Redes sociais. Xaque mate á saúde mental
Parece que levan toda a vida sendo parte do noso día a día, pero Facebook, a primeira gran rede social da historia, non tivo a súa versión en castelán ata febreiro de 2008. O resto é historia. E pouco a pouco, outras plataformas con deseños e algoritmos cada vez máis sofisticados e adictivos uníronse á historia: Twitter (hoxe X), Instagram, TikTok…
Segundo datos de xaneiro de 2025 de DataReportal, en España hai 39,7 millóns de usuarios de redes sociais (82,9 % da poboación), que segundo os cálculos pasan unha media de case dúas horas ao día nelas. As redes sociais apenas levan unha década e media nas nosas vidas, pero xa non sabemos vivir sen elas. Especialmente os adolescentes e mozos e mozas, que medraron nun mundo que xa non se explica sen estas aplicacións.
Se nun principio as redes sociais foron celebradas como un invento extraordinario que, ademais de entreter, facilitaba a conexión entre persoas, nos últimos anos empezaron a multiplicarse as voces que alertan dos perigos que o uso cada vez máis temperán e o seu abuso levan consigo: ciberacoso, roubo de información, falsificación da identidade, estafas, contido inapropiado, problemas de saúde mental…
Trastornos que medran e medran
No seu libro La generación ansiosa: Por qué las redes sociales están causando una epidemia de enfermedades mentales entre nuestros jóvenes, o psicólogo social Jonathan Haidt ofrece un dato: desde 2010 a evidencia científica demostra que nos países desenvolvidos se observou un pronunciado aumento do número de mozos diagnosticados con ansiedade, depresión e outros trastornos psicolóxicos. O ano que marca o inicio desa onda, 2010, non é casualidade, xa que coincide coa adopción masiva e a escala internacional das redes sociais.
“As redes sociais non son as únicas responsables desta epidemia de saúde mental”, afirma o profesor de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial Boubeta, que sinala outros aspectos que poden estar a contribuír a esta situación, como os novos modelos de crianza, as expectativas e os ideais inalcanzables impostos pola contorna ou os cambios que se produciron nunha sociedade cada vez máis individualista. No entanto, matiza o investigador, non se pode negar que existe unha evidencia ““incontestable” de que o uso intensivo e cada vez máis temperán e sen supervisión das redes sociais bota máis leña ao lume nun incendio que parece difícil de apagar, porque se estende de forma silenciosa, sen que moitas veces sexamos conscientes del.
“Aínda que coñecemos o impacto das redes, non sempre somos conscientes diso. Ao final, estas aplicacións son algo cotián e familiar, polo que nos custa desvincularnos delas. Ademais, teñen moitos ingredientes que facilitan a adicción, como a inmediatez, a estimulación ou a gratificación rápida”, apunta Andrés Herráiz, psicólogo especialista en terapia cognitiva condutual. A evidencia científica xa acoutou varios efectos das redes sobre a saúde mental.
Problemas de sono
Os trastornos do sono manteñen unha relación bidireccional cos problemas de saúde mental. Uns alimentan aos outros e viceversa. Os expertos en medicina do sono levan tempo alertando sobre o impacto que a luz azul das pantallas ten sobre o descanso, xa que esta luz suprime a produción de melatonina, a hormona que regula o sono. “As redes sociais intensifican este efecto porque implican unha estimulación cognitiva e emocional debido ás súas interaccións constantes e a un contido emocionalmente cargado que pode dificultar a relaxación necesaria para conciliar o sono”, explica María José Martínez, coordinadora do grupo de traballo de Cronobioloxía da Sociedade Española de Sono (SES).
Unha revisión sistemática de 2020 xa relacionaba o uso excesivo das redes sociais coa mala calidade do sono. Outro estudo de 2024 concluíu que o tempo fronte ás pantallas unha vez na cama se asocia con alteracións do sono, especialmente cando implica interacción e a realización de múltiples tarefas. “Estes estudos salientan a importancia de moderar o uso de pantallas, especialmente antes de durmir, para preservar a calidade e duración do sono”, engade Martínez.
Baixa autoestima
Un estudo publicado en 2021 na revista International Journal of Environmental Research and Public Health concluíu que o uso xeneralizado de redes sociais en adolescentes e adultos mozos podería aumentar a insatisfacción corporal, así como o afán de delgadeza, facéndoos máis vulnerables aos trastornos alimentarios. E o impacto sobre a autoestima e a autopercepción non se dá só a nivel físico. “É moi frecuente, froito da exposición repetida e da comparación inxusta, ver persoas que senten que non son suficientemente boas ou que non teñen unha vida o suficientemente boa. A exposición continuada a este tipo de contidos fainos cuestionar a nosa identidade e xulgar a nosa propia imaxe”, afirma Andrés Herráiz.
