Comedores escolares
Os comedores escolares de toda España están a piques de sufrir unha importante transformación. Coa aprobación, en abril deste ano, do novo real decreto impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, comeza unha transición para garantir cinco comidas saudables á semana en todos os centros —xa sexan públicos, concertados ou privados—, que imparten educación infantil (2.º ciclo), educación primaria, educación especial, educación secundaria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao básico ou medio.
Antes deste real decreto, cada comunidade autónoma tiña as súas propias recomendacións e non existía unha normativa estatal que establecese criterios estritos para a alimentación saudable e sustentable nos comedores escolares de maneira obrigatoria en todos os centros. A medida ten como principal obxectivo asegurar que todos os nenos, as nenas e adolescentes do noso país teñan acceso cada día a unha alimentación sa, nutritiva e variada nos comedores escolares, con independencia do nivel de renda das súas familias. Significa iso que os escolares españois van comer o mesmo estean onde estean? Nin moito menos. Segundo fontes do Ministerio que participaron na elaboración do texto, non se trata de uniformizar a cociña escolar, senón de sentar unhas bases comúns: “O que expón son uns mínimos para garantir unha alimentación saudable, pero desde aí [os centros] teñen a absoluta liberdade e flexibilidade para seguiren desenvolvendo os seus modelos”.
- Verdura fresca. O 37 % dos centros serve dúas ou menos racións á semana (recoméndanse 3-4).
- Froita. O 16 % non ofrece a recomendación de 4-5 racións por semana.
- Legumes. Un 14 % non serve polo menos unha ración semanal.
- Peixe. O 7 % non ofrece nunca peixe.
- Hortalizas. Un 12 % non cumpre a recomendación de servir, como mínimo, unha ración semanal.
- Aceite. Máis do 70 % non usa o aceite adecuado para fritir (recoméndase aceite de oliva ou de xirasol alto oleico).
- Fritos. O 30 % dos centros serve 3 ou máis racións á semana (recoméndase non superar as 2).
- Precociñados. Un terzo sérveos catro ou máis veces á semana.
- Bebidas. O 16,42 % ofrece outras opcións diferentes á auga para beber.
- Menús especiais. O 11,19 % non subministra menús especiais por motivos de saúde.
- Supervisión. Case un 34 % non están supervisados por nutricionistas.
…e como serán
Os puntos clave do novo plan para os comedores escolares son:
- Faranse cinco comidas saudables á semana nos centros, seguindo recomendacións nutricionais de consenso entre os expertos e recollidas por institucións como a AESAN e a OMS.
- Ofreceranse froitas e verduras frescas a diario; máis legumes e peixe.
- Eliminaranse as bebidas azucradas e enerxéticas dos menús e prohibirase a súa venda nas máquinas de vending, ou nas cafetarías dos centros. En concreto, non se poderán vender produtos que superen un contido máximo de 5 g de azucres por porción envasada e o valor enerxético por porción envasada non debe superar as 200 kcal.
- Retirarase a bolaría industrial e limitaranse frituras e precociñados.
- Fomentaranse os alimentos de tempada, sustentables e de produción local.
- Asegurarase o dereito a unha alimentación nutritiva e variada para todo o alumnado, independentemente da renda familiar.
Fonte: Informe anual 2023 do Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria 2021-2025. Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.
Do papel ao prato
Os cambios veranse no menú e na súa frecuencia de alimentos. A froita diaria como sobremesa principal deixa de ser unha recomendación para converterse en norma; a verdura pasa a ocupar un lugar fixo cada día, xa sexa como primeiro prato ou como gornición, con prioridade para produtos frescos e de tempada; os legumes gañan presenza semanal en diferentes preparacións —guisos, ensaladas e cremas—; as carnes reequilíbranse para dárenlles máis protagonismo a pratos vexetais completos e a combinacións con cereais integrais cando sexa posible, e o peixe aumenta a súa frecuencia con preparacións ao forno, á prancha ou en guiso. Neste sentido, a nova norma establece a presenza de entre unha e tres racións de peixe á semana no menú, o que suporá un incremento importante do consumo de peixe a nivel nacional nos centros, xa que, segundo estimacións de Consumo, hai 1.200 comedores escolares en España nos que xamais se serve peixe.
