Perfís nutricionais: menores máis protexidos fronte á publicidade

Adeus aos anuncios de barriñas de chocolate en horario infantil. E aos de galletas, xeados, bebidas enerxéticas e zumes. A regulación sobre perfís nutricionais pretende poñer freo á obesidade infantil ao protexer aos menores de 16 anos dunha publicidade que os atrae con produtos a miúdo pouco recomendables.
1 Abril de 2022

Perfís nutricionais: menores máis protexidos fronte á publicidade

Case un de cada dous nenos españois (o 41%) entre os seis e os nove anos sofre sobrepeso ou obesidade, segundo datos do informe Aladino 2019. “Son cifras alarmantes e preocupantes”, explicaba o ministro de Consumo, Alberto Garzón, a finais do ano pasado. A continuación comunicaba a súa intención de regular a publicidade de alimentos e bebidas non saudables dirixida expresamente a menores de 16 anos. “Temos os informes pertinentes para adaptar os perfís nutricionais da Organización Mundial da Saúde (OMS) ao sistema de regulación e xa se falou coa Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia”, anunciaba.

Pese a ser unha medida que moitos profesionais da saúde e a alimentación –dietistas-nutricionistas, pediatras, endócrinos…– levaban anos reclamando, a noticia causou unha grande axitación. A sorpresa mesturábase co descoñecemento do que son os perfís nutricionais e coa confusión dunha parte da poboación que entendeu que se ían prohibir certos produtos, cando se trata só de limitar a súa publicidade, non a venda, e só no caso de que se dirixa expresamente a menores de 16 anos, por exemplo, nos horarios infantís de televisión ou nas redes sociais, páxinas web ou aplicacións dirixidas ao público infantil e adolescente. Isto incluiría, por exemplo, a publicidade encuberta que fan algúns youtubers, influencers ou streamers patrocinados por produtos pouco saudables, como aperitivos ou bebidas enerxéticas. Así mesmo, déixase marxe ás empresas para que voluntariamente establezan a súa propia autorregulación, sempre que supoña unha protección superior á norma.

Que son os perfís nutricionais? 

Para atallar o crecente problema da obesidade infantil, a Organización Mundial da Saúde, xunto ás autoridades sanitarias europeas, presentou no 2015 a proposta dos perfís nutricionais. Definiunos como “a ciencia de clasificar os alimentos segundo a súa composición nutricional por razóns relacionadas con previr a enfermidade e promover a saúde”. Os alimentos habituais na cesta da compra dos fogares, distribúense en 17 categorías e, en cada unha delas, especifícase que porcentaxe máxima de nutrientes críticos (graxa total, graxas saturadas, azucres engadidos, azucres totais, edulcorantes, sal e aporte calórico) poden levar por cada 100 gramos para que se poidan anunciar aos menores.

O obxectivo inicial dos perfís nutricionais é determinar un límite a partir do cal un alimento non se considera saudable e, por esa razón, prohíbese a súa publicidade dirixida de forma específica ao público menor de 16 anos. En ningún caso se prohibe a súa venda nin a súa publicidade para adultos.

Sen publicidade en horario infantil… 

Segundo esta estratexia da Organización Mundial da Saúde, non hai problema coa publicidade de froitas e verduras frescas, pero péchase o paso sen paliativos ás marmeladas, bebidas enerxéticas, froita en almibre ou os xeados. No caso dos iogures, boliños e paus de pan ou os cereais do almorzo si se establecen límites en certos nutrientes.

O documento da OMS é, en calquera caso, un marco e a Unión Europea non regulou de forma unitaria para todos os países membros. Por iso é polo que cada país pode adaptalo á súa cultura ou peculiaridades da súa poboación. Portugal, por exemplo, non pecha a porta a ningunha categoría e para todas establece límites nutricionais. “Que non haxa un criterio estandarizado podería levar a incongruencias, como que unhas patacas frixidas cunha determinada porcentaxe de sal non poidan anunciarse en Alemaña, pero si en Portugal. Sen esquecer que hai industrias produtoras moi potentes en cada país que poden influír nos valores máximos, como a do queixo en Francia ou a do xamón en España. É un dos riscos que veremos se Europa non regula axiña, porque cada país moldea a súa regulación como mellor cre”, apunta Alba Santaliestra, presidenta do Colexio de Dietistas Nutricionistas de Aragón.

