Fame oculta: malnutridos por comer mal

A malnutrición non só é pasar fame, tamén se refire a non poder obter os nutrientes que o corpo necesita para manterse saudable. Máis de seis millóns de persoas en España sofren esta inseguridade alimentaria. O preocupante é que moitos son menores.
1 Decembro de 2024

Fame oculta: malnutridos por comer mal

Vivimos nun tempo de superabundancia. O acceso aos alimentos é doado e producimos e compramos máis do que podemos consumir, ata o punto de que, durante o ano 2022, os españois tiraron ao lixo 1.201 millóns de quilos/litros de alimentos e de bebidas sen consumir, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Pero, como se adoita dicir, cantidade e calidade non son o mesmo e baixo este tópico agóchase un preocupante paradoxo: a pesar da abundancia xeral de alimentos, segundo os datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) de 2022, máis de 3.000 millóns de persoas en todo o mundo sofren diversas formas de malnutrición, entre as que se inclúen a desnutrición, a sobrealimentación e as deficiencias dietéticas, e un 10 % da poboación pasa fame.

Alguén podería pensar que os datos se refiren exclusivamente a países en vías de desenvolvemento, pero a malnutrición tamén é un grave problema nas economías avanzadas e as cifras que o demostran son alarmantes. En España, cerca de 90.000 mortes anuais están asociadas a dietas inadecuadas e os custos directos do tratamento do sobrepeso ascenden a uns 1.950 millóns de euros anuais.

Ademais, o problema está directamente relacionado coas desigualdades e a inxustiza social, o que lle engade unha nova dimensión: o 75 % dos nenos e adolescentes españois en situación de vulnerabilidade social teñen dificultades para accederen a unha alimentación nutricionalmente adecuada para o seu crecemento, saúde e benestar segundo un estudo da Universidade CEU San Pablo e a Fundación Mapfre, e máis de seis millóns de persoas —o 13,3 % da poboación española— padecen inseguridade alimentaria, segundo o estudo encabezado pola doutora Ana Moragues, Alimentando un futuro sostenible, da Universidade de Barcelona.

Falta de vitaminas e minerais.

A dietista-nutricionista Blanca Raidó leva case 12 anos traballando na Cruz Vermella, onde exerce de técnica do ámbito da saúde. No seu día a día está en contacto con centos de familias que se enfrontan ao abismo da inseguridade alimentaria: “A falta de acceso frecuente a alimentos que sexan suficientes, nutritivos e seguros a nivel de seguridade, por factores económicos, sociais ou culturais”, explica Raidó.

Ata hai uns anos, organizacións como a Organización Mundial da Saúde (OMS) utilizaban o concepto de malnutrición A para referirse á desnutrición clásica, propia dos países en vías de desenvolvemento, caracterizada por unha falta xeral de alimentos e calorías, e a malnutrición B, un problema máis específico dos países desenvolvidos e que se centra na calidade nutricional da dieta, non na cantidade de calorías. Pero hoxe, fálase máis de desnutrición e de malnutrición e os expertos manexan tamén o concepto de “fame oculta”. Segundo a OMS, trátase dunha deficiencia de micronutrientes –vitaminas e minerais– que se produce cando o patrón de alimentación non é suficientemente variado, o que leva a un consumo insuficiente, deficiente ou inadecuado de determinados alimentos, como froitas, legumes, verduras e hortalizas, carne e peixe, produtos lácteos e alimentos ricos en graxas de orixe vexetal.

A fame oculta é unha forma de malnutrición que moitas veces pasa desapercibida porque non sempre se reflicte no baixo peso ou na aparencia de desnutrición. Ademais, moitos profesionais sanitarios non están familiarizados co concepto e isto, sumado á súa complexidade diagnóstica —que require de avaliacións continuas no tempo, algo que adoita ser complicado—, explica en parte que estea infradiagnosticado. Tamén implica un importante estigma social, porque a asociación entre pobreza e malnutrición pode provocar que algunhas familias oculten o problema.

A inseguridade alimentaria en España

A Escala de Experiencia da Inseguridade Alimentaria é un indicador utilizado polas organizacións como a FAO, a OMS ou UNICEF para medir a gravidade da inseguridade alimentaria que sofre unha persoa.

Seguridade alimentaria

Inseguridade alimentaria leve

Incerteza sobre a capacidade de obter alimentos.

Inseguridade alimentaria moderada

Ocorre cando as persoas:

  • Non teñen diñeiro ou recursos suficientes para levar unha dieta saudable.
  • Teñen incerteza sobre a capacidade de obter alimentos.
  • Probablemente saltaron unha comida ou quedaron sen alimentos ocasionalmente.

