A calidade asistencial non mellorou e só é aceptable
O noso país vai vello. As persoas con máis de 65 anos alcanzan xa o 17% da poboación (máis sete millóns de cidadáns), un colectivo que na súa maioría necesita atencións e coidados especiais. Os centros de día son, xunto coas residencias de anciáns, un recurso máis para seguir atendendo as necesidades dos nosos vellos e dar un respiro, durante unhas horas ao día, aos familiares que se encargan deles.
EROSKI CONSUMER estudou 130 centros de día (30 públicos, 48 privados e 52 concertados) para persoas maiores situados na Coruña, Álava, Alacante, Asturias, Barcelona, Cantabria, Córdoba, Granada, Guipúscoa, Madrid, Málaga, Murcia, Navarra, Sevilla, Valencia, Valladolid, Biscaia e Zaragoza. Para iso, solicitóuselles información aos responsables de cada instalación sobre a calidade asistencial, os servizos que proporcionan, os prezos e a información ás familias. Para complementar esta investigación os técnicos desta revista visitaron entre os meses de febreiro e marzo as instalacións para comprobaren in situ o seu estado, a seguridade, a limpeza e a accesibilidade das infraestruturas.
O balance dos resultados obtidos é bastante positivo: a nota media obtida por estes 130 centros de día é dun ‘ben’, sen diferenzas en función da titularidade do centro, e parecida á nota obtida hai catro anos nun estudo semellante realizado por EROSKI CONSUMER. Por provincias, Asturias, Álava, Cantabria, Granada, Guipúscoa, Murcia, Valencia, Valladolid, Biscaia e Zaragoza obteñen un ‘ben’, superan a nota cun ‘moi ben’ Alacante, Barcelona, Córdoba, Madrid, Málaga e Navarra. Destacan negativamente Sevilla e A Coruña: a primeira non logra máis que un ‘aceptable’ e a segunda suspende cun ‘regular’. Un bo nivel global que se ratifica en que dos 130 centros visitados unicamente un situado en Murcia suspende o exame da revista.
Cando os familiares dun ancián se deciden por este tipo de instalacións esixen en primeiro lugar unha atención difícil de medir: cariño, respecto e afabilidade. Non obstante, existe outro tipo de atención á que cómpre prestarlle especial coidado. Entre outros aspectos, buscan que a dotación de asistencia directa (persoal de enfermería, auxiliares ou xerocultores) sexa a axeitada: a ratio recomendada polos expertos é de un por cada seis anciáns. A existencia de salas de consulta médica e para as curas, a disposición dun médico de modo permanente no centro ou servizos de fisioterapia e rehabilitación son aspectos que tampouco deberían faltar. Non obstante, a nota resultante tras a análise deste capítulo pon en evidencia carencias, apenas un ‘aceptable’, similar á lograda no estudo elaborado no 2006. As mellores provincias en calidade asistencial son Cantabria, Murcia, Valencia, Álava e Valladolid (un ‘ben’ en todos os casos), Alacante, Barcelona, Córdoba, Málaga, Navarra (estas cinco provincias comparten un ‘moi ben’) e Madrid, que acada un ‘excelente’. Non obstante, os centros de día analizados en Asturias, Granada, Biscaia e Zaragoza só rexistran un ‘aceptable’; mentres que A Coruña, Guipúscoa e Sevilla (‘regular’) suspenden.
Dous de cada tres centros analizados dispoñen dun coidador para seis anciáns, ratio que segundo os especialistas pode considerarse óptima para estes centros (proporción similar á obtida no estudo realizado no 2006). Non obstante, a este dato súmase outro menos positivo: unha de cada cinco instalacións estudadas declaran contar con máis de 10 anciáns por coidador, un equipo insuficiente. Para rematar, constatouse que no resto dos centros analizados (un 17%) a un coidador lle correspondían entre 7 e 9 anciáns. Por titularidade da instalación, o índice recomendado cúmprese en maior medida nas públicas (74%), mentres que nas privadas e nas concertadas esta circunstancia se dá nunha proporción menor (56% e 61%, respectivamente).
A calidade na atención tamén se mide pola cobertura médica permanente do centro: tan só a metade conta con asistencia médica en todo momento, algo máis nos privados e concertados (nun 48% dos casos) ca nos públicos (un 39%). Outro dos servizos de maior importancia na calidade asistencial dun centro de día, especialmente entre os minusválidos físicos, é o tratamento fisioterapéutico e de rehabilitación. Non obstante, o 14% dos centros estudados non o ofrecen entre os que si o proporcionan un 18% non contaban cunha sala específica adaptada a este fin.
