Alimentos de IV gama

Alimentos de IV gama. Seguros e listos para consumir

Só con abrir a bolsa, xa temos unha ensalada lista para comer. Cada vez hai máis produtos da chamada IV gama, pero non todo o mundo sabe diferencialos das verduras frescas. Produtoras e investigadores dannos as claves deste tipo de alimentos.
1 Xullo de 2025

Alimentos de IV gama. Seguros e listos para consumir

Os alimentos de IV gama son produtos vexetais frescos —froitas, verduras, hortalizas, cogomelos e tubérculos— que foron lavados, cortados e envasados en condicións que garanten a súa seguridade e hixiene, sen perderen as súas propiedades naturais. Estes alimentos non se someten a tratamento térmico nin levan conservantes, senón que se manteñen frescos grazas ao seu envasado e refrixeración. Caracterízanse por estar listos para o seu consumo —ou cociñado— sen necesidade dunha preparación previa adicional, como as ensaladas de bolsa, froitas peladas e talladas ou verduras e hortalizas talladas.

Son unha opción sinxela para incorporar máis froitas e verduras á dieta diaria e ideal para quen busca comodidade sen renunciar á frescura, polo que o seu consumo está a medrar, pero, son seguros? Pódensenos presentar dúbidas respecto á posible salubridade destes produtos que se comen xeralmente crus pola presenza de posibles contaminantes que poderían comprometer a súa seguridade alimentaria. Falamos con produtores e investigadoras expertas en produtos de IV gama para comprobar de primeira man a seguridade deste tipo de alimentos.

5 dúbidas con resposta
  1. Son produtos procesados?
    As froitas e verduras de IV gama sofren manipulacións, como limpeza e hixienización, pero o seu procesamento é mínimo, polo que se consideran alimentos frescos. O produto non sufriu ningún tratamento térmico nin incorpora ningún aditivo nin conservante, e, polo tanto, resulta imprescindible que se conserve refrixerado. Ao seren alimentos listos para o seu consumo, toda a súa cadea de produción baséase na prevención de posibles contaminacións.
  2. É seguro comer verduras e froitas envasadas sen lavalas?
    Si. Están listas para consumir directamente do envase, xa foron lavadas e hixienizadas, o que garante a súa seguridade e facilita o seu uso, polo que non precisan dun segundo lavado. De feito, lavalas na casa pode aumentar o risco de contaminación.
  3. Teñen máis pesticidas que as verduras frescas?
    Non. A presenza de posibles pesticidas en vexetais dependerá da materia prima en orixe, independentemente de se se destina a IV gama ou non. Todas as froitas e verduras, sexan envasadas ou non, deben cumprir cos estritos límites legais de residuos de pesticidas. Ademais do seu control en orixe, as de IV gama pasan por procesos de lavado e minuciosos controis.
  4. Teñen máis microplásticos?
    Segundo María José Fabra, científica do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA-CSIC), “diversos estudos científicos identificaron microplásticos nunha ampla variedade de alimentos, aínda que, ata o momento, non se publicaron estudos específicos sobre a súa presenza en IV gama”. Os microplásticos poden derivarse dunha variedade de fontes, polo que estes produtos, ao igual que outros, poderían estar expostos a eles, pero non polo feito de seren IV gama aumenta a súa cantidade.
  5. Os envases plásticos afectan á súa calidade?
    Os envases están deseñados para manter a calidade e evitar unha posible contaminación externa. O seu material é específico para uso alimentario, polo que resulta inocuo e reciclable na maioría dos casos. Cada bolsa conta ademais cun rexistro que garante a súa rastrexabilidade, é dicir, a posibilidade de identificar en todo momento a orixe e as diferentes etapas do proceso. En ocasións, o envasado realízase en atmosfera modificada, é dicir, substitúese o aire dun envase por unha mestura de gases para prolongar a frescura.

Da horta á mesa

O proceso de produción é similar ao que realiza un consumidor ao preparar os seus vexetais na casa, pero a grande escala: seleccionar, cortar, lavar, e só cun único paso engadido, o envasado. O proceso comeza no campo, cos provedores e o cultivo das verduras e hortalizas. Moitas destas empresas traballan estreitamente con agricultores locais, promovendo prácticas agrícolas que respectan o medio ambiente. “Isto permítenos garantir a frescura e calidade das materias primas”, asegura Leyre Herranz, responsable dunha das principais empresas produtoras de IV gama.

Ao chegar ás instalacións, os vexetais son sometidos a unha rigorosa inspección para asegurar que cumpren cos seus estándares de calidade. Adóitase utilizar tecnoloxía de visión artificial para detectar e descartar calquera produto que non cumpra con estes criterios, entre outras medidas. Os produtos lá- vanse con auga fría para eliminar impurezas e garantir a seguridade alimentaria, á vez que se mantén a frescura do produto. A auga utilizada é potable e hixienizante e contrólase periodicamente para certificar a súa calidade.

Tras o lavado, os vexetais córtanse e sécanse coidadosamente para eliminar o exceso de humidade, mantendo a súa textura e frescura. Despois dos últimos controis de calidade, o produto é pesado, embolsado e distribuído en frío aos puntos de venda. Todo o proceso complétase en menos de 10 minutos, o que garante a frescura e calidade.

