Con toda a información polas nubes

Fotos, vídeos, apuntes, documentos... O disco duro dos ordenadores aos poucos vaise quedando pequeno e é hora de buscar novas alternativas para gardar a nosa vida dixital. Cando a falta de espazo dos dispositivos electrónicos é urxente, a opción elixida por moitos usuarios son os servizos cloud. Pero, que ofrecen estas plataformas? Son seguras?
1 Setembro de 2021

Con toda a información polas nubes

A nube (cloud, en inglés) é un concepto que se forxou case ao principio da concepción de Internet e refírese á capacidade de dar servizos informáticos, xa sexa o acceso a aplicacións e outras funcións, sen necesidade de instalar ningún programa no ordenador, só a través dun acceso en liña. Atribúeselle a súa definición ao informático estadounidense Joseph Carl Robnett Licklider nos anos 70, pero non foi ata finais dos 90 cando chegaron os primeiros servizos baseados nesta tecnoloxía da man de plataformas como Salesforce, que ofrecía aplicacións para empresas a través dunha páxina web, ou FilesAnywhere, o primeiro servizo que permitiu compartir os arquivos dos usuarios de forma segura por Internet.

O almacenamento na nube é unha aplicación desta computación cloud e ofrécelles aos usuarios a posibilidade de contar cun espazo en liña para almacenar e compartir os seus arquivos, aos que se pode acceder simplemente utilizando un navegador ou, grazas a unha aplicación, mantelos sincronizados de xeito local entre varios dos seus dispositivos (ordenador, móbil, tablet…). Agora ben, as funcionalidades da nube van máis aló e non só se limitan ao almacenamento de arquivos, tamén permiten usar de xeito remoto aplicacións como procesadores de texto, follas de cálculo, chats ou videochamadas sen necesidade de descargalas no ordenador ou, máis recentemente, desde un smartphone. Así, afórrase espazo nos discos duros dos ordenadores e non é necesario acudir a pendrives (memoria USB) ou discos duros externos que se poden estragar ou perder.

Estes servizos utilizan o que se coñece como nube pública, é dicir, a que ofrece os seus servizos a calquera usuario de Internet. Pero tamén existen as nubes privadas, usadas por empresas e controladas por un administrador do sistema, ou híbridas, que teñen unha parte con acceso público e certos espazos privados.

Como funciona

Aínda que poida parecer que con estes servizos de almacenamento cloud os datos se quedan flotando na Internet, nada máis lonxe da realidade. Cando gardamos información na nube, estamos utilizando, comprando ou alugando, unha parte dun disco duro. É dicir, uns xigabytes de espazo que están fisicamente dentro dun ordenador –ou ata repartido en varios– que forma parte dun centro de procesamento de datos (CPD). Mediante unha conexión a Internet, podemos acceder a todos os nosos arquivos que gardamos na nube desde calquera dispositivo.

En que país se gardan os datos? 

É unha das grandes preguntas, xa que se os arquivos se almacenan fisicamente nalgún ordenador, onde se atopa o centro de procesamento de datos que aloxa o servidor ou o espazo que estamos usando? É moi difícil sabelo, xa que grandes empresas como Google ou Amazon téñenos repartidos por todo o mundo e, aínda que se vexan todos os cartafoles e documentos ben ordenados, cada un pode estar distribuído en diferentes ordenadores.

Que lexislación nos ampara se se utilizan estes servizos? A resposta é clara: a normativa do país onde estea constituída a empresa que os ofrece. Seguindo co caso de Google, sería a Lei Cloud Act de EUA. Outros como kDrive, que ten orixe suízo, réxese pola normativa da UE. A única forma real de descubrir onde poden estar os datos é poñerse en contacto con esas empresas e preguntar onde teñen situados os seus centros de procesamento. Coa crecente concienciación sobre a privacidade, este é un dos puntos que se destacan en moitos destes servizos, como en kDrive, que presume de que todos os seus servidores están dentro de países da UE. Aínda que a maioría informa da situación dos seus centros de procesamento, non adoita dar o dato de onde están gardando os nosos arquivos, xa que poden estar situados nos cinco continentes (ata baixo o océano).

Dime que buscas e direiche que servizo necesitas
  1. Se se quere espazo na nube sen pagar diñeiro, a máis interesante é Mega cos seus 20 GB gratuítos, ou Google Drive, que ofrece 15 GB.
  2. Se o que se busca é un complemento a outros servizos, Amazon Prime, OneDrive e iCloud.
  3. Se queres gardar información sensible, Tresorit é a máis segura do mercado.
  4. Se se busca compartir almacenamento coa familia, as mellores opcións son OneDrive ou Dropbox.
  5. Se interesa ter o máximo espazo posible na nube, a elección será MediaFire, xa que é a única que ofrece a posibilidade de ter 100 TB.
  6. Se se quere fuxir dos pagos mensuais ou trimestrais, PCcloud é a única que permite un pago único e para sempre polo seu espazo na nube.

Que se pode facer na nube

As utilidades son variadas e, en gran parte, dependen dos propios servizos. Algúns como iCloud, Amazon Cloud Drive ou Google Drive non só permiten ter sincronizados cartafoles de arquivos entre varios dispositivos, isto significa que todos os cambios que realice cada usuario autorizado no documento, gardaranse de xeito inmediato. Tamén ofrecen a posibilidade de facer unha copia automática das fotos que se fan co móbil. E, como engadido, nestas plataformas pódese gardar unha copia de seguridade de todo o noso sistema, xa sexa dun PC ou do móbil, por se temos que restaurar o equipo tras algún problema. É a forma máis segura de almacenar toda a información que conteñen os nosos dispositivos e recuperala en caso de perda ou accidente.

Na maioría de servizos, non fai falta compartir toda a información do noso dispositivo, senón que se pode elixir que cartafoles ou arquivos son os que se sincronizarán coa nube. Tamén ofrecen a posibilidade de gardar os arquivos de forma manual directamente na nube, sen que se atopen no noso disco duro. Esta opción axúdanos a aumentar os xigabytes de almacenamento dispoñibles nos nosos dispositivos sen ter que adquirir un disco duro ou unha tarxeta de memoria extra.

Que permisos solicitan estas plataformas

Os servizos de almacenamento en liña solicitarannos diferentes permisos cando queiramos activar as súas funcións. De xeito xeneralizado, son moi seguros e as súas aplicacións garanten que non se fai un mal uso dos permisos que lles ofrecemos. O imprescindible é o de acceso ao almacenamento, xa que vai sincronizar os arquivos e cartafoles que nós queiramos. Por outra banda, algunhas como Dropbox ou Google Drive, nas súas aplicacións móbiles permítennos tomar fotos ou escanear documentos e subilos á nube, polo que nos pedirá que aceptemos o permiso de poder utilizar a cámara. Finalmente, é común tamén que nos soliciten o acceso á nosa axenda de contactos para poder enviar enlaces ou autorizar que poidan facer cambios nalgún cartafol ou arquivo.

Como gardar os nosos arquivos de forma segura

Moitos usuarios pregúntanse se os servizos na nube son seguros. As noticias sobre servizos en liña que foron hackeados e que deixaron os contrasinais expostos son habituais e son motivo de medo para moitos usuarios. A realidade é que os datos nas nubes están tan seguros coma se estivesen no noso propio ordenador e o elo máis débil da cadea volve ser o usuario e o seu PC, máis que o propio servidor. Por iso, é recomendable tomar unha serie de precaucións persoais á hora de utilizar estes servizos.

