Dó en tempos de pandemia: despedirse na distancia

A praga do coronavirus xerou un contexto insólito de illamento que impediu acompañar os enfermos terminais e velar os defuntos de forma presencial. Elaborar un dó san tras unha morte próxima pola covid-19 é máis difícil ca facelo en circunstancias normais, pero non imposible.
1 Xuño de 2020
Person Throwing Flowers In Sea

Dó en tempos de pandemia: despedirse na distancia

Se enfrontarse á morte dun ser querido é un transo de seu duro, ter que facelo en circunstancias de urxencia sanitaria e confinamento engádelle dificultade e dor. A pandemia da COVID-19 non só acabou coa vida de decenas de miles de persoas no noso país. Tamén xerou un contexto insólito de illamento que impediu acompañar os enfermos terminais, velar os defuntos e celebrar rituais fúnebres como se viña facendo ata a irrupción do coronavirus. Quen perdeu un amigo ou familiar debe encarar un dó particularmente complicado, que o Ministerio de Sanidade cualifica “de risco” pola “natureza traumática de todo o que acompañou á morte” e os “déficits de apoio social”. 

Sen contacto, sen probas, sen ritos 

O pasado 30 de marzo, velorios e cerimonias fúnebres prohibíronse para evitar a expansión do virus. O estado de alarma estableceu que tan só tres achegados puidesen asistir aos enterros e incineracións para despedir o corpo que, no caso da COVID-19, debía meterse ademais dentro dunha bolsa estanca e ataúde pechado. Os doentes que deixou a pandemia tampouco puideron estar preto dos seus seres queridos nas súas últimas horas nin ter contacto físico non eles, o que lles xerou perdas secundarias, como a imposibilidade de dicir adeus, acompañar, coidar, aclarar asuntos pendentes, agradecer ou preguntar. 

Ao ser vetada a súa presenza no hospital, tampouco saben como foi o final da persoa falecida, o que lles xerou incerteza sobre que pasou, como foi atendida e que sentiu en realidade durante as súas últimas horas, ademais de pensamentos catastrofistas e moita culpa. A todo iso súmase o reto de asumir e xestionar os tempos da COVID-19, moito máis curtos que os doutras enfermidades mortais. Tamén a dificultade de vivir o proceso da morte desde unha soidade extra, sen o apoio presencial de achegados, recoñecemento social nin ritos funerarios, que no fondo son xeitos de expresar coidados polo falecido, resaltan os profesionais. 

Máis etapas, emocións

“Estamos vendo dós cun engadido de trauma moi importante, e tamén múltiples”, asegura Valeria Moricono, responsable da organización do servizo de Ayuda al Duelo do Colegio Oficial de Psicología de Madrid. Os seus máis de 70 especialistas voluntarios, cos que se pode contactar a través de ayudaduelocopm@cop.es, atenden por teléfono ou videoconferencia e realizan unha media de cinco sesións con cada paciente. No seu primeiro mes de existencia, este servizo de urxencia asistiu a unhas 350 familias, entre as que se contan “moitísimos fillos de falecidos pola COVID-19, pero tamén parellas, netos e coidadores de persoas anciás”, relata. Neste contexto, “ás veces o dó percíbese como desautorizado”, explica a psicóloga, para quen a situación se agrava debido ao choque emocional que xerou a pandemia no conxunto da poboación. A rede social de apoio que debe soster a quen perdeu un ser querido tamén está tocada, inmersa á súa vez nun escenario traumático e de angustia. 

Si, segundo o famoso modelo que estableceu a psiquiatra suíza Elizabeth Kübler-Ross en 1969, todo doente atravesa as etapas de negación, ira, negociación, tristeza e aceptación, o perigoso é quedar atrapado nunha delas. “Se a negación persiste, por exemplo, pode ser problemático, xa que crece o sentimento de irrealidade e complica o traballo emocional”, afirma Moricono, tamén coautora da Guía de acompañamento ao dó COVID-19 do colexio profesional. 