Alimentación sen ‘influencers’

A proposta do Ministerio de Consumo prevé incluír a famosos, futbolistas, youtubers e influencers, que non poderán aparecer nos anuncios de alimentación dirixida a menores de 16 anos, nin sequera se se trata de produtos saudables. Isto inclúe a nais ou pais, educadores, docentes, profesionais de programas infantís, deportistas, artistas, ou persoas ou personaxes de relevancia ou notoriedade pública, sexan estes reais ou de ficción. Si que poderán participar en campañas de saúde pública e educativas para promover a actividade física e os hábitos de alimentación saudable.

As mensaxes do envase

Un paso máis aló cos perfís nutricionais podería ser convertelos nun marco para outras medidas de prevención, como limitar a venda en centros educativos ou sanitarios. Ou satisfacer unha vella petición dos nutricionistas: eliminar o uso de alegacións nutricionais e de saúde no etiquetado de alimentos pouco saudables. “A regulación dos perfís nutricionais debería vir acompañada dunha regulación do marketing nos envases, ou sexa, do etiquetado frontal. Non basta con non velos na tele porque ao cabo do día recibimos moitos impactos visuais e auditivos na rúa e no supermercado. Unha cousa sen a outra está incompleta”, recalca Santaliestra.

Con todo, as mensaxes dos paquetes son un campo esvaradío. As alegacións nutricionais (reducido en azucres, alto en ferro, fonte de fibra, baixo en graxa…) e de saúde (o calcio contribúe ao mantemento normal de ósos e dentes, a vitamina D axuda ao normal funcionamento do sistema inmunitario…) si están reguladas pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), pero só indica que o alimento contén ese nutriente en cantidade suficiente, non que o produto cumpra cuns perfís nutricionais determinados. As mensaxes como “natural”, “caseiro” ou “da avoa” non están regulados e poden usarse libremente.

O doutor Javier Morán, director do Instituto Universitario de Innovación Alimentaria (IIA) da UCAM-Universidad Católica de Murcia apunta que ao mirar a etiqueta dun produto o consumidor busca, ademais da data de consumo preferente ou de caducidade, a información nutricional, as calorías, os beneficios nutricionais e saudables, en caso de habelos. Estes últimos son fáciles de disfrazar ou camuflar cun deseño atractivo e reclamos pseudosaudables. “A acción máis concreta que ten un impacto directo no campo da lexislación alimentaria é a proposta de introducir un sistema harmonizado de etiquetado nutricional obrigatorio no frontal dos envases”, declara.

O caso español

A proposta do ministro Garzón determina que cinco categorías de produtos non poderán facer publicidade en horario infantil “independente do contido de nutrientes”. A primeira categoría é a de chocolates, larpeiradas, barras enerxéticas e coberturas doces e sobremesas. Na seguinte atópanse os produtos de pastelaría, como boliños, pasteis ou galletas doces. Tampouco se poderán anunciar zumes, bebidas enerxéticas e xeados. Dá igual que estean enriquecidos con mil vitaminas e minerais. Non se poderán anunciar.

Para o resto de categorías, establécese un límite de contido en nutrientes por cada 100 gramos. Poderanse anunciar a condición de que os nutrientes críticos se manteñan por baixo dos límites establecidos de cada produto. O tecnólogo dos alimentos Miguel Ángel Lurueña resúmeo así: “Hai categorías premium, ás que obviamente corresponden os alimentos saudables, como a froita, os peixes ou os ovos. Por outra banda, hai categorías malditas, como as bebidas enerxéticas, os chocolates ou os produtos de pastelaría”. O obxectivo é salvagardar a correcta nutrición dunha poboación que aínda non ten formada a súa educación nutricional e que pide certos alimentos aos seus pais por motivos emocionais. Tamén protexe aos proxenitores de reclamos publicitarios confusos. É o caso das galletas ou os cereais do almorzo con moitísimo azucre, pero aos que se engaden vitaminas ou minerais e promociónanse como que “alimentan como un bisté”.

