O xogo tamén ten o seu “menú saudable”
Parece que cada vez nos queda máis claro que os hábitos saudables se constrúen coa alimentación saudable, o descanso e a actividade física. Ademais, durante a infancia existe outra peza importante para o correcto desenvolvemento físico e mental dos nenos e nenas: o xogo. E esa peza presenta cada vez máis deficiencias na súa estrutura. Segundo o Estudio sobre el comportamiento de los consumidores de juegos y juguetes (8-12 años), elaborado polo Instituto de Creatividade e Innovacións Educativas da Universidade de Valencia, só un de cada catro nenos e nenas españois pasa máis de dúas horas ao día xogando; e só unha de cada cinco xoga despois da clase. “Ao privarmos ou reducirmos o tempo de xogo dos nenos e das nenas, estamos a privalos dun dereito recollido na Declaración dos Dereitos do Neno”, afirma Silvia Sánchez, profesora do Departamento de Estudos Educativos da Facultade de Ciencias da Educación da Complutense de Madrid.
Unha infancia “adultizada”
A pregunta que xorde é: que lle está a roubar o xogo aos nenos? Os expertos consultados aluden a diversos motivos, pero todos coinciden en sinalar dous motivos esenciais. Por unha banda, a irrupción imparable das pantallas. Segundo datos do estudo La falta de juego en la infancia, elaborado pola Fundación Crecer Jugando e o Instituto Tecnolóxico de Produto Infantil e de Ocio (AIJU), case o 70 % dos nenos e nenas españois supera o límite de tempo máximo de exposición a pantallas recomendado polos expertos: 60 minutos ao día. Esta porcentaxe é aínda maior entre os nenos de 1 a 3 anos (84 %) e entre os de 4 a 6 anos (88 %).
Por outra banda, as axendas cada vez máis ocupadas dos menores, algo que Silvia Sánchez considera un claro exemplo de infancias cada vez máis “adultizadas”, con multitude de actividades calendarizadas —deportivas, idiomas, clases de música…— que son as que ocupan o tempo libre. “O día só ten 24 horas e non hai tempo para todo, cando hai que elixir, parece que o xogo perde a partida. Isto levou a un fenómeno no que os menores non só xogan menos, senón que xogan peor e están a perder os beneficios fundamentais que esta actividade proporciona en termos de desenvolvemento integral”, afirma Sánchez.
Que están a perder?
Perder os beneficios do xogo non é algo que se poida tomar á lixeira. “Un neno que non ten tempo para xogar é un neno que non terá tempo para desenvolverse correctamente”, afirma a psicóloga Silvia Álava, para quen o impacto do xogo nese desenvolvemento é fundamental. “A través do xogo, os nenos maduran un proceso fundamental do cerebro, a función executiva, fundamental para ter éxito, xa que implica planificación, supervisión, memoria de traballo, atención… Todo isto é básico e conséguese a través do xogo libre”, engade Álava .
Pero non só iso. O xogo é fundamental a nivel socioemocional, actúa como protector da saúde mental, axuda a desenvolver a psicomotricidade, a forza, a coordinación e o equilibrio, permítenos comprender o mundo e desenvolver a empatía, o vocabulario, a memoria, a atención, o razoamento lóxico ou o pensamento abstracto. “Cando xa non queda espazo para o xogo, o que vemos en consulta en moitos nenos e nenas é que certos procesos que deberían desenvolverse sen ningún problema levan certo atraso”, advirte a psicóloga.
Actualmente, a maior parte da poboación vive en cidades masificadas e con moito tráfico onde, moitas veces, os únicos espazos para xogar ao aire libre son pequenos parques, xeralmente arrodeados por unha cerca de cores. “Hai tres décadas xogabamos na rúa. Agora non é posible. E, por unha banda, é un alivio que existan estes parques, porque polo menos hai sitio para os nenos. Pero este tipo de parques son todos iguais, coas mesmas estruturas, o chan de caucho… Alí é moi difícil innovar, que poidan saír xogos ricos e imaxinativos, así que o parque vólvese pouco atractivo”, afirma Clara Pons-Mesman. Nese sentido, a divulgadora reivindica a construción de parques “canto máis naturais mellor”. Para iso, catro aspectos básicos para ter en conta:
- Pavimento de materiais naturais (area, seixos, casca…), porque permite un xogo moito máis rico, variado e creativo.
- Estruturas de madeira e de aspecto o máis natural posible.
- Vexetación, no parque e arredores.
- Que sexa estimulante, que lle permita aos nenos poñer a proba as súas habilidades, retárense e xogar libremente.
