A primeira comunión

Como preparar unha comuñón "low cost"

Realizar un orzamento, comparar prezos e non se deixar influír polo consumismo compulsivo son aspectos básicos para minorar o gasto desta celebración, que rolda os 3.000 euros
1 Maio de 2011
Img eco domestica listado 449

Como preparar unha comuñón "low cost"

Falar da primeira comuñón converteuse para moitos nun polémico tema que obriga a mencionar a dilapidación e o carácter comercial, máis ca relixioso, deste tipo de celebración. En moitos casos, o dispendio en traxes, banquetes e agasallos chega a equiparar a primeira comuñón cunha voda en miniatura. Nos últimos anos, algúns expertos cifran en 12.000 euros o custo dalgunhas destas cerimonias. Agora ben, en paralelo a este tipo de festas ostentosas, a crise deseñou outro modelo de comuñóns que vai gañando adeptos ano a ano: as “primeiras comuñóns low cost”. O aforro convértese na máxima para moitas familias, algo que obriga a optar polas fórmulas máis tradicionais: celebrar xantares ou merendas con poucos convidados, alugar ou “reciclar” os traxes dalgún parente e reducir os agasallos a obsequios útiles e prácticos. Segundo un estudo da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI), o custo destas celebración reduciuse un 15,6% no 2010. A Federación calcula que, de media, as familias gastan uns 2.327 euros neste día tan especial para os seus fillos. A cifra, non obstante, contrasta cos datos da Unión de Consumidores de España, que estima que a primeira comuñón ten un custo medio de 3.000 euros en España. Como se poden rebaixar estas cifras sen escatimar en seriedade e bo gusto?

Princesas ou mariñeiros, pero de reciclaxe

A maioría dos cativos soñan coa chegada do día da súa primeira comuñón como unha gran cita para vestir estupendos traxes. Segundo datos do 2010 da Unión de Consumidores de España, o vestido custa uns 300 euros, de media, para as nenas e 250 euros no caso dos nenos. A cifra ascende algo máis no caso das rapazas, xa que os complementos poden levar outros 100 euros do orzamento familiar. De media, as familias gastan uns 25 euros en adornos para o pelo, 40 euros en luvas e “esmoleiras” (eses bolsos pequeniños específicos para a primeira comuñón das nenas) e ata 40 euros en salón de peiteado. A isto cómpre engadir en moitos casos outros 200 euros, de media, que é o que pode custar a típica cadea con medalla ou cruz de ouro incluídas. Son gastos aos que moitas familias non poden facer fronte en momentos como o actual, no que algún dos membros está en paro, en ERE ou mesmo en situacións máis difíciles. Por iso convén seguir moitos pequenos trucos para minorar a factura.

Para comezar, non está de máis, nin desmerece en nada unha primeira comuñón, que o neno ou a nena luza o traxe dalgún parente próximo, como irmáns, curmáns ou mesmo aquel traxe gardado no faiado do seu propio pai ou nai. Uns sinxelos arranxos (por non máis de 30 euros) poden solucionar este primeiro capítulo da celebración. Se non se dispón de ningún vestido herdado, outra opción pode ser recorrer a algunha institución benéfica. Cáritas, por exemplo, prestou traxes de comuñón nalgunhas comunidades autónomas a familias con problemas económicos. Ademais, coa crise tamén proliferaron os establecementos de moda que alugan ou venden traxes de comuñón de segunda man, con custos por baixo da metade da media (arredor dos 100 euros ou 50 se se opta polo alugueiro).

Un banquete sen abafos

Onde celebrar a primeira comuñón (tras a cerimonia relixiosa) é un dos maiores crebacabezas polo desembolso monetario que supón. De media, o convite adoita custar entre 20 e 40 euros (segundo as comunidades autónomas) por persoa e os convidados adoitan ser arredor de 50. Isto implica un gasto medio por esta partida duns 1.500 euros. En Madrid ou Barcelona, non obstante, o prezo pode incrementarse, xa que os menús poden elevarse a 90 euros por comensal.

En moitas ocasións, como acontece coas vodas, os menús encarécense de xeito considerable cando o restaurante en cuestión escoita as palabras primeira comuñón. A proliferación de celebración ostentosas nos anos anteriores á crise fixo que numerosos establecementos de hostalería especializados neste tipo de eventos equiparasen prezos cos das vodas e incorporasen o mesmo tipo de menús. O marisco e o año gañaron moitos enteiros nas comuñóns dos últimos anos, co encarecemento que iso implica.

