Unha receita de deporte

O exercicio físico, xunto coa dieta, é un dos medicamentos máis eficaces para mellorar a nosa saúde e calidade de vida. Por iso, dende hai uns anos, algunhas comunidades autónomas están a desenvolver un plan para prescribirlles deporte aos pacientes de Atención Primaria. Un programa personalizado e supervisado que vai gañando adeptos.
1 Febreiro de 2025

Unha receita de deporte

Que o exercicio é bo para a túa saúde non é ningún segredo: mellora o sono e o estado de ánimo, fortalece os músculos e ósos, mellora a inmunidade, prevé enfermidades como a diabetes tipo 2 e algúns cancros e, en xeral, está relacionado co aumento da esperanza de vida e a diminución da mortalidade por todas as causas, por citar algúns dos seus beneficios, amplamente documentados polos estudos científicos ao longo dos anos. Pero a pesar diso, segundo a enquisa Hábitos deportivos en España, do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de 2024, o 52 % dos españois non practica ningún tipo de exercicio físico. O dato ten a súa relevancia, porque a inactividade física ten un grande impacto na nosa saúde: segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), entre 2020 e 2030 haberá case 500 millóns de novos casos de enfermidades non transmisibles que poderían ser evitables cunha maior práctica de exercicio. “Nos últimos 50 anos, parece que moitas das cousas que están a suceder na nosa sociedade están a eliminar a actividade física das nosas vidas”, comenta Anna Puig, doutora en Actividade Física e Ciencias da Saúde pola Universidade de Bristol (Reino Unido) e profesora da Universidade de Vic “Podemos facer a compra do supermercado dende a casa, viaxamos en coche, usamos ascensores ou escaleiras mecánicas, cando chegamos ao traballo estamos sentados… Se queremos, non nos movemos, porque buscamos a comodidade. Isto é o que nos está a enfermar, porque un estilo de vida sedentario é o responsable da maioría das enfermidades non transmisibles que padecemos hoxe en día, como as enfermidades cardiovasculares ou a diabetes tipo 2”. Para algúns autores, a inactividade física converteuse na maior ameaza para a saúde pública do noso tempo e consideran que a prescrición do exercicio nos centros médicos debería ser obrigatoria.

O sedentarismo cústanos cartos

Os estudos indican que a inactividade física nos sae cara: se os cidadáns da Unión Europea cumprisen os niveis de actividade física recomendados pola OMS (150 minutos de actividade física moderada á semana), evitaríanse máis de 10.000 mortes prematuras ao ano e aforraríanse ao ano aproximadamente 8.000 millóns de euros en gastos sanitarios, máis que o gasto total anual, en atención médica de Lituania e Luxemburgo combinados, segundo o informe da OMS e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) Deamos un paso adiante! Abordar a carga da actividade física insuficiente en Europa.

José Manuel Franco, presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), cita regularmente outro dato revelador nas súas intervencións: “Cada euro investido en actividade física evita ata 15 euros de gasto sanitario”. Pero como se materializa este euro nas políticas de saúde pública? Aí é onde entra o Plan de prescrición de actividade física e exercicio físico, que consiste basicamente en prescribir exercicio físico como unha intervención complementaria aos tratamentos de saúde, algo que popularmente se coñece como “receita deportiva”, termo pouco rigoroso segundo os especialistas consultados, pero que axuda a comprender mellor en que consiste o plan.

Dende a consulta ata o ximnasio

Este é o percorrido que seguiremos cando recibamos unha receita de exercicio físico.

  1. Acudimos a unha consulta de Atención Primaria onde se avalía a nosa condición e se prescribe un plan de exercicio.
  2. Acudimos a un centro comunitario, como un polideportivo municipal, onde un profesional do deporte formado no plan nos fará unha avaliación física inicial e deseñará un programa adaptado.
  3. Seguimento e revisión. O profesional do deporte realizará un seguimento periódico para axustar o programa segundo a nosa evolución.

Cal é a receita deportiva?