Ponse en risco a calidade dos alimentos e comprométese a súa variedade.

Redúcese a cantidade de alimentos, sáltanse as comidas.

Inseguridade alimentaria grave

Ocorre cando as persoas:

  • Quedaron sen alimentos.
  • Estiveron todo un día sen comer, varias veces ao ano.

Non se consomen alimentos durante un día ou máis.

Obesidade tamén é malnutrición.

A fame oculta non só lle afecta a aquelas persoas que viven en situacións de escaseza alimentaria, senón tamén a aquelas que consomen alimentos de baixa calidade en exceso; é dicir, é posible ter sobrepeso ou obesidade e sufrir malnutrición: “A obesidade tamén é malnutrición. Que estean a comer non significa que tomen os nutrientes que necesitan”, explica Raidó. Ademais, existe unha relación directa entre a capacidade económica e o exceso de peso: “Historicamente partimos da idea de que unha persoa con sobrepeso ou obesidade está a comer ben, que ten unha boa vida. Vinculamos a obesidade coa abundancia, pero as estatísticas dinnos xusto o contrario: nas persoas en risco de exclusión social, os niveis de sobrepeso e obesidade están por riba da media”.

Segundo o último estudo de Aladino elaborado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, o 47,3 % dos nenos e nenas que viven en contornas familiares con ingresos inferiores aos 18.000 euros anuais padecen problemas de sobrepeso ou obesidade, un 14 % máis que os menores que viven en fogares cuns ingresos superiores aos 30.000 euros anuais.

Como eliximos a nosa dieta?

A elección dos alimentos que compramos, ademais das preferencias persoais, ten moito que ver con tres factores: a nosa capacidade económica, a nosa cultura alimentaria e o noso nivel de coñecementos. Cando o diñeiro escasea, as eleccións adoitan limitarse a alimentos baratos con alto contido calórico pero baixos en nutrientes, como os alimentos ultraprocesados. “Se non dispós da información correcta, vas ao súper e ves que comprando alimentos ultraprocesados tes a posibilidade de comprares máis cantidade que mercando froita ou peixe, e descoñeces os beneficios de comer eses alimentos, así que tiras polo outro”, explica Blanca Raidó. Existe unha relación directa entre o nivel educativo e o acceso á alimentación. As persoas cun nivel educativo e social elevado teñen menos probabilidades de sufriren inseguridade alimentaria.

O estudo Alimentando un futuro sostenible tamén reflicte esta realidade. Segundo isto, a porcentaxe de fogares que non consomen cinco racións de froitas e hortalizas ao día por motivos económicos ascende ao 38,7 % entre os fogares con inseguridade alimentaria moderada ou grave. Ademais, un 3,1 % dos fogares enquisados non pode permitirse o luxo de consumir carne, polo ou peixe, cando menos, cada dous días. Pero entre os fogares con algún tipo de inseguridade alimentaria, esta porcentaxe chega ao 20,3 %.

Exceso de peso dos menores e a pobreza

Fontes: Prevalencia sobrepeso e obesidade en poboación infantil entre 2 e 17 anos. INE, 2017. Taxa de risco de pobreza. INE, 2020. Gasto sanitario por habitante e comunidade autónoma. Ministerio de Sanidade, 2019.

Consecuencias sobre a saúde.

A erradicación da inseguridade alimentaria tornouse unha urxencia, xa que, como veremos, perpetúa situacións de desigualdade e repercute directamente no crecemento, na saúde e no benestar da infancia. A dietista-nutricionista Blanca Raidó explica que as consecuencias negativas para a saúde da inseguridade alimentaria adoitan separarse en tres grupos: as físicas, as cognitivas e as socioemocionais. As físicas teñen que ver co baixo peso e o atraso no crecemento, pero o impacto a nivel físico ten máis consecuencias, especialmente a nivel cognitivo: “Todo afecta ao desenvolvemento cerebral, o que repercute directamente no rendemento escolar, porque a linguaxe, a concentración e a memoria non se desenvolveron ben”, analiza Raidó. “Ao final, todo isto leva a un abandono dos estudos, que á súa vez lles afectará cando sexan adultos”, advirte.

Por último, está tamén a parte socioemocional. Estas deficiencias físicas e cognitivas poden provocar unha baixa autoestima, o que xera sensacións de inseguridade e frustración, que menoscaba a autoconfianza e a motivación e a relación co ámbito persoal e laboral. Ademais, sinala a experta, tamén pode dar lugar a situacións de depresión ou de ansiedade. “É coma un peixe que se morde a cola. Se estás con depresión ou ansiedade, comerás peor, volverás ter patoloxías, problemas de enfermidades non transmisibles —cardiovasculares, algúns tipos de cancro e diabetes— ou outras situacións que che impidan saír desta situación”. Raidó aclara: “Falei de nenos e nenas, pero con excepción dos problemas de crecemento, case todo se pode extrapolar aos adultos”.

