Nicolás Palacios, Presidente da Federación Española de Bancos de Alimentos

"Os bancos de alimentos axudan a 1,5 millóns de persoas, pero cada ano aumenta o número de necesitados"

1 diciembre de 2014
Img entrevista listado 979

Cal é o principal obxectivo dos bancos de alimentos de España?

Hai dous obxectivos fundamentais. O primeiro é axudarlles aos necesitados, conseguir que poidan gozar de, polo menos, unha comida diaria. O segundo reto é loitar contra o desperdicio de alimentos, que é enorme. Os datos din que o 40 % da comida e dos bens consumibles en España se desperdicia e acaba no lixo.

Segundo a FAO, cada español desperdicia 63 quilos de comida ao ano, mentres tres millóns de cidadáns viven en situación de pobreza severa, segundo Cáritas.

É urxente frear este desperdicio de alimentos. Unha gran proporción dilapídase nos fogares españois. Porén, polo momento, é complicado actuar neste ámbito. Na Federación temos un novo proxecto para aproveitar o que as grandes superficies e supermercados de España chaman minguas ou descartes, e que rematan no lixo. Para poñelo en marcha, estamos en contacto co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, aínda que algúns bancos de alimentos xa están a dar os seus primeiros pasos.

Cantos quilos de comida recolle e reparte a Federación ao ano?

No último ano, repartimos 120 millóns de quilos de alimentos entre 1,5 millóns de persoas, o que significa 80 quilos de comida por persoa e ano.

Son abondos?

Por desgraza, non. A cantidade de comida necesaria para que unha persoa poida comer unha vez ao día é de 100 quilos por persoa e ano.O noso obxectivo é alcanzar esta cifra. Cada ano, aumenta o número de necesitados, pero por desgraza os quilos de alimentos dispoñibles non crecen ao mesmo ritmo. Isto preocúpanos e estamos a loitar para reverter esta situación.

Como é o seu proceso de traballo?

Cos nosos propios medios, recollemos a mercadoría que nos ofrecen alí onde estea. Neste punto, é fundamental o labor dos voluntarios. Por exemplo, poden chamarnos dun mercado ás 6 da mañá porque teñen un sobrante. Un voluntario do banco xestiona a chamada e organiza un pequeno equipo para recoller a mercadoría. Tamén hai empresas privadas que nos axudan a transportar a mercadoría por España sen ningún custo, o que nos proporciona unha gran mobilidade.

E, de alí, ás persoas necesitadas.

Iso é. Distribuímos a mercadoría a través de entidades benéficas que teñen contacto directo coas persoas necesitadas. Dotámolas de alimentos e elas fánllelos chegar. O produto non perecedoiro (legumes, arroz, pasta) entregámolo unha vez ao mes e o perecedoiro (froitas, verduras, peixe, carne) hai que repartilo de inmediato.

A pobreza afecta a un de cada cinco adultos e a un de cada catro nenos en España, segundo a Enquisa de Condicións de Vida do INE. Pasamos o peor da crise?

A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, preguntábame hai pouco se notaba unha mellora da situación económica. A verdade é que non, os nosos necesitados non o perciben aínda. O Banco de Alimentos pasou en dous anos de atender un millón de persoas (en 2011), aos 1,5 millóns de persoas actuais, o que supón medio millón de persoas máis. E, mentres o paro continúe nos niveis actuais, o número de necesitados non baixará.

Que é o proxecto Gran Recollida de Alimentos?

É unha enorme colecta de comida nos supermercados. En dous días, podemos recoller 18 millóns de quilos de alimentos, de aí a súa importancia. Necesitamos preto de 84.000 persoas. Parecen moitas, pero sempre aparece xente disposta a axudar. É unha marabilla porque os cidadáns fixeron o proxecto seu. Especialmente desde a chegada da crise. Nun mesmo centro, o mesmo mes, coas mesmas persoas voluntarias traballando, recollemos dúas ou tres veces máis ca antes.

EROSKI acaba de recibir o premio Espiga de Ouro. Cal é a importancia do labor da iniciativa privada nos bancos de alimentos?

Este premio dámosllelo ás entidades que máis colaboran co noso proxecto. O grupo EROSKI asinou o primeiro acordo co Banco de Alimentos de Biscaia en 1997. Despois, esta colaboración estendeuse tamén á Federación. Necesitamos desta iniciativa privada para complementar e captar os alimentos que menos temos; por exemplo, legumes.

A Fundación EROSKI tamén colabora este Nadal coa Federación.

É un proxecto conxunto que se materializa a través das Bolsas Solidarias e da campaña Un Euro por Cliente, que nos permitirá reunir máis alimentos. O Nadal é un momento sensible. Hai moita necesidade e estamos recibindo un aluvión de xente que precisa comida.