Demencia senil

Cando a memoria cae no esquecemento

Para atrasarmos a demencia é clave mantermos o cerebro e o corpo activo e coidarmos a dieta
1 Marzo de 2011
Img salud

Cando a memoria cae no esquecemento

Non lembrar que se fixo pola mañá, repetir as mesmas cousas moi a miúdo sen lembrar contalas, ter decontino palabras na punta da lingua sen que acaben de saír, non saber que día é nin como descubrilo e despistarse e perderse na rúa son os indicios máis comúns de que algo non funciona ben na memoria e no cerebro. Cando a memoria recente comeza a fallar saltan todas as alarmas ante o temor de comezar un camiño sen retorno: o desenvolvemento da enfermidade de Alzheimer ou outras demencias. Agora ben, unha demencia non só implica a perda de memoria, senón que tamén comporta outros síntomas cognitivos asociados, como desorientarse, amosar dificultades para o razoamento e incapacidade para levar unha vida autónoma.

A demencia afecta no noso país ao 10% das persoas de máis de 65 anos e ao 30% dos maiores de 85 anos. Noutras palabras, unha de cada 10 persoas de máis de 65 anos e unha de cada 3 de máis de 85 anos padécena, segundo información da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN). Aínda que este problema de saúde é máis frecuente entre os maiores, a idade en si mesma non ten porqué incidir no desenvolvemento da demencia, se ben diminúe a axilidade humana para lembrar e aprender. Unha proba de que ser maior non é a causa única da demencia é que, en ocasións, esta desenvólvese antes. É o caso da demencia máis común, o Alzheimer. A súa aparición despois dos 65 anos, tamén pode debutar moito antes (a marca de aparición temperá é de 30 anos, aínda que se consideran casos excepcionais).

A demencia máis frecuente é a enfermidade de Alzheimer (afecta a 70 de cada 100 maiores de 65 anos con demencia), seguida da demencia por lesións vasculares (consecuencia de infartos e hemorraxias cerebrais), da demencia dos corpos de Lewy (“prima irmá” da demencia asociada á enfermidade de Párkinson) e das dexeneracións frontotemporais. Todas elas, salvo a demencia por lesións vasculares, son enfermidades neurodexenerativas, froito do desgaste das células cerebrais (neuronas).

Como atrasar a demencia

A demencia asóciase ao concepto de reserva cerebral, que é a capacidade que o cerebro ten para compensar ou enfrontarse á presenza dunha enfermidade. A forma máis efectiva de atrasar a demencia é mellorar a capacidade de reserva cerebral, un obxectivo que se pode acadar a través de distintos mecanismos.

  • Cerebro en forma: a escolarización e a educación temperá constitúen un dos piares básicos para adestrar o cerebro cunha actividade intelectual, aínda que non é unha garantía por si soa da preservación da reserva cerebral. O mantemento de actividades cognitivas ao longo da vida complementa e favorece o efecto da educación temperá á hora de conservar a reserva cerebral e atrasar o declive da perda de memoria nos estadios iniciais de demencia.
  • Malo para o corazón, malo para o cerebro: os factores de risco cardiovascular sono tamén para enfermidades como o Alzheimer e outras demencias. Polo tanto, controlar a hipertensión, a diabete, o colesterol, a obesidade e o tabaquismo pode axudar a atrasar o seu inicio.
  • Mens sana in corpore sano: numerosos estudos descubriron que a práctica regular de exercicio físico (sen ser extraordinario ou intenso, senón que abonda con camiñar todos os días un quilómetro) e mais o seguimento da dieta mediterránea son dous factores que, de xeito independente, reducen o risco de sufrir Alzheimer.
  • Vitaminados: os resultados que se acadan incorporando determinadas vitaminas na dieta son moi modestos e observáronse en persoas con síntomas incipientes. Non obstante, a vitamina B12 e as vitaminas do complexo B, tomadas en cápsulas, dan retardado a atrofia cerebral acelerada, unha característica propia dos procesos de deterioración cognitiva leve, que antecede ao Alzheimer. Ademais, leváronse a cabo estudos epidemiolóxicos observacionais que constataron que o consumo de alimentos ricos en vitamina B, como vísceras, sardiñas, xamón curado, que achegan vitamina B12, e ácido fólico (xerme de trigo, legumes e escarola) se asocia a un menor risco de padecer Alzheimer.
  • Videoxogos para o cerebro?: dun tempo a esta parte no mercado afloraron distintos videoxogos que se anuncian como útiles para o adestramento cerebral. Consiste en mellorar a función cognitiva a través da práctica regular de tests e de xogos de lóxica e memoria. Non obstante, a súa verdadeira utilidade está en entredito. Un estudo publicado na revista “Nature Letters” mediu a eficacia deste tipo de adestramento nun amplo grupo de persoas. No traballo, que se realizou a través de Internet, participaron 11.430 participantes. Foron adestrados en diferentes tarefas cognitivas para mellorar o razoamento, como a memoria, a atención, a planificación e as habilidades visuais espaciais. Ao final do estudo observouse que os participantes melloraran o seu rendemento nos exercicios concretos para os que se adestraran, pero non noutras tarefas de coñecemento, aínda que fosen moi semellantes. Este resultado pode demostrar que adestrarse para algo concreto non axuda a mellorar globalmente as funcións cognitivas. Por esta razón, segundo os expertos, os programas de “brain training” deben concibirse como unha actividade intelectual máis, xunto á realización de sudokus, encrucillados ou outros pasatempos.
  • Mente ociosa: actividades tan pouco fóra do común como acudir ao cinema, saír a cear fóra a restaurantes, facer deporte, ler, escoitar música ou ver a televisión tamén protexen as persoas fronte ao Alzheimer. Distintos investigadores no campo da neuroloxía advirten de que as actividades de ocio, en especial as máis intelectuais, diminúen o risco de padecer Alzheimer.
Tratamentos actuais

