Peixe empanado

Peixe, pero moi rebozado

Estes ultraconxelados permítennos aforrar tempo e esforzo na cociña mentres gozamos dos beneficios do peixe. Con todo, hai que elixir ben, porque nalgúns a cantidade de peixe é escasa.
1 Novembro de 2025

Peixe, pero moi rebozado

O peixe rebozado é todo un clásico entre os ultraconxelados. Os máis veteranos son os filetes ou os pauciños de pescada, pero hoxe podemos atopar moitas máis opcións, con distintos formatos e diferentes peixes. Para elixir ben, o primeiro que deberiamos considerar é o tipo de peixe:

  • Peixe branco. Caracterízase polo seu baixo contido de graxa (non supera o 3 %). Tamén ten un sabor suave, polo que adoita ser mellor aceptado por persoas ás que non lles gusta moito o peixe. Neste tipo de produtos adóitase utilizar a pescada, aínda que tamén hai outras opcións, como o bacallau (Filetes de Bacalao Findus) ou o abadexo de Alaska (Fish and Chips Findus).
  • Peixe azul. O contido graxo é maior (ao redor do 8 %) e o sabor máis intenso. Podemos atopar produtos elaborados a base de diferentes especies, como salmón (Peskitos Pescanova) ou bocartes (Delfín).

Polo xeral, o tipo de peixe móstrase claramente na parte frontal do envase. Ocorre así en todos os produtos, agás en Fish & Chips Findus, no que se indica “Filetes de peixe rebozado”. Na lista de ingredientes especifícase que está elaborado con abadexo de Alaska, unha especie menos valorada comercialmente que a pescada ou o bacallau.

Análise

Para realizar esta guía seleccionáronse dez produtos ultraconxelados a base de peixe rebozado, nos que se analizou:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración co algoritmo actualizado en 2024 vén determinada pola cantidade de proteínas e de sal.
  • Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial do produto, especialmente no que respecta ao tipo e a cantidade de peixe.
  • Información comercial. Analizamos se proporciona información valiosa ou se pode confundir ou enganar o consumidor.
  • Prezos. Recollidos en setembro de 2025. Non foi un criterio para avaliar a calidade, aínda que no ránking se tivese en conta a a relación calidade-prezo.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

Canto peixe conteñen?

Na maioría dos produtos a cantidade de peixe rolda o 50 %-55 %. Destacan as Varitas de merluza Findus, que teñen o contido máis alto (60 %) e, no outro extremo, os Palitos de merluza Pescanova (35 %) e Peskitos de salmón Pescanova (38 %). Estes dous produtos parecen ser os únicos destinados especificamente ao público infantil, a xulgar polo seu deseño: no envase de ambos os dous inclúense debuxos infantís e en Peskitos as pezas teñen forma de peixe. Estes últimos, ademais, conteñen cabaza asada como terceiro ingrediente. Tendo en conta a súa cor e a súa textura, poderíase pensar que esta se utiliza para que pareza que o produto contén máis peixe do que realmente leva.

Que máis levan?

Ademais do peixe, estes produtos están constituídos polo rebozado. Xeralmente esta cobertura está composta por unha mestura de fariña, auga e aceite, normalmente de xirasol ou de colza. O rebozado non contén ovo, o que pode parecer estraño, xa que é un ingrediente fundamental cando rebozamos na casa. Con todo, non se utiliza por varias razóns: é máis caro, non queda ben cando se conxela, é delicado desde o punto de vista microbiolóxico e tamén é un alérxeno de declaración obrigatoria.

Tamén conteñen outros ingredientes que cumpren funcións tecnolóxicas, como o sal e as especias, que melloran ou potencian o sabor; a cúrcuma, a riboflavina, o extracto de remolacha ou os azucres, que lles dan cor; ou o amidón, a goma de guar, o carbonato de sodio ou os lévedos, que melloran a súa textura.

Merecen a pena?

