O camiño da electricidade

1 Xaneiro de 2012
Img informe listado 665

O camiño da electricidade

A Natureza concédenos o seu poder enerxético a través dos catro elementos, lume, aire, auga e terra, e o home despois convérteos en electricidade. Do uso moderado e intelixente destes recursos dependerá que a chispa xerada siga viaxando ata os nosos fogares e outros centros de consumo.

A enerxía transfórmase

Nunha central de biomasa, un alternador converte en eléctrica a enerxía mecánica desenvolvida por unha turbina de vapor. O mesmo acontece nunha turbina eólica, na que o eixe xira por mor impulso do vento. Nas centrais hidroeléctricas é a corrente de auga a que se encarga de mover unha turbina hidráulica e as fotovoltaicas dispoñen de paneis repletos de díodos semicondutores que xeran electróns ao recibiren unha fonte luminosa. No 2010, o 35% da enerxía eléctrica demandada en España foi de orixe renovable, aínda que aínda é moi alta a porcentaxe da enerxía producida por centrais nucleares e termoeléctricas.

Aumento da tensión e transporte

A central eléctrica dispón dun transformador que aumenta a tensión da electricidade xerada ata valores comprendidos entre os 60.000 e os 400.000 voltios. Ao ampliar a tensión e baixar a intensidade facilítase o seu transporte a través da rede de alta tensión, que no noso país supera os 38.000 quilómetros. A electricidade viaxa mediante os cables condutores, comunmente de cobre ou aluminio, que van suxeitos ás características torres metálicas. Por riba dos condutores desprázase tamén un cable de terra que protexe a instalación das descargas atmosféricas. As torres levan á súa vez uns illantes, fabricados en vidro, porcelana ou material sintético, que protexen os cables.

Subestacións e Centros de Transformación

A rede de alta tensión chega ata as subestacións de transporte, que se encargan de reducir a tensión eléctrica por medio dun transformador. Compóñense de barras colectoras, que conectan os compoñentes da subestación; de seccionadores, que permiten illar a subestación do fluxo de electricidade para efectuar labores de mantemento e reparación; do propio transformador de potencia, etc. Das subestacións de transporte distribúese a electricidade deica os principais centros de consumo. Á metade do camiño, hai subestacións máis pequenas, de distribución, situadas a carón dos núcleos de poboación, e que continúan rebaixando a voltaxe para dirixila aos centros de transformación. Estes últimos subministran a corrente alterna directamente aos fogares, que en España se recibe a 220 voltios.