A clave para manter intactas as súas características é o frío. Adóitase recoller á primeira hora da mañá e mantense a temperatura en todo o proceso entre 1 °C e 4 °C. Esta cadea de frío non se deberá romper en ningún momento dende a colleita ata o consumo, incluído o transporte ata o fogar. Un factor importante á hora de garantir a súa seguridade é a hixiene. Os espazos de IV gama están pensados para a seguridade destes alimentos, por iso, ademais de controlar a temperatura, nas plantas de produción a limpeza é esencial. Rigorosos sistemas de control, que inclúen análises regulares, garanten que os produtos sexan manipulados nun ambiente hixiénico. Ademais dunha formación estrita, os técnicos van correctamente equipados e seguen un esixente protocolo de manipulación.

Garantías sanitarias

A pesar deste proceso de produción e dos sistemas de control, segue habendo dúbidas sobre a seguridade destes produtos. Realmente hai risco de contaminación? “Como na produción de calquera alimento vexetal, sexa de IV gama ou non, os microorganismos máis preocupantes son aqueles que poden estar presentes dende a produción primaria e contaminar os vexetais a través do uso de fertilizantes orgánicos non axeitados, a presenza de animais en cultivos ou o uso de auga de rega contaminada”, explica Ana Allende, profesora de investigación e membro do Panel BIOHAZ da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). “No caso concreto dos produtos de IV gama, tamén hai risco de contaminación durante o proceso de lavado polo uso de equipos ou utensilios e as manipulacións non hixiénicas que poderían introducir virus e bacterias produtoras de enfermidades, como a listeria, que ademais poden persistir nas plantas de procesado de produtos vexetais de IV gama”, engade Allende. Por iso, esta experta pon o foco na prevención para evitar contaminacións microbiolóxicas que logo poden ser difíciles de eliminar.

Pros e contras

Este tipo de produto embolsado proporciona un valor engadido ás tradicionais froitas, verduras e hortalizas, principalmente:

  • Comodidade. Produtos listos para consumir (ou en ocasións, cociñar), o que aforra tempo na preparación.
  • Gran variedade. Ampla gama de produtos dispoñibles para incluír nunha dieta rica en alimentos vexetais. Un inconveniente sería o prezo, en xeral máis caro que as verduras, froitas e hortalizas adquiridas directamente.
  • Frescura e calidade. Estes alimentos conservan as súas características e propiedades nutricionais.
  • Conservación e inocuidade. Non conteñen aditivos nin conservantes.

Sen embargo, non todo son vantaxes, os produtos de IV gama presentan algúns inconvenientes.

  • Prezo. O seu custo é máis elevado debido ao procesado, envasado e cadea de frío que incrementan o prezo final fronte ao produto que lle chega directamente ao consumidor.
  • Sostibilidade. O uso de envases plásticos, bandexas ou bolsas non biodegradables, persisten no medio ambiente se non se reciclan correctamente. Algunhas marcas xa usan bolsas compostables libres de plásticos.
  • Pegada de carbono. A súa conservación e seguridade dependen da refrixeración continua, o que aumenta o consumo de enerxía e a pegada de carbono do produto.

Análise da calidade

“A pesar destes riscos, o estado sanitario dos produtos de IV gama que podemos atopar é, en xeral, bo e a súa calidade microbiolóxica é correcta. Cómpre salientar a especial importancia da calidade da auga utilizada, tanto de rega como de lavado”, analiza Gloria Sánchez, investigadora do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA-CSIC) e especialista en seguridade microbiolóxica de alimentos. “Todos os análises que se fixeron recentemente en distintos países, incluíndo España, da calidade da auga de lavado da industria de IV gama indican que o uso de hixienizantes —cloro ou derivados autorizados— é unha práctica que se realiza na gran maioría das plantas produtoras do noso país, o que reduce moito a carga microbiolóxica. Isto indica que a probabilidade de atopar patóxenos nestes produtos é moi baixa. Pero engade: “Unha das características deses produtos e é onde se atopa o risco é precisamente iso, que estean listos para o consumo. Por iso, a prevención é a mellor ferramenta de seguridade alimentaria nestes produtos”, advirte a experta. Algo co que Ana Allende coincide. “É importante entender que as froitas e hortalizas de IV gama se consomen crúas, polo que non existe ningún tratamento térmico que elimine bacterias ou virus presentes, o que eleva o nivel de risco se se produce unha contaminación”, engade.

Por iso, para garantir a súa calidade e inocuidade, estes alimentos non só se someten a estritos controis de cumprimento de normativas de seguridade alimentaria a nivel nacional e internacional, senón que contan a miúdo con certificacións, selos de calidade e de seguridade como IFS Food ou BRC (British Retail Consortium), que certifican que se traballa cos máximos niveis de hixiene, rastrexabilidade e seguridade alimentaria, ao mesmo tempo que se respecta o medio ambiente mediante técnicas agrícolas sustentables.

Como consumilos de forma segura

Para evitar riscos de contaminación, deberemos seguir unhas pautas no fogar:

  • Non romper a cadea de frío e manter sempre refrixerado a 4 °C.
  • Manipular nunha contorna hixiénica coas mans e utensilios limpos para evitar posibles contaminacións cruzadas.
  • O produto xa está lavado, non volver facelo.
  • Respectar as datas de consumo indicadas polo produtor.

Unha vez aberto o envase, conservalo pechado e refrixerado e consumir o antes posible, preferiblemente antes de 24 horas.