Polo de agora, non hai tratamento ningún que permita previr a enfermidade de Alzheimer ou as demencias. Os fármacos dispoñibles no mercado para tratar o Alzheimer son o donepezilo, a rivastigmina, a galantamina e a memantina. Este arsenal terapéutico ten unha eficacia demostrada pequena pero importante, xa que pode dar estabilizado os síntomas da enfermidade durante un ano con seguridade ou mesmo dous, tal e como explican os expertos.

Outro tratamento que se aplica na actualidade para retardar o avance destas patoloxías é a estimulación ou rehabilitación cognitiva. Aplicada nos casos leves ou moderados da enfermidade de Alzheimer, axuda a manter as funcións cognitivas e consegue un efecto similar ao dos fármacos. Non obstante, debe quedar claro que calquera prórroga ante esta enfermidade pode considerarse un éxito. O desexable, segundo os especialistas, é ensaiar estes fármacos en persoas que teñen Alzheimer moi inicial, sen demencia. Atrasar dous anos o inicio da demencia significa prolongar dous anos a autonomía dunha persoa, na que pode organizar a súa vida, pór en orde os seus papeis, elaborar un documento de vontades anticipadas…

O segredo para que estas estratexias terapéuticas funcionen é que a enfermidade de Alzheimer se detecte de xeito precoz. Para iso, cómpre acudir ao médico ao se detectaren fallos reiterados da memoria recente. Non obstante, non se debe coller medo por non lembrar un dato concreto (un número de teléfono, o nome dunha persoa, etcétera) ou se alguén se dirixe a un cuarto da casa e non lembra o motivo. Hoxe é posible estudar se estes lapsus de memoria coinciden cun patrón típico de Alzheimer medindo o metabolismo cerebral cunha técnica de imaxe, realizando unha tomografía por emisión de positróns ou un PET ou comprobando se as proteínas Tau e beta-amiloide da enfermidade de Alzheimer están alteradas. Xa que logo, acudir axiña ao médico para confirmalo ou descartalo é outra das claves para poder tratar e, polo tanto, retardar esta demencia.

Que non che esqueza… exercitar a memoria

Cuns hábitos sinxelos e saudables é posible contribuír a conservarmos a memoria:

  1. Coidar o cerebro con actividade intelectual variada. Non só hai que centrarse en estudar, senón que tamén conversar, xogar ás cartas, ir ao cine, comentar unha película ou por exemplo, ser membro dun club social axudan a que o cerebro se manteña en forma.
  2. A práctica regular de exercicio físico ten efectos saudables no rendemento da memoria.
  3. Todo o que é bo para o corazón, éo para o cerebro. Por iso, convén controlar a hipertensión, o colesterol, a diabete, a obesidade e o tabaquismo.
  4. Vixiar o rego sanguíneo é outro aspecto clave. Se o sangue que pasa polos capilares do cerebro non é rico en osíxeno e nutrientes, o rendemento deste órgano non será o axeitado. As persoas que padecen mala circulación e que non se coidan sufrirán a longo prazo problemas para pensar, aínda que realicen actividades estimulantes.
  5. Cómpre evitar os alimentos, como as graxas saturadas, que producen o chamado colesterol malo: obstrúen as arterias e impiden que o osíxeno chegue ao cerebro. Hai que tomar verduras e froitas frescas (sobre todo cítricos). Tamén son bos os froitos secos, a pasta, os legumes e alimentos que conteñan magnesio, iodo e fósforo.
  6. O cerebro fabrica unha substancia chamada fosfatidil serina (FS) que serve para manter en bo estado as membranas celulares. Para poder xerala de maneira axeitada precisa vitaminas como a B12 (proporciónana as vísceras, as sardiñas e o xamón curado) e o ácido fólico (dispoñible no xerme de trigo, nos legumes e na escarola).

Fonte: Pablo Martínez-Lage, do Centro de Investigación de Terapias avanzadas (CITA) de San Sebastián, e coordinador do Grupo de Estudo de Conduta e Demencia da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN)