Juana Labrador, Presidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE)

"Os alimentos ecolóxicos son máis seguros e saudables ca os convencionais"

1 Xaneiro de 2012
Img entrevista 2 listado

En que consisten a agricultura e mais a gandería ecolóxica?

É un modelo de xestión agrosistémica para producir alimentos de calidade de xeito eficiente e mellorar a fertilidade do solo, a calidade da auga, a biodiversidade e adaptarse ao cambio climático. Abrangue toda a cadea alimentaria e baséase nunha ciencia, a agroecoloxía, e no “saber” tradicional e local. Ademais, está lexislado por unha normativa europea moi rigorosa, o Regulamento 834/2007.

Por que os alimentos ecolóxicos son máis caros?

Pódese pagar entre un 10% e un 30% máis ca os convencionais. Hai un “diferencial” polas necesidades ecolóxicas (evita pesticidas, herbicidas e fertilizantes químicos de síntese, e calquera transacción debe beneficiar a toda a cadea alimentaria). Non obstante, na maioría dos casos o prezo dispárase arbitrariamente, sobre todo no produto fresco, por intereses externos ao sector.

Paga a pena pagar máis?

O consumidor debería saber as consecuencias para a saúde e para a natureza da produción convencional, ou o prezo que se lle paga ao agricultor, e que logo escolla. Cando se mellore a produción e distribución interna o prezo baixará.

Os alimentos convencionais que consume a maioría dos cidadáns non respectan o medio natural nin a saúde?

Si. Vivimos inmersos no medio natural, de xeito que quen o contamina prexudica directamente a nosa saúde e calidade de vida; como exemplo, o risco das poboacións do medio rural fronte a determinados cancros é maior ca o da poboación xeral. Se se valoran as consecuencias ambientais, sociais e económicas, a produción ecolóxica gaña por goleada.

Que opina das alarmas de seguridade alimentaria en produtos ecolóxicos? Os casos de contaminación por E.coli relacionáronse coa agricultura ecolóxica.

Algunhas alarmas serviron para destapar grandes escándalos, como os polos con dioxinas, as “vacas tolas” ou o leite contaminado chinés. Outras serven para intereses comerciais moi claros, como a falacia dos cogombros eco contaminados. Tirou unha excelente produción e “obrigou” a baixar os prezos ao sector eco noutros produtos.

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria emite cinco ou seis alarmas anuais por micotoxinas e E. coli relacionadas con produción ecolóxica. Son seguros estes alimentos?

Si, máis ca os convencionais, porque pasan os controis de calquera alimento e os relacionados coas súas propias normativas. E son máis saudables, porque carecen de biocidas e conteñen máis nutrientes, vitaminas, antioxidantes e fibra. Se alguén o fai mal debe responder por iso, pero non o modelo nin o sector.

España é un dos principais produtores de agricultura ecolóxica, pero boa parte da súa produción expórtase.

Na actualidade, cun mercado exterior tan vulnerable, volven os ollos ao interior. Non obstante, a administración segue sen un interese real, o sector non ten cohesión para crear unha rede sólida, salvo honrosas excepcións, e moitos consumidores seguen a recibir campañas de desprestixio de potentes sectores económicos interesados.

É ecolóxico exportar outros países en camión?

O máis ecolóxico sería consumir local e de tempada, pero o produto exportado non deixa de selo, xa que cumpre a regulamentación eco. A maior parte de empresas exportadoras eco compensan as emisións de CO2. Ogallá a rigorosidade fose igual con, por exemplo, os camións con tomates que veñen de Marrocos, que amais de contaminaren, lles impiden aos produtores locais españois obteren prezos dignos.

Poderían substituír aos sistemas convencionais e abastecer a unha poboación de 7.000 millóns de persoas que pasará a 10.000 millóns a finais de século?

A produción convencional pode? Lembremos a explotación humana, o éxodo rural ou a pobreza xenética do planeta. A agricultura ecolóxica está preparada, pero o problema é de distribución, de especulación e da ansia de poder. Dende a ONU sinálase a adopción de prácticas agroecolóxicas como o principal desafío para asegurar a alimentación da poboación mundial, principalmente dos máis vulnerables.

Canta agricultura ecolóxica hai en España?

Segundo o Ministerio de Medio, en 2010 alcanzaba as 1.674.119 hectáreas, un 4.45% máis ca no 2009. Está á cabeza da Unión Europea. É o único sector en crecemento, aínda que moi devagariño. É aínda vulnerable e non está en igualdade de condicións coa convencional.

Se realmente funcionase, non debería ser rendible por si mesma?

Toda a agricultura, incluída a ecolóxica, depende de subvencións, porque entre outras razóns ao agricultor ou ao gandeiro non se lle paga o prezo do seu traballo nin dos seus produtos. A produción eco, en xeral, non demanda máis axudas ca a convencional. En Europa invítase a pagarlles un plus aos agricultores e gandeiros que lle presten “servizos ambientais” á comunidade. Non son subvencións, senón unha xusta axuda a un traballo ben feito.