A longo prazo, a inseguridade alimentaria tamén aumenta o risco de enfermidades crónicas na idade adulta e pode perpetuar ciclos de pobreza e desigualdade ao afectar as futuras oportunidades educativas e laborais futuras. Neste sentido, a malnutrición é un problema individual, pero tamén colectivo, xa que repercute profundamente no benestar social e económico do país.

Que podemos facer?

Abordar a inseguridade alimentaria require dun enfoque integral, que supoña mellorar o acceso a alimentos frescos, educar as familias, aplicar políticas públicas eficaces e crear un ambiente que promova hábitos de alimentación saudables. Raidó considera que a educación nutricional é fundamental: “É a ferramenta básica para que todo o mundo saiba o que ten que comer. É dicir, que teña acceso aos alimentos e que despois saiba cales elixir. Queremos previr e non ter que curar”.

A educación pasa pola escola, pero Blanca Raidó tamén insiste na importancia de establecer programas de formación ou campañas en medios que acheguen información sinxela e útil que axude a combater o medio obesoxénico no que vivimos, cunha hiperabundancia de alimentos ultraprocesados e de baixa calidade nutricional que contribúen á malnutrición: “Vivimos nun medio que non axuda a nada. Hai moita publicidade e moitas influencias e se non tes a formación para saber o que é correcto e o que non, non podes tomar as decisións correctas”. Ademais, debería mellorarse a detección de casos nas escolas e nos centros de atención primaria, así como reforzar a formación dos traballadores sanitarios e do profesorado porque os sinais de malnutrición da inseguridade alimentaria adoitan ser sutís. Algúns síntomas físicos inclúen fatiga constante, palidez, susceptibilidade ás enfermidades, fraxilidade no cabelo ou uñas quebradizas. No ámbito escolar, os nenos poden presentar problemas de concentración, baixa enerxía e rendemento académico deficiente. De aí a importancia da detección precoz.

Familias, profesores e sanitarios deben estar pendentes destes sinais e o comedor escolar é un lugar clave: “Pensa que os nenos e as nenas que teñen dificultades para comer por se atoparen en situacións de vulnerabilidade tamén sofren unha grande estigmatización”, sinala a experta, algo que os leva a ter determinadas condutas alimentarias durante as comidas, “como comer máis ou menos para ocultar o feito de que na casa talvez haxa problemas”.

Solucións que funcionan.

Ata hai pouco, parte das familias vulnerables recibían axuda en forma de alimentos —ou outros produtos, como roupa ou pertenzas—, pero cada vez son máis as organizacións que avogan por entregar tarxetas moedeiro en vez de comida —as persoas que as reciben poden facer a compra directamente en diferentes comercios— ten moitas vantaxes: ademais de dignificar a axuda, converte as persoas usuarias en destinatarios activos e non en suxeitos pasivos da axuda, o que contribúe a mellorar a súa recuperación. Nos últimos anos, a Cruz Vermella triplicou a entrega de tarxetas moedeiro e recibiu unha subvención excepcional do goberno para pór en marcha un programa de tarxetas moedeiro en todo o territorio.

“Recentemente, presentamos os resultados dun estudo que realizamos entre case 1.200 persoas que usan tarxetas moedeiro para comprar alimentos. Vimos que se entregamos tarxetas acompañadas de información, os seus hábitos alimentarios melloran”, explica Raidó. “Ademais de impartir obradoiros, envían SMS durante un período de tempo con mensaxes moi sinxelas como ‘Comiches froita hoxe?’. Constatamos que así a xente mellora as súas compras”, conclúe.

Nutrientes que non debían faltar

As deficiencias nutricionais prodúcense pola inseguridade alimentaria, aínda que son difíciles de determinar, xa que os estudos non adoitan medir estes parámetros. “É importante que as detectemos, como a falta de ferro, omega 3, vitamina A ou iodo”, explica a dietista-nutricionista Blanca Raidó. Segundo a OMS, estes son os micronutrientes máis importantes no que se refire á saúde pública. Atópanse nas carnes magras, as verduras de folla verde e legumes, entre outros moitos alimentos, pero as barreiras socioeconómicas e culturais dificultan o acceso a estes alimentos, especialmente nas familias de baixos recursos. Raidó insiste na importancia da educación: “No caso do iodo non é unha cuestión económica, porque se atopa no sal iodado, pero se non sabes que é importante, non o compras”.