  1. Usa contrasinais fortes. Compostas de maiúsculas, minúsculas, números e algún carácter especial (+,*,-,…).
  2. Emprega a autenticación en dous pasos. Todos os servizos de almacenamento na nube de calidade contan con esta función que, ademais do contrasinal, solicitaranos un código que recibimos por SMS ou o uso dalgún tipo de identificación biométrica desde o noso móbil (pegada dactilar, cara, iris…).
  3. Cifra os arquivos antes de subilos. Aínda que as propias plataformas contan con sistemas de cifrado para que, ata se alguén os descarga, non poida lelos, podemos engadir unha capa máis de seguridade aos máis delicados cun cifrado de orixe desde o noso ordenador con algunha aplicación destinada a este fin.
  4. Mantén actualizadas as aplicacións se utilizas a sincronización automática. Como norma xeral, unha boa práctica de seguridade informática é “non pasar” das actualizacións dos programas que máis utilizamos xa que adoitan corrixir fallos de seguridade detectados.

As 11 nubes máis populares

OneDrive

A nube de Microsoft vén preinstalada e preparada para usar en Windows.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Inclúe Microsoft 365 con Office en as versións de pago a partir de 7 €/mes.
  • Contras: Non se pode borrar de Windows, porque é parte do sistema.
  • Prezos: 5 GB (só almacenamento): de balde. / 100 GB (só almacenamento): 2 euros mes / 1 TB (1 usuario): 7 euros/mes (69 euros/ano). / 6 TB (un usuario): 2,99 euros / mes. / 6 TB compartidos (6 usuarios): 10 euros/mes (99 euros /ano).

Dropbox

A opción independente, pero que conta con integración para traballar cunha inmensa maioría de aplicacións e dispositivos.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Conta cunha conta compartida para familias. É un dos poucos servizos compatible co sistema operativo Linux.
  • Contras: Xa non existe unha versión gratuíta ampliable.
  • Prezos: 2 TB (un usuario): 11,99 euros/mes (119,88 euros/ano). / 2 TB (seis usuarios): 19,99 euros/mes (203,88 euros/ano).

Google Drive

Só con ter unha conta de gmail, xa se pode dispoñer dun espazo de 15 GB neste servizo na nube.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Ofrece 15 GB totalmente de balde.
  • Contras: O espazo compártese con todos os servizos de Google (Gmail, Fotos…), é dicir, se se ocupa todo o espazo con imaxes, pode que se deixen de recibir correos el. por falta de espazo. Eliminaron o almacenamento gratuíto e ilimitado de fotos.
  • Prezos: 15 GB: de balde. / 100 GB: 1,99 euros/mes (19,99 euros/ano). / 200 GB: 2,99 euros/mes (29,99 euros/ano). / 2 TB: 9,99 euros/mes (99,99 euros/ano).

iCloud

A opción que vén presente e é indispensable para calquera usuario de Apple.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: A copia de seguridade de fotos, mensaxes, arquivos e contidos actívase automaticamente.
  • Contras: Non conta con aplicación para Android, pero pódese utilizar nestes dispositivos a través do navegador.
  • Prezos: 5 GB: de balde. / 50 GB: 0,99 euros/mes. / 200 GB: 2,99 euros/mes. / 2 TB: 9,99 euros / mes.

Mega

A versión gratuíta é a que máis espazo ofrece e a que cobra o TB máis barato.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Ofrece cifrado punto a punto, polo que é máis segura que outras como Google Drive ou Dropbox, que só cifran os arquivos unha vez cargados.
  • Contras: Ten límites de transferencia de datos ao mes, é dicir, os xigas que podemos subir e descargar mensualmente.
  • Prezos: 20 GB: de balde. / 400 GB (1 TB transferencias ao mes): 4,99 euros/mes (49,99 euros/ano). / 2 TB (2 TB de transferencias ao mes): 9,99 euros/mes (99,99 euros/ano). / 8 TB (8 TB transferencias/mes): 19,99 euros/mes (199,99 euros/ano). / 16 TB (16 TB transferencias/mes): 29,99 euros/mes (299,99 euros/ano).