Glosario
  • Ácidos graxos trans. Con ácidos graxos de produción industrial derivados da hidroxenación de aceites vexetais para converter unha graxa líquida (un aceite) nunha graxa semisólida. Era habitual en margarinas, bolaría…
  • Azucres engadidos. Monosacáridos e disacáridos engadidos polo fabricante, cociñeiro ou polo consumidor na casa. Neste apartado tamén se suman os azucres libres naturalmente presentes no mel, xaropes, zumes de froitas e concentrados de froitas.
  • Azucres totais. Contido total en azucres, incluídos os intrínsecos dos vexetais e os do leite (lactosa e galactosa) e os engadidos. Neste apartado tamén se suman os azucres naturalmente presentes no mel, xaropes e zumes de froitas.
  • Edulcorantes acalóricos ou aditivos edulcorantes. Sustancias que se empregan para dar un sabor doce aos alimentos ou en edulcorantes de mesa. Utilízanse normalmente como alternativa aos azucres engadidos (azucre, mel, xaropes, panela…).
  • Graxas saturadas. Contido en ácidos graxos saturados.
  • Graxas totais. Contido en graxas totais, sumando ácidos graxos saturados, monoinsaturados e poliinsaturados.
  • Sal. 1 gramo de sodio equivale a 2,5 gramos de sal.
  • Valor enerxético. Son as calorías. É a cantidade de enerxía que produce un nutriente ou alimento cando é totalmente metabolizado. Normalmente esta enerxía mídese en quilocalorías ou Kcal (abreviadas de forma incorrecta na linguaxe coloquial como calorías) ou quilojulios (Kj).

Nutrientes críticos

Hai alimentos que non figuran na lista por motivos obvios, como as bebidas alcohólicas. Non é casual: o consumo de alcohol está prohibido a menores de 18 anos, como tamén o está a súa publicidade en horario infantil. Outros, como os iogures, poden estar na lista vermella ou na de alimentos permitidos, segundo sexa a súa composición. “Por exemplo, para os iogures amósanse uns límites de 2,5% de graxa, 2% de graxas saturadas, 0,2% de sal e 10% de azucres totais. Os iogures con moita cantidade de azucres engadidos dificilmente poderían anunciarse”, explica Miguel Ángel Lurueña.

Esta medida pon o foco naqueles produtos que en principio son saudables, pero aos que se lle engaden ingredientes que os converten en bombas hiper azucradas, altas en graxas ou ultrasalgadas. É o caso dos iogures, que conteñen de forma natural un 4,5% de azucres procedentes do leite, pero poden superar o 12% no caso dos azucrados. Doutra banda, córtase o paso a alimentos nada saudables polo seu altísimo contido en nutrientes críticos, pero que parecen beneficiosos ao engadir minerais e vitaminas. Neste grupo estarían os batidos de chocolate azucrados, pero enriquecidos con calcio e vitaminas.

Por que agora? 

O concepto de perfís nutricionais non é novo nin se trata dunha iniciativa illada xurdida do Ministerio de Consumo español. Portugal, Irlanda ou Noruega xa os integraron nas súas regulacións. En España é a primeira vez que se aborda abertamente o tema. Alma Palau, presidenta do Consejo General de Colegios Oficiales de Dietistas-Nutricionistas, recorda que a Comisión Europea aprobou os perfís nutricionais “nada menos que no 2006, pero realmente puxéronse en marcha a raíz do informe emitido en 2020 pola estratexia Del campo a la mesa, que poñía de relevo a importancia e necesidade de implementalos”.

Para Palau, “o atraso en poñer en marcha os perfís nutricionais débese en parte á presión de parte da industria alimentaria, que non espera nunca a que lle digan como debe facer as cousas. Prefiren adiantarse a propoñer modelos. Contan con equipos científicos, pero quédanse sempre coa parte que empresarialmente lles interesa máis, deixando de lado os aspectos que lles benefician menos”. Políticos, distribuidores e ata os pequenos produtores tampouco o viron como unha prioridade. En calquera caso, non é un tema fácil de resolver, nin hai que esperar unha resposta rápida”, apunta.

