartilaxe articular, por exemplo, a artrite reumatoide ou a gota.
Como se aborda na xente nova
Precisamente, ao tratarse dunha enfermidade con diferentes causas, a abordaxe da artrose precoz debe ser sempre individualizada e tendo en conta os factores de risco desa persoa. “É fundamental diferenciar entre artrose postraumática, mecánica, metabólica, inflamatoria ou xenética, xa que cada unha ten un manexo diferente”, explica Francisco Castro. Coñecer que tipo de artrose padece o paciente pode axudar a facer que a enfermidade avance máis devagar, aínda que é certo que unha vez que se desgasta a cartilaxe non hai volta atrás, hai certas esperanzas de mellorar se se trata a tempo. “A diferenza doutros tecidos, a cartilaxe articular ten unha capacidade rexenerativa moi limitada debido á súa baixa vascularización e á ausencia de células nai residentes con alto potencial reparador. Porén, xa se viu que é precisamente nas fases iniciais da artrose, cando algunhas estratexias poden retardar máis a progresión e mesmo inducir certa reparación tisular”, relata Castro. Polo tanto, antes de elixir o tratamento, é necesario estudar o que levou o paciente a desenvolver artrose.
Ata 77 xenes implicados
O primeiro factor de risco entre a xente nova é a predisposición xenética. Algúns estudos específicos, como o realizado polo Instituto de Investigación Sanitaria do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, analizaron a artrose por articulación afectada e demostraron que se trata dunha enfermidade herdada en ao redor do 35-65 % dos casos, dependendo da parte do corpo. No caso da artrose do xeonllo, coñecida como gonartrose, os xenes están detrás do 40 % dos casos; na cadeira (coxartrose), nun 60 %; na artrose da man, nun 65 %; e na de columna (espondiloartrose), nun 70 %.
Outro estudo realizado por Osteoarthritis Genetics Consortium, unha iniciativa internacional de investigación que se centra no estudo dos factores xenéticos asociados coa osteoartrite, e baseado nunha metaanálise con 117.517 casos de artrose, amosou a existencia de 77 xenes implicados nesta patoloxía. Enrique Calvo coñece por experiencia clínica a importancia da xenética nesta enfermidade: “Moitos dos meus pacientes teñen na súa familia varios membros que tamén padecen ou sufriron a enfermidade, en ocasións a pronta idade e coas mesmas articulacións afectadas. Grazas á investigación, hoxe sabemos que a xenética é responsable de alteracións na reparación do coláxeno ou da cartilaxe, e que certas variacións do ADN tamén poden influír nas moléculas relacionadas coa inflamación. Non obstante, cómpre remarcar que o ambiente, o estilo de vida e moitos outros factores poden modificar as posibilidades de desenvolver artrose e a súa evolución”.
Máis resistencia muscular e menos dor
A propiocepción é o noso sexto sentido. É case descoñecido, pero o seu papel é fundamental, xa que nos axuda a saber onde está cada parte do corpo sen mirar nin pararnos a pensar. Dámolo por feito, é algo que facemos inconscientemente, pero son os propioceptores (os receptores nerviosos que están nos músculos, articulacións e ligamentos) os que se encargan de controlar o movemento. Os reumatólogos e os rehabilitadores observaron que adestrar este sistema axúdalles aos pacientes con artrose, especialmente do xeonllo e da man.
- En que consiste? O propósito do adestramento propioceptivo é aumentar a conciencia corporal e a percepción da nosa postura. Algo que pode axudar a corrixir os desequilibrios musculares, mellorar o aliñamento corporal e previr dores e lesións relacionadas coas malas posturas.
- Equilibrio e coordinación. O fisioterapeuta deseñará exercicios específicos para desenvolver e mellorar a propiocepción, como o equilibrio sobre superficies inestables (encima dun coxín, almofada ou colchoneta), exercicios de coordinación (movementos articulares suaves, como rotacións e flexións ou extensións) e movementos controlados en diferentes planos e direccións.
