Cremas de abelás e cacao veganas

Nin máis saudables nin máis lixeiras

Poderiamos pensar que son unha mellor elección que as convencionais, pero non é así. Tamén adoitan conter grandes cantidades de azucre, así que non son axeitadas para un consumo frecuente.
1 Xaneiro de 2025

Cremas de abelás e cacao veganas. Nin máis saudables nin máis lixeiras

Nos últimos anos, a demanda de alimentos veganos está a crecer, polo que a oferta é cada vez maior. Hoxe en día non só podemos dispoñer de cremas de cacao e abelás sen ingredientes de orixe animal, senón que existe un amplo abano de variedades e marcas entre os que poder elixir. Por iso, é importante coñecer algúns aspectos clave que nos permitirán tomar decisións.

De que están feitas?

Cada crema ten a súa propia formulación, segundo a elección do fabricante. Pero, polo xeral, comparten catro ingredientes clave: abelás, cacao, un adozante e unha graxa. Iso si, as características e as proporcións de cada un deles poden variar moito dun produto a outro.

Na lista de ingredientes móstranse os elementos que conforman o alimento segundo a súa importancia. Se o primeiro ingrediente son as abelás, probablemente esteamos ante unha crema interesante. É o que ocorre en Naturgreen (pasta de abelás), The Nut Club (abelás) e La Finestra sul Cielo (abelás torradas). Se o primeiro ingrediente é un edulcorante ou unha materia graxa, a crema pode non ser tan interesante. Na maioría, o primeiro ingrediente é un adozante, xeralmente azucre (Torras, Biosol, Veritas, La Vida Vegan e Biochoc), ou ben, un edulcorante (Valsoia). A excepción é Planeta Huerto, na que o primeiro ingrediente é o aceite de xirasol alto oleico.

Cantas abelás e cacao hai?

En todos os produtos analizados destaca a presenza de abelás. O produto con máis cantidade é La Finestra sul Cielo, cun 60 %, seguido de The Nut Club (43 %). Naturgreen (25 %) e Valsoia (cun 14 % de abelás e un 5 % de fariña de abelás) ségueno a bastante distancia, mentres que o resto contén unha proporción de abelás bastante modesta, entre o 17 % e o 14 %.

Outro dos elementos máis valorados é o cacao. Destaca Planeta Huerto, cun 28 % de cacao en po, que é con diferenza a crema con maior cantidade. Tamén se utiliza cacao en po en La Finestra sul Cielo, onde representa o 8 % do produto. No resto, utilízase unha mestura de cacao en po desengraxado e manteiga de cacao, xa que deste xeito as proporcións de cada un deles pódense variar segundo as características que queiran obter. Por exemplo, se se engade máis cantidade de manteiga de cacao resultará nunha textura máis cremosa. A cantidade de cacao en po desengraxado está comprendida entre o 5 % de Valsoia e o 11 % de Naturgreen. Cómpre sinalar unha excepción, La Vida Vegan, en cuxo envase se destaca a presenza de chocolate (13 %), pero non especifica a cantidade de cacao porque non ten obriga de facelo.

Análise

Para elaborar esta guía de compra, foron seleccionadas dez cremas de abelás con cacao veganas elaboradas por marcas líderes no mercado, nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A puntuación co novo algoritmo vén determinada pola cantidade de azucres, fibra e graxas saturadas.
  • Ingredientes. Para coñecer a calidade, o comercio, especialmente pola proporción de abelás e de cacao e o tipo de materia graxa.
  • Información comercial. Analizamos se proporciona información valiosa ou se pode confundir ou enganar o consumidor.
  • Prezos. Recollidos en novembro de 2024. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero tívose en conta a relación calidade-prezo para o ránking.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre coa lexislación vixente.

Que materia graxa levan?

A excepción de La Finestra sul Cielo, todos os demais produtos analizados conteñen algún tipo de aceite na súa formulación. Poderiamos pensar que estas cremas veganas difiren das convencionais no tipo de graxa, pero en realidade non é así: as convencionais adoitan levar aceite de xirasol. Ata hai uns anos era habitual utilizar o aceite de palma na elaboración deste tipo de produtos. Pero hoxe está en desuso debido á mala imaxe que gañou por razóns relacionadas coa saúde e o medio ambiente. En cambio, úsase principalmente aceite de xirasol, que é relativamente barato e presenta mellores características ambientais e de saúde. De feito, é o aceite que se usa na maioría dos casos.

