Viaxar con nenos: o xogo da planificación
De todo menos divertido. Esta é a conclusión á que chegan moitos pais cando se enfrontan á preparación dunha viaxe familiar con nenos pequenos. Acabáronse os tempos de mochileiro nos que se podía viaxar practicamente co posto, sen saber onde se ía durmir, onde se comía a horas intempestivas e se trataba de gozar ao máximo das noites nas cidades visitadas. Cando se teñen nenos, as viaxes non encaixan coa improvisación. As tapas a calquera hora, as copas nocturnas e as interminables camiñadas por velo todo deben dar paso a un novo escenario no que serán imprescindibles os xogos e as cancións. O espírito aventureiro debe dar o relevo a unha ordenada planificación, xa que amais de aforrar desgustos pode resultar unha experiencia rendible para o peto, xa que evita o gasto en obxectos esquecidos na casa ou dos que non dispoñen os hoteis nos que a familia se vai aloxar.
A improvisación non ten cabida nas maletas. Unha correcta planificación esixe comparar ofertas entre hoteis (hai moitas promocións tipo 2 x 1 ou nenos gratis), consultar as condicións dos servizos de transporte e subscribir un imprescindible seguro médico se o destino está fóra de Europa. Antes de partir convén coñecer as limitacións dos transportes, os servizos para nenos de que dispoñen os hoteis e as coberturas dos seguros que se deben contratar.
Transporte: ollo ás limitacións
Unha das opcións máis cómodas cando se viaxa con nenos é facelo no transporte particular. Iso proporciona liberdade para elixir as horas do traxecto, os descansos e para poder levar máis equipaxe da que se carga cando se viaxa en transporte público. Non obstante, en moitas ocasións, cómpre recorrer ao tren, ao autocar, ao avión ou mesmo ao barco. Neste caso, antes de partir o máis aconsellable é chamar á empresa que presta o servizo para coñecer a súa política cando se viaxa con nenos.
Na actualidade, en España teñen a consideración de bebés os nenos menores de dous anos, que non precisan viaxar con asento propio en ningún tipo de transporte (autobús ou autocar, avión, tren e barco). Está permitido que os bebés viaxen nos brazos dun adulto. Neste caso non deberán pagar asento aínda que nalgúns medios de transporte como o avión haberá que aboar un seguro especial de voo, que se debe sacar coa tarxeta de embarque. Por iso, é fundamental que á hora de mercar os billetes se informe a compañía de que se vai viaxar cun bebé ou con máis dun. Ao se mercaren os billetes por Internet, as aeroliñas contan cun apartado especial para informar de se se viaxa con ou sen nenos e de que idade.
Non obstante, se así se desexa os pais poden pagar un asento para o bebé. Nese suposto, aplicaráselle a mesma tarifa ca aos nenos, grupo no que entran os cativos de entre dous e doce anos. Este grupo si que debe ter, por lei, o seu propio asento.
En calquera caso, antes de partir, convén informarse das condicións particulares, normas ou regras da compañía que presta o servizo:
- Autobús: algunhas compañías de autocares só permiten viaxar cos bebés no colo xa que non dispoñen de maxicosi (o portabebés especial para autos) nin de cintos especiais para ancorar o maxicosi particular que poida levar a familia aos asentos e que deberá estar homologado. Se non se coñece esta norma, o día de partida a familia pode quedar en terra. Por iso, antes de chegar o momento convén consultar estas condicións coa empresa en cuestión.
- Tren: igualmente, en Renfe só permiten viaxar cos bebés nos brazos. Por norma, non dispoñen de sistemas de seguridade específicos para bebés e prohiben expresamente montar enriba dos seus asentos calquera tipo de cadeira (tipo maxicosi).
- Avión: nos avións, pola contra, non se ten este inconveniente. Na súa maioría, as compañías contan con portabebés e cintos especiais para que os menores de dous anos poidan viaxar en asento propio. Agora ben, convén igualmente contactar con antelación coa compañía e solicitar o portabebés, xa que adoitan contar cun número de unidades limitado (polo xeral só dous para todo o avión). Noutros moitos casos, as aeroliñas non dispoñen de maxicosis particulares, pero si dos cintos especiais para ancorar estes dispositivos no asento. Poderanse utilizar unicamente se a familia achega o seu propio maxicosi ou portabebé.
Sexa cal sexa a política da aeroliña, o persoal de voo proporciona sempre o cinto de seguridade (especialmente durante o despegue e a aterraxe) para o bebé e o persoal de voo axuda a colocalo. Nas viaxes de longo percorrido, algunhas compañías dispoñen tamén de berces, pero é tamén preciso solicitalas con antelación.
Se finalmente se decide que o bebé viaxe en asento propio, deberá pagar a tarifa correspondente aos nenos de entre 2 e 12 anos e terá dereito a levar equipaxe (ata 20 quilos en liñas aéreas tradicionais en clase turista e 30 quilos se se viaxa en primeira). A tarifa, neste caso, varía en función da compañía e o destino. En voos nacionais xeralmente aplícase un desconto do 50% sobre o prezo do billete de adulto; en voos internacionais a redución pode ser de ata o 33%.
O consello: Un bo consello para cando se viaxa con nenos en avión é intentar reservar os asentos da parte dianteira, inmediatamente detrás da parte “business”. Estes asentos ofrecen máis lugar para estirarse e son mais convenientes para ir ao baño ou para erguerse para camiñar co bebé. Cada vez é máis frecuente que as compañías aéreas permitan elixir asento cando se está a facer a reserva, mesmo por Internet. Se non é así, sería aconsellable chegar ao aeroporto cedo co obxectivo de conseguir eses asentos. As compañías aéreas adoitan gardalos para familias con nenos.