“Canta máis sobreexposición, peores son os niveis de autoestima”, coincide Antonio Rial, que lamenta que os algoritmos das redes sociais primen modelos de persoas con corpo 10 e que, ademais, parecen ter unha vida plena e de felicidade constante. “Isto, ademais de falso, é un modelo inalcanzable que pesa moito a nivel emocional e fai que as persoas teñan dificultades para aceptárense a si mesmas”, engade.
Unha mensaxe de tranquilidade. A adicción non xorde dun día para o outro, e os seus síntomas, tampouco. “A adicción require dúas condicións necesarias: frecuencia e intensidade. “E ese uso frecuente e intenso empeza pouco a pouco a dar síntomas: cambios a nivel emocional, irritabilidade, comportamentos agresivos e violentos —especialmente se se lle quere retirar o móbil—, cambios nas súas amizades, illamento e desconexión social…”, explica o doutor en Psicoloxía Social Antonio Rial Boubeta. “Vivimos nunha sociedade demasiado atarefada, na que o urxente non deixa tempo para o realmente importante, e nese contexto é doado non estar pendentes e non detectar os cambios”, sinala.
Esgotamento e fatiga mental
Cada vez son máis as persoas que se recoñecen esgotadas e fatigadas mentalmente. O noso estilo de vida non axuda, é certo, pero o impacto das redes sociais a ese respecto parece ser notorio, segundo diversos estudos. Xa en 2018 unha investigación concluíu que o uso compulsivo destas plataformas era un preditor da tendencia a experimentar fatiga. Outro estudo de 2024 publicado en Frontiers in Psychology sinalou que un uso excesivo das redes, o medo a perderse algo e a sobrecarga de información tiñan un efecto significativo sobre a sensación de fatiga. “Adoitamos empregar as redes como unha forma de desconectar, pero máis ben, convertémonos en consumidores pasivos de contido que acaba por nos anestesiar”, apunta Herráiz. Aínda que ás veces parece ser que si somos conscientes desta fatiga. Como engade Rial Boubeta, cada vez hai unha demanda máis explícita de desconexión dixital por parte de mozos e adultos: “Hai un esgotamento percibido desde o punto de vista emocional pola peaxe que supón estar pendente constantemente das redes sociais”.
Cada vez máis sos
Segundo un estudo realizado en Dinamarca e publicado en 2024, o uso excesivo das redes sociais asóciase cun risco elevado de sensación de soidade. Outra investigación máis antiga realizada pola Universidade de Pittsburgh e publicada no American Journal of Preventive Medicine concluía que os participantes que pasaban máis de dúas horas ao día en redes sociais tiñan o dobre de probabilidades de se sentiren socialmente illados en comparación con aqueles que as usaban menos de 30 minutos diarios.
“Estamos máis conectados que nunca, pero á vez, as relacións son máis impersoais”, sinala o psicólogo Andrés Herráiz. Antonio Rial Boubeta defíneas como relacións fluídas e puntuais: “Cada vez é máis común atopar rapaces que están extremadamente sós. Teñen 2.000 supostos amigos en Instagram ou TikTok, pero non teñen ningún amigo de verdade”. O doutor da Universidade de Santiago tamén alerta da radicalización: á mínima que unha mensaxe ou unha preferencia dunha persoa non nos guste ou non coincida coa nosa forma de ver a vida, substituímola por outra. “Isto contribúe negativamente a que non se constrúan relacións sólidas e duradeiras aceptando un punto de vista diferente, xerando e promovendo a empatía e o respecto”, engade.
Os expertos consultados ofrecen unha serie de consellos para un uso saudable das redes sociais:
- Canto máis tarde, mellor. Atrasar a chegada do primeiro móbil dos nenos e adolescentes o máximo posible.
- Controlar o tempo. Regular o uso das redes sociais e facer un uso consciente e responsable, utilizando ferramentas ou aplicacións para controlar o tempo de exposición.
- Non utilizalas como refuxio. Non recorrer ás redes sociais en momentos de estrés e ansiedade.
- Buscar actividades alternativas. Practicar a desconexión dixital, buscando actividades alternativas e saudables ao aire libre e que impliquen a conexión persoal.
- Ter unha actitude crítica. Ser consciente de que nas redes sociais hai moito de publicidade e que a imaxe que mostran moitas persoas non se corresponde coa realidade, senón coa imaxe que queren vender.
- Non consultalas antes de ir durmir. Non acceder ás redes sociais durante unha ou dúas horas antes de ir para a cama e, sobre todo, deixar o móbil fóra do cuarto.
Ansiedade e depresión
Calquera dos aspectos tratados con anterioridade —a falta de sono, a baixa autoestima, a fatiga mental ou a soidade non desexada— poden conducir por si mesmo á ansiedade e a depresión, así que non é de estrañar que o uso excesivo das redes sociais tamén se relacione cun incremento destes trastornos. De feito, en moitos dos estudos citados obsérvase tamén unha relación directa e constante entre o uso abusivo das redes sociais e os problemas de saúde mental como a ansiedade e a depresión.