Non obstante, diminuír o custo do banquete é tamén sinxelo. Abonda con reducir o número de convidados aos familiares máis achegados, de elixir un restaurante tradicional (non especializado en eventos), cun salón sinxelo e un menú barato (pódense atopar interesantes opcións a 15 euros). Outra estratexia para aforrar é celebrar a primeira comuñón de varios fillos á vez ou mesmo de curmáns, co que o gasto do banquete podería repartirse entre varios familiares e quedar reducido á metade.

Celebracións máis "caseiras"

Nos últimos tempos, a festa da primeira comuñón espállase máis alá do banquete con animacións de pallasos ou monitores de tempo libre, cun custo engadido que pode supor arredor de 300 euros. Nalgúns casos, os pais agasallan aos seus pequenos con viaxes a parques temáticos como Eurodisney, Portaventura ou Warner Bros, o que implica contar cun orzamento adicional de entre 200 euros (se só se visita o parque) e 1.000 euros se hai que pagar algunha noite de hotel. Cando se debe prescindir deste tipo de gastos, un recurso pode ser facer unha festa posterior ao día da comuñón só cos amiguiños do pequeno nalgún centro comercial con xogos infantís ou no propio domicilio do protagonista.

Agasallos e complementos

A maioría dos agasallos que van recibir os cativos correrán a cargo de familiares. Mais unha serie de complementos, como fotos ou recordatorios, engordan un chisco máis a factura dos pais. Un albúm de fotos rolda os 300 euros e o vídeo os 200 euros. Os tradicionais recordatorios (uns 50, segundo o número medio de convidados) poden superar os 200 euros. Para aforrar nesta partida, pódeselle solicitar a algún familiar que faga de fotógrafo e de cámara improvisado. Os recordatorios, pola súa banda, pódense facer caseiros. Mesmo poden ser o regalo dalgún parente próximo con coñecementos de deseño.

No tocante aos regalos dos familiares, pode ser de grande axuda suxerir que obsequien o neno con cartos en efectivo (que se poden empregar para axudar no custo da celebración) ou con presentes útiles e prácticos, como roupa, equipamento escolar ou deportivo, libros didácticos… Convén evitar que reciban regalos non acordes coa súa idade, como móbiles (non recomendados ata os catorce anos).

A opción do crédito

As familias que desexan celebrar unha primeira comuñón ao grande e que nese momento non teñen os cartos necesarios poden recorrer tamén ao financiamento alleo, é dicir, pedirlle un empréstito ao banco. O primeiro escollo que deberán superar, non obstante, é que os consideren clientes solventes (para o que as entidades valorarán os seus ingresos mensuais, a súa estabilidade no traballo, os outros créditos que teñan subscritos…). Se se consegue o “si”, a familia deberá asumir que a celebración se vai encarecer arredor dun 10-12%, de media, o tipo de xuro que aplican agora mesmo bancas e caixas de aforros nos seus créditos persoais.

Se, pola contra, se recibe un “non” por resposta, as opcións que se poden barallar son varias, entre elas, a de aprazar a Primeira comuñón ata que a economía familiar se atope un pouco máis saneada. Segundo un estudo da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI), unha de cada tres familias aprazará a celebración ao ano vindeiro á espera de que mellore a situación económica.

Como evitar unha comuñón ruinosa: consellos
  • Planificación: preparar un orzamento e estudar con que cantidade de diñeiro se pode contar para a celebración é útil para evitar endebedamentos innecesarios.
  • Fuxir de estereotipos sociais, como o consumismo compulsivo: actuar con sentido común é fundamental. Os nenos son protagonistas ese día e así se deben sentir, pero sen se veren excesivamente rodeados de prácticas consumistas. A sinxeleza non está disputada coa diversión e co bo gusto.
  • Buscar e comparar: á hora de elixir o traxe e mais o menú do banquete é fundamental comparar prezos en varios establecementos e valorar sempre a relación calidade-prezo.
  • Reserva anticipada: como coas vacacións, adoita ser máis económico reservar o sitio do banquete con certa antelación. Convén preguntar se o establecemento elixido conta con menús para nenos.