Enfrontarse ao mareo sen darlle máis voltas

Manter a vista fixa nun punto afastado e mastigar goma de mascar durante o traxecto axuda a reducir a sensación de mareo
1 Xullo de 2011
Img salud listado 765

Enfrontarse ao mareo sen darlle máis voltas

O mareo non comeza no coche, nun porto ou no avión. Quen sofre este trastorno sabe que as primeiras molestias traducidas en angustia e malestar xeneralizado se sofren na casa, durante a preparación da maleta ou no traxecto que os leva deica a parada do autobús. Non obstante, viaxar sen que a cabeza dea voltas e invadan as náuseas é posible se se aplican medidas preventivas e consellos médicos moi sinxelos.

A viaxe máis pracenteira pódese traducir nunha tortura se o viaxeiro se marea, a paisaxe se anubra e no estómago se “fai un nó” ata que a debilidade e as náuseas acaban nun vómito. Esta indisposición típica asociada ao feito de viaxar en coche ou noutro medio de transporte, ou ben a montar nunha atracción que dá voltas, denomínase tecnicamente cinetose -de movemento-, mentres que o termo popular “mareo” significa etimoloxicamente “mal de mar”.

É un trastorno orixinado pola sobreestimulación externa do órgano do equilibrio que se atopa no oído interno. O mecanismo que o produce é complexo e a variedade dos síntomas que padece a persoa mareada (suor fría, dor de cabeza, sensación rotatoria, de estómago remexido e náuseas que poden provocar o vómito) explícanse polo sistema nervioso que controla o estómago e mais as reaccións fronte ao estrés.

O mareo típico das viaxes non está asociado a síntomas de gravidade nin a alteracións das constantes vitais. Agora ben, se aparecen palpitacións do corazón, perdas de coñecemento, febre moi alta ou baixadas ou subas de tensión, é sinal de que acontece algo grave.

Persoas máis propensas

A sensación de cinetose é subxectiva e variable segundo cada persoa: hai quen se marea así que abre a porta do coche e outros que non se marean nin nas atraccións máis impoñentes. Coa dor acontece o mesmo: algunhas persoas atúrana moi ben e outras moi pouco. Os máis propensos a esta indisposición rexistran unha sensibilidade especial ante o movemento, os seus ollos débense afacer á visión en movemento, e os seus oídos e o seu cerebro son máis sensibles aos estímulos de sobreexcitación. O grupo por idade máis afectado por este trastorno é o dos nenos, xa que o seu organismo é máis inmaturo e débense afacer ás viaxes. O segundo grupo que máis sofre os mareos é o composto polas persoas maiores que teñen problemas cervicais, seguido dos que toman certos medicamentos como os antihipertensivos e os analxésicos de acción moi potente, que teñen como efecto secundario o mareo ou a sensación de ter a cabeza “aparvada”.

Pero, sen dúbida, un dos factores que máis inflúen á hora de se marear é o estado emocional e a ansiedade que sente a persoa propensa dende que comeza a facer as maletas ao pensar que vai pasar un mal anaco durante a viaxe. Por iso, os expertos recomendan canalizar ese sentimento e procurar acougar antes de emprender a viaxe.

Como socorrer ao mareado
  1. Así que comezan os síntomas típicos do mareo, as pautas máis indicadas pasan por parar o coche ou aproveitar o anaco de descanso do autobús, saír del e deitarse un anaco nun lugar fresco e de lado, sobre todo se o afectado é un neno, para favorecer o vómito. Mentres o mareado se restablece, pódense aplicar panos fríos ou subministrarlle bebidas frescas. E, así que recobre as forzas para incorporarse, débeo facer sen se erguer de súpeto.
  2. Se durante o receso para atendelo sente moitas ganas de vomitar, é preferible que o faga. Despois de vomitar, recoméndase que tome un líquido azucrado, como unha macela, unha bebida de cola, ou que estea fría e sexa levemente doce, como as bebidas isotónicas, que contribúen a restablecer o benestar estomacal. Pero desaconséllase darlle zumes pola súa acidez, xa que despois de vomitar non adoitan resultar apetecibles.
  3. Tras superar a afección, recoméndase que a persoa afectada tome un tempo de descanso dun mínimo de 15 minutos antes de volver ao vehículo e emprender de novo a viaxe, pois o tempo de recuperación varía en función da resposta de cada persoa.
  4. Para rematar, as persoas con tendencia a se marearen deben contar na súa botica de primeiros auxilios de viaxe coa clásica Biodramina. Esta pastilla débese tomar unha hora antes de saír de viaxe, despois de comer algo e, se a viaxe é longa, de novo ao cabo de seis horas. O seu efecto é sedante e permítelle ao afectado durmir durante o traxecto e evitar a indisposición.

