É unha boa opción a maquillaxe permanente?
É unha alternativa fácil á maquillaxe. Emprégase en beizos, cellas e ollos, e dura uns dous anos. Tamén axuda a persoas con alerxia á maquillaxe, con problemas de visión ou que non poden pintarse por tremores ou artroses nas mans ou por párkinson.
Entón non é tan permanente como suxire o seu nome…
Non, non é permanente. En realidade, sería máis exacto chamarlle maquillaxe semipermanente. A diferenza da tatuaxe artística, a maquillaxe hai que retocala. As tintas empregadas están concibidas para degradarse e así poder modificar o debuxo co cambio de moda ou cando o paso dos anos modifica a estrutura da cara.
As tintas dos tatuaxes foron obxecto de polémica polas súas implicacións para a saúde. Esta técnica usa as mesmas coloracións?
Non, non son as mesmas. Mentres a tatuaxe artística emprega pigmentos sintéticos orgánicos do tipo azoicos compostos que xeran cores vivas a permanente usa pigmentos inorgánicos, sales metálicos como o óxido de ferro, o dióxido de titanio ou o óxido de zinc. As tintas do permanente ademais deposítanse máis superficialmente e degrádanse co tempo.
E estes pigmentos son seguros?
As tintas da maquillaxe permanente son máis seguras, e o risco apenas existe. A diferenza das coloracións da tatuaxe artística, veñen en envases individuais e estériles ata a súa utilización.
Entón, os controis sanitarios que pasan son suficientes?
España é un dos países cunha lexislación sobre tintas para maquillaxe permanente e tatuaxes máis esixente de Europa, un control que exerce a través da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios. Con todo, boa parte das tintas que se empregan en España -e o resto de Europa- para as tatuaxees artísticas non están homologadas, xa que proceden dos Estados Unidos de América, e a súa axencia reguladora dos medicamentos (Food and Drug Administration, FDA) non exerce tanto control. Se a isto engadimos a compra de tintas a través de internet, resulta difícil controlar o mercado das tintas en xeral. A cousa cambia no caso da maquillaxe permanente: España é un país referente na creación e exportación de tintas para micropigmentación, e estas reúnen unhas condicións de seguridade suficientes.
Na súa experiencia, facer unha maquillaxe permanente implica riscos para a saúde?
Os riscos son pequenos, menores ca no caso da tatuaxe artística. As tatuaxes cosméticas usan compoñentes naturais coñecidos hai centenares de anos. A posibilidade de alexia é pequena, xa que as tintas son fundamentalmente sales metálicas. No entanto, poden aparecer: en caso de proído e inflamación hai que acudir ao dermatólogo para identificar se a reacción é causa da tinta ou da crema cicatrizante.
Ultimamente, sublíñanse tamén os seus interesantes usos médicos
Hai hospitais de Europa que recuperan a mamila e aréolas mamarias mediante tatuaxes en 3D, con resultados espectaculares. Ademais, a maquillaxe permanente ten outras aplicacións sanitarias: é útil para corrixir determinadas cicatrices, a demarcación do beizo leporino, a vitilixe da pel que ocasiona manchas brancas incluso a alopecia de cellas e pestanas ou na cabeza.
Cal é o seu consello para alguén quere facerse unha maquillaxe permanente?
En primeiro lugar, informarse e meditar a decisión. Non convén deixarse levar polos impulsos e hai que escoller con tranquilidade o deseño. Ademais, é importante acudir sempre a un centro debidamente homologado polas autoridades sanitarias, e evitar custe o que custe poñerse en mans de afeccionados, intrusos ou casas particulares carentes do máis mínimo control sanitario.
E ao elixir o maquillador persoal, como saber que é de fiar?
É moi importante asegurarse de que o maquillador estea profesional e artisticamente capacitado para facer a maquillaxe permanente desexado. E asegurarse de que usa as tintas homologadas e envasadas en frascos individuais dun só uso. Ademais de todo iso, convén tomar co móbil unha fotografía do frasco da tinta. Na etiqueta debe figurar a marca do fabricante, o número de rexistro sanitario, o índice de cor, a composición e o número de lote. Esta información é importante no caso de que xurda unha complicación, e tamén será moi relevante para o dermatólogo.
Aínda que, nalgún caso, pode aparecer inflamación e unha costra na zona…
Efectivamente, é a reacción inflamatoria aguda. Aparece inmediatamente logo de realizar a maquillaxe permanente. A pel ponse vermella, inchada e irritada. A súa intensidade varía en función da sensibilidade de cada pel. Esta inflamación é consecuencia do uso das agullas ou a tinta, pero non adoita ser grave. Incluso as reaccións que requiren atención médica son de escasa intensidade e resólvense en días ou, como moito, en dúas ou tres semanas.
E como ocorre coa tatuaxe, hai quen se arrepinte de facer unha maquillaxe permanente?
Si, ocorre cando o maquillador fixo un mal deseño ou se o resultado non é o desexado. Noutros casos o pigmento migra, móvese do seu lugar orixinal, cun resultado pouco estético. Este movemento da tinta resulta especialmente antiestético cando o perfilado dos ollos permanente se move cara ás pálpebras, creando unha forma de abanico. Con frecuencia, para rematar, só resiste unha parte do pigmento, nunha zona concreta, algo común no perfilado dos beizos porque existen distintos tecidos na zona. E o resultado non adoita ser estético.
Nestes casos, podemos eliminar a maquillaxe permanente con facilidade?
Si, pódese eliminar. A técnica de borrado usa láseres en modo Q-Switched (con pulsos de luz intensa), os que empregamos para borrar as tatuaxes artísticas. Polo xeral, o borrado é máis sinxelo, xa que o pigmento é máis superficial: fan falta entre unha e cinco sesións para eliminalo por completo, bastantes menos que na tatuaxe artística.
Entón, recomenda facer unha maquillaxe permanente por simple capricho?
Estamos ante unha opción estritamente persoal, pero o meu consello é que esta sexa responsable, meditada e sen precipitarse. Resulta importante asesorarse e preguntar a persoas que o fixeron antes. É imprescindible confirmar que a persoa que o vai a facer está certificada e tamén que é un bo profesional desde o punto de vista artístico. Doutro xeito, o resultado pode ser un desastre.
- 2 anos de duración media ten a maquillaxe permanente.
- De 2 a 3 semanas tarda en desaparecer a inflamación aguda (pouco habitual) dunha maquillaxe permanente.
- 80 % das tintas para maquillaxe permanente son europeas. O resto chegan dos EUA e Asia.
- 5 sesións son precisas para eliminar unha maquillaxe permanente cun láser Q-swiched (pulsión de luz a alta intensidade).
300-500