A eliminación de bebidas azucradas e enerxéticas en máquinas de vending e nalgúns menús marca un corte nítido con prácticas estendidas nalgúns centros, á vez que a bolaría industrial deixa de formar parte da oferta habitual. As frituras redúcense a unha frecuencia baixa e os precociñados quedan limitados a casos puntuais.
Curso 2025-2026. Entran en vigor as cuestións máis sinxelas de implementar, pero que teñen o maior impacto na saúde, como o incremento da frecuencia e a cantidade de determinados alimentos e a eliminación dalgúns produtos.
Curso 2026-2027. Entrarán en vigor cuestións como que os alimentos sexan sustentables, de proximidade e de tempada, xa que facer estas adaptacións require cambios máis importantes nos comedores escolares e/ou as empresas responsables de proporcionar os servizos.
Finais do curso 2026-2027. Todos os cambios terán que entrar en vigor.
Por que é importante?
Aínda que a iniciativa pode parecer sinxela, asegurar esas cinco comidas saudables á semana ten consecuencias beneficiosas que repercuten de maneira directa na saúde dos nenos e das nenas e que, ademais, impactan de maneira notable máis aló dos límites do centro escolar, nas propias familias. Aválano organismos como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), numerosos estudos e, moi especialmente, a experiencia doutros países europeos, como Francia ou Gran Bretaña. Desde o Ministerio apuntan que a fórmula funciona “a todos os niveis”.
España arrastra cifras preocupantes de exceso de peso infantil, cunha marcada desigualdade social que impacta nos fogares con menos recursos. “Os datos indican que moitos nenos e nenas, sobre todo os que teñen unha situación máis desfavorecida, van sen almorzar ao colexio ou teñen menos capacidade de accederen a alimentos máis saudables e frescos como froitas e verduras”. Segundo o último informe Aladino, entre os 6 e os 9 anos, o 49,5 % do alumnado fai habitualmente a comida principal no comedor escolar: “É unha poboación de moitas persoas que comen diariamente nun comedor. Polo tanto, asegurar unha comida substanciosa e saudable en certas capas da sociedade é fundamental”. Para moitos menores, a do comedor escolar é a única comida equilibrada do día.
Cando entra en vigor?
A medida aféctalles a todos os centros escolares de España e xa empezou a implementarse este curso 2025-2026, como contan desde o Ministerio: “Ao longo deste curso deberían empezar a modificar os pregos de condicións para que entren en vigor as cuestións máis fundamentais para introducir os cambios nos menús, sobre todo as cuestións que máis impacto teñen na saúde. O curso que vén entrarán en vigor cuestións como o tema dos alimentos de tempada e ecolóxicos. Ou sexa, que os colexios teñen aínda marxe”. Desde o Ministerio consideran que hai que deixar un tempo razoable para que os centros e as empresas que proporcionan os servizos se adapten aos cambios: “Consideramos que a marxe é suficiente e, ademais, as cuestións fundamentais que entran antes son as máis sinxelas de incorporar”.
- Exceso de hidratos de carbono procedentes de cereais e patacas, fronte á pouca presenza dos legumes.
- Verduras: poucas, en puré ou como gornición (que se deixan no prato).
- Poucos ovos.
- Demasiados precociñados: croquetas, flamenquíns, sanxacobes e patacas fritas conxeladas.
- Demasiada carne vermella.
- Pouca froita e sempre a mesma (plátanos, mazás e peras).
- Sobremesas lácteas azucradas.
- Pouco peixe azul, tipo sardiñas ou troita.
Máis aló da saúde
O decreto non só fala de saúde directa, senón que tamén se refire a aspectos que impactan de maneira máis indirecta, como a sustentabilidade, a tempada e a proximidade: polo menos o 45 % da froita e hortalizas que se sirvan deberán ser de tempada. Isto esixe repensar a planificación e abrir canles con produtores próximos cando sexa posible. Así, durante o curso 2026-2027 todos os centros en todas as comunidades autónomas deberán ter implementado o plan. Desde o Ministerio non prevén ningún problema, xa que a norma recibiu un consenso moi amplo: “Consideramos que son cousas de sentido común e, ademais, están baseadas en recomendacións da AEASAN, que á vez coinciden co establecido por moitas axencias e organismos autonómicos. Todo está moi aliñado co que xa moitas desas comunidades autónomas expuxeron”.
