As mariscadoras

Labregas do mar

1 Maio de 2011
Img en imagenes listado 193

Labregas do mar

O mar arroupa unha horta vizosa chea de froitos que só se poden sementar e recoller coa chegada da baixamar. Vaia sol, vaia frío ou chova, as mariscadoras aproveitan este treito, de entre tres e catro horas, para conquistaren o areal cos seus sachos e anciños e desenterraren os moluscos.

Cita na praia Moreira

En plena ría de Arousa atópase a praia Moreira. Vestidas con roupas de cores, viseira, botas, caldeiro e ferramentas, as mariscadoras traspasan o piñeiral e chantan os seus pés sobre os regos de auga e a amálgama de pedras, area e algas que descubriu o mar. Desafiando os seus cadrís, abáixanse co seu anciño e removen con decisión o terreo na procura de ameixas e de berberechos. Amais de posuíren o permiso de explotación marisqueira, cada traballadora debe facer un curso específico para desenvolver esta actividade. Para que o marisqueo sexa proveitoso dedícanlle boa parte do seu tempo a cultivaren os moluscos e a limparen as praias de algas e lixo para que estes medren e non morran.

Agochados baixo a area

As ameixas e mais os berberechos son moluscos bivalvos que viven baixo a area. Cando a area aínda non está moi remexida as mariscadoras escudríñana para descubriren moluscos. Cómpre respectar un tamaño mínimo de recollida: as ameixas finas deben ter polo menos 4 centímetros e os berberechos 2,8. As capturas escasean conforme pasan os días de faena na mesma praia e as mariscadoras optan por se internaren na auga ata a cintura para conseguiren a cota diaria de moluscos que nunca deben superar.

O regreso á lonxa e a poxa

A xeira de traballo remata na lonxa xestionada pola Confraría San Martín do Grove. Cada mariscadora agarda a súa quenda para que peneiren os seus moluscos e se comprobe que teñen o tamaño mínimo. Despois, pésanse e agrúpanse por tamaño en caixas ou redes. Cada cota etiquétase co número de orde de cada mariscadora, a data da captura, a especie e o lugar de recollida. A poxa do marisco comeza a primeira hora da tarde. Diríxea o lonxeiro, quen pon un prezo de saída para cada lote que vai baixando ata que un comprador detén a poxa cun mando a distancia.