Nese sentido, unha revisión sistemática de case 2.000 artigos científicos publicada en 2022 atopou “unha relación sólida e a miúdo bidireccional”, entre o uso das redes sociais e estes trastornos. Os autores non acharon unha relación lineal definitiva entre o tempo de uso e os síntomas depresivos ou ansiosos, pero, polo xeral, canto maior era o tempo dedicado a esta actividade, peores eran os resultados a nivel de saúde mental.
Ademais, nun círculo vicioso, esta ansiedade e depresión empurran aínda máis os usuarios ás redes, especialmente aos contidos negativos, o que se coñece como doomscrolling, que podemos traducir como o hábito de desprazarse interminablemente a través de noticias negativas ou inquietantes. Segundo un estudo publicado en Nature Human Behaviour, as persoas con peor saúde mental son máis propensas a navegar por contidos negativos, o que agrava os seus síntomas.
Dependencia e adicción
A última clasificación internacional de enfermidades (CIE) da Organización Mundial da Saúde (OMS) non recoñece entre elas a adicción ás redes sociais. No entanto, segundo datos do informe sobre adiccións elaborado polo Plan Nacional Sobre Drogas, ao redor do 3,6 % da poboación española entre 15 e 64 anos presenta un uso problemático de Internet e as redes sociais e un 9,3 % das admisións a tratamento que se produciron en 2022 foron debidas a trastornos por uso compulsivo de Internet, móbiles, dispositivos electrónicos ou redes sociais.
“Os diferentes indicadores advirten de que é un problema que está en progresivo aumento e que, lonxe de ser exclusivo dos adolescentes, é global e aféctalles a todos os grupos de poboación”, sostén Antonio Rial. Unha opinión que comparte Andrés Herráiz, que na súa práctica diaria viu como mellorar a relación coas redes sociais ou eliminalas pasou a ser un dos propósitos máis repetidos polos seus pacientes: “Cada día acoden máis persoas a consulta que refiren unha mala relación co teléfono móbil e, especialmente, coas redes sociais. Adoito revisar a media de consumo cos pacientes e saen algúns datos realmente sorprendentes”.
As redes sociais chegaron como un vendaval de optimismo: facilitaban as conexións sociais, daban oportunidade de coñecer persoas que doutra forma sería imposible, permitían participar en comunidades e grupos con intereses compartidos… Eran unha plataforma para a expresión creativa e para dar visibilidade a artistas dunhas e outras disciplinas, ofrecían novas oportunidades laborais, alentaban a participación en causas sociais, facilitaban o acceso á información e á aprendizaxe… Todas esas cousas boas das redes sociais seguen aí. Non todo é malo, nin moito menos, no contorno dixital. Só se trata de centrarse neses aspectos positivos facendo un uso responsable e saudable destas canles de comunicación.
En nenos e adolescentes
Segundo datos do Plan Nacional Sobre Drogas, a prevalencia do uso problemático de Internet sitúase nun 20,5 % entre a poboación de 14 a 18 anos. É dicir, que un de cada cinco adolescentes en España fai un uso de Internet, o móbil e as redes sociais que roza a adicción. “Isto é preocupante, porque un uso problemático que se desenvolve na adolescencia ten máis posibilidades de se manter na idade adulta, co cal dentro duns anos podemos ter moitos máis adultos enganchados”, sostén o psicólogo Antonio Rial.
O incremento dos problemas de saúde mental foi xeneralizado en todas as franxas de idade, pero onde realmente houbo un empeoramento significativo é na poboación xuvenil. “Non quero dicir que non haxa adolescentes que o poidan xestionar ben, pero para rapaces de 13 ou 14 anos que pasan o día entre unha e outra rede social é doado perderse, porque aínda están en proceso de construción, tanto da súa personalidade como do seu cerebro, así que as capacidades de autorregulación emocional e condutual son aínda moi limitadas”, engade o profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
Tendo isto en conta, a recomendación do experto é conseguir atrasar a chegada do móbil o máximo posible, algo que na súa opinión está a incumprir case todo o mundo. De feito, segundo un estudo de Unicef de 2021, cando a lexislación española non permitía a creación de perfís en redes sociais ata os 14 anos (a nova lei subiu esa idade aos 16 anos), máis do 90 % dos adolescentes incumpría esa lexislación. “E o problema é que os pais somos moitas veces os que lles facemos a conta. Pensamos que con ter o contrasinal poderemos controlalos, pero é mentira. Entón esquecémonos e nin supervisamos nin controlamos. E é importante, porque simplemente atrasando dous anos a chegada do móbil, os problemas redúcense á metade”, conclúe.