Residuos Sólidos Urbanos (RSU): analizados os sistemas de recollida e xestión de 18 cidades españolas

Xeramos menos lixo, aínda que os concellos facilitan pouca información sobre a súa xestión

A cantidade de residuos descendeu un 4% dende o 2008. A metade das cidades analizadas non quixo facilitar a porcentaxe de recuperación do lixo recollido
1 Outubro de 2011
Img tema listado 184

Xeramos menos lixo, aínda que os concellos facilitan pouca información sobre a súa xestión

Guindar un papel ou un plástico ao lixo parece un acto de pouca importancia. Non obstante, implica un posterior proceso de recollida, tratamento e recuperación que leva consigo moito tempo e, sobre todo, cartos. Pero ante todo supón un grave risco ambiental. E máis nun país coma o noso que ocupa a sexta posición na clasificación europea de países que máis residuos urbanos xeran. Para afrontar esta situación, as administracións europea, estatal, autonómica e municipal elaboraron unha longa serie de normas. En España, destacan a nova Lei de residuos e chans contaminados do 11 de marzo do 2011, que pretende promover a reutilización, a reciclaxe ou outros modos de valorización, e mais o II Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos, PNIR (continuación do Plan Nacional de Residuos Urbanos, PNRU), aplicable ata o 2015. Segundo este documento, o Ministerio de Medio Ambiente proponse reciclar, para o ano que vén, o 80% do vidro, o 75% de papel e cartón e mais o 50% dos plásticos, entre outros obxectivos.

Para tratar de comprobar se esas porcentaxes se cumpren, ou polo menos se aspira a cumprilas, EROSKI CONSUMER estudou os sistemas de recollida e xestión dos residuos urbanos de 18 cidades españolas: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Granada, Logroño, Madrid, Murcia, Málaga, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Córdoba aparece en todos os cadros con datos non facilitados, xa que, malia as reiteradas peticións por parte desta revista, non proporcionou os datos para esta reportaxe.

Se no 2009, cando se publicou un informe similar, a tendencia na xeración de lixo se mantiña á alza (producírase un 4% máis de lixo en relación aos datos publicados por esta revista no 2004); agora acontece xusto o contrario. Pouco a pouco ímonos achegando aos obxectivos considerados no Plan Nacional Integrado sobre Residuos Urbanos (PNIR), se ben aínda queda un longo camiño por percorrer. En comparación cos datos facilitados no 2008, na actualidade a produción de lixo descendeu un 4%.

Comprobouse tamén que a maioría das cidades estudadas contan co número de colectores de recollida selectiva mínimo esixido polo Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos: un recipiente de vidro por cada 500 habitantes, un de papel-cartón por cada 500 cidadáns e un de envases por cada 300 veciños.

Se para facilitar a información do número de colectores dos que se dispoñen os Concellos apenas presentan reticencias, non acontece o mesmo coas porcentaxes de residuos que recuperan do total recollido: malia a insistencia desta revista, só a metade das cidades facilitou este dato. É entón cando un veciño destas capitais se pode preguntar se realmente serve o esforzo que realiza na súa casa separando os tipos de residuos se finalmente descoñece canto dese lixo que xera se recicla ou recupera.

Canto lixo xeramos?

O ano pasado xeráronse case 5 millóns de toneladas de residuos urbanos, un 4% menos ca no 2008. Madrid é a cidade que máis lixo produciu, en concreto 1.470.461 toneladas, aínda que un 7,5% menos ca os residuos recollidos no 2008, tal e como se publicaba no informe de hai dous anos. Esta cifra nada ten que ver coa de Logroño, 56.059 toneladas (un 10,6% menos ca no 2008). A capital rioxana repite como a capital onde menor foi o número de residuos urbanos recollidos.

Se nos detemos na evolución en cada unha das 18 capitais analizadas, só tres delas aumentaron a cantidade de residuos en comparación co 2008: Granada, Málaga e Vitoria, con incrementos dun 12,5%, dun 3,3% e dun 2%, respectivamente. Entre as que reduciron o importe de lixo, destacan de xeito máis ca positivo Valladolid ( -6,7%), Madrid ( -7,5%), Valencia ( -8,4%), San Sebastián ( -8,9%), Bilbao (un 9,9% menos de lixo recollido no 2010), e de xeito máis ca significativa Logroño ( -10,6%) e Alacante ( -10,7%).

