VERDADES E MITOS DA NOVA ETIQUETAXE

O SISTEMA DE ETIQUETAXE NUTRISCORE, COMPOSTO POR CINCO CORES E CINCO LETRAS, XERA DÚBIDAS: É OBRIGATORIO?, APLICARASE A TODOS OS ALIMENTOS?, PÓDESE MANIPULAR? PREGUNTÁMOSLLE AO DOUTOR JORDI SALAS, UN DOS MÁXIMOS IMPLICADOS NA INVESTIGACIÓN PARA INSTAURAR ESTE MÉTODO.
1 Marzo de 2019
Img tema de portada listado 290

VERDADES E MITOS DA NOVA ETIQUETAXE

Desde xaneiro de 2019, os establecementos de Eroski, que contaban co seu propio semáforo desde hai 11 anos, xa teñen implantado o sistema de etiquetaxe frontal Nutri-Score. Esta cualificación nutricional que combina letras e cores, pola que o Goberno español se decantou, ten o fin de poñerlle freo ao consumo de alimentos con alto contido en graxas saturadas, azucre ou sal e facilitar dunha simple ollada a elección máis saudable. Xunto ao seu equipo, Jordi Salas, catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade Rovira i Virgili, elaborou un informe que apoia a elección do Ministerio de Sanidade e de Eroski. Salas contesta as dúbidas que esperta esta etiquetaxe..

POR QUE NUTRI-SCORE?

Existe unha gran diversidade de etiquetaxes que se aplican en varios países do mundo. Con todo, a vantaxe de elixir esta modalidade susténtase en contar co aval da evidencia científica, que xustifica a súa eficacia. As investigacións demostran que tanto a poboación xeral coma os grupos desfavorecidos e as persoas afectadas por patoloxías crónicas como a obesidade ou a diabetes comprenden mellor Nutri-Score ca outros logotipos.

“Nun recente estudo elaborado en 12 países, incluído España, constatouse que este sistema é o que máis lles axuda aos consumidores a xulgar os alimentos en función das súas calidades nutricionais, por diante do semáforo británico, do sistema australiano de estrelas, do sistema de advertencias de Chile e das Inxestas de Referencia”, sinala Salas. Outros estudos demostraron que existe unha asociación directa entre a puntuación que lle serve de base a Nutri-Score e o risco de padecer patoloxías coma o cancro ou enfermidades cardiovasculares.

DA RACIÓN AOS 100 GRAMOS

Un trazo esencial do algoritmo deste sistema reside en basearse en 100 gramos de produto, e non no cálculo por ración, que defende unha gran parte do sector agroalimentario. “Todos os organismos nacionais e internacionais, como a Organización Mundial da Saúde (OMS) e as asociacións de consumidores, recomendan calcular o logo nutricional por 100 g de alimento para permitirlle ao consumidor comparar a calidade nutricional dos produtos co mesmo criterio”, subliña Salas. O cómputo por ración, impulsado por un consorcio de multinacionais da alimentación, pode conducir ao consumidor a minimizar a cantidade real de nutrientes desfavorables coma o azucre, as graxas saturadas ou o sal.

OS ALIMENTOS “SANS” E OS “NON SANS”

É frecuente atribuírlle á etiquetaxe nutricional a misión de clasificar os alimentos en dous grandes grupos: os saudables e os que non o son. Nutri-Score permítelles aos consumidores comparar, sobre unha mesma base e cos mesmos criterios, a calidade nutricional entre alimentos, do menos favorable ao máis favorable, e orientar as eleccións de compra dunha soa ollada. “Pero non só contrasta produtos dunha mesma familia, tamén un mesmo tipo de alimento proposto por marcas distintas e de artigos pertencentes a familias diferentes, pero cun mesmo consumo ou uso”, explica Salas. Por exemplo, Nutri-Score non só compara, se falamos dos cereais de almorzo, os copos de avea e os recheos de chocolate. Tamén equipara os cereais de almorzo dunha certa marca co produto equivalente doutra, e diferentes familias de alimentos que poden tomarse para empezar o día.

AS COMPARACIÓNS SON ODIOSAS.

A flexibilidade desta modalidade de etiquetaxe para confrontar produtos abriu a porta a comparacións que antes eran impensables, pero que acapararon o interese dos medios de comunicación. Así, mensaxes como que na clasificación de Nutri-Score, as bebidas azucradas coma o zume de laranxa envasado saen máis favorecidas que o aceite de oliva, un dos estandartes da dieta mediterránea, suscitan dúbidas entre os consumidores. Para Jordi Salas, esta crítica foi utilizada polos grupos de presión que non aceptan a súa implantación debido á información precisa e obxectiva que proporciona sobre a calidade nutricional dos produtos. Inténtase centrar o interese sobre aspectos moi específicos e condenar a eficacia global do método.

“Calquera sistema existente clasifica mal o aceite de oliva debido ao seu alto contido en calorías e graxas saturadas, e cataloga como saudables os refrescos sen azucre. Con todo, ninguén se ofuscou por este problema de clasificación do sistema británico”, engade. “Facilitarlles aos consumidores a comparativa entre distintas categorías constitúe a esencia de Nutri-Score. Durante a compra, os consumidores non fan comparacións entre un aceite de oliva ou un zume de laranxa envasado, xa que cada produto obedece a necesidades distintas, senón que cuestionan a calidade entre distintos tipos de aceites ou zumes envasados”, conclúe Salas.