Existen algunhas excepcións. Por unha banda, Torras e Biochoc,que conteñen un 18 % de aceite de oliva virxe extra. Por outra banda, Planeta Huerto, que contén unha mestura de aceite de xirasol alto oleico e aceite de oliva virxe extra (5 %). Este último ten unha mellor composición que o aceite de xirasol, pero é máis caro e pode achegarlle sabor ao produto, o que pode ser pouco atractivo para algunhas persoas. Por outra banda, o aceite de xirasol alto oleico tamén ten unha composición mellor que o aceite de xirasol convencional e mantén dúas das súas vantaxes: o seu prezo accesible e o seu sabor neutro.

Azucres con diferentes nomes

Se hai algo que caracteriza a este tipo de cremas é o seu sabor doce. Por iso, todas conteñen edulcorantes en cantidades considerables. Na maioría dos casos, úsase azucre (Torras, Biosol, Veritas, La Vida Vegan e Biochoc). Concretamente, utilízase azucre moreno, que se obtén como resultado da mestura de azucre refinado (branco) con meles ou melazas depuradas de cana e se usa en Torras e Biochoc, e azucre de cana. Neste caso non se especifica se se trata de azucre moreno, polo que podería tratarse de azucre refinado obtido a partir da cana. Lévano Biosol e La Vida Vegan.

En calquera caso, a principal diferenza entre o azucre moreno e o refinado está no seu sabor. Tamén existen algunhas diferenzas na composición: mentres que o refinado está composto na súa totalidade por sacarosa, o azucre moreno contén pequenas cantidades de fibra, vitaminas e minerais. Por iso moitas veces insinúase que é máis saudable, pero en realidade esas cantidades son tan pequenas que semellan insignificantes.

Algo semellante ocorre con outros adozantes: azucre de néctar de flor de coco (La Finestra sul Cielo) ou agave en po (Naturgreen). Tamén se consideran máis saudables que o azucre común, pero en realidade as diferenzas na composición son mínimas, xa que están constituídos principalmente por azucres simples, como a sacarosa ou a frutosa.

Veganas, si, pero non saudables

Moitas veces asociamos erroneamente unha dieta vegana como saudable. E adoitamos pensar o mesmo sobre moitos produtos veganos, debido en gran parte á súa publicidade. Nos envases de moitas destas cremas podemos ver palabras como “natural”, “ecolóxico” ou “vexetal” e mensaxes como “sen aceite de palma” ou mesmo “saudable”, como en Naturgreen (“o teu capricho saudable”).

Estas cremas conteñen, polo xeral, unha cantidade moi elevada de azucre (algunhas roldan o 60 %) e moita graxa, ademais de ter unha achega calórica moi notable. A principal diferenza con respecto ás cremas convencionais non ten que ver coa saúde, senón, sobre todo, coa ausencia de leite. Como aspectos positivos, destaca o seu contido en abelá, que adoita ser superior ao das convencionais, pero só é importante nalgúns casos, como en La Finestra sul Cielo (60 %), mentres que noutros a cifra é modesta (15 %).

En definitiva, sería aconsellable non destinalas a un consumo habitual. Ten en conta que se trata de produtos que se toman por gozo, non por saúde. Por iso sería preferible priorizar aspectos como o sabor, a textura e a composición para escoller en función dos nosos gustos. Se nos preocupa a saúde, sería mellor escollermos outras alternativas: unha torrada de pan integral cun chorro de aceite de oliva, unhas abelás e unha culleradiña de cacao puro.

Cremas sen azucres engadidos

Tres dos produtos non conteñen azucres engadidos. En dous deles utilízanse edulcorantes, a saber, maltitol (Valsoia) e eritritol (Planeta Huerto). Trátase de poliolcohois que presentan algunhas vantaxes fronte ao azucre: non causan caries, a súa achega acalórica é pequena (o maltitol achega uns 2 kcal/g e o eritritol é acalórico) e presentan un baixo índice glicémico.

O seu consumo é seguro, pero non están exentos de inconvenientes. Por exemplo, consumir en cantidades significativas pode ter efectos laxantes. Ademais, cada vez son máis os estudos que apuntan a que o consumo dalgúns edulcorantes podería ter outros inconvenientes como a alteración da microbiota intestinal.

O terceiro produto que non contén azucres engadidos, The Nut Club, utiliza fibra de chicoria, xa que contén inulina, unha fibra que proporciona un sabor doce. Tamén se utiliza en Valsoia. A inulina ten algunhas vantaxes: ten un índice glicémico baixo, contén fibra e poucas calorías. Pero tamén presenta algúns inconvenientes: achégalle pouco sabor doce e pode causar molestias dixestivas, como gases ou inchazo. Ademais, podería facer que a textura do produto fose menos cremosa.

