Rocío Ramos-Paúl, "Supernanny"

"A clave dunha boa educación é crear hábitos, pór límites e querer moito o neno"

1 diciembre de 2011
Img entrevista listado 745

Acaban de estrear a sétima tempada de “Supernanny”. Cal é a clave do éxito deste formato?

É moi crible, xa que as dificultades que se amosan no programa se achegan bastante a todo o mundo. É frecuente ter un neno que colle rabechas, cun problema de alimentación, que sofre pesadelos ou que lle pega a outros.

Nestes momentos hai máis pais desesperados ca antes?

Máis ca os pais, mudaron as circunstancias. Pero non hai que pensar se antes era mellor ou peor, senón en que este é o momento que tocou vivir e é no que hai que educar.

Os nenos de agora son diferentes aos de antes?

Na actualidade aprendemos a darlle maior importancia á infancia e estimulamos máis aos nenos. Agora son máis listos, dan contestado ou razoado cuestións que antes non daban e teñen máis capacidade de entender as cousas. Isto é boísimo, porque os fixemos máis intelixentes, pero é un factor que ás veces non temos en conta no momento de educar.

A falta de tempo e o ritmo apresurado das familias provoca que os pais sexan máis tolerantes e permisivos?

Si. Os pais séntense culpables de que o neno pase pouco tempo con eles e vólvense máis permisivos con actuacións como “para que lle vou ensinar eu se xa o fan na escola” ou “non vou deixar que se frustre, xa o fará cando sexa grande”. Cando son pequenos é moi doado satisfacer os seus desexos cunha bagatela ou cun cromo, pero logo cando medran hai que aprender a dicirlle que non a cousas máis importantes e a situación pódese complicar moito por non saber actuar antes.

Na maioría das súas propostas o cambio na actitude do neno require unha modificación previa do comportamento dos proxenitores. Son eles os culpables dos problemas que teñen os seus fillos?

A min non me gusta falar de culpables, é máis ben unha cuestión de non saber facer. É certo que hai que comezar por mudar o comportamento dos pais, porque eles fan que cambie o neno. O que se equivoca é o proxenitor e é normal, o importante é sabelo recoñecer e pensar no camiño para facer as cousas doutro xeito.

En ocasións, os pais esquecen que son só nenos. Esixen demasiado?

Hai que relaxarxe. Ás veces esquécenos que é moi importante gozar da maternidade ou da paternidade e o exceso de esixencia, nalgúns casos, fai que esta parte pase nas puntas dos pés polas casas.

Cales son as actitudes dos proxenitores menos recomendables para a educación dos pequenos?

Un primeiro grande erro é sinalar en exceso os comportamentos negativos e máis aínda sinalar o neno con frases típicas como “es malo” ou “es un preguiceiro”, no canto de dicirlle: “isto hai que facelo deste xeito” ou “tes que ordenar o teu cuarto”. Ademais, convén marcar uns límites clave e que o neno os coñeza. Non hai que ser incoherente con actitudes como “hoxe castígoche por isto e mañá non”. Para rematar, un gran fallo é non recoñecer os logros do neno, isto afecta de maneira significativa á súa autoestima.

E as que máis educan?

O mellor para educar é crear hábitos, poñer límites e quererlle moito ao neno e demostrarllo. Esa é para min a base de toda a educación. Por iso é importante sinalarlle o que fai ben e premialo non con algo material senón cun xesto ou cunhas palabras de recoñecemento e permitirlle que se equivoque. Deste xeito, aprenderá a buscar solucións.

Pasar moitas horas cos nenos ou tempo de calidade. Que é máis recomendable?

Nas circunstancias nas que vivimos hoxe en día os pais teñen que avaliar con sinceridade canto tempo poden estar cos nenos e entender que ter fillos implica certas renuncias. Unha vez realizada esta reflexión, hai que intentar que o tempo do que se dispón sexa de calidade. Isto quere dicir que o neno sexa o protagonista dese tempo e implica, amais de xogar con el e facerlle sentirse querido, saberlle dicir que non cando cumpra, poñerlle normas e respectar uns hábitos.

A miúdo os proxenitores adquiren o papel do “bo” e do “malo”. É contraproducente esta actitude?

Educar é moi relativo e cada proxenitor pode ter un estilo diferente. Un pode ser máis doce e afectivo cando pon unha norma, sen deixar de ser firme e outro ter un carácter máis forte. O problema xorde cando se rexistra unha incoherencia entre ambos os dous en canto ás consecuencias de determinados comportamentos ou cando un ou outro non as establecen ou non as respectan. Isto leva o neno á confusión.

É desobediente, non dorme, non come, berra… En que momento os pais deben pensar en solicitar a axuda dun especialista?

Cando atopen unha dificultade que non saiban resolver. Cando se decaten de que o intentaron e non a dan solucionado e crean dinámicas no fogar que xeran un ambiente de tensión. Ese é o momento.

Que lles recomenda aos pais para enfrontar ás rabechas?

As rabechas que se dan na etapa entre os dous e catro anos teñen que se dar: os nenos berran e fan estas cousas porque non saben contar o que lles pasa. Hai que ensinarlle que esa non é a maneira axeitada de expresar o seu anoxo, cansazo ou malestar. Cando o neno mostra unha rabecha, que adoita vir precedida dun “non o podes facer”, hai que facerlle ver que ese comportamento non lle vale, que cando estea máis tranquilo o atenderemos. O perigo é que o neno vexa que co choro pode acadar todo o que quere.

Como deben actuar os pais e nais ante un neno desobediente?

A clave está nas consecuencias. Teñen que ser positivas e negativas, non é válido limitarse a castigar, sempre hai que premiar tamén aquilo que quero que se volva repetir. Este é o xeito de que apareza unha conduta. Se se aplica este patrón de forma sistemática e se converte nun xeito de educar, será máis doado afrontar etapas posteriores máis complicadas como a adolescencia.

Como deben ser os castigos?

O castigo implica impoñerlle ao neno algo que non lle guste e será efectivo sempre que sexa inmediato á conduta que se quere corrixir e que sexa igual en intensidade a esta. Se se cumpren estes criterios o castigo está ben posto e é unha maneira válida para eliminar unha conduta, pero non a única. Se só utilizamos o castigo e abusamos del, deixa de ter efecto, por iso é importante combinalo cos premios ou coa imposición dunha tarefa reparadora.

No seu último libro, ‘O meu fillo non come’, aborda un dos temas máis controvertidos nas familias. Que factores orixinan un problema coa alimentación?

Investigacións recentes apuntan a que arredor dos 2-3 anos os nenos experimentan unha especie de fobia a probar alimentos novos. Se se supera esta etapa animándoo a comer cousas novas en vez de tirar a toalla co “con tal de que coma tanto me ten” é probable que logo coma de todo. Tamén está a modalidade de “pais batedora”, que trituran toda a comida porque se non o neno non come, ou os que lles poñen sempre os mesmos pratos. Son accións que teñen moito que ver tamén coas présas que imperan nos fogares hoxe en día.

Se tivese que elixir unha norma básica para aplicar nas familias, cal sería?

Unha fórmula que funciona é intentar, na medida do posible, obviar ou non atender as condutas negativas do neno e reforzar ou premiar todas aquelas que sexan positivas. Se se mantén esta norma e se adopta como filosofía, non falla, porque provoca que se repita o axeitado e que desapareza o inadecuado. É o máis parecido a unha fórmula máxica se vai da man coa demostración cada día do moito que os queremos.