- Maior control. Outros exercicios típicos son os movementos dunha soa perna, como o apoio nun pé ou realizar zancadas cunha soa perna.
- Resistencia. O uso de bandas elásticas e peso libre tamén é algo recorrente á hora de deseñar este adestramento, xa que achegan unha resistencia adicional e axudarán a poñer os músculos e as articulacións a proba para que estes sexan capaces de se adaptaren a calquera carga externa.
A carga da obesidade
O segundo factor de risco na xente máis nova é a obesidade. Segundo a Sociedade Española de Radioloxía, as persoas cun índice de masa corporal (IMC) igual ou superior a 30 kg/m2 en adultos, teñen case sete veces máis posibilidades de sufriren artrose. “A asociación coa obesidade observouse tanto na artrose de articulacións de carga, cadeira e xeonllo, como en articulacións que non son de carga, como as mans, ou coa propia artrose xeneralizada”, analiza Francisco Castro. Ademais da degradación da cartilaxe provocada pola carga excesiva, a obesidade tamén aumenta as posibilidades de sufrir artrose noutras partes do corpo que, en principio, non teñen entre as súas funcións o soportaren os quilos, como as mans. “A inflamación provocada pola obesidade, que é unha alteración metabólica, fai que se produzan moléculas que favorecen o desgaste da cartilaxe”, asegura o reumatólogo.
Os deportes de impacto
Un 30 % dos deportistas de elite padecen artrose ao longo da súa carreira deportiva, segundo datos da Fundación Internacional da Artrose (OAFI, polas súas siglas en inglés) e do Comité Olímpico Español (COE). Segundo estas organizacións, calcúlase que os futbolistas de elite presentan un 29% dos casos de artrose de xeonllo, fronte ao 3 % dos non profesionais. A esta estatística súmanse casos coñecidos como o do deportista Carl Lewis, cuxa artrose lle provocou a súa retirada, ou recentemente o dos tenistas Andy Murray ou Rafa Nadal. Pero por contraditorio que pareza, o deporte non provoca artrose. O que si a provoca son as continuas lesións: meniscos lesionados, ligamentos desgarrados, as feridas repetidas no mesmo lugar ou un golpe articular (caída sobre o xeonllo, por exemplo). Ao longo da vida deportiva, todo isto pode desestabilizar unha articulación, aumentar así a fricción e derivar nunha osteoatrite.
Pero isto non só ocorre cos deportistas de elite. Así mesmo, tamén existe un risco naquela xente nova que fan exercicio de forma moi intensa todos os días. Falamos de actividades que producen cargas mecánicas nas superficies articulares que acaban provocando microfracturas do óso subcondral (o óso que contén a cartilaxe). Ás veces, isto é agravado pola ausencia dun período de recuperación das lesións. En consecuencia, fórmase o caldo de cultivo idóneo para a chegada da artrose precoz.

Traballos que forzan a cartilaxe
A artrite é en última instancia a consecuencia da cartilaxe desgastada, pero en realidade non é un tecido delicado. Todo o contrario. A cartilaxe está deseñada para soportar e ser capaz de soportar tensións repetidas ao longo da vida dunha persoa. Cada vez que nos apoiamos, a cartilaxe correspondente a esa articulación pode soportar unha carga entre catro e seis veces o peso do corpo da persoa. O problema está en determinadas actividades ou traballos que se centran en esforzar repetidamente unha ou varias articulacións ao longo de moito tempo.
Os reumatólogos comprobaron ao longo da súa experiencia clínica que determinadas profesións que someten as articulacións a vibracións mecánicas e golpes transmitidos por algunhas máquinas, ferramentas ou obxectos, son máis vulnerables ao desenvolvemento de artrose. Algúns estudos mencionan especificamente casos nos que se traballa co martelo pneumático, traballos de movemento de terras e demolición, nos que se empregan pistolas de selado ou cravadoras e remachadoras. Tamén destacan como actividades de máis risco aqueles labores que repiten xestos e posturas de traballo, como paleadores, ferreiros, talladores, metalúrxicos, aqueles que realizan unha actividade que require un elevado traballo muscular —obreiros encargados de movementos de terras, estibadores ou cargadores— ou aqueles que realizan traballos que requiren un transporte intermitente de cargas. Tamén se observaron bastantes casos de osteoartrite dos dedos en costureiras, pianistas ou obreiros que traballan cun martelo picador ou con ferramentas de aire comprimido.