O que importa é a cantidade

A maioría destas cremas conteñen unha enorme cantidade de azucres, xa que o azucre aparece como o primeiro ingrediente en moitas delas. Estas son precisamente as que mostran as cifras máis altas. En Biosol, Veritas, Torras e Biochoc, a proporción sitúase entre o 58 % e o 59,5 %. Para facérmonos unha idea, nun envase de Biochoc (200 g) hai 119 g de azucre, o equivalente a 26 culleradiñas.

A estas cremas séguenas La Vida Vegan (cun 43 % de azucres), La Finestra sul Cielo (30 %) e Naturgreen (21,9 %). É dicir, teñen menos azucres, pero as súas cifras tamén son considerables. Os produtos con menos azucre son os que conteñen edulcorantes (Planeta Huerto e Valsoia), con valores entre o 1,1% e o 2,6%, que corresponden aos azucres presentes de forma natural nalgúns dos ingredientes, como as abelás ou o cacao.

Recomendacións de compra
  1. Ingredientes. Mellor darlle prioridade a aqueles que teñan as abelás como ingrediente principal. E canta máis cantidade, mellor. Ademais, pode haber grandes diferenzas (desde o 14 % ata o 60 %).
  2. Azucres. Canto menos, mellor. Hai cremas que usan edulcorantes, pero non fan que o produto sexa máis saudable.
  3. Cantidade e tipo de cacao. As diferenzas poden ser importantes (desde o 5% ao 28 %) e poden influír no prezo e na composición. Convén consultar as graxas saturadas e procurar que non sexan elevadas.
  4. Tipo de aceite. O aceite de oliva virxe extra é máis saudable que o de xirasol, pero pode achegar sabor e encarecer o produto.
  5. Prezo. Convén valoralo tendo en conta a cantidade de abelás.
  6. Comparación. Non teñen por que ser máis saudables que as convencionais. A súa principal diferenza é a ausencia de leite. Algunhas conteñen máis cantidade de abelás, pero non todas.

A graxa tamén é importante

Estas cremas tamén conteñen unha cantidade considerable de graxa. Destacan Planeta Huerto (48 %) e La Finestra sul Cielo (41 %), ademais de The Nut Club (39,3 %), La Vida Vegan (39 %) e Naturgreen (35,6 %). Pero no resto as proporcións tamén son considerables, con cifras que van dende o 25 % de Biosol e Veritas ata o 29 % de Valsoia. Non obstante, non todas as graxas son iguais. No caso de La Finestra sul Cielo (41 %), esa cifra explícase polo alto contido en abelás (60 %), un froito seco que está constituído por un 70 % de graxas. Algo semellante sucede en The Nut Club (39,3 % de graxa), que contén un 43 % de abelás, ademais de aceite de xirasol. No resto dos produtos, o alto contido de graxa débese á presenza de aceite na formulación.

Tamén hai que considerar que todos os produtos conteñen manteiga de cacao ou cacao sen desengraxar, o que contribúe a aumentar as súas graxas saturadas. Isto é destacable en Planeta Huerto (28 % de cacao), cun 11 % de graxas saturadas, mentres que no resto, con menos proporción de manteiga de cacao ou de cacao sen desgraxar, as cantidades son máis moderadas. As proporcións de graxas saturadas oscilan entre o 3,9 % de La Finestra sul Cielo e o 6,9 % de The Nut Club.

Desde o punto de vista da saúde, as abelás e o aceite de oliva non supoñen preocupación, mentres que o aceite de xirasol e a manteiga de cacao son menos interesantes que os anteriores.

Proteínas, fibra e calorías

A abelá é un froito seco que contén cantidades significativas de proteínas (ao redor dun 18 %) e fibra (ao redor dun 9 %), o que explica que a proporción destes nutrientes sexa tamén significativa. En concreto, a cantidade de proteínas sitúase entre o 3,7 % de Valsoia e o 11 % de La Finestra sul Cielo. No que respecta á fibra, a súa proporción rolda o 4 %. Aínda que hai excepcións, como Planeta Huerto (8,6 %) e La Finestra sul Cielo (9,4 %), con valores máis altos debido á presenza de cacao sen desengraxar. Os valores tamén son elevados en Valsoia (7,5 %) e, especialmente, en The Nut Club (45 %), debido á fibra de chicoria.