1ga

Os trucos dos fabricantes

Unha dúbida que aflorou coa implantación desta etiquetaxe é que puntuarían mellor algúns produtos cun contido elevado en azucres -por exemplo, algúns cereais de almorzo- se os enriquecesen con fibras ou se contivesen froitas. Para Salas, trátase dun argumento erróneo. “A forma de calcular de Nutri-Score garante que un alimento que sexa demasiado azucrado, graxo, salgado ou calórico non rendibilice os aspectos positivos. Os cereais de almorzo demasiado azucrados e/ou graxos non poden beneficiarse por conter fibra dietética, e unicamente teranse en conta as froitas, verduras, froitos secos e leguminosas cando supoñan, como mínimo, o 40 % do seu contido. A partir deste límite os puntos positivos dados por este sistema son proporcionais”, sinala este experto.

Os produtos que teñan estes elementos no 80 % do seu contido poderán gozar do bono máximo desta etiquetaxe frontal, sen perder de vista que o alimento en orixe non se pase de azucres, graxas ou sal. Así, Nutri-Score garante que non se altere a clasificación de ningún alimento con cantidades importantes de compoñentes negativos por ingredientes positivos, tanto naturais coma engadidos.

FROITAS E VERDURAS FRESCAS, SI OU NON.

A cor verde de Nutri-Score levanta inquietudes no sector alimentario polo feito de que, ao implantalo en produtos industriais, poida implicar que os compradores substitúan a compra de alimentos frescos por produtos etiquetados con A ou B. “Os estudos realizados en supermercados en liña ou convencionais franceses manifestan que a cesta da compra é máis saudable, con menor presencia de produtos D e E (os menos favorables), a favor dunha proración maior de froita e verdura. En Francia está previsto ampliar este etiquetaxe a estes produtos, clasificándoos como A”, describe Salas.

UN ALGORITMO MANIPULABLE?

Unha das trolas arredor de Nutri-Score que circulan polas redes sociais denuncia que Francia, pioneira en implantar esta medida, adaptaría o cálculo do algoritmo como un traxe a medida para o caso dos queixos, un dos produtos estrela da gastronomía gala, co fin de mellorar a súa imaxe. Para Salas trátase dunha afirmación falsa: “Tras a análise da Axencia Francesa de Seguridade Sanitaria, realizáronse unhas mínimas adaptacións para os queixos, as materias graxas e as bebidas, que non modificaron os elementos implicados na puntuación de base. Os elementos negativos do cálculo figuran na declaración nutricional obrigatoria a nivel europeo, na parte posterior do envase (calorías, graxas totais, graxas saturadas e sodio). Estas categorías de alimentos, aínda que suscitaron problemas específicos, non comprometeron a selección nutricional do algoritmo”, describe este experto.

A maior parte dos queixos sitúanse na categoría E, pese ao seu contido variable en graxas, sal e calcio. O cálculo adaptado distingue entre os menos elevados en graxas saturadas e sal (agrupados como D) e os máis graxos ou salgados (cualificados como E). No caso das materias graxas engadidas, Nutri-Score diferencia dous grupos: as graxas de orixe animal (crema, manteiga), máis ricas en graxas saturadas e cualificadas como E; e as graxas de orixe vexetal (aceites e margarinas), menos ricas en graxas saturadas (menos o aceite de coco e de palma).

2ga

Para as bebidas, o axuste responde á diferenza entre os produtos sólidos e líquidos. “Tamén se pretendeu que a auga fose a única bebida clasificada como A, para evitar que as bebidas con edulcorantes e os zumes de froitas fosen clasificados na súa mesma categoría”, engade o experto. Aínda que non se pode alterar o cálculo de NutriScore fixado en 2015, as autoridades deixan a porta aberta a que poida volver definirse nuns anos para adaptarse aos avances científicos. “Todo co fin de darlles resposta a certos puntos de mellora, como ter en conta os azucres engadidos en lugar dos totais, que tamén require unha modificación da lexislación europea que obrigase a engadir este dato á etiquetaxe obrigatoria”, conclúe Jordi Salas.

DEBE SER OBRIGATORIO?

“Debido ao marco lexislativo da UE, as empresas poden aplicar a medida só se o desexan”, explica Salas. Así, os produtores de aceite de oliva, un dos produtos que máis controversia levantou, poden renunciar a utilizar o semáforo de Nutri-Score sen temor a ser acusados saltar a legalidade. Outra alternativa, como desliza a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), consistiría en non incluír no decreto produtos cun só ingrediente na súa composición, como o aceite de oliva.

3ga

A ETIQUETAXE TRADICIONAL E NUTRI-SCORE*, CARA A CARA

Etiquetaxe tradicional

  • Informa sobre cinco compoñentes cuxo exceso supón un risco para a saúde: quilocalorías, graxas, graxas saturadas, azucres e sal.
  • Calcula por ración estipulada polo fabricante.
  • O consumidor ten que concluír por si mesmo a calidade nutricional do alimento.

Nutri-Score

  • Ten en conta sete parámetros: 4 negativos (quilocalorías, graxa saturada, azucres e sal) , 3 positivos (fibra, proteína e contido en froita, verdura, froitos secos e legumes).
  • Ao calcular por 100 gramos facilítase a comparativa, e é máis obxectivo ca facelo por ración, xa que o tamaño da ración non está regulado e hai diferenzas entre marcas.
  • O sistema ofrécelle ao consumidor a valoración da calidade nutricional do alimento dunha forma visual e facilmente entendible (letra e cor).