A televisión ocupa o podio do consumo de contidos informativos e de entretemento entre a poboación española. Un 88,3 % dos cidadáns vea a diario, segundo o Estudo xeral de medios. Pero o uso de Internet sobe a gran velocidade e xa é o segundo medio de comunicación (66,7 %), por encima da radio. Cre que a Rede acabará por desbancar a televisión?
Internet e a televisión son dous medios de comunicación intimamente ligados, e un non se entende sen o outro. Creo que imos cara a un aparello onde conflúa todo -televisión, ordenador e móbil-, cara a unha pantalla única na que caiba todo.
O tempo que lle dedicamos a Internet crece de forma importante, xa que pasou de unicamente 5 minutos no ano 2000 a 102 minutos de media o ano pasado. Cal é o motivo deste rápido crecemento?
O 70 % da poboación española está conectada neste momento a Internet, ben desde un PC ben desde un móbil. E o teléfono fixo moito por este avance, xa que nos permite conectarnos desde calquera sitio. Tamén axudou a redución do custo de acceso á Rede, coa aparición das tarifas planas.
Pero quedan tarefas pendentes. Mentres que o 70 % dos españois elixe a televisión como lecer, segundo o barómetro de Centro de Investigacións Sociolóxicas, só o 42 % dedica o seu tempo libre a navegar. A Internet quédalle por gañar a batalla do lecer?
Internet está gañando esta batalla polo tempo libre sen que nos deamos conta. O señor ou señora que senta no sofá para ver a televisión ten á beira un móbil co que está interactuando co seu programa favorito. Mentres que os programas de televisión se emiten, moita xente tuitea. Basta con revisar os cancelos ou as etiquetas de Twitter pola noite, o 80 % están relacionados con programas televisivos.
O estudo “Sedentarismo nos nenos e adolescentes españois”, da Fundación Española de Nutrición, reflicte que o 48,4 % dos nenos e adolescentes españois pasa máis de dúas horas diarias diante da pantalla. Para vostede, que riscos implica isto?
Internet abriu unha brecha na que os nenos e os adolescentes viven nun mundo virtual, paralelo ao mundo físico. Os menores prefiren as pantallas interactivas ás pantallas de televisión convencionais. Preocúpanos a desprotección do menor neste uso de Internet, un risco que deriva da interacción non controlada. Por iso, recomendamos sempre tutelar o uso de Internet dos menores. Non entendo que un neno ou nena de 8 anos teña un smartphone en propiedade e que poida usalo sen control.
A televisión por Internet deixou de ser unha rareza, como reflicten plataformas de distribución de contido audiovisual en liña coma Netflix (con 100 millóns de abonados no mundo), HBO ou Movistar, que ofrecen a posibilidade de ver as películas no ordenador en lugar de alugar un DVD. A televisión está movéndose cara a Internet?
Si, e non queda máis remedio. A confluencia de contidos e infraestruturas é o próximo paso; imos cara a esa pantalla única, multifuncional. A televisión xa non pode pensarse como a “caixa parva”. Agora é a “caixa lista” e quen a fai lista somos os usuarios.
O Observatorio da Produción Audiovisual da Universitade Pompeu Fabra afirma que os nenos españois xa destinan máis tempo a ver vídeos por Internet que a ver a televisión tradicional.
O usuario da televisión por Internet é o que vai marcar o futuro da televisión e as súas tendencias. Este usuario non espera a ver o que unha canle televisiva lle queira ofrecer. Afíxose a elixir a súa programación facendo clic, e iso cambia a mentalidade e o modo de consumir. A televisión tradicional e a televisión en Internet conxúganse e a súa unión vai ser cada vez maior.
Estamos entón ante un cambio histórico na maneira de consumir contidos audiovisuais?
Si, estamos inmersos nun cambio histórico no consumo de contidos audiovisuais e tamén no modo de comunicalos. A maneira de comunicar os contidos está cambiando. A Rede multiplicou as posibilidades e a súa proximidade. Esta é a gran revolución do momento que está cambiando as nosas vidas sen que nos decatemos.
E, neste universo cambiante, cal é o gran reto de Internet?
Conseguir que Internet sexa libre e participativa. Lograr que Internet sexa un dereito para todos; que ninguén, por cuestións económicas ou físicas, xeográficas ou de relixión se vexa impedido a utilizar este medio de comunicación que está transformando o noso mundo.