Demasiados anuncios

Os nenos de pouca idade pasan moitas horas ante o televisor. Un estudo publicado en 2019 en Obesity Reviews e realizado en 22 países mostra que o 23% de todos os anuncios de televisión están relacionados con alimentos ou bebidas. De todos eles, a presenza dos produtos que a OMS considera que non deberían ser obxecto de publicidade é catro veces maior que a de produtos permitidos.

Os datos empeoran se só se miran as franxas horarias dirixidas á audiencia infantil, cun 35% máis de alimentos pouco recomendables, sobre todo, refrescos e outras bebidas azucradas, chocolates e produtos de confeitaría, cereais para o almorzo, pasteis e galletas. O estudo amosa outro dato moi revelador: as 10 empresas do sector da alimentación con máis presenza nos anuncios analizados son signatarios da Alianza Internacional de Alimentos e Bebidas (IFBA), un compromiso a escala internacional por unha publicidade responsable. Isto demostra que os códigos de autorregulación voluntarios non se respectan.

Por que os publicitan?

Moitos alimentos pouco recomendables e de consumo ocasional son altamente palatables e fáciles para comer. Véndense ben e dan pé a campañas publicitarias cheas de mensaxes felices. “Cando un neno ve nun anuncio de cereais do almorzo a un deportista de elite ou a un influencer que adestra, sae cos seus amigos, vive nunha casa estupenda e é feliz, resulta complicado explicarlle que ese alimento é hiper azucrado, que non é saudable e que é moi probable que nin sequera o inclúa no seu almorzo habitual”, destaca Pablo Ojeda, dietista e membro da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO).

Tamén seduce ás familias e aproveita o seu desexo de dar o mellor aos seus fillos para que merquen alimentos pouco recomendables. “Non é fácil convencer a ese pai que só ve e escoita no anuncio como eses cereais levan todas as vitaminas que o seu fillo necesita para medrar de que o que ten ante os ollos é todo, menos saudable”, recalca Ojeda. Prohibir a publicidade nesas franxas horarias ou nos contidos dos youtubers evita parte das consecuencias negativas para a saúde dos nenos, “pero non acaba de resolver un problema de base: o reclamo de “enriquecido en ferro ou calcio” adoita ter máis forza que a advertencia de que é alto en graxas ou azucres”, advirte Ojeda.

Mellorar o que falla

A persistencia deste tipo de produtos malsáns nos soportes publicitarios evidencia o fracaso do código de autorregulación PAOS vixente desde 2005 polo que a industria se comprometía a reducir nutrientes críticos en varios grupos de alimentos. O artigo 23 do devandito código establece que “as mensaxes publicitarias de alimentos ou bebidas non deberán promover ou presentar hábitos de alimentación ou estilos de vida pouco saudables tales como comer ou beber de forma inmoderada, excesiva ou compulsiva”. As empresas asinantes non só se comprometían ao seu cumprimento, senón ao pago de sancións de entre 6.000 e 180.000 euros se incorrían en infraccións. Desde entón, os casos de anuncios onde os nenos comen de forma esaxerada este tipo de alimentos foron constantes, pero Autocontrol apenas recibiu unha trintena de reclamacións.

Os perfís nutricionais, no entanto, contemplan dúas excepcións que si poderían anunciarse independentemente da súa composición nutricional. Son os produtos incluídos nunha Denominación de Orixe Protexida (DOP) ou unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Deste xeito, non poderían anunciarse madalenas, pero si sobaos pasiegos (DOP) ou tarta de Santiago (IGP). A solución divide aos nutricionistas. Alma Palau é das que se sitúa a favor. “Esta exención é probablemente razoable e adecuada, xa que son selos ou certificados de calidade. Os perfís nutricionais poden ser moi similares a outros produtos alimentarios de produción industrial, pero o seu alcance xeográfico e poboacional é moito menor. Ademais, o proceso de elaboración pode ser tamén de moita maior calidade. E falamos de patrimonio cultural, tradición, historia…”, opina Palau.