Hoteis: Con todas as comodidades
Antes de elixir aloxamento é fundamental consultar dúas cuestións: prezos e servizos para os máis pequenos.
- Prezos. Na actualidade, hai numerosos hoteis que dispoñen de tarifas especiais para pequenos. As ofertas de 2 x 1, nenos ao 50% ou mesmo o todo gratis para os menores de ata doce anos. Amais do bo prezo, esta publicidade lanza entreliñas outra mensaxe: o establecemento elixido está preparado e orientado a familias con nenos. Isto é moi importante, tanto polos servizos que pode ofrecer como polas relacións que se poden establecer.
- Tipoloxía do establecemento. En ocasións, se se viaxa a un hotel que non está especialmente pensado para acoller familias, senón parellas solteiras, xente nova ou xubilados, pode ser complicada a convivencia. Non hai que esquecer que hai turistas que buscan precisamente, paz, sosego e lugares sen “criaturas” que poidan molestalos.
- Servizos: No tocante aos servizos, é fundamental preguntar antes de saír se o hotel dispón de berces e pechar o tipo de cuarto correcto (polo xeral, os hoteis contan con cuartos con ata cinco camas, o que permitiría aloxarse unha familia numerosa con tres fillos). É útil e necesario consultar tamén a política do restaurante (se se vai comer no hotel) e as posibilidades de contar con menús infantís. Cada vez é máis frecuente localizar hoteis nos que preparan ata as papas ou purés propios dos bebés, mesmo cando estes se aloxan gratis. De non ser así, a familia pode optar por levalos feitos da casa e conxelados. Neste caso, é necesario que o hotel confirme que conta con cámaras especiais para conservalos. Seguindo as normas do Ministerio de Sanidade e Consumo, o establecemento solicitará que os purés caseiros teñan claramente visible a súa data de produción (cando se fixo o puré), aínda que sexa un dato escrito manualmente. Tamén pode ser de grande axuda contar con servizos como garderías ou animación (na maioría dos casos gratuítas) e con lavandería. Este último servizo será de pagamento, pero resultará moi útil de se viaxar con nenos pequenos.
Seguros: Un investimento imprescindible
Se se viaxa con nenos a un país estranxeiro, contratar un seguro convértese practicamente nunha obriga (sobre todo se os nenos teñen tendencia a enfermar con asiduidade). Calquera enfermidade ou imprevisto pode arruinar por completo as vacacións. Neste punto, cómpre estar atento a dúas cuestións: coberturas e prezo.
- Coberturas: é fundamental que o seguro de viaxe contemple coberturas médicas (amais da anulación da viaxe ou da perda de equipaxe). Algúns países carecen dun servizo público de saúde do que se poida beneficiar calquera turista. Nas viaxes por Europa non é preciso subscribir un seguro con estas coberturas, xa que a Seguridade Social española ten un acordo coa Unión Europea, polo que se lles ofrece asistencia sanitaria aos residentes en Europa. Unicamente é necesario tramitar a Tarxeta Sanitaria Europea (TSE) na propia páxina da Seguridade Social (www.seg-social.es). Ten validez de dous anos e envíase ao domicilio do solicitante nun prazo non superior aos 10 días. Na actualidade, as aseguradoras dan a posibilidade de subscribir para estes casos un seguro familiar (que cobre toda a familia) ou seguros individuais, por exemplo específicos para os nenos e basicamente con cobertura médica.
- Prezo: o prezo do seguro dependerá do país de destino e da duración da viaxe. Polo xeral, as pólizas oscilan entre o 2 e o 3% do custo total da viaxe. Por exemplo, unha viaxe por Europa pódese asegurar por uns 15 euros por persoa. Fóra de Europa, a contía alcanza, polo menos, os 20 euros por viaxeiro.
- DNI: toda persoa maior de 14 anos está obrigada, por lei, a ter un Documento Nacional de Identidade. Polo tanto, os menores de 14 anos non teñen esta obriga. Non obstante, en moitas compañías aéreas pídeno. O DNI é válido para viaxar dentro de España e tamén a todos os países da Unión Europea.
- Pasaporte: este documento habilita o seu portador para viaxar a todos os países do mundo (mesmo aos xa mencionados de Europa). Non obstante, en China, India ou Exipto, o pasaporte por si só non basta, hai que presentar ademais un visado de turista. Este requisito é indistinto para os maiores e os menores, de xeito que antes de lanzarse á aventura convén chamar o consulado do país de destino para preguntar que documentación solicitan as súas autoridades para permitir o ingreso de estranxeiros.
- Libro de familia: se o menor viaxa cos seus pais, é aconsellable que estes leven o libro de familia, sobre todo en España. En xeral, o libro non é imprescindible para a viaxe en si, senón para realizar a tramitación previa doutros documentos -como o DNI ou o pasaporte- posto que, ao non incluír fotografías dos nenos, non se considera válido como documento de identificación. Non obstante, é un elemento máis que proba a relación de consanguinidade e que recolle, á súa vez, que eses adultos teñen a patria potestade e a custodia do neno. Cando o documento o permite, convén que os fillos estean inscritos nos pasaportes dos seus pais, onde si figura a súa fotografía.