25 pasos para aforrar nas facturas

O seguimento dunhas sinxelas pautas pode axudar a soportar as subas do butano, gas natural e electricidade
1 Outubro de 2011
Img eco domestica

25 pasos para aforrar nas facturas

En xaneiro, en setembro, en outubro… Coa situación económica actual moitas son as familias españolas que cada mes se enfrontan á súa particular costa. Non axuda que os cidadáns españois xa paguen entre un 5,70% e un 1,50% máis dende o 1 de xullo polos seus recibos de butano, gas natural e electricidade. O único consolo é que o pasado xuño o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) baixou tres décimas para situar a súa taxa anual no 3,2%. Así e todo, cómpre aforrar máis ca nunca e evitar sustos nas facturas domésticas. Unha serie de sinxelas pautas axudarán a aturar estas subas. Por exemplo, a tarifa eléctrica de último recurso (TUR) subirá un 1,5% de media, o que supón uns 0,50 euros máis ao mes para un consumidor de tipo medio. É a segunda suba neste ano, logo de que xa repuntase outro 9,80% en xaneiro. Iso implica que agora haberá que pagar un 11,30% máis ca a finais do pasado ano. No caso do gas natural, o incremento é maior: os usuarios medios terán que pagar 2,37 euros máis ao mes, aínda que esta cifra será superior nos fogares onde o gas non só se utilice para a cociña e para quentar auga, senón tamén para a calefacción. Con respecto ao butano, a bombona media custa xa 14,80 euros, o que significa que os consumidores deste gas terán que aboar na súa factura un 5,70% máis (80 céntimos máis) ca no trimestre anterior.

Hábitos sinxelos de aforro

Malia o alivio que supoñen os datos do IPC, a situación económica fai que en moitos fogares se impoña aforrar. Se se seguen unhas sinxelas pautas, en só 20 pasos é posible notar unha redución no importe das facturas das subministracións dunha casa:

Luz e auga

  1. A iluminación dunha casa representa entre a cuarta e a quinta parte do recibo da luz. Pero se a vivenda ten orientación interior ou, malia ser exterior, se atopa en zona sombría, enchela de luz pode supor ata a metade da factura de electricidade. Un bo xeito de reducir ese gasto é optar pola iluminación natural: manter abertas persianas e cortinas mentres haxa claridade no exterior axuda a aproveitar a luz solar.
  2. Afacerse a acender as luces só cando sexa preciso e a apagalas cando non haxa ninguén nos cuartos ou zonas da casa supón reducir a factura do mes seguinte.
  3. Elixir cores claras para a pintura de teitos e paredes. A sensación de luminosidade é maior e permanece por máis tempo en fondos brancos, cremas ou de tons pastel.
  4. Substituír as lámpadas tradicionais, incandescentes, polas eficientes, que proporcionan a mesma luz, duran oito veces máis ca as convencionais e aforran ata un 80% de enerxía. Abonda con cambiar as tres lámpadas de maior consumo de toda a casa para que se reduza á metade o gasto en iluminación.
  5. Instalar tubos fluorescentes nos espazos onde se precise moita luz e onde esta permaneza acesa por moito tempo: baños, cociña, faiado. Hai que evitar acendelas e apagalas continuamente.
  6. Substituír o baño pola ducha: consúmese a cuarta parte de auga e enerxía. Regular o termóstato da auga entre 50 ºC e 60 ºC. Por riba desa temperatura, amais de malgastar enerxía, redúcese a vida útil do termo pola acción corrosiva da auga moi quente.

Na cociña

  1. Cociñar con recipientes de fondo igual ou maior ca as dimensións do lume.
  2. Tapar as potas e utilizar, sempre que a receita o permita, a pota expreso.
  3. Para rematar o cociñado, aproveitar a calor residual emitida pola placa logo de apagala.
  4. Abrir a porta do forno só cando sexa imprescindible.
  5. Instalar o frigorífico nun lugar fresco, ventilado e lonxe dos focos de calor.
  6. Manter a parte traseira da neveira limpa e polo menos a un par de centímetros das paredes próximas.
  7. Desconxelar e limpar a miúdo o frigorífico, antes de que a capa de xeo aumente. Instalado en malas condicións pode consumir un 15% máis de enerxía.
  8. Manter o conxelador entre -18 ºC e -15 ºC; o frigorífico, entre 3 ºC e 5 ºC.
  9. Abrir as portas do frigorífico só o que cumpra e non deixalas abertas: uns poucos segundos abondan para que se perda boa parte do frío acumulado. Para recuperalo, gastará máis enerxía.

Cos electrodomésticos e coa calefacción

  1. Apagar a televisión se non se utiliza. Non se debe facer de calquera xeito: hai que desconectala a través dos interruptores dos propios aparellos, porque ao se apagaren co mando a distancia algúns dos seus compoñentes seguen activados e consumen enerxía.
  2. Mercar a lavadora e a lavalouza con etiqueta enerxética de categoría A. Ademais, deben contar con ciclos económicos e curtos e ofrecer a posibilidade de elixir entre distintas temperaturas de lavado. O maior gasto de enerxía na lavadora e mais na lavalouza rexístrase ao quentar a auga, polo que seleccionar temperaturas baixas equivale a aforrar electricidade: o ciclo de lavado a 60 ºC consume o dobre de electricidade ca o de 40 ºC.
  3. Utilizar a lavadora e a lavalouza ao máximo da súa capacidade, pero sen enchelos en exceso.
  4. Pasarlle o ferro á maior cantidade posible de roupa en cada ocasión. Evitar repasar pezas soltas a miúdo, xa que supón multiplicar o consumo de electricidade.
  5. Reducir as fugas de calor e illar a casa con dobre cristal e con burletes en portas e ventás. Cun bo illamento térmico pódese aforrar entre un 20% e un 40% en calefacción.
Non se pasar co teléfono

“Miña nai! 95 euros na factura do teléfono!” Non é preciso chegar a este extremo para aprender a controlar o gasto que se fai co teléfono fixo e co móbil.

  • O primeiro paso é o de coñecer o plan de prezos ou a tarifa que temos contratada. Moitas veces faise un uso indiscriminado destes aparellos sen ter en conta que o horario no que se realiza a chamada e o número que a recibe son os que fixan a súa tarifa. Unha vez identificada, débese facer un esforzo por chamar só naquelas franxas horarias que resulten máis baratas segundo o plan de prezos contratado.
  • Controlar as chamadas de curta duración. Son as que máis custan xa que no seu primeiro minuto se cobra o establecemento de chamada máis a facturación propia da duración da conversa. Por iso, é conveniente enviar unha mensaxe de texto en vez de realizar unha chamada de curta duración ou realizar unha longa mellor ca varias curtas co mesmo interlocutor ao longo do día.
  • Se o móbil é de última xeración e conta cunha tarifa de datos, as aplicacións de mensaxería multimedia (como por exemplo Whatsapp, Ping Chat!v ou Kik Messenger) son unha solución rendible para reducir o custo da factura do móbil: no canto de falar, mensaxéase sen sobrecustos.
  • Internet tamén pode ser un bo aliado á hora de combater as facturas telefónicas no fogar. Grazas á tecnoloxía IP e a programas como o Skype ou o propio Messenger pódense realizar chamadas a móbiles, a fixos e a números do estranxeiro a prezos moi competitivos. Pero o realmente atractivo é falar “de gratis” con outros usuarios que tamén teñan unha conta habilitada nestes sistemas.