Limpeza e seguridade de sobresaliente
Durante a súa observación, os técnicos da revista comprobaron que as condicións de limpeza e mantemento destes centros de día non admite queixas, de aí a nota media de ‘moi ben’. E é que a limpeza exterior (edificio e xardíns) e mais interior dos edificios é boa ou moi boa (nunha proporción que supera o 90% dos centros). Un dos espazos nos que esa hixiene debe ser extrema é o baño: en máis de seis de cada dez centros visitados os seus aseos están impolutos, nun de cada tres a limpeza é correcta e apenas nun 3% a falta de hixiene e limpeza é rechamante.
A seguridade constitúe un apartado transcendental nas instalacións que acollen a persoas maiores. Este apartado valorouse cun satisfactorio ‘ben’, aínda que as notas por provincias son dispares: mentres Granada, Valencia, Álava e Biscaia comparten esa cualificación, Alacante, Barcelona, Madrid, Málaga, Valladolid e Zaragoza supérana cun ‘moi ben’ e Córdoba, Guipúscoa e Navarra cun ‘excelente’ nos tres casos. Pola súa banda, logran un aprobado xusto as instalacións visitadas en Asturias, Cantabria, Murcia e Sevilla, e suspenden os centros de día coruñeses (‘regular’). Malia a que todas as instalacións concertadas e máis do 90% das privadas e públicas contan cun plan de emerxencia elaborado por escrito, unha de cada catro recoñece que non realizou nunca un simulacro de incendios. Así e todo, arredor dun 40% dos centros asegura que o devandito plan de evacuación é coñecido polo persoal do centro e mais polos usuarios.
As medidas de seguridade son unha constante nestes espazos: luces de emerxencia, extintores en todas as zonas, saídas de emerxencia sinalizadas e detectores de fume observáronse na maioría de centros. Agora ben, non se viron esparexedores de auga (no 39% dos centros), mangueiras (33%), portas devasas (30%) ou bocas de incendio (19%).
Moitas das persoas que se atopan nestes centros case non se poden mover ou fano con dificultade. A accesibilidade destes edificios é, xa que logo, esencial. Os técnicos valoraron a accesibilidade media de todos estes centros de día cun máis que satisfactorio ‘moi ben’. Salvo nun 3% do total de instalacións para maiores visitadas, o resto dos edificios ou ben contaban cunha entrada adaptada (ramplas que salvan escaleiras) ou ben non era necesaria xa que o acceso estaba ao mesmo nivel ca a rúa. Ademais, os técnicos da revista observaron no 60% dos centros barras nas paredes de todos os cuartos para que os vellos poidan asilas mentres camiñan.
- Requisitos: Cada administración autonómica fixa uns requisitos mínimos. En todas elas hai unha serie de condicións comúns, como son a idade que determine cada administración (arredor dos 60-65 anos); estar empadroado no concello no que se sitúa o centro; non padecer enfermidades infecto-contaxiosas ou crónicas en estado terminal e acreditar, se cómpre, a necesidade de axuda económica, persoal ou da unidade familiar.
- Equipamento:Antes de se decantar por un centro, é recomendable visitalo para comprobar que todas as dependencias dispoñen dunhas condicións de hixiene e salubridade extremas. Cada réxime autonómico determina unhas dimensións determinadas para a zona do comedor e a área de actividades. No caso dos aseos, estes deben ser accesibles para os maiores e contar con baños xeriátricos. Ademais, esíxeselles a todos os centros unha climatización e ventilación axeitada.
- Horarios e prezos: Os familiares interesados en utilizalos deben saber que, tal e como reflicten os resultados do estudo, os maiores poden permanecer no centro unha media de 10 horas diarias. A tendencia é que as instalacións non abran as fins de semana nin os festivos (no estudo comprobouse que menos de un de cada catro o facía). En moitos dos centros de día a tarifa mensual varía en función do nivel de dependencia dos maiores, polo que é difícil establecer un prezo estándar. No estudo, o prezo medio diario dun centro deste tipo sitúase arredor dos 30 euros. Antes de dar o si definitivo, solicitar información sobre os servizos que se inclúen e os que non nesa tarifa é o máis apropiado.
Canto custan os centros de día?