Estes produtos presentan algunhas vantaxes, que podemos resumir nunha palabra: comodidade. Aforran tempo e esforzo á hora de compralos e preparalos. Ademais, pódense almacenar durante meses, polo que serven como recurso do que podermos botar man en calquera momento. Pero tamén teñen desvantaxes fronte ao peixe fresco rebozado: as súas características organolépticas son menos apreciadas (sabor, aroma, textura e aspecto) e resultan menos interesantes desde o punto de vista nutricional: polo xeral, conteñen menos proporción de peixe e ingredientes pouco interesantes.

Ademais, poden resultar máis caros. Para facérmonos unha idea podemos fixarnos nos tres produtos con maior prezo, que custan unha media de 1,6 euros/100 g. No mercado, 100 gramos de pescada fresca custan ao redor de 1,2 euros. Ademais, eses produtos ultraconxelados só conteñen uns 55 g de peixe, mentres que 100 g de pescada rebozada na casa terían uns 85 g de peixe e 15 g de rebozado.

Tamén se aprecian doadamente as diferenzas nos bocartes. En fresco, 100 g de bocartes custan ao redor de 0,80 euros, é dicir, sairían máis económicos que o produto de Delfín, que custa 1,05 euros e só 50 g de peixe.

Canto hai de rebozado?

A cantidade de rebozado só se mostra en dous produtos: Boquerones Delfín (cun 50 % de tempura) e Merluza empanada Cocinarte (cun 45 % de empanado). No resto non se especifica, a pesar de que debería facerse, de nos atermos á lexislación (Reg. 1169/2011), que obriga a mostrar a cantidade dun ingrediente ou unha categoría de ingredientes cando figure na denominación do alimento ou cando se destaque na etiquetaxe.

Nalgúns destácase expresamente o rebozado, como na Merluza empanada Pescanova, os Filetes de bacalao Findus, as Varitas de merluza Findus ou os Palitos de merluza Pescanova, mentres que no resto, forma parte da denominación do produto.

As proteínas e a cantidade do peixe

O peixe é un alimento principalmente proteico, polo que a cantidade de proteínas é significativa. Na maioría dos casos rolda o 10 %, aínda que hai excepcións, como os Palitos de merluza Pescanova, con tan só un 6,8 %, ou as Varitas Pescanova e os Filetes de bacalao Findus, que son os que máis achegan, cun 13 % e un 12 %, respectivamente.

O contido de proteínas non sempre garda relación coa cantidade de peixe. Por exemplo, Peskitos Pescanova leva tan só un 38 % de peixe, pero unha cantidade bastante elevada de proteínas (9,4 %), similar á doutros produtos cun 55 % de peixe. Isto explícase porque en Peskitos se utiliza proteína de chícharo.

Recomendacións de compra
  1. Cantidade de peixe. É o aspecto máis importante. Pode haber diferenzas notables. Convén prestarlles especial atención aos que están dirixidos ao público infantil, porque adoitan conter menos peixe.
  2. Tipo de peixe. O branco ten menos graxas e un sabor máis suave que o peixe azul.
  3. Tipo de aceite. Normalmente é de xirasol ou de colza. Este último é máis interesante desde o punto de vista nutricional.
  4. Cantidade de sal. Canto menos, mellor. É preferible que non supere o 1,25 %.
  5. Prezo. Pode haber diferenzas importantes. Convén valoralo tendo en conta o tipo de peixe e a cantidade na que se atopa.

Máis graxas do esperado

Nestes produtos podemos atopar dúas fontes de graxas. Unha é a que achega o propio peixe. Por iso, os produtos elaborados con peixe azul conteñen máis cantidade de graxas: Delfín, con bocartes (16 % de graxas) e Peskitos, con salmón (13,3 %).

Outra fonte de graxas é o aceite. Isto explica que a cantidade deste nutriente sexa tan importante no resto dos produtos, a pesar de estaren elaborados con peixe branco, que non contén máis dun 3 % de graxas. Para facérmonos unha idea, o contido medio de graxas é do 8 %, con valores que van desde o 13 % de Fish&Chips de Findus ata o 6,6 % das Varitas Eroski ou o 4,1 % dos Palitos de merluza Pescanova. A partir de todos estes valores poderiamos deducir que a cantidade de aceite engadida estaría entre o 5 % e o 10 %.