En xullo de 2022 aprobouse en España unha partida de nove millóns de euros para a posta en marcha do Plan de prescrición de actividade física e exercicio físico promovido polo CSD e as comunidades e cidades autónomas. O investimento enmárcase no Plan de Dixitalización do Deporte, un dos tres eixes do Compoñente 26 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. As comunidades autónomas, que teñen plena competencia en materia sanitaria, poden acceder a estes fondos, pero para recibilos deben desenvolver diferentes fitos, segundo explicou Lidia Brea Alejo, asesora de Educación Física e Deportiva para a Saúde do Consello do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (COLEF): “En primeiro lugar, deben xerar formación específica para os educadores físicos deportivos en relación coa actividade física e a saúde”. A continuación, procurar que o persoal sanitario que intervirá no plan reciba a formación adecuada para, entre outras cousas, poder prescribir exercicio físico. E, por último, “xerar unidades de actividade física e exercicio físico que consistan en que o persoal sanitario dos centros de Atención Primaria seleccionen aquelas persoas que consideren que poden beneficiarse da práctica de exercicio físico e que acudan a centros comunitarios [ un polideportivo municipal, por exemplo.] nos que haxa educadores físico-deportivos con formación para deseñar, executar, supervisar e planificar os programas de exercicio físico”.

Cataluña, unha rexión pioneira

Nalgunhas comunidades, como Cataluña, xa se estaban levando a cabo iniciativas similares. “E aproveitouse desa estrutura para potenciar o que xa había e adaptalo ao que se pedía dende o Consello Superior de Deportes. Noutras rexións, en cambio, comezouse de cero, como en Castela-A Mancha ou Madrid”, sinala Lidia Brea.

En Cataluña, a prescrición do exercicio físico incorporouse ao Plan de Actividade Física, Deporte e Saúde (PAFES) en 2005, cun programa piloto. O plan, premiado en 2008 polo Ministerio de Sanidade e recoñecido en 2019 pola Comisión Europea, incluía accións de asesoramento e prescrición de actividade física desde Atención Primaria e outras especialidades médicas. Tamén incluía a formación para profesionais implicados e o traballo en rede cos concellos. A través da aplicación Actius i Salut (activos e saúde), que se integra na historia clínica informatizada do paciente, os profesionais sanitarios poden asesorar e prescribir actividade física en función dos recursos de cada concello. Desde 2015, o 100 % dos centros de Atención Primaria están adscritos ao plan. En maio de 2024, deuse un paso máis co Programa temporal para a implantación da receita médica deportiva, cunha duración de tres anos, que inclúe accións como o fomento da actividade física e a prescrición no ámbito pediátrico, adolescencia e hospitalario.

‘Social Prescribing’: receita deportiva e moito máis

En 2019, o NHS (National Health Service), o Servizo Nacional de Saúde do Reino Unido comezou a implementar o Social Prescribing, un enfoque innovador da atención sanitaria que conecta as persoas con servizos e actividades non clínicas na súa comunidade para mellorar a súa saúde e benestar. Unha das iniciativas que leva a cabo é a prescrición de exercicio físico, pero vai moito máis alá: tamén prescribe actividades como o voluntariado, as artes, a aprendizaxe en grupo, a xardinería ou a cociña, entre outras moitas. Ademais, permítelles aos profesionais sanitarios, especialmente en Atención Primaria, derivaren pacientes a un link worker ou traballador de enlace, que colabora co paciente na elaboración dun plan de atención personalizado.

Este programa está dirixido a persoas con necesidades sociais, emocionais ou doutro tipo que afecten a súa saúde, incluídas aquelas con enfermidades crónicas, problemas de saúde mental leves ou que se atopan illadas socialmente. O Social Prescribing recoñece que a saúde está determinada en gran medida por factores sociais, económicos e ambientais e aborda as necesidades das persoas de forma integral. Ademais, búscase reducir a carga de traballo en Atención Primaria e os custos asociados para o sistema sanitario do país.

Como se leva a cabo

Segundo Lidia Brea, aínda que cada comunidade concretou o plan en función das súas necesidades, a idea xeral é a mesma: desde a Atención Primaria identifícanse aquelas persoas que poden beneficiarse da práctica de exercicio físico supervisado por un profesional para mellorar as súas patoloxías. “Unha vez localizado, o que se fai é derivar a esa persoa ás unidades de exercicio físico que están no ámbito comunitario. Esa persoa inicia un programa deseñado, supervisado e avaliado por un educador físico deportivo que tamén debe estar formado dentro deste plan”, sinala a asesora de Educación Física e Deportiva para a Saúde do COLEF.

