Usar o móbil no estranxeiro

Roaming, unha barreira ao futuro

As tarifas de roaming ou itinerancia son un gravame que frea o uso dos móbiles de última xeración cando poderían ser máis útiles
1 Xullo de 2011
Img internet

Roaming, unha barreira ao futuro

Conectarse a Internet dende un móbil español e descargar un megabyte de datos custa 0,05 euros cando se está en España. Agora ben, se o usuario se atopa noutro país distinto, o custo pódese disparar ata os 2,6 euros por megabyte descargado. É dicir, que se se quere baixar unha fotografía de tres “megas”, páganse case oito euros. E se se descargan dez o prezo por tal acción sobe aos oitenta euros. No seu país de orixe a operación, en cambio, non superara os 1,5 euros.

Esta sobretarificación cando se está no estranxeiro tamén se aplica ás chamadas de voz e ao envío de mensaxes de texto. Non obstante, a Comisión Europea tomou parte nestes dous aspectos para frear a especulación de prezos e imporlles ás operadoras de telefonía unhas tarifas límite tanto nas chamadas, que non poden pasar de 0,35 euros o minuto por chamada feita nin dos 11 céntimos por chamada recibida, como nos SMS enviados, que en ningún caso pasarán dos 11 céntimos. Ademais, recibir un SMS cando se está fóra de España xa non custa cartos, aínda que antes do 2009 a situación era ben distinta.

Baixo a lupa da Comisión Europea

Nestes intres, a Comisión Europea, por voz da súa comisaría de Axenda Dixital e vicepresidenta Neelie Kroes, pretende pórlles freo tamén aos prezos de acceso de datos dende o estranxeiro por consideralos abusivos e porque minguan o concepto de economía común que debe imperar entre os países socios.

A tese do vicepresidente é que entre os usuarios hai un crecente consumo de datos e acceso a Internet dende os teléfonos de última xeración, e que en moitos casos o devandito acceso se realiza para facer consultas sobre servizos, negocios ou establecementos próximos ao punto onde se atopa o usuario, mediante a combinación do GPS do teléfono e os datos da Rede (o que se coñece como buscas xeolocalizadas). Este tipo de buscas son unha fonte de publicidade para os negocios locais da zona e mais para as plataformas que se encargan de facer recomendacións ou dar información adicional sobre cada servizo.

Kroes considera que esta necesidade de buscas xeolocalizadas se dispara cando o usuario está no estranxeiro, xa que coñece moito menos o medio, polo que o acceso á rede de datos pode serlle moi útil. Dende información sobre comercios de roupa ata recomendacións de restaurantes pasando por localizacións de bares, museos e farmacias, ou o acceso a mapas on line de rutas a seguir resúltanlle útiles ao usuario cando está fóra da casa, á vez que supoñen para os negocios locais a chegada de novos clientes. Un estudo recente da Comisión, o Eurobarómetro 2011, revela que os usuarios necesitan usar moito máis o acceso a Internet dende o móbil cando están no estranxeiro, pero vense freados polo prezo.

Polo tanto, as elevadas tarifas de roaming supoñen un freo ao desenvolvemento dunha economía dixital dende o móbil. Neste sentido, España e Portugal negocian dende comezos deste ano o establecemento dunha zona común libre de roaming que propiciaría o uso dos móbiles sen importar en que lado da fronteira se estea.

Por que pagamos tanto cando estamos fóra?

A razón de que as operadoras carguen tanto as facturas cando se está de viaxe e se efectúan chamadas ou se consulta Internet dende o móbil hai que buscala no protocolo que se segue para conectar un móbil con outro. No caso das chamadas, o usuario efectúaas pola rede doutro operador distinto ao seu, un operador chamado “anfitrión”. Este debe cursar a orde de busca do operador do usuario, e enviarlle a chamada polo tramo internacional, é dicir cruzando varios países, ata o teléfono do destinatario da chamada. Alí, o operador do usuario encárgase de localizar o teléfono do destinatario e poñer ambos os dous en contacto.

Pola parte do proceso que leva a cabo, o “anfitrión” cóbralle ao operador do usuario uns prezos que antes da regulación europea se fixaban en función dos seus investimentos en antenas para cubrir a demanda de servizo. Loxicamente os prezos eran maiores se o investimento que fixera o operador “anfitrión” dun país para lle dar cobertura ao servizo era máis elevada. Como exemplo, hai que pensar na Costa do Sol no verán, chea de turistas foráneos que falan por teléfono cos seus familiares no seu país. Para que non se colapsen as liñas os operadores nacionais tiveron que pór antenas adicionais, o que supón un gasto elevado e que só se amortiza na tempada estival.

En consecuencia, as tarifas de chamadas en itinerancia dende España a outros países eran ata a regulación europea moi elevadas. As tarifas impostas pola Comisión buscan un equilibrio co fin de que, sen deixaren de amortizar os seus investimentos, os operadores o fagan a máis longo prazo. No caso do acceso a Internet a situación é similar, xa que aínda que o usuario non implica no proceso a un tramo internacional de telecomunicacións, si accede dende as antenas dun operador “anfitrión”.

Medidas para evitar o "tarifazo"

Mentres non se aprobe a regulación o mellor consello é evitar usar o móbil cando se está fóra da casa, sobre todo para acceder á rede de datos. Se hai que realizar chamadas convén usar tramos horarios nocturnos ou de fin de semana, ou ben utilizar dende unha conexión fixa wifi dun bar ou dun hotel algún programa de voz por Internet (voIP) como Skype. A conexión wifi tamén se pode utilizar para navegar, polo que é importante escoller aloxamentos que a ofrezan. Como medida de precaución e para minimizar o “golpe” da factura pódese desactivar no teléfono o uso de redes 3G mentres se está no estranxeiro.