O importante é a prevención
Tendo en conta todos estes factores de risco, pódese previr a chegada da artrose precoz? Si. “Evitar tanto os traumatismos tanto repetitivos como os puntuais de alto impacto, fortalecer a musculatura periarticular —a que rodea a articulación— e reducir ou evitar o sobrepeso son fundamentais para atrasar a aparición desta patoloxía. Ademais, é fundamental coidar a alimentación”, recomenda Francisco Castro. Ao final, unha dieta equilibrada, baseada en alimentos saudables, axuda a reducir a inflamación e fortalece as articulacións, o que atrasa, en todos os casos, a aparición da artrose. “É fundamental incluír ácidos graxos omega 3, antioxidantes e minerais esenciais; evitar alimentos que aumenten a inflamación, como azucres refinados, graxas trans e procesadas ou carbohidratos refinados, e darlle prioridade a alimentos antiinflamatorios, como verduras, froitas, legumes e cereais integrais. Sen esquecerse de manter unha hidratación adecuada”, engade o reumatólogo.
Pero, e se xa sufrimos unha artrose precoz? “Hoxe existe a posibilidade de tratar o paciente coa reeducación biomecánica, é dicir, adestrar a postura mediante programas avanzados de fisioterapia, e con terapias baseadas no fortalecemento muscular, con adestramento propioceptivo”, explica Francisco Castro. Este tipo de adestramento é o que reforza a capacidade do noso corpo para detectar a súa orientación espacial, a posición das articulacións, a sincronización e a velocidade coa que realizamos os movementos. Trabállase a forza, a coordinación, o equilibrio e a elasticidade.
Por suposto, o tratamento farmacolóxico tamén está dispoñible para estes pacientes e consiste en tomar antiinflamatorios de forma puntual e infiltracións de ácido hialurónico ou plasma rico en plaquetas. Así mesmo, aínda que están en fase de investigación, certas terapias, como factores de crecemento e células nai, mostraron certo potencial na reparación da cartilaxe. Estes avances representan o futuro do tratamento da artrose, pero o coidado das nosas articulacións ten que ser unha prioridade. Sempre é mellor previr que curar.
A rizartrose na xente nova
Á artrose do polgar coñéceselle como rizartrose e afecta a articulación trapecio-metacarpiana. Chega con dor e inflamación na base do polgar, coa conseguinte dificultade para realizar as actividades cotiás e, ata hoxe, sempre tivera máis prevalencia nas mulleres de entre 50 e 60 anos e en persoas con algunhas profesións con traballos manuais con carga directa nas mans, como as de limpeza doméstica, albaneis, peiteadores, amas de casa ou pianistas. Pero na última década, os especialistas están a ver casos de xente nova con rizartrose, unha enfermidade que, co tempo, só tende a empeorar. O motivo? A razón está no uso do móbil. A prestixiosa revista The Lancet fíxose hai anos eco do termo whatsappite, acuñado en 2014 por unha médica española da Universidade de Granada. Inés Fernández Guerrero modernizou o termo rizartrose con ese nome ao observar como unha paciente nova sufría debilidade e dor nos seus polgares e pulsos tras enviar mensaxes de WhatsApp de xeito masiva, unha acción que lle provocou unha dexeneración da articulación trapecio-metacarpiana. Segundo a dor e a progresión deste desgaste, pódese tratar con antiinflamatorios, colocando unha férula, con infiltracións ou prescribindo sesións de rehabilitación. A última opción é a cirurxía.