Outro indicador moi valioso aínda é coñecer a cantidade de quilogramos de lixo que xera cada habitante por ano e día. Mentres que no 2008 se xeraron 1,32 kg por habitante e día, no 2010 esa cifra reduciuse ata os 1,24 kg. Moi por riba desta media actual sitúanse as cifras de Barcelona (1,43 kg por habitante e día), Málaga (1,52) e Granada (1,58). Pamplona, Oviedo, Vitoria, Valladolid, Zaragoza, e Logroño obteñen os menores índices (entre 1,16 e 1,01 kg por habitante e día). As outras cidades mantéñense nos valores medios. Son datos esperanzadores: practicamente a totalidade amosa un descenso da cantidade de desperdicios xerados por veciño e día.

Retrato dunha bolsa

Os Residuos Sólidos Urbanos (RSU) xéranse nos núcleos urbanos, nos domicilios particulares e mais nos comercios e as oficinas. Así e todo, é precisamente na casa onde a sociedade crea a maior parte do lixo. Salvo en catro cidades onde non facilitaron este dato, no resto os residuos domiciliarios supuxeron de media o 87% do total do lixo urbano xerado o pasado ano.

Segundo o Plan Integral de Residuos Urbanos, a bolsa de residuos está formada na súa maioría por materia orgánica (un 44% aproximadamente corresponde a restos de comida e de xardín), papel e cartón (un 21% do contido total), plástico (un 11%) e vidro (un 7% do total de residuos urbanos). Non obstante, a bolsa de lixo das 18 cidades estudadas é diferente: está composta nun 29% por materia orgánica, nun 11% por papel-cartón e por algo menos dun 5% nos casos de envases e vidros. Para recoller eses refugallos, os colectores seguen a ser a opción máis estendida en todas as cidades. Destaca, non obstante, o caso de Oviedo, onde o sistema implantado para tal fin é o da recollida selectiva nos propios portais das vivendas. Ademais, pouco a pouco vanse espallando outros métodos para depositar o lixo, como a recollida pneumática (condutos subterráneos que mediante aspiración levan o lixo ata un centro onde se recollen), moi presente en Barcelona, Bilbao, San Sebastián, Sevilla, Vitoria e Zaragoza. O final da tarde, entre as 20.00 e as 21.00 horas, é o horario escollido pola maioría dos Concellos para que os veciños depositen o seu lixo. Unicamente se atoparon dúas peculiaridades: Pamplona, onde hai liberdade horaria para depositar o lixo, agás no caso do vidro, que se deixa entre as 22.00 e as 08.00 horas; e San Sebastián, onde o depósito nas rúas do centro histórico unicamente se pode facer de 21.30 a 22.00 horas e durante todo o día para recollida pneumática.

Cidadáns: concienciados coa reciclaxe

EROSKI CONSUMER quixo saber, a través dunha enquisa aos usuarios da súa páxina web, o grao de compromiso en materia de reciclaxe dos cidadáns. En total, máis de 2.620 persoas participaron. Tres de cada dez participantes procedían de Cataluña (case un 16% do total) e de Madrid (pouco máis do 14%). O País Vasco era a terceira comunidade autónoma onde máis lectores participaron (case un 13%), seguida da Comunidade Valenciana (un 12%) e de Andalucía (un 11%).

A reciclaxe é unha lección aprendida e interiorizada na maioría dos casos. E é que nove de cada dez persoas confirmaron que habitualmente separan os seus residuos. Arredor do 90% dos consultados recoñecía reciclar o papel e o cartón, os envases e as pilas (máis dun 85%), e os plásticos (case un 80%). Chama a atención que aínda que algunhas cidades aínda non instalaron un sistema de recollida selectiva da materia orgánica, un 73% dos participantes da enquisa asegura separar este tipo de residuos do resto do seu lixo. Pola contra, aínda que con altas proporcións, o que menos se recicla é os aceites (un 64% si o fai) e mais os medicamentos (un 72%).