Box

Unha opción enfocada ao traballo sincronizado nos arquivos por varios usuarios.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Integra un servizo de xestión de proxectos e traballo colaborativo.
  • Contras: Tanto a versión gratuíta como a profesional contan con límites de carga ou transferencia de arquivos ao mes.
  • Prezos: 10 GB (250 MB de carga de arquivos): De balde. / 100 GB: (5 GB de carga de arquivos): 9 euros/mes.

Amazon Cloud Drive 

Vén incluído coa subscrición de Amazon Prime (36,00 euros ao ano), xunto co resto de servizos.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Espazo ilimitado para gardar unha copia de seguridade das fotos do móbil ou PC e 5 GB para os vídeos.
  • Contras: A partir de 3 TB só permite o pago anual. É das máis caras en todas as súas opcións de pago.
  • Prezos: 5 GB: De balde (se tes Amazon Prime). / 100 GB: 1,99 euros/ mes (19,99 euros/ano). / 1 TB: 9,99 euros/mes (99,99 euros/ano). / Cada terabyte extra, aumenta o prezo 10 euros ao mes ou 100 euros ao ano.

pCloud

A única que permite comprar unha licenza permanente e non pagar mes a mes.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Só para ordenador.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: Non.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Permite un pago para sempre para esquecerse de mensualidades ou anualidades.
  • Contras: Só está enfocada a gardar copias de seguridade do PC e non do móbil. Hai que pagar un extra para contar co cifrado mellorado de arquivos.
  • Prezos: 500 GB: 175 euros (pago único) ou 47,88 euros ao ano. / 2 TB: 350 euros (pago único) ou 95,88 euros ao ano. / 2 TB (5 usuarios): 500 euros (pago único)

Tresorit

É a máis segura do mercado, tanto polo cifrado das transmisións como dos arquivos ao almacenarse e dos enlaces ao compartilos.

  • Sincronización automática: Si.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Si.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Ten ata unha función de escaneo de documentos e cifrado automático das copias e intégrase con Gmail e Outlook para cifrar os arquivos anexos ao correo.
  • Contras: As funcións avanzadas de seguridade só están para as versións destinadas a empresas.
  • Prezos: 500 GB: 10 euros/mes (99,96 euros/ano). / 2,5 TB: 25 euros/mes (240 euros / ano)

MediaFire

É a única que ofrece a posibilidade de ampliar o espazo gratuíto a través de diferentes gratificacións por traer novos usuarios.

  • Sincronización automática: Non.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Non.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: iOS e Android.
  • Localización: Non ofrece información sobre onde se atopan os servidores.
  • Pros: Ten ata unha función de escaneo de documentos e cifrado automático das copias e intégrase con Gmail e Outlook para cifrar os arquivos anexos ao correo.
  • Contras: A versión gratuíta inclúe publicidade cando compartimos o enlace dun arquivo.
  • Prezos: 10 GB: De balde (ata 50 GB con gratificacións). Tamaño máximo de arquivos: 4 GB. / 1 TB: 5 dólares/mes (45 dólares/ano). / 100 TB: 50 dólares/mes (480 dólares/ano). Tamaño máximo de arquivos: 20 GB.

kDrive

A opción que garante que os arquivos están en servidores situados dentro da Unión Europea.

  • Sincronización automática: Non.
  • Copias de seguridade (ordenador ou móbil): Non.
  • Autenticación en dous pasos: Si.
  • Aplicación para o móbil: Non.
  • Localización: Todos os seus servidores están dentro de a UE.
  • Pros: Garanten a seguridade, cifrado e localización de servidores.
  • Contras: Non ten soporte para smartphones ou tablets, só Windows, MacOS ou Linux.
  • Prezos: 2 TB: 4,99 euros/mes. / 3 TB: 10 euros/mes. / 6 TB: 2,99 euros/mes.