Unha solución para cada medio de transporte

Deseguido descríbense unha serie de recomendacións segundo o medio de transporte elixido para realizar a viaxe:

  • No coche. Se unha persoa sabe que se marea no automóbil, debe manter a vista fixa nun punto afastado, por riba do horizonte, e mirar a paisaxe, así como deixar a fiestra aberta para que o vehículo estea ben ventilado. Outra opción é pór o aire acondicionado, xa que a alta temperatura favorece a cinetose. Tamén é importante evitar cheiros fortes, como o do gasóleo, a gasolina e o tabaco, polo que non se debe fumar dentro do coche. Por outra banda, as persoas susceptibles de se marearen non deben realizar actividades dentro do coche, como ler. O condutor tamén debe pór da súa parte e facer unha condución suave, sen freadas nin tomar as curvas de xeito brusco, e elixir, se é posible, rutas sen curvas.
  • No barco. Ir de cruceiro non lle senta igual de ben a todos os turistas, aínda que os grandes buques adoitan ser moi estables e practicamente non se nota o movemento da ondada, salvo que haxa tormenta. Para evitar a afección é aconsellable situarse no centro do barco, onde hai máis estabilidade, e mirar cara a un punto fixo do horizonte. Se o barco é pequeno e se sabe navegar, é máis efectivo levalo un mesmo e fixar a mirada.
  • No avión. É recomendable sentar nun dos asentos centrais do avión (á altura das dúas ás ou un pouco máis cara a diante), xa que é o punto máis estable do avión. Hai que evitar os asentos situados moi atrás ou demasiado diante, porque é aí onde se notan máis as manobras do avión. A miúdo, a indisposición nos avións está asociada á fobia a voar, polo que o afectado debe mentalizarse e intentar non angustiarse.
  • No tren. Neste caso, o pasaxeiro debe buscar un sitio ben ventilado e estable, xa que canto maior sexa o movemento ou troupeleo ao que estea sometido, maior será o fluxo de información errónea ou esaxerada que recibirá o seu organismo. Esta sobreestimulación descontrola o órgano do equilibrio e fai que unha persoa se maree con maior facilidade en calquera medio de transporte.

Pequenos viaxeiros, os máis prexudicados

Os nenos, debido á inmadurez do seu organismo, tenden a marearse máis a miúdo. Para axudar a estes pequenos viaxeiros a evitar o mareo é importante colocalos dun xeito adecuado, nun asento elevado; as cadeiras actuais nas que deben sentar obrigatoriamente no coche xa o permiten.

Situalos nun asento elevado é importante para que, ao igual que fan os adultos que se marean, poidan fixar a vista e ollar cara a un punto situado na parte de diante. Unha boa idea é a de colocar no cabezal dos asentos dianteiros pantallas de DVD para que miren á fronte mentres gozan da súa película favorita. En cambio, desaconséllase de xeito rotundo que fagan outras actividades que os obrigue a mover a ollada dun lado a outro, como xogar coas máquinas. A situación ideal é que durman durante a viaxe, xa que é o xeito máis efectivo de lles evitar a indisposición.

Dez consellos para evitar o mareo:
  1. Evitar facer comidas moi pesadas e abundantes antes de iniciar a viaxe. Convén facer unha comida lixeira e non viaxar co estómago baleiro.
  2. Evitar o exceso de alcohol e o tabaco antes de viaxar.
  3. Manterse ben hidratado, sobre todo no verán, con líquidos abundantes e azucrados, xa que as baixadas de azucre (hipoglicemias) poden ser causa de mareo.
  4. Antes de iniciar a viaxe, non deben tomar bebidas de cola nin excitantes que conteñan cafeína, porque tamén favorecen a afección.
  5. Despois do mareo si poden tomar bebidas de cola ou líquidos doces, nunca zumes, para restablecerse.
  6. Viaxar con luz e evitar as horas de máxima calor e a noite, xa que se perden as referencias visuais, o que tamén favorece o mareo.
  7. Mastigar goma de mascar resulta beneficioso para o oído, onde se atopa o órgano do equilibrio.
  8. Planificar a viaxe e saír con tempo co fin de parar cada dúas horas se unha persoa é propensa ao mareo.
  9. Non levar roupa apertada porque, ante un cadro de mareo, as pezas de roupa que oprimen molestan e incrementan a sensación de angustia.
  10. Intentar acougar e pensar noutras cousas, en lugar do mal que se vai viaxar polo mareo.

Fonte: Norberto Proupin, da SEMG, e Paloma Casado, de SEMERGEN