Da música ao silencio

A elección dos auriculares e o modo de usalos son dous factores determinantes para conservar a saúde dos oídos
1 Xaneiro de 2012
Img salud listado 797

Da música ao silencio

Entreterse e evadirse de todo mentres se escoita a través dos cascos música a gran volume durante un traxecto en tren, autobús ou mentres se dá un paseo pódelle pasar factura á saúde auditiva de calquera. As alertas sobre a xordeira dos adolescentes e novos usuarios de auriculares están xustificadas por distintos estudos. Algúns tipos de auriculares dispoñibles no mercado son máis nocivos ca outros. Por iso, convén coñecer as súas diferenzas e aprender a usalos para salvar o oído.

O camiño que hai entre o uso de auriculares e o dos audiófonos é cada vez máis curto. Nos últimos anos, varias investigacións científicas confirmaron a aparición da xordeira adquirida en idades cada vez máis temperás. Un dos máis recentes e relevantes foi o realizado por un equipo de investigadores de Boston e publicado en 2010 na revista “Journal of American Medical Association” (JAMA), que constatou que a perda da audición aumentou ata nun 31% entre os adolescentes e mozos estadounidenses no período 2005-2006 respecto ás estatísticas do mesmo grupo de poboación 15 anos antes. Este traballo tivo un resultado, cando menos, impactante: un de cada cinco adolescentes -de entre 12 e 19 anos- tiña algún tipo de perda auditiva. E, entre outros factores de risco, escoitar música a un volume alto era e é un dos factores de risco máis importantes neste sector da poboación.

Numerosos estudos sobre a xordeira inducida polo ruído, entre eles un realizado en músicos de orquestra, xa demostraron que a exposición prolongada a un volume elevado de música dana a cóclea, unha das estruturas do oído interno. Esta exposición prolongada á música ten como consecuencia un trauma acústico que varía segundo as características de cada persoa (algunhas son máis vulnerables), do tempo de exposición (número de horas seguidas escoitando música) e da intensidade (segundo o elevado do volume). O Comité Científico de Riscos Sanitarios Novos e Emerxentes da Comisión Europea xa fixo público un informe no 2008 no que advertía que escoitar música de reprodutores musicais a máis de 89 decibelios (dB) e durante máis de 60 minutos ao día podía causar xordeira. Unha conversación normal prodúcese a 60 dB e todos os sons que superen os 85 dB xa supoñen un perigo para a saúde auditiva.

Tipos de auriculares

Os auriculares pódense clasificar segundo o seu deseño (externos e internos), calidade do son (abertos ou pechados) e impedancia (alta ou baixa). De acordo ao seu deseño, divídense en dous grandes grupos:

  • Os externos son os auriculares que quedan por fóra do pavillón da orella e que segundo algunhas clasificacións tamén se subdividen en circumaurais, que son aqueles que rodean a orella cunha almofada de escuma, e os supraaurais, que constan dunha almofada que descansa sobra a orella pero sen cubrila de todo. En canto á calidade do son, tanto uns como outros poden ser abertos, se permiten a fuga de son ao exterior e tamén recollen parte dese son exterior, ou pechados, se o son non sae cara a fóra e illan por completo do ruído ambiente. Non obstante, voces expertas opinan que estas subdivisións responden máis a unha cuestión semántica que a unha realidade técnica e apostan por clasificar os auriculares nos dous grandes grupos mencionados.
  • Os internos ou intra-aurais, que teñen como nome técnico correcto auriculares intracanais, son os que quedan agochados dentro do conduto auditivo. Algunhas clasificacións tamén os subdividen en ear-buds ou botóns de orella, que son os máis habituais e que se colocan á entrada da orella, pero non chegan a penetrar nela, e os intra-auriculares, que si se colocan dentro da canle auditiva. De novo, neste segundo caso, os expertos en audición son partidarios de designar a todos estes subtipos de auriculares baixo a nomenclatura de intracanais.

Amais de polo seu deseño, os auriculares distínguense por unha característica técnica na que os usuarios deberían reparar no intre de adquirilos, xa que é moi importante para coidar a súa audición. Trátase da impedancia, que é a resistencia que o auricular exerce ao paso da corrente. Este dato figura en todos os auriculares e adoita ser de 32, 16 e 8 ohmios e rara vez de 4 ohmios.

En función da impedancia, a potencia do reprodutor é maior ou menor. Así, a menor impedancia, a potencia é maior e, a maior impedancia, a potencia é menor. Dende o punto de vista da saúde auditiva, é preferible utilizar auriculares de impedancia máis alta para que a potencia sexa máis baixa.

Dos máis nocivos aos menos perigosos

A elección dos auriculares e o modo de usalos son dous factores clave para conservar os oídos sans a longo prazo.