Neste sentido, guindar cada tipo de residuo no seu recipiente é un acto que, para tres de cada catro persoas consultadas, é moi sinxelo. Non obstante, o outro 25% considérao complicado, sobre todo porque son necesarios distintos cubos ou recipientes para levalo a cabo ou porque é unha actividade cotiá algo traballosa.

Diminuír o uso do plástico é un dos obxectivos máis ambiciosos das administracións, xa que o seu uso é excesivo. E parece que as medidas propostas están a ter calado. De entre os máis de 2.620 participantes na enquisa de EROSKI CONSUMER, un 44% leva as súas propias bolsas para facer as compras e un 36% leva carro. Non obstante, aínda queda arredor dun 20% de consultados que admite pedir bolsas de plástico nas tendas.

Amais de reciclar, que opinan os cidadáns do sistema de recollida selectiva de residuos das súas cidades? O 80% cre que os colectores son accesibles e que están preto do seu domicilio. Non obstante, a metade dos consultados pensa que non se limpan coa frecuencia axeitada e un de cada tres opina que non se baleiran cunha correcta periodicidade.

En canto aos puntos verdes, o 77% dos participantes da enquisa sabe en que lugar se atopan, pero un 19% descoñéceo e un 4% asegura que non hai.

Para rematar, preguntóuselles aos usuarios polo imposto de lixo que cada un deles paga; un 53% opina que é demasiado alto, mentres que unha proporción similar (un 45%) considera que o importe é apropiado. Só un 2% pensa que habería que incrementalo para mellorar. Malia todo, os cidadáns consultados están satisfeitos co servizo dos seus concellos, aínda que poderían mellorar. Nunha escala de dez puntos, a nota media rolda o 6: case un sete para o servizo de recollida de lixos e a limpeza viaria da cidade non alcanza o seis.

Faltan colectores de envases

Na análise realizada nas 17 cidades, EROSKI CONSUMER observou que cada cidadán xerou unha media de 31 quilos de papel-cartón ao ano, 16 quilos de vidro, 14 de envases e 0,06 de pilas. Para reciclar estes residuos, o cidadán necesita, primeiro, de conciencia ecolóxica, pero tamén dunha correcta dotación de colectores para cometer este propósito. O PNIR recomenda que haxa un colector de vidro e papel-cartón por cada 500 habitantes. Neste sentido, case todas as cidades estudadas no informe cumpren con esta máxima en ambos os dous casos, agás Barcelona e Madrid -aínda que ambas as dúas rozan o equipamento de colectores de vidro mínimo esixido. Neste último punto, o maior esforzo observouse en Pamplona (3,38 colectores por cada 500 persoas). Pola súa banda, en canto ao papel-cartón, Barcelona é a que conta cunha menor dotación (0,95 recipientes para 500 habitantes) e de novo Pamplona destaca positivamente (5,78).

No tocante aos colectores de envases, o Plan Integrado de Residuos Urbanos indica que debe colocarse un por cada 300 habitantes. Precisamente, EROSKI CONSUMER comprobou que en materia de envases a maioría das cidades estudadas e que proporcionaron datos non cumpren coa premisa (aínda que varias rocen o mínimo esixido). Non obstante, todas as localidades aumentaron a súa dotación con respecto á que tiñan no 2009, agás Bilbao, Pamplona e Sevilla, aínda que se manteñen practicamente dentro da súa media. Con todo, a capital navarra e os concellos da súa comarca mancomunada destacan por teren a mellor dotación de colectores con respecto ás demais cidades analizadas no estudo de EROSKI CONSUMER. En cifras, contan con tres colectores para vidro por cada 500 persoas, case seis para o papel-cartón e dous para os envases por cada 300 habitantes.

Amais dos colectores, os cidadáns poden utilizar os puntos limpos, (tamén denominados ecoparque, deixalleries ou garbigunes). Son instalacións de recollida selectiva para depositar residuos que non teñen colector urbano específico. O Plan Integral do Residuos Urbanos 2008-2015 prevé entre as súas medidas a “ampliación da rede actual de puntos limpos”. No estudo de EROSKI CONSUMER, comprobouse que todas as cidades analizadas e que proporcionaron datos contaban con ecoparques, aínda que salientan as dotacións de Barcelona, con 39 (29 fixos e 10 móbiles), e de Madrid, con 21 (16 fixos e 5 móbiles), como dúas das cidades máis poboadas do país.