Pero non todas as graxas son iguais. Por exemplo, en Delfín, proceden dos bocartes, así que se trata de graxa de peixe azul, que resulta interesante polo seu contido en ácidos graxos insaturados, sobre todo, omega 3. Pero nos produtos elaborados a partir de peixe branco, a maior parte desas graxas proceden do aceite de colza ou de xirasol. O primeiro contén un bo perfil de ácidos graxos, aínda que peor que o aceite de peixe. O aceite de xirasol ten pouco interese nutricional.

Os hidratos e o sal

En produtos a cantidade de hidratos de carbono tamén é significativa, con cifras que roldan o 20 %. Isto explícase, sobre todo, pola fariña do rebozado. Por iso, se o produto contén unha cantidade elevada de hidratos, pode ser sinal de que ten moito rebozado e pouco peixe, como sucede nos Palitos de merluza Pescanova, cos valores máis altos de hidratos de carbono (30,4 %) e o menor contido de peixe (35 %).

Doutra banda, nalgúns produtos a cantidade de sal é excesiva, é dicir, supera o 1 %. Concretamente nos Palitos de merluza Pescanova (1,1 %) e en Delfín (1,3 %). No resto, a media sitúase no 0,8 %.

Calorías e Nutri-Score

A achega calórica está directamente relacionada co contido de graxas: os máis calóricos son os máis graxos (Peskitos, 257 kcal; Delfín, 248 kcal, e Fish & Chips, 238 kcal) e viceversa (Eroski, 180 kcal; Palitos Pescanova, 190 kcal, e Varitas Pescanova, 195 kcal). Para facérmonos unha idea, 100 g de salmón á prancha achegan unhas 180 kcal e 100 g de pescada á prancha, unhas 90 kcal.

En canto a Nutri-Score, a maioría dos produtos obtén un B, pero hai excepcións. Tres deles puntúan cun C (Peskitos, Merluza empanada Pescanova e Palitos Pescanova), un obtén un A (Varitas Pescanova) e outro un D (Delfín). As diferenzas están determinadas principalmente pola cantidade de sal e pola cantidade de proteínas.

Relación calidade-prezo

Existen importantes diferenzas, que van desde os 0,94 euros de Cocinarte ou os 0,95 euros de Eroski ata os 1,87 euros de Fish & Chips Findus. É dicir, o máis caro custa o dobre que os máis económicos, aínda que contén cantidades similares de peixe (55 %-56 %). Isto lévanos a pensar que as diferenzas de prezo non parecen estar xustificadas pola composición, dado que non están relacionadas co tipo de peixe nin coa súa cantidade.

Conclusións

Na maioría dos produtos a proporción de peixe atópase entre o 50 %-60 %, unha cantidade menor que a que xeralmente ten o rebozado na casa, que podemos estimar ao redor dun 85 %. Este último, ademais, resulta máis interesante desde o punto de vista nutricional: normalmente no rebozado doméstico só utilizamos o aceite para fritilos e engadimos ovo. E, aínda que sempre é importante ler a etiquetaxe, neste caso máis. Como analizamos, algún produto inclúe ingredientes como cabaza ou proteína de chícharo. Aínda que son saudables, o consumidor debe saber que en lugar de peixe está a adquirir estes ingredientes.

Se temos en conta a cantidade de peixe, o produto máis recomendable serían as Varitas de merluza Findus, cun 60 %. Ademais, presenta outros aspectos interesantes en comparación con outros produtos: non ten demasiado sal (0,86 %) e contén aceite de colza.

Se consideramos o contido de peixe, a composición nutricional, a relación calidade prezo ou a etiquetaxe, os produtos máis recomendables serían, por esta orde: a Merluza empanada Cocinarte, as Varitas de merluza Eroski e as Varitas de merluza Findus.

Por último, hai que destacar que os produtos que parecen destinados a nenos (Peskitos e Palitos de merluza Pescanova) son os que conteñen menos peixe (38 % e 35 %, respectivamente).