O valor calórico para 100 gramos de produto é de 525 kcal. Para facérmonos idea, a mesma porción de humus, outro untable vexetal, proporciona unhas 170 kcal. Entre as cremas de cacao, hai algunhas diferenzas. As que achegan menos calorías son dúas das que non teñen azucres engadidos: Valsoia (462 kcal) e The Nut Club (493 kcal). O resto supera as 500 kcal. Tamén Planeta Huerto (520 kcal), a pesar de non ter azucres engadidos, o que se debe ao seu alto contido en graxas (48 %). Os valores máis altos atopámolos en La Vida Vegan (580 kcal) e La Finestra sul Cielo (576 kcal).

Conclusións

Existen importantes diferenzas entre as diferentes cremas de abelá e cacao que se tratan nesta guía, que teñen que ver cos seus principais ingredientes: abelás, un adozante, cacao e unha materia graxa.

  • Abelás. As mellores opcións son La Finestra sul Cielo (60 %), The Nut Club (43 %) e Naturgreen (25 %)
  • Adozante. En primeiro lugar, débese considerar se é preferible elixir cremas con azucre ou con edulcorantes ou outros adozantes. Estes últimos teñen algunhas vantaxes, pero tamén algúns inconvenientes relacionados co sabor ou a textura, por exemplo. Se priorizamos a calidade organoléptica do produto, sería mellor optar polo azucre, asegurando que a cantidade fose o máis baixa posible. Neste sentido, as mellores opcións serían La Vida Vegan (43 %), La Finestra sul Cielo (30 %) e Naturgreen (21,9 %).
  • Materia graxa. Se consideramos criterios relacionados coa saúde e a calidade comercial, o aceite de oliva virxe extra sería unha boa opción, polo que as cremas que poderiamos elixir serían Torras e Biochoc. Pero estamos a falar dun produto que non se consome por motivos de saúde, senón por gozo. Se atendemos á calidade comercial, gaña La Finestra sul Cielo, que non contén aceites engadidos porque a súa elevada cantidade de abelás (60 %) xa achega suficiente materia graxa.
  • Cacao. É un ingrediente de alto valor económico e achega moito sabor, polo que podemos pensar que é positivo atopar unha elevada cantidade. Neste sentido, as mellores opcións serían Planeta Huerto (28 %), Naturgreen (11 %) e The Nut Club (10 %).

Se consideramos só a composición do produto, a mellor opción sería La Finestra sul Cielo, que contén unha cantidade de abelás moito maior que o resto, acompañada tan só de azucre e cacao.

Pero se tamén temos en conta o prezo, as mellores opcións serían Valsoia (sen azucres engadidos e cun 19 % de abelás), La Finestra sul Cielo (60 % abelás) e Naturgreen (25 % de abelás e cun terzo da cantidade de azucres que outras cremas).

Mala nota en Nutri-Score

Tampouco sorprenden as malas notas obtidas por estas cremas co novo algoritmo do sistema Nutri-Score, dado que conteñen unha cantidade moi elevada de azucres e enerxía. É por iso que case todos eles obteñen un E ou un D (La Finestra sul Cielo, Planeta Huerto e Naturgreen), debido a que o seu contido de azucre é máis baixo. Este motivo tamén explica por que Valsoia e The Nut Club obteñen un C, xa que a súa cantidade de azucres é baixa e este último tamén contén, ademais, unha gran cantidade de fibra. Planeta Huerto tamén ten edulcorantes en lugar de azucre, pero ten un D polas súas graxas saturadas (11 %).

Relación calidade prezo

Se comparamos o prezo por cada 100 g, existen diferenzas notables. Algunhas non chegan a dous euros: Biosol (1,61 €), Veritas (1,70 €) e Planeta Huerto (1,98 €). Outros rondan os catro euros, como The Nut Club (3,77 €), Torras (3,99 €) e La Finestra sur Cielo (4,05 €). É dicir, as máis caras custan case o dobre que as máis baratas. O resto rolda os 2,3 euros.

O prezo dalgunhas das cremas máis caras parece deberse á cantidade de abelás, como en La Finestra sul Cielo, cun 60 %. O mesmo ocorre en The Nut Club, cun 43 %. En principio, o elevado prezo de Torras podería explicarse polo aceite de oliva virxe extra (18 %). Pero non parece xustificado, dado que Biochoc contén a mesma cantidade de abelás e cacao (15 % e 7 %, respectivamente) e o seu prezo é moito menor (2,58 euros).

De termos en conta a relación entre a cantidade de abelás e o prezo, as mellores opcións serían La Finestra sur Cielo, TheNut Club e Naturgreen, mentres que a menos favorecida sería Torras.