Segundo ela, hoxe moitos psicólogos prefiren falar máis de emocións que de fases e, ademais, evitar cronificalas. “Na consulta comprobei que estas etapas resultan persecutorias para os doentes: pensan que son consecutivas e que teñen que pasar por todas elas, pero non funciona así. O dó non é lineal, senón fluído. Poden experimentar primeiro un sentimento, logo outro e, logo dun tempo, regresar ao primeiro”, aclara. Doutra banda, cada unha desas emocións é normal e presenta multitude de matices, aos que tamén debe prestárselle atención. “Existen moitos tipos de culpa: por non estar presente, por pensar que se podía evitar, por algo que se fixo, por reengancharse á vida… Tamén de ira: contra un mesmo, contra os demais, contra o persoal médico…”. 

Cada persoa reacciona de xeito distinto ante un feito traumático e necesita os seus tempos para elaborar a dor. Por iso resulta arriscado definir en que consiste exactamente un dó complicado ou patolóxico. Aínda que un proceso san non ten características nin duración exactas, a última edición do Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais, da Asociación Americana de Psiquiatría, unha especie de biblia para profesionais, estima que pode haber motivo de preocupación se un doente non consegue facer vida normal pasados os 12 meses.

Darse permiso para sentir

Para que isto non suceda, os psicólogos recomendan aceptar todas as emocións, tal e como cheguen. Aconsellan que os doentes expresen todo o que sintan, xa sexa tristeza, medo, rabia ou enfado. Tamén que o compartan con amigos e familiares e, chegado o caso, con profesionais. Se por circunstancias de illamento ou corentena non puidese facerse en persoa, resulta importante non illarse. Pode utilizarse calquera medio do que se dispoña para facerse acompañar e sentir calor, como o teléfono, as videoconferencias ou as aplicacións de mensaxaría. Non é o momento de esixirse demasiado a un mesmo, pero parte da responsabilidade do doente consiste en seguir coidándose –comer san, asearse, descansar– e, ao mesmo tempo, concederse permiso e espazo para chorar e conectar coa dor. 

En canto ás persoas que queiran acompañar e mostrarlle o seu agarimo ás persoas no dó, os profesionais recomendan facer saber que se pode contar con eles e ofrecerse para axudar, pero sen resultar invasivos. Na Guía para as persoas que sofren unha perda en tempos de coronavirus, elaborada por psicólogas, enfermeiras e traballadoras sociais especialistas, aconséllase evitar frases como “sé forte”, “anímate”, faino polos teus fi llos”, “é lei de vida” ou “agora xa non sofre”. A cambio, recomendan optar por algo similar a “gustaríame moito poder dicir algo que aliviase a túa dor, pero non atopo as palabras. Quero que saibas que estou aquí e que penso en ti a miúdo”.

Como contarllo aos nenos 

Moitos adultos pensan que ocultar a morte aos menores lles aforra un sufrimento, pero en realidade sucede ao revés. Resulta imposible evitarlles toda a dor e, ao estar apartándoos dun evento fundamental nas súas vidas, pode que no futuro non desenvolvan habilidades para afrontalo. Así o explica a extensa guía Hablemos de duelo. Manual práctico para abordar la muerte con niños y adolescentes da Fundación Mario Losantos del Campo, que ofrece pautas específicas por idades e pode descargarse de xeito gratuíta en Internet. Entre os seus consellos, recomendan non mentirlles aos menores, comunicar a noticia con sinceridade e serenidade, transmitirlles que sempre vai haber alguén que coide deles, deixarlles participar nos rituais familiares, axudarlles a expresar a súa tristeza ou deixarlles claro que non teñen a culpa, xa que poden pensar que a persoa faleceu porque eles fixeron algo malo. “Os nenos, como os adultos, necesitan compartir a dor e as emocións”, confirma a Sociedad Española de Coidados Paliativos. “O máis importante é a seguridade que lles dá o amor de persoas que os sosteñen e que lles explican as cousas para que as entendan”.

Onde pedir atención psicolóxica gratuíta
  • Onde pedir atención psicolóxica gratuíta 
  • Ministerio de Sanidade e o Consejo General de Colegios Oficiales de Psicólogos
    917 007 989 (de 9.00 a 20.00) 
  • Colegio Oficial de Psicología de Madrid
    ayudaduelocopm@cop.es 
  • Servicio de Psicología Aplicada da UNED
    spa@psi.uned.es e 660 695 469 (L-V, de 10.00-14.00/16.00-20.00) 
  • Instituto IPIR. Duelo y pérdidas
    Encher formulario en ipirduelo.com ou info@ipirduelo.com 
  • Movemento Tienes mi ayuda
    tienesmiayudacovid19@gmail.com 
  • Iniciativa popular #escuchasolidaria
    escuchasolidaria@gmail.com 
  • Fundación La Caixa (só para profesionais sanitarios)
    900 670 777 (de 9.00 a 22.00) 
  • Fundación Alares (só para persoas maiores)
    900 877 037 (24 horas) 
  • Niakara (encontros en liña entre persoas que perderon un ser querido)
    Reencher formulario en niakara.org

“Debemos darnos permiso para sentir o que estamos sentindo”

Alba Payás, directora do Instituto de Psicoterapia Integrativa Relacional (IPIR)

Especialista en tratamento do dó, Alba Payás dirixe o Instituto IPIR, un centro especializado en atención a familias en dó e en formación de profesionais. Ademais, é autora dos libros Las tareas del duelo ou El mensaje de las lágrimas. 

O coronavirus cambia a nosa relación coa morte? Hai uns meses, era impensable imaxinar que a nosa familia puidese estar en perigo, pero agora a maioría temos esa incerteza e preocupación. A pandemia achegounos a imprevisibilidade da morte. Tamén pon de manifesto a importancia dos rituais colectivos, ausentes durante a COVID-19. Coidar dos nosos seres queridos e acompañalos na etapa final da vida ten un poder reparador, que lle proporciona sentido. Os funerais deixan sentir o impacto que tivo o falecido na comunidade e dispoñer do corpo é unha forma de afrontar a realidade e ir aceptándoa. En xeral, os ritos sinalan que entramos nunha nova realidade e, sen eles, as persoas en dó senten culpa por non poder despedirse, á vez que se intensifica a súa sensación de irrealidade. Son factores que propician un dó de risco, aos que se suma a incerteza que existe respecto do futuro e da falta de apoio social, xa que esa rede de persoas está á súa vez tocada e afectada pola situación xeral. 

Que observa nas persoas que perderon a alguén pola pandemia? Moita tristeza, impotencia e sentimentos de culpa por non poder estar presentes. Tamén enfado co sistema, coas normas, co xeito que tivo o seu ser querido de morrer ou co feito de non poder acceder a máis información. Doutra banda, estamos vendo moito trauma, sensación de desbordamento, de irrealidade e de soidade. 

En que momento habería que pedir axuda especializada? Nas circunstancias mencionadas. Debido ao nivel de risco que entraña este dó, tamén se os síntomas de culpa, enfado, incredulidade, abatemento e tristeza profunda persisten en dous ou tres meses. 

Que etapas atravesa alguén que perdeu un ser querido? Os modelos que dividen o dó en etapas están obsoletos. E a idea de que un dó consiste en despedirse é tamén errónea: non convén confundir despedida con funeral. Aínda que a algunhas persoas lles axuda, a maioría non quere dicirlle adeus ao seu ser querido, xa que o vínculo segue. O reto consistiría en elaborar lazos continuos, sans e fértiles con quen se vai. 

Que consellos lle daría a unha persoa en dó? Que acepte o que está vivindo e que se dea permiso para sentir o que sente. Estar enfadado ou desbordado é normal. Non significa que un estea volvéndose tolo. O importante é que a persoa atope equilibrio entre os recursos que lle permiten evitar a dor e os que o conectan con el, así como saber diferencialos. Por unha banda, o doente debería facer cousas que lle axuden a distraerse, coidarse e calmarse, como evitar sobreexpoñerse ás noticias ou ás imaxes que susciten recordos, conservar as súas rutinas, comer san, facer deporte, conservar a súa rede de apoio ou descansar. Por outro, concederse un tempo e un espazo para conectar co sufrimento e o sucedido, e recorrer á rede de apoio para exteriorizar e compartir a pena, o enfado ou a culpa. 

Como poden axudar amigos e familiares? A miúdo a rede de apoio non esta dispoñible porque as persoas adoitamos ter dificultades para conectar co mundo emocional, o que fai que se levanten muros de silencio ao redor da persoa en dó. Hai que rompelos para que as familias poidan compartir connosco o que senten e nós poidamos facelo con eles. 

Que se pode facer para elaborar a despedida tras o con namento? Reforzar a rede de apoio: sentarse con toda a familia, falar, abrazarse, compartir como se viviu. É importante poñer relatos en común e intentar reconstruír a historia, xa que ao estar separados só existen fragmentos. Creo que tras o confinamento veremos moitos funerais que agora non se puideron facer. Aínda que pase o tempo e o corpo non estea presente, o ritual ten a mesma significación e o mesmo poder reparador. 

Que papel xoga a tecnoloxía e como debemos usala? Somos afortunados de utilizar as redes, pero tamén teñen os seus límites. Non equivalen a un apoio presencial. Moitas persoas que buscan axuda psicolóxica en Internet, atopan modelos que lles producen máis dano ca axuda. A quen necesite un profesional e estea buscándoo na Rede, recomendaríalle que escollese a un especialista, e que se guiase tanto polo seu currículo como polas recomendacións persoais. 

Cales poderían ser as consecuencias de vivir esta dura experiencia a través de dispositivos? Prevemos que nuns meses vai haber moitos dos complicados. A medio prazo pode haber desordes de dó prolongado, onde a persoa ten un abatemento e unha desesperanza que lle impide funcionar no día a día. Trátase dun diagnóstico clínico, dunha desorde que ten consecuencias para a saúde e provoca máis tendencia á depresión, ao consumo de substancias, ao suicidio ou unha maior incidencia de enfermidades cardiovasculares e cancro.

10 consellos para afrontar a perda

  1. Busca equilibrio entre conexión e desconexión coa dor. Tan pouco saudable é estar todo o día recordando como evadirse co traballo, o lecer, o deporte… ou axudas menos ‘boas’. 
  2. Mantén rutinas e hábitos saudables. Trata para comer ben, hidratarte, facer exercicio e descansar. Non deixes de asearte e arranxarte. 
  3. Non reprimas as túas emocións, nin te compares con outros familiares da persoa falecida. O que sentes ti, en concreto, é normal e lexítimo. 
  4. Apóiate nos teus seres queridos. O teléfono, as videoconferencias ou as mensaxes axudan a compartir. Pero reserva tamén espazos de recollemento só para ti. 
  5. Atopa un xeito de canalizar o sufrimento. Actividades creativas, como debuxo, música ou baile, poden ser terapéuticas e contribuír a dar un sentido a estes momentos. 
  6. Se necesitas axuda, pídea. Non dubides en contactar con amigos e familiares. Ata con profesionais gratuítos de apoio. 
  7. Non te esixas moito a ti mesmo. Concédete permiso para non estar ao 100 %. Deixa para máis adiante a toma de decisións importantes. 
  8. Evita sobreexpoñerte ás noticias. Dosifica a televisión, os xornais, a radio e as redes sociais. 
  9. Réndelle homenaxe ao teu ser querido. Xa farás o ritual máis adiante. Podes improvisar outros, recompilando fotos ou compartindo anécdotas. 
  10. Sé consciente das limitacións que che impón a crise. Estamos diante dunha pandemia mundial. Renunciar á despedida foi moi duro, pero tamén un acto de xenerosidade e de amor que podes dedicarlle ao teu ser querido para honralo.

Fonte: Guía para as persoas que sofren unha perda en tempos de coronavirus, Ministerio de Sanidade, Sociedad Española de Coidados Paliativos y profesionales especialistas en duelo.