A viaxe dun bo desexo

1 Decembro de 2011
Img en imagenes listado 243

A viaxe dun bo desexo

Unha idea que xorde na cabeza dun ilustrador e que toma forma e cor nun proceso de traballo que dura un ano, para desexar un feliz nadal. O ano pasado máis de 800.000 postais de Intermón Oxfam viaxaron dun extremo a outro do planeta, xestos anónimos que contribuíron a financiar proxectos solidarios.

A xénese dunha ilustración solidaria

Baixo a luz tamizada dunha fiestra ben ampla, unha ilustradora da empresa Busquets dálle as últimas pinceladas a un dos debuxos que Intermón Oxfam vai empregar nas súas postais de nadal deste ano. Dende hai máis dunha década, Busquets doa o 16% da venda das tarxetas de nadal a esta ONG para que financie os proxectos de cooperación ao desenvolvemento, acción humanitaria, comercio xusto e mobilización social que realiza en 48 países.

Un soporte para mensaxes de esperanza

Así que os debuxos se aproban, escanéanse en alta resolución e convértense nun arquivo dixital. Logo dun traballo minucioso do departamento de deseño, imprímense no estudio varias probas de cara ao posterior envío á imprenta. Todos os anos Busquets e Intermón Oxfam crean dous produtos diferenciados: un paquete de 10 tarxetas máis sobres para particulares e outra liña de modelos para empresas, que poden personalizar o texto e o logo.

Brillos e cores para pintar as zonas grises do planeta

A imprenta recibe as pranchas definitivas e imprímeas en máquinas Offset de 4 ou 5 cores. A continuación, as tarxetas que foron deseñadas cun acabado máis exclusivo pasan por unha segunda máquina de impresión, esta de estampación térmica, que grava letras e debuxos en relevo e cores metálicas. Finalmente córtanse nunha guillotina e embálanse para a súa distribución. Hoxe, os deseños que aparecen nestas páxinas e que comezaron a xerarse o pasado outono, xa se venden nas tendas de Comercio Xusto de Intermón Oxfam, 38 en toda España, e en diferentes establecementos. Este ano no paquete de tarxetas pódese ler o lema “Neste nadal fai medrar as cousas boas”, co fin de denunciar as inxustizas no sistema de alimentación. Só no Corno de África máis de 13 millóns de persoas precisan comida, auga potable e servizos sanitarios básicos. Carencias vitais causadas polo aumento do prezo dos alimentos, a seca, os conflitos e a acumulación de terras por parte de gobernos e multinacionais.