O “prato de Harvard” do xogo.
Para sensibilizar sobre esta realidade, o Observatorio do Xogo Infantil desenvolveu o Menú do xogo saudable, unha iniciativa que toma como punto de partida o famoso prato de Harvard da alimentación e adáptao ao xogo. A parte máis importante do prato (40 %), que sería o equivalente a froitas e verduras, corresponde ao xogo exterior. A continuación, cun 25 % do peso cada un, estarían o xogo libre e o regrado, que equivalen aos cereais integrais e a proteínas saudables. Finalmente, cun 10 % estarían os xogos tecnolóxicos, que implican as pantallas.
“Queriamos destacar a importancia dos tempos de xogo na infancia e facer fincapé en que deberían seguir xogando ata idades máis avanzadas, o máximo tempo posible. Hoxe, por exemplo, a partir dos oito anos é moi habitual que che digan ‘Eu xa non xogo, iso é para nenos’; e que ese xogo se desprace con pantallas. Iso non pode ser así. Con 8 anos hai que seguir xogando”, explica Silvia Álava, que participou no desenvolvemento da iniciativa.
As expertas consultadas destacan tamén a importancia de adaptar ese modelo de prato á idade e desenvolvemento de cada neno e nena. Ata os 3 anos, destacan que as pantallas deberían quedar fóra do menú. E a esas idades temperás, o prato debe estar composto basicamente por xogo exterior e xogo libre. “Fixar tempos e porcentaxes específicas pode ser arriscado, sobre todo cando se trata de nenos e nenas en diferentes etapas do seu desenvolvemento. Nestes casos, prefiro apelar ao sentido común. O menú do xogo saudable é unha proposta orientativa, que se pode adaptar segundo a idade, as necesidades e as circunstancias de cada menor. O importante é manter un equilibrio saudable entre os distintos tipos de xogos, asegurándonos de que o tecnolóxico non monopolice a dieta lúdica”, engade Silvia Sánchez.
40 %: O xogo exterior.
O xogo exterior non é só o máis importante polo seu impacto no desenvolvemento integral do neno, senón tamén probablemente o máis afectado pola perda de tempo para o xogo, aquel no que a distancia entre a teoría —o tempo recomendado— e a práctica é maior. Unha enquisa recente así o certifica: só un de cada catro nenos xoga regularmente na rúa, unha cifra que non admite comparación coa xeracións dos seu avós. Daquela, case tres de cada catro nenos xogaban fóra varias veces á semana.
E o problema non son só as pantallas. “Houbo moitos cambios arquitectónicos nas cidades. Está todo moito máis edificado, hai moito máis tráfico. Hoxe en día as familias xa non deixan os nenos sós na rúa, e se os menores non teñen esa autonomía, ao final, si ou si, pasan menos tempo xogando ao aire libre”, reflexiona Clara Pons-Mesman, experta en Dereito da Infancia e divulgadora do xogo libre.
O problema desta falta de xogo ao aire libre é que os menores deixan de gozar de todos os seus beneficios. “A nivel físico é un xogo que promove a actividade física e o desenvolvemento das habilidades motoras. Tamén están os beneficios da exposición á luz do sol (absorción de vitamina D, mellora do ciclo do sono, de desenvolvemento ocular…) e para a estimulación do sistema inmune. A nivel emocional, cando se xoga fóra, especialmente na natureza, redúcese o cortisol e, polo tanto, os niveis de estrés. Ademais, a nivel social, cando saes a xogar é moito máis doado encontrar o outro e tecer relacións”, sinala Pons-Mesman.
25 %: Libre e simbólico.
Como explica Manu Sánchez, profesor de Educación Primaria do CEIP Maestra Ángeles Cuesta (Marchena, Sevilla) e autor de O gran libro dos xogos, o xogo libre é o primeiro que xorde na vida e do que se goza durante moitos anos. “Aínda que de adultos non o fagamos de forma física, si o facemos coa nosa imaxinación en momentos de lecer”, afirma. Trátase dun xogo que lle permite aos nenos procesaren as súas experiencias e emocións a través da imaxinación e cuxa mellor representación se atopa no xogo simbólico, ese no que os menores xogan a ser profesores, médicos ou papás e mamás. “O xogo simbólico é unha forma na que experimentamos roles sociais, situacións e mundos fantásticos, o que nos axuda a comprender mellor a nosa contorna. Os nenos e as nenas imitan o que ven ao seu redor, xa que así se senten seguros e aceptados polos demais. Somos seres sociais que necesitamos ter confianza e reafirmación en nós mesmos”, sostén Sánchez.
