O 70 % dos españois afirma que non ten diñeiro suficiente para aforrar, segundo revelan os datos do INE. De verdade é posible poñer orde nas nosas finanzas? Por onde empezamos?
No aforro non podemos xeneralizar. Por desgraza, en España hai moitas familias sen ningún ingreso para as cales a posibilidade de aforrar é unha quimera. Porén, o punto inicial para aforrar é facer un orzamento familiar, ver os ingresos cos que contamos e cales son os gastos aos que lles temos que facer fronte.
Como podemos planificar as nosas finanzas na casa e aforrar diñeiro desde hoxe?
Se temos intención de aforrar, eu recomendo utilizar o que os ingleses coñecen como pay yourself first; é dicir, págate a ti primeiro. Este método consiste en separar unha parte dos ingresos no momento de cobralos e destinalos ao aforro. Por exemplo, unha parella que gaña 1600 euros e que se propón aforrar o 10 % dos seus ingresos, o día de cobro deberá separar 160 euros, coma se fose un pago fixo máis. E, a partir de aí, cos 1440 euros restantes, organizar o mes.
Somos conscientes de onde gastamos o noso diñeiro?
Non sempre. Hai unha porcentaxe dos nosos gastos que non sabemos onde vai. Gardar os billetes axuda a coñecer en que gastamos e é un exercicio moi positivo. O só feito de gardar os recibos e de apuntalos nunha folla de cálculo fainos conscientes do que gastamos e en que.
Noutras ocasións mencionou o caso da barra de pan. En que consiste?
O exemplo do pan é real. Unha parella, que por primeira vez fixo un orzamento familiar para saber en que se ía o diñeiro na casa, gardou todos os recibos do mes. Ao sumalos, déronse conta de que gastaran case 100 euros en pan. Pero, ao ser unha compra de pouco importe, non lle prestaban importancia. A mellor maneira de saber en que se nos vai o diñeiro é gardar todos os billetes, das compras máis pequenas ás máis grandes, e repasalos ao final de mes. Se non fixemos nunca este exercicio, probablemente levaremos sorpresas e ocorreránsenos ideas para aforrar.
Como se aplica a planificación financeira que vostede propón?
A planificación financeira axúdanos a prever en que momento teremos que lles facer fronte aos pagos. Desta forma, poderemos actuar antes. É importante coñecer os nosos obxectivos vitais, pois normalmente detrás deles hai un obxectivo financeiro. Por exemplo, se a miña intención é vivir en distintos lugares (decisión vital), quizais non me conveña comprar unha vivenda (decisión financeira).
Que é un orzamento persoal e como se constrúe de forma moi sinxela?
Un orzamento persoal consiste en coñecer polo miúdo os nosos ingresos e os nosos gastos. Hoxe en día existen aplicacións para móbil que che permiten seguir e ordenar os gastos. Outra forma de construír un orzamento persoal é gardar os recibos ou as facturas de todo o que gastamos. Despois, hai que ordenar os gastos, segundo se son fixos, variables ou discrecionais. Tamén hai ferramentas en liña para facer esta ordenación; por exemplo, no sitio web www.finanzasparatodos.es, da Comisión Nacional do Mercado de Valores e do Banco de España.
Cal é o principal erro que cometemos cando queremos aforrar?
Cando alguén con ingresos intenta aforrar, o erro máis grande é esperar a ver que queda na conta a final de mes. Como recomendaba antes, é bo aforrar o primeiro día de mes ou o día que recibimos os ingresos. Con todo, debemos lembrar que hai moitas familias que non teñen ingresos e sen eles non se pode aforrar.
O Estudo de comparación en liña cara ao aforro intelixente, elaborado por Rastreator.com, revela que o 66 % dos españois seriamos capaces de gardar algo de diñeiro a fin de mes se nos organizásemos mellor. Que nos falta para evitar os números vermellos?
O meu consello é considerar o aforro como un gasto fixo que temos cada primeiro de mes. Doutra banda, tamén é boa idea aforrar as pagas extras (quen as teña).
Entón, cal é o colchón mínimo que todos deberiamos ter aforrado?
O colchón recomendable é ter entre tres e seis meses dos gastos fixos e variables aforrados para, deste xeito, ante un imprevisto, ter tempo para afrontalos.
Realmente é posible aforrar hoxe en día?
Para moita xente é unha odisea pola falta de ingresos, polo que non podemos xeneralizar nin banalizar cando falamos do aforro.