Pero, canto se recupera?

O Plan Nacional Integrado de Residuos Urbanos láiase da “insuficiencia de datos sobre xeración e xestión de residuos, datos que son poucos e non sempre verificados”. Por iso propoñen como un dos seus obxectivos prioritarios “obter estatísticas fiables”. Malia estes bos desexos, conseguir as porcentaxes do que se recupera en cada cidade non é sinxelo. Así, tras moito insistir, apenas nove concellos facilitaron os devanditos datos (A Coruña, Barcelona, Bilbao, Murcia, Pamplona, Sevilla, Valladolid, Vitoria e Zaragoza), aínda que en catro delas as porcentaxes dadas eran demasiado elevadas, chegando mesmo ao 100%.

Ante esta situación, convén ter en conta, por un lado, o PNIR, que propón reciclar para o vindeiro ano o 80% do vidro, o 75% do papel e cartón e mais o 50% dos plásticos. E, por outro, as proporcións recuperadas a nivel nacional segundo o Ministerio de Medio: o 49% dos envases de vidro, o 74% do papel-cartón consumido, o 70% do total de envases postos no mercado e o 16% das pilas e acumuladores portátiles postos no mercado.

Neste contexto, EROSKI CONSUMER realizou unha media entre os concellos que proporcionaron datos próximos ás proporcións do Ministerio de Medio Ambiente. Así, reciclouse de media o 47% de vidro, o 42% de papel e cartón, o 30% de envases, o 32% de materia orgánica e o 36% de pilas.

Que acontece coa materia orgánica?

Os residuos orgánicos pódense reciclar para producir compost ou abono. Para que sexa posible é necesario realizar unha recollida selectiva. Non obstante, o PNIR detecta unha “escasa implantación da recollida selectiva da fracción orgánica”. EROSKI CONSUMER quixo comprobar nas 18 cidades analizadas como se xestiona a materia orgánica. Alacante, Madrid, Murcia, Oviedo, Sevilla e Zaragoza recoñecen non facer unha recollida selectiva da materia orgánica. Tampouco Granada, Málaga nin Logroño, aínda que as dúas primeiras cidades aseguran separala na planta de tratamento e a capital rioxana no ecoparque. O resto fano na súa maioría utilizando os colectores específicos de cor gris ou castaña, ou, coma no caso de Pamplona e Vitoria, a través da recollida pneumática.

Taxas e impostos

As tarifas que os cidadáns pagan pola recollida, xestión e tratamento deses lixos son tan dispares coma capitais se analizaron. En xeral, son cantidades variables que dependen da categoría fiscal da rúa (como acontece na Coruña, en Alacante, Bilbao, Córdoba, Granada e Logroño), do valor catastral do inmoble (Madrid, Pamplona e Vitoria) ou do consumo de auga en cada fogar (tarifa que se aplica para os veciños de Sevilla e Zaragoza). Noutras ocasións trátase dun desembolso fixo cada ano ou ben está englobado dentro do Imposto de Bens Inmobles-IBI (así se fai en Barcelona, Málaga e Valladolid). No caso de Valencia, non existe un pagamento específico polo devandito servizo, xa que o seu custo se financia por medio dos orzamentos municipais de cada ano. En Oviedo, a taxa a pagar depende de se ese veciño recicla ou non. E mentres que en todos os casos devanditos a taxa que se paga oscila, nas cidades de Murcia e San Sebastián págase unha cantidade fixa cada ano (114,3 e 116,34 euros respectivamente). As variacións de tarifas son ben rechamantes en catro das 18 capitais estudadas por EROSKI CONSUMER: en Madrid os prezos oscilan entre 4 e 173 euros; en Córdoba, entre 44,70 e 160,82 euros; Logroño ten tarifas entre 20,58 e 130 euros de máximo e en Granada a taxa de lixos que se aplica sitúase entre os 57,48 e os 134,52 euros anuais.