A psicóloga Silvia Álava, pola súa banda, engade que o xogo simbólico tamén permite que os nenos e nenas “creen unha narración sobre o seu mundo, sobre o que lles está a pasar”, algo que, sinala, constitúe un “factor protector” para a saúde mental na infancia.
“Antes, críase que xogar, especialmente na idade adulta, era unha perda de tempo, pero desde a pandemia, os xogos de taboleiro rexurdiron. Decatámonos de que pasar tempo de calidade cos nosos seres queridos é fundamental nas nosas vidas”, asegura o profesor Manu Sánchez.
Moitas familias sumáronse a este rexurdir. Outros quedan polo camiño, incapaces de xestionar a ira dos seus fillos por gañar ou perder. Pódese escapar desas loitas? Para o profesor, a elección do xogo é fundamental. “Se xogamos a un xogo que nos guste, sentirémonos máis cómodos e importaranos menos perder”, asegura.
Outra alternativa para mellorar a empatía e aprender a gañar e perder son os xogos cooperativos. “Tornáronse moi populares, xa que non requiren competitividade nin eliminación de xogadores. Todos gañamos ou todos perdemos. O importante aquí é que os participantes se dean conta de que no xogo dá igual perder, porque se gaña en experiencia”, explica.
25 %: De regras.
Os regrados, e con normas, son aqueles que teñen un conxunto de regras preestablecidas, como os xogos de taboleiro ou os deportes. “Ensínannos autocontrol, a perder e a gañar, a aceptar normas e a traballar de forma independente ou en equipo”, afirma Manu Sánchez. Ademais, dependendo do xogo, os nenos e nenas poden traballar outras moitas habilidades, desde o vocabulario ata a memoria de traballo, a atención sostida, a atención dividida ou a planificación, pasando polo pensamento estratéxico ou a coordinación ollo-man.
Para Sánchez, este tipo de xogo debería ser un ingrediente cunha maior porcentaxe dentro do “prato lúdico”, xa que, coas súas normas e regras que hai que aceptar e respectar, é unha base para mellorar a convivencia. “Se xogásemos máis tempo e de mellor calidade, moitos dos problemas actuais poderían resolverse doutro xeito moi diferente. Xogar fainos ser máis respectuosos cos demais”, argumenta.
10 %: Tecnolóxico.
Todos os expertos consultados coinciden en sinalar que o xogo tecnolóxico non é estritamente necesario para o desenvolvemento dos nenos e das nenas. Porén, como explica Silvia Álava, hai que ser realistas: “Non é razoable tentar que os nosos fillos non vexan estes xogos”, afirma. A psicóloga, con todo, recomenda limitar o seu uso ao máximo para que as pantallas non canibalicen o resto dos xogos. “E, sobre todo, actuar de filtros. Antes de que o teu fillo xogue, xoga ti, repara nos valores do xogo; e a partir de aí, decide en función do coñecemento que tes do teu fillo. Aquí, a diferenza doutros xogos nos que a idea é favorecer a liberdade do neno, hai que estar moito máis enriba, ter máis supervisión, para saber se aquilo ao que están a xogar é acorde á súa idade, se o xogo os altera moito, se muda a súas rutinas…”, afirma.
Silvia Sánchez comparte a súa opinión. “Non rexeito as pantallas, pero si creo que é fundamental que os adultos xoguen ese papel mediador”, apunta a investigadora, que considera fundamental que nais e pais acompañen, orienten e supervisen o uso da tecnoloxía para garantir que estea equilibrado con outras formas de xogo. “As pantallas poden ser unha ferramenta, pero non a única e nin sequera a principal fonte de entretemento ou aprendizaxe”, conclúe.
- O máis importante que teñen que facer os nenos na infancia é durmir, comer e xogar, así que hai que respectar os tempos de xogo.
- Fomentar que o menor estea con máis nenos e nenas. É fundamental que xogue con iguais e, ademais, que o xogo sexa libre, que non sempre estea regulado por un adulto.
- Deixarlle autonomía no xogo. É certo que hai moitos nenos e nenas aos que lles custa xogar sós, pero hai que animalos a que o fagan e darlles espazo para aprender a entretérense.
- Xogar en familia. Non só van ser uns momentos especialmente divertidos, senón que tamén se consegue moita conexión familiar e traballar vínculos de seguridade.
- Non pensar que están a perder o tempo. A través do xogo desenvólvense moitos procesos a nivel cognitivo, habilidades sociais e regulación emocional. Co xogo permitimos que os menores maduren correctamente.
- Pensar que xogar na infancia é un protector da saúde mental.