Os internos ou intracanais son os auriculares máis prexudiciais para a saúde auditiva, porque se colocan máis preto do tímpano e, polo tanto, aumenta o nivel de presión acústica. Cando se introduce un destes dispositivos dentro do oído o volume de aire que queda entre o auricular e a membrana timpánica (tímpano) é menor. E ao reducir o volume, aumenta a potencia da música ou son que se escoita (así un volume de saída de 115 decibelios pode subir a 125 decibelios) e esta maior potencia lesiona a cóclea.

Entre os auriculares internos, cabe precisar o seguinte:

  • Os ear-buds non adoitan illar moi ben do ruído exterior. Para compensalo, o usuario tende a elevar o volume da música, un xesto que repercute na súa saúde auditiva.
  • Os intra-auriculares, que se sitúan máis cara a dentro, na canle auditiva, son os máis prexudiciais para os oídos, ao reducirse aínda máis o espazo que media entre estes e o tímpano. Esta escasa marxe de volume de aire incrementa aínda máis a potencia do son, o que pon en risco a audición dos seus usuarios. Dise destes auriculares que, ao quedaren no interior do oído, favorecen un mellor illamento do exterior e que non é necesario recorrer a un volume tan elevado. Non obstante, os expertos remarcan que se trata dunha formulación errónea, porque a elevación do volume non depende do deseño do auricular, senón da súa impedancia e do reprodutor.
  • Os externos, xa sexa supra aurais ou circumaurais, son os menos nocivos, porque se colocan por fóra da orella e isto significa que quedan máis separados do tímpano. O volume de aire que media entre os auriculares e esta parte do oído é de entre 3 e 4 centímetros cúbicos (cm3), a diferenza do cm3 ou 1,2 cm3 que queda se se introduce un auricular intracanal no oído.

O feito de que os auriculares, segundo a calidade do aire, sexan abertos ou pechados non ten ningún impacto na saúde auditiva, segundo os expertos. No caso dos pechados, pode acontecer que se xeren máis resonancias e se produza unha maior sensación da audición das frecuencias graves, pero estas non lesionan o oído, mentres que si o fan as frecuencias agudas.

Cal é, polo tanto, a elección máis segura dun auricular, segundo os expertos? A dun auricular de deseño supra aural e de impedancia alta. Como queda separado por un volume de aire superior ao que deixan os auriculares intracanais e rexistrarse unha alta impedancia, necesítase unha potencia menor de saída do son.

Protección extra para os usuarios de auriculares

As persoas que non saben saír de casa sen os seus auriculares deben saber que para protexeren a súa saúde auditiva as opcións son limitadas, aínda que hai algunhas:

  • Uso dun filtro acústico: é unha especie de audioprótese que se fai á medida e que se coloca no orificio do oído, o que permite illarse do son circundante e atenuar certas frecuencias. Lévano profesionais como os músicos de orquestra, os disc jockeys ou os corredores e os mecánicos de Fórmula 1, que deben soportar un ruído de 148 dB. Pero os usuarios de reprodutores de música con auriculares só poden utilizalos con auriculares supra aurais, xa que o espazo do conduto auditivo queda ocupado por este filtro protector que se coloca dentro da canle auditiva.
  • Elixir un reprodutor coa saída de audio limitada de fábrica: o único xeito de protexerse que teñen os usuarios de auriculares intracanais é elixir reprodutores que teñan a saída do son limitada. Este é o caso dos Ipod, coa saída de son limitada dende fábrica, de modo que, para desbloqueala, hai que acceder ás funcións avanzadas destes aparatos. Actualmente, o límite establecido pola lexislación europea para a saída de son dos reprodutores de audio portátiles é de 100 decibelios, pero estúdase reducilo aínda máis para protexer os consumidores.
  • Probas de audición: se un se excede co uso dos auriculares pódese someter de xeito periódico a probas de audición ou audiometrías, como as audiometrías de alta frecuencia, que constitúen unha moi boa proba preventiva da xordeira. A diferenza das audiometrías estándares, que estudan frecuencias de 12.000 Hz, esta explora frecuencias de ata 18.000 Hz. Estas frecuencias de 18.000 Hz son as correspondentes aos tons agudos, os primeiros que se perden cando se dana a audición. Pero esta proba é moi custosa e aínda hai moi poucos equipos en España que a realicen.
Consellos para protexerse dos auriculares
  1. Escoitar música a un volume máis baixo, xa que se pode oír ben sen necesidade de que o son se irradie fóra dos auriculares.
  2. Se se pon a música a un volume elevado, convén reducir o tempo de exposición a media hora.
  3. Se se escoita a música a todo volume hai que someterse a revisións periódicas de audición, para saber se se está a danar o oído ou non.
  4. Utilizar equipos de música de calidade que permitan limitar o nivel de saída do son.
  5. Escoitar música a un máximo de 90 decibelios (o que xa constitúe un nivel alto), pero nin a 100 nin a 110 decibelios.

Fonte: Josep Gou, audioprotesista, profesor da Escola de Audioprotesistas ETCP-Clot e responsable de audioprótese da Fundación Widex.