Sergio Cortés, fundador da consultora Cink, asesora de empresas sobre a optimización das redes sociais

"Hai que ser coherentes co que publicamos e saber manexar o noso nivel de transparencia"

1 febrero de 2015
Img entrevista listado 995

Como nos cambiou a vida as redes sociais?

O principal cambio é que amplían moito o espectro das nosas relacións sociais e persoais. Grazas a elas coñecemos a moita máis xente e establecemos novas amizades, aínda que non estean baseadas na presenza nin no contacto físico. Doutra banda, dentro da inmensidade de internet, estas relacións axúdannos a contextualizar o espazo dixital que habitamos. Xa non se trata de recibir información masiva dunha procura, senón que lles podes preguntar aos teus contactos ou ben escoitar o que eles tamén reciben de internet. Entre todos os contactos, facemos un filtro á “sobreinformación” dixital.

Estamos mellor informados grazas a este filtro?

Si, sempre e cando este filtro nos permita discriminar a información que nos convén coñecer ou que nos interesa, respecto de todo o “infolixo” que, doutro xeito, quizais nos impediría o acceso a ela. Outra cousa é a relativa profundidade da información que nos chega nas redes. É certo que lemos un pouco de aquí e outro de alá. Antes, nun xornal de papel, liámolo todo a fondo, pero é que a cantidade de información que contiña era moi limitada se a comparamos coa que temos hoxe. Non sabería dicir se estamos mellor informados, pero si que estamos máis informados.

Tomamos decisións máis intelixentes?

En principio, si. O labor de filtrar a información que nos chega respecto ao que fan os nosos contactos permítenos perfilar mellor o que queremos ou o que buscamos e, ademais, podemos contrastar con máis facilidade diversas fontes. Logo, cada persoa analiza a información como cre máis conveniente, pero as ferramentas son as mesmas para todos.

É positivo compartir información persoal?

Depende. Este é un tema polémico. Hai que ser coherentes co que publicamos e saber manexar o nivel de transparencia que desexamos ter porque, doutro xeito, corremos riscos que poden chegar a amargarnos a vida. Pero tamén debemos ser conscientes de que nas redes sociais se comparten contidos, xa sexan experiencias, emocións ou informacións. Se non estas disposto a compartir nada da túa vida ou do que pensas, non ten moito sentido que esteas nunha determinada rede social.

Cal é a mellor maneira de lles sacar partido ás redes sen que nos prexudique o seu “lado escuro”?

Se entendemos por “lado escuro” a perda de privacidade ou unha certa superficialidade da información que nos chega, isto ten remedio. Primeiro, elixe ben os teus contactos, segundo os afectos, pero tamén segundo a información que queiras conseguir. Por iso, convén que escoites o que di un contacto e que decidas despois se che interesa aceptalo. Segundo, procura ser consistente da rede na que estás; é dicir, actúa no contexto e non de maneira igual e automática en todas. Terceiro, estuda ben as redes nas que entras e, sobre todo, ten claro como manexan a túa información persoal. Despois, decide que podes e que non debes publicar en función de quen te segue, de a quen pode chegar a túa información etc.

As opinións que se verten nas redes sociais son un reflexo da sociedade offline ou hai que matizalas?

Máis ca dunha sociedade offline e online falaría dunha nova dimensión da nosa personalidade, dun novo ámbito no que nos movemos, non tan diferente do ximnasio, das afeccións, do traballo, da familia etc. Son un reflexo de quen somos nós, coas peculiaridades do mundo dixital, onde todo rebota de lado a lado e adquire unha grande efervescencia, pero logo tamén é o lugar onde todo baixa moi rápido e perde importancia relativa.

As redes sociais perfilan, nalgún sentido, a sociedade do futuro?

Si, desde o momento no que están a cambiar os nosos hábitos de información, de consumo, de comunicación, de traballo e outros moitos. Ademais, cada día ocupan máis espazo no noso día a día, polo que o seu característico modo de funcionar afectará dun ou doutro xeito a globalidade do noso comportamento social.

Poden servir de base para unha organización social superior á actual?

Si, aínda que é difícil saber como. Non estou seguro de que logros como a democracia directa ou os foros públicos de decisión e de goberno participativos ou en tempo real sexan posibles da noite para a mañá, quizais nin sequera sexan viables. Pero as redes poden axudar moito a mellorar as estruturas sociais en moitos aspectos sen ter que chegar a conceptos tan extremos. De feito, xa serven para a solidariedade, as comunicacións en desastres, as reclamacións a empresas ou mesmo para a procura de financiamento para proxectos empresariais.