Ademais, contan que para elaborar o decreto visitaron numerosos proxectos que hai en todo o país e que xa aplicaron desde hai anos cambios cara a modelos moito máis saudables e sustentables, como o proxecto Ecocomedores en Canarias, Horta Cuina na Comunidade Valenciana ou Menjadors Ecològics en Catalunya. “En diferentes comunidades autónomas gobernadas por diferentes partidos, para demostrar que non é unha cuestión ideolóxica”, afirman. Ademais, non se impón un modelo de alimentación, senón que se expoñen uns mínimos. “Desde alí teñen absoluta liberdade e flexibilidade para seguiren desenvolvendo os seus modelos. O que non tiña sentido, como calquera cuestión de saúde pública, é que houbese diferenzas en función de onde estean ou da titularidade. As institucións son as primeiras que teñen que tomar en serio a importancia da alimentación, do impacto que ten na saúde e no medio ambiente”, din desde o Ministerio.

É a solución definitiva?
Segundo os desenvolvedores da norma, a formulación de mínimos facilita a implementación da norma, pero non todo o mundo está de acordo. Para Nani Moré, responsable de Menjadors Ecològics, esta norma representa unha oportunidade perdida: “Agradecemos que haxa unha normativa, porque serve de base para poder traballar e unifica a disparidade que había en todas as comunidades autónomas. O problema é que quedou en mínimos en moitas cousas que consideramos moi importantes”. Menjadors Ecològics asesora comedores escolares desde hai 12 anos para lograr menús con ingredientes ecolóxicos, saudables, de tempada e de proximidade. “Practicamente todos os que participaron no real decreto son do ámbito da nutrición, e cremos que a visión debe ser máis ampla: tamén hai que pensar que producimos, de onde o sacamos, se o podemos pagar e se o podemos cociñar”, conta Moré.
Tamén cren que faltou ambición: “Só se fala de produto fresco, pero pódense traer todas as verduras de Marrocos ou os legumes de México. Non é que non se aposte pola proximidade, é que nin sequera se aposta por produtos producidos en España”, valora Nani Moré. Outro tanto sucede co concepto de temporalidade, que se fixa nun 45 %: “Por que non un 100 %? En dous anos [o tempo establecido para implementar a norma] tes tempo para plantar todas as verduras do mundo. Existen exemplos de comedores que levan anos funcionando ao 100 % da súa capacidade, e España ten capacidade de produción suficiente como para garantilo”, engade o experto.
Moré teme que as bases mínimas que senta o decreto se usen como un argumento para non ir a máximos: “En Cataluña fíxose moi bo traballo desde a Axencia de Saúde e hai centros onde xa había proteína vexetal dúas veces á semana. Agora darán marcha atrás e só poñerán unha [o decreto di de unha a cinco veces por semana]. A maioría das comunidades educativas prefiren a carne e van reducir a proteína vexetal a unha vez á semana porque máis non é obrigatorio”, conclúe a experta.
“Coas normas que se fixaron, non debería haber un encarecemento do custo”, recoñece Nani Moré, responsable de Menjadors Ecològics. A experta insiste en que a calidade dos alimentos non debería influír no custo: “Non é un tema de prezo, senón de xestión”. Así, os prezos deberían ser os mesmos. Pero, cales son?
As Administracións públicas fixan o prezo máximo do menú e existe moita diferenza segundo as comunidades. Segundo datos da Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais do Alumnado (CEAPA) actualizados por Bankinter para o curso 2024-2025, en Andalucía, o servizo escolar nunha escola pública cústalles ás familias 5,54 euros (11,2 % de incremento respecto ao curso anterior); en Madrid está a 5,50 euros (12,7 % máis) e en Cataluña, en 7,25 euros de media (un 5 %). Con todo, estes prezos non sempre reflicten o custo real do servizo, xa que as Administracións a miúdo subsidian unha parte. Ademais, estes prezos adoitan incluír os monitores e o servizo de cociña.
Co novo decreto non cambiará nada, xa que esta normativa non fixa prezos. Este importe seguirá dependendo das comunidades autónomas e do centro educativo.