Nati Cabrera, doutora e especialista en Tecnoloxía e Educación da Universitat Oberta de Catalunya

"Vixiar o móbil dos fillos só dá unha seguridade ficticia"

1 febrero de 2016
Img entrevista 2 listado 277

Cando comezou o seu interese pola rede e os seus perigos?

Tiven a sorte de ser parte do nacemento da primeira universidade virtual do mundo: a UOC, en 1995. Internet é unha ferramenta poderosa, cambiante e á man de todos, polo que é importante aprender a utilizala de maneira segura.

O 30 % dos nenos españois de 10 anos ten un teléfono móbil e, entre os de 12, esa proporción sobe ata o 70 %. Despois, a cifra dispárase, xa que aos 14 anos xa o teñen o 83 %, segundo un estudo de Protéxeos, ONG e centro de seguridade en internet para os menores en España. Pode a rede ser un perigo para nenos e adolescentes?

Internet e os móbiles poden ser un perigo se o uso non é o adecuado. Un neno de dez anos non terá capacidade de entender os riscos, polo que só debería utilizar o móbil en circunstancias específicas e cun uso moi concreto. O adolescente, pola súa banda, si que debe coñecer que perigos comporta un mal uso do móbil. Os mozos hoxe saben manexar os aparellos desde un punto de vista técnico, pero temos que axudarlles a facer un uso seguro e saudable.

Está a favor do control parental do móbil e internet?

Máis ca controlar, coido que os pais debemos educar e implicarnos en como integrar a tecnoloxía na vida dos fillos; decidir, entre todos, onde poñemos os límites.

Utilizou algunha vez aplicacións de control para o móbil dos seus fillos? Os pais españois xa descargaron un millón (localizadores GPS, apps espías de mensaxes WhatsApp etc. Vostede recoméndaas?

Non as utilicei nunca. A educación debe construírse sobre a confianza. As aplicacións de xeolocalización que permiten saber onde está o teu fillo en todo momento están de moda, pero só dan unha seguridade ficticia.

Espiar ou educar en internet?

Sempre educar. O obxectivo é que os nenos e os adolescentes fagan un uso de internet útil e seguro, non que non o utilicen.

Con todo, o 60 % dos pais non lle dedica máis dunha hora a educar os seus fillos sobre como han de protexer a súa privacidade na rede, segundo unha enquisa de Mozilla. Que tres consellos lles daría?

O primeiro, unha navegación segura. Configurar a privacidade nas redes sociais para que as publicacións non sexan accesibles a todo o mundo e explicar que o concepto de “amigo” en internet non ten o mesmo significado ca na vida real. A segunda cuestión ten que ver coa saúde, xa que algúns usos das redes e da mensaxería instantánea xeran adicción e problemas de concentración. A terceira está relacionada co acceso á información, e os nenos e os mozos deben acceder a contidos apropiados para a súa idade. Os filtros non son infalibles, é mellor explicarlles onde navegar e ensinarlles a buscar sitios web seguros e de calidade.

Europa acaba de aprobar unha reforma da lei de protección de datos que implica que os menores de 16 poderían necesitar autorización dos seus pais para acceder ás redes sociais. Que opina?

O permiso dos pais non é garantía do bo uso dunha rede social. A utilización responsable de internet pasa por que o adolescente sexa consciente dos perigos que comporta, non por que unha lei o obrigue a dar contas.

Ao parecer, o bloqueo dixital non parece efectivo, xa que o 70 % dos rapaces admite que atopou fórmulas para escapar ao control parental, segundo MacAfee.

Educar non é controlar. O control só nos dá unha falsa percepción de tranquilidade aos pais e unha seguridade ficticia. O noso deber é darlles instrumentos para un uso saudable de internet. Só así eles poderán madurar e nós estar tranquilos.