Os médicos, pero tamén os enfermeiros e fisioterapeutas poden prescribirlles exercicio físico aos pacientes. Tendo en conta que se trata dun tratamento complementario e que os beneficios do exercicio son extensos, case calquera persoa pode recibir o tratamento, aínda que adoita prescribirse unha receita deportiva especialmente aos pacientes con “patoloxías crónicas que se atenden máis en Atención Primaria, como poden ser problemas de obesidade, hipertensión, enfermidades metabólicas, superviventes de cancro ou mesmo persoas maiores que, aínda que non teñan patoloxías crónicas, poden beneficiarse do programa”, analiza Brea.

O caso de Getxo

En maio de 2024 comezou a desenvolverse un programa piloto no municipio de Getxo, no País Vasco, para prescribir exercicio físico. “Levamos anos traballando coa convicción de que a sanidade debe ser un tema central das políticas públicas no deporte. Por iso puxemos en marcha o servizo gratuíto de orientación deportiva que ofrecemos á cidadanía a través de Getxo Kirolak (os servizos municipais de deportes deste concello). Un servizo de asesoramento no que recomendamos unhas actividades ou outras en función das patoloxías que teña a persoa que acuda”, explica Álvaro González, concelleiro de Deportes do municipio.

González destaca a importancia do traballo de información e asesoramento por parte dos expertos, sobre todo para as persoas maiores: “Non é o mesmo que o servizo de saúde che diga que hai que facer deporte de xeito xenérico, a que no teu polideportivo máis próximo te informen das actividades concretas que che convén practicar a partir dun informe médico. Así, os resultados que estamos a obter son bos e o grao de satisfacción dos asistentes tamén é moi alto. Durante 2024, 100 pacientes beneficiáronse do programa, dos cales o 74 % eran maiores de 60 anos e sete de cada dez, mulleres. O programa ten unha adhesión do 69 %, é dicir, sete de cada dez pacientes incorporaron con éxito o exercicio físico como parte do seu tratamento.

Que retos se presentan

O Plan de prescrición de actividade física e exercicio físico é ambicioso e non está exento de atrancos, xa que é fundamental que os sistemas sanitarios e deportivos estean integrados, que os profesionais médicos e deportivos estean adecuadamente formados e que se garanta a adhesión a longo prazo dos pacientes. Neste sentido, o plan xira arredor da dixitalización e do uso de dispositivos wearables, como pulseiras ou reloxos intelixentes, que faciliten a supervisión e personalización do exercicio prescrito. E isto supón un grande investimento económico.

A eficacia do tratamento depende, como na maioría dos casos, de moitos factores. “Pero a evidencia científica dinos que a práctica de exercicio físico, cando está supervisada por un profesional, ten unha adhesión moi alta e uns efectos moi beneficiosos na calidade de vida das persoas e na propia evolución da patoloxía crónica que se poida ter”, explica Lidia Brea Alejo, que tamén é directora do Curso de Experto en Exercicio Físico e Cancro da Universidade Europea de Madrid. “Polo tanto, vai saír ben seguro, sempre que se manteña un pouco esa estrutura na que o educador físico deportivo supervisa o programa e que, dende o centro de saúde, tamén supervise como está todo o proceso”, indica Brea.

A duración do tratamento tamén é relativa, xa que depende de cada paciente e tamén de cada comunidade autónoma: “Hai rexións nas que esta intervención é de curta duración, que pode ser 8, 12 ou 16 semanas. Pero tamén hai comunidades nas que a persoa xa permanece nesa unidade a longo prazo. Tamén depende do que o médico considere que é o mellor para esa persoa”, engade a experta.

Obxectivo final: crear un hábito

Outro beneficio engadido do plan é que, unha vez rematado o proceso, unha persoa que non tivese o hábito de practicar exercicio pode adquirilo, con todos os beneficios que esta nova actividade implica para a súa saúde máis aló da patoloxía específica. “A persoa xa coñece o ámbito comunitario en relación coa práctica deportiva, xa sabe onde está o centro deportivo e agora pode quedar alí facendo máis actividades. Xa non se trata só de que a persoa se sinta mellor e de que a súa calidade de vida mellore, senón que ao final vivimos nunha sociedade na que a poboación envellece e ten cada vez máis enfermidades e sabemos que o exercicio físico reduce as estancias nos centros de saúde, a frecuencia das visitas ao médico e permite levar a patoloxía máis controlada e todo iso reverte, por suposto, nas arcas do Estado”, conclúe Lidia Brea.