Os prezos dos centros de día para persoas maiores dependen de moitos factores: a titularidade do centro (público, privado ou concertado), o grao de dependencia do vello, e mais os servizos que ofrece cada centro. En calquera caso, a media diaria sitúase nos 28 euros por usuario: nos centros privados a cota é de 36 euros, case o dobre do que cobran de media os centros de titularidade pública (19 euros). Os concertados, pola súa banda, cobran algo menos, 23 euros ao día. Escolleuse a tarifa diaria xa que, en xeral, as familias utilizan estes centros de modo máis ocasional a diferenza das residencias. De feito, a maioría dos centros analizados facilitaban este dato deste xeito.
Se se compara esta cifra coa do estudo realizado no 2006, o incremento medio dos prezos foi dun 22% (daquela o custo global dos centros de día foi de 23 euros diarios), malia a que o IPC aumentou arredor do 10% neste período. Por titularidade, os centros públicos e privados aumentaron o seu prezo un 27% e un 24%, respectivamente, mentres que os concertados o mantiveron.
Os técnicos de EROSKI CONSUMER presentáronse nos 130 centros de día para coñeceren como era a información que se lles facilitaba ás familias interesadas e o trato que proporcionaba a persoa encargada de ensinar as instalacións. A cualificación media no apartado de información é ‘moi boa’. Así e todo, a información facilitada foi algo escasa nas instalacións visitadas na Coruña (‘regular’), Cantabria, Álava, Murcia e Navarra (‘aceptable’ nestes catro últimos exemplos).
Con todo, a información ofrecida durante a visita resultou satisfactoria nun 93% dos casos e no 7% restante entre escasa e moi escasa. Ademais, en tres de cada catro centros, o trato foi moi bo e no 18% foi correcto; non obstante, nun 5% dos centros a atención foi regular. Algunhas escusas como a falta de tempo da persoa encargada de amosar o centro serviron de base para esa mala nota. Outro dos aspectos fundamentais que valoran as familias para ingresaren aos seus maiores nun centro é a información que os profesionais lles proporcionan sobre a súa evolución. Comprobou que se mellorou moito neste sentido: seis de cada dez centros afirman que lles emiten informes dos seus usuarios por escrito os familiares, e tamén en seis de cada dez ocasións cunha frecuencia de polo menos unha vez ao mes.
Que servizos ofrecen? e táboas comparativas
A calidade tamén se mide polo número de servizos que oferta o centro de día, e no caso destas 130 instalacións, a nota media outorgada neste aspecto é dun ‘moi ben’.
/imgs/20110401/tema4.jpg
Transporte: un dos crebacabezas dos familiares é o transporte da persoa maior ao centro de día. Nun 84% dos casos, as instalacións poñen á súa disposición un servizo de transporte. Agora ben, só tres de cada cinco especifican que se trata de vehículos adaptados (con elevadores, grúas, ramplas, etc.). Un de cada catro centros consultados inclúe a tarifa do transporte na mensualidade, mentres que dous de cada cinco cóbrana á parte.- Menús: as comidas e as dietas que se ofrecen son outra das preocupacións habituais. Aínda que case a metade dos centros non permiten elixir menú (un 47%), practicamente a totalidade deles (98%) aseguran ofrecer unha dieta axeitada ás necesidades dietéticas concretas (diabete, hipertensión, etc). Séguese optando por cociñar no propio centro (no 69% das instalacións estudadas). Pola súa banda, os servizos do cátering utilízanse nun 29% dos centros estudados para maiores.
- Podoloxía: é, xunto ao salón de peiteado, o servizo “estrela” que ofrecen os centros de día. Aínda así, un 12% dos consultados non ofrece un servizo de podoloxía (nas privadas esta proporción baixa a un 9%) nin un 14% o de salón de peiteado (de novo nas privadas diminúe a proporción a un 4%). Iso si, entre os que contan con estas dúas prestacións case sempre as cobran á parte. Os prezos medios oscilan entre os 10 euros polo salón de peiteado e os 14 euros pola podoloxía.
- Flexibilidade horaria: é un aspecto básico para as familias dos anciáns. A media de horas que permanecen abertos estes centros é de 10 horas, 14 no mellor dos casos (un centro da Coruña) e apenas un par de horas pola mañá e pola tarde nunha instalación visitada na provincia de Córdoba. Con todo, case tres de cada dez manteñen as súas portas abertas as fins de semana.
- Ocio: os usuarios precisan distraerse, estar de bo ánimo, facer exercicio e establecer relacións sociais cos compañeiros do centro. Por iso, todos os centros de día estudados ofertan un programa de animación sociocultural no que organizan máis de catro tipos de actividades distintas: culturais, musicais, físicas e de terapia ocupacional, entre outras.