Neste sentido, Palau súmase a outros dietistas-nutricionistas ao afirmar que non se pode pretender atallar o problema da obesidade infantil só regulando os perfís nutricionais. “Hai que acompañalo con campañas de educación e alfabetización alimentaria”.

Cales si e cales non?

ADMITEN CALQUERA TIPO DE PUBLICIDADE

  • Froita e verdura fresca
  • Carne, peixe e ovos frescos

NON SE PODEN PUBLICITAR NUNCA EN HORARIO INFANTIL 

  • Zumes
  • Bolaría
  • Xeados
  • Bebidas enerxéticas
  • Chocolate, larpeiradas e barriñas enerxéticas

SI SE PODEN ANUNCIAR EN HORARIO INFANTIL, PERO CON CONDICIÓNS

Aperitivos salgados. Flocos de millo e outros a base de pataca, millo ou trigo.

  • Sen azucres engadidos.
  • Un máximo de 0,1 g de sal por cada 100 g.

Bebidas lácteas. Batidos de leite de vaca, soia ou similares.

  • Menos de 2,5 g de graxas totais/100 g.
  • Sen azucres engadidos.
  • Sen edulcorantes.

Outras bebidas. Refrescos, augas con sabores.

  • Sen azucres engadidos.
  • Sen edulcorantes

Cereais do almorzo. Corn flakes, muesli, preparados de avea, cereais de chocolate…

  • Con menos de 10 g de graxas totais por 100 g.
  • Menos de 15 g azucres totais por 100 g.
  • Menos de 1,6 g de sal por 100 g.

Manteiga e aceites

  • Menos de 20 g de graxas saturadas.
  • Menos de 1,3 g de sal/100 g.

Pan. Pan de calquera cereal, con ou sen glute, tostado, biscota…

  • Menos de 10 g de graxas totais/100 g.
  • Menos de 10 g de azucres por 100 g.
  • Menos de 1,2 g de sal/100 g. Froitas, verduras e hortalizas procesadas

Froita enlatada, marmeladas, froita cristalizada ou en almibre, patacas frixidas conxeladas…

  • Menos de 5 g de graxas totais/100 g.
  • Menos de 10 g de azucres totais/100 g.
  • Sen azucres engadidos.
  • Menos de 1 g de sal/100 g.

Iogures e lácteos. Iogur, fermentados e cremas.

  • Menos de 2,5 g de graxas totais por 100 g.
  • Menos de 2,0 g de graxas saturadas por 100 g.
  • Menos de 10 g de azucres totais por 100 g.
  • Menos de 0,2 g de sal/100 g.

Queixos. Queixos frescos (como mozzarela e ricota), semicurados e curados.

  • Menos de 20 g de graxas totais por 100 g.
  • Menos de 1,3 g de sal por 100 g.

Precociñados. Pizzas, lasaña e outros pratos de pasta con salsas, quiches, pratos preparados, sándwichs de vending, pastas, sopas e guisos (envasados ou enlatados).

  • Menos de 10 g de graxas totais/100 g.
  • Menos de 4 g de graxas saturadas/100 g.
  • Menos de 10 g de azucres totais/100 g.
  • Menos de 1 g de sal/100 g.
  • Menos de 225 kcal/100 g.

Salsas e aderezos. Cremas para untar, aliño para ensalada, ketchup, maionesa, mostazas e salsa de soia.

  • Menos de 10 g de graxas totais/100 g.
  • Sen azucres engadidos.
  • Menos de 1 g de sal por 100 g.

Pasta fresca ou seca, arroz e outros cereais

  • Menos de 10 g de graxas totais/100 g.
  • Menos de 10 g de azucres totais/100 g.
  • Menos de 1,2 g de sal/100 g.

Carnes e peixes procesados. Embutidos, salchichas, carnes e peixes enlatados, afumados ou en conserva.

  • Menos de 20 g de graxas totais/100 g.
  • Menos de 1,7g de sal/100 g.