Arroz con leite

Arroz con leite. Parecen iguais, pero non o son

Leche, arroz, azúcar y poco más. Todas las marcas tienen esos ingredientes en común. Por eso podríamos pensar que son similares, pero existen importantes diferencias entre ellas.
1 Febreiro de 2025

Arroz con leite. Parecen iguais, pero non o son

Apenas necesita presentación porque o arroz con leite é unha desas sobremesas tradicionais que se elaboran de xeito relativamente sinxelo e con só tres ingredientes. Isto podería facernos pensar que todos son iguais. Pero nada diso. O resultado pode ser moi diferente segundo o modo de elaboración e as características deses ingredientes. A clave para escoller a mellor opción está na lista de ingredientes.

Canto leite conteñen?

O leite é o ingrediente principal de todos os produtos analizados, polo que os seus atributos e cantidade inflúen notablemente sobre as características desta sobremesa. En todos os casos utilízase leite enteiro de vaca pasteurizado. Nalgúns produtos, como La Ermita e Gailla, especifícase este aspecto, aínda que en realidade non é necesario, dado que sempre que se indica na lista de ingredientes “leite” sen máis, como ocorre por exemplo en Danone ou Eroski, trátase de leite de vaca enteiro e pasteurizado. En caso contrario, habería que precisar as súas peculiaridades, indicando, por exemplo, o animal de orixe (leite de ovella), a ausencia de tratamento (leite cru) ou o contido en graxa (leite desnatado).

En canto á cantidade de leite, sitúase entre o 65 % de La Lechera e o 81,7 % de Eroski. As que menos levan son La Lechera (65 %), Reina e Montero (ambos os dous cun 67 %) e Danone (68 %). Os que conteñen máis leite son Eroski (81,7 %), La Ermita (78 %), Mahala (76,5 %), Eroski Seleqtia (73 %) e Goshua (71,5 %). Pola súa banda, Gailla non mostra a cantidade de leite que contén, o que incumpre a lexislación, dado que é obrigatorio indicar esa información cando se destaque dalgún ingrediente no envase ou cando sexa imprescindible para definir un alimento.

Análise

Para levar a cabo esta guía de compra, seleccionáronse 10 sobremesas de arroz con leite elaborados por marcas líderes no mercado, no que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A puntuación co novo algoritmo vén determinada pola cantidade de azucres, graxas saturadas e calorías.
  • Ingredientes. Especialmente pola proporción de leite e arroz e pola presenza de leite desnatado en po e aromatizantes.
  • Información comercial. Analizamos se proporciona información valiosa ou se pode confundir ou enganar o consumidor.
  • Prezos. Recollido en decembro de 2024. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero, para o ránking, tívose en conta a relación calidade-prezo.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre coa lexislación vixente.

Como se mellora a textura

Ademais do leite, algúns produtos inclúen leite desnatado en po entre os seus ingredientes. Trátase en concreto de Danone (no que se utiliza rehidratado), Goshua, La Lechera e Eroski Seleqtia. Isto faise sobre todo para achegar proteínas lácteas, que melloran a textura do produto e lle dan máis corpo. O contido total de leite nestes produtos supón unha cifra lixeiramente superior á que indicabamos anteriormente, que se refería só ao leite tal cal. Aínda que pola información que figura na etiquetaxe non podemos coñecer con certeza a cifra do leite total destes produtos.

Todas estas marcas (Danone, Goshua, La Lechera e Eroski Seleqtia) engaden outro ingrediente: a nata. O leite en po e a nata empréganse por separado para controlar mellor a cantidade desexada de proteína e graxa e conseguir así as características desexadas na textura do produto: unha sobremesa cremosa e con corpo. Pero a nata tamén se usa noutras marcas que non conteñen leite en po, concretamente en Reina e Montero, aos que este ingrediente engadido lle achega sabor e cremosidade.

O tipo de arroz si importa

O arroz é o outro ingrediente fundamental desta sobremesa ao que lle dá nome. Poderiamos pensar que é o segundo máis abundante despois do leite, pero isto só ocorre en Gailla, no que non se indica a cantidade concreta, aínda que sexa obrigatorio, polo mesmo motivo que no caso do leite. No resto dos produtos, o arroz ocupa a terceira posición, por detrás do azucre. A excepción é La Lechera, no que o segundo ingrediente é a auga.

O arroz atópase en proporcións comprendidas entre o 9 % e o 10 %. A excepción é La Ermita, cunha cantidade lixeiramente inferior (8 %). Pero non só conta a cantidade, tamén é importante o tipo de arroz. Precisamente, en La Ermita especifícase que se trata de arroz redondo, máis apreciado para esta sobremesa que o longo, xa que absorbe máis sabores e libera máis amidón, o que dá como resultado un produto con máis corpo e mellor textura.

No resto dos produtos non se especifica o tipo de arroz, polo que non podemos sabelo ata o momento do consumo. En calquera caso, podemos facernos unha lixeira idea sobre as características do arroz e do método de elaboración se observamos a lista de ingredientes. O uso de espesantes pode ser un sinal de que a variedade de arroz utilizada non tiña unha composición de amidón axeitada para este fin ou de que non se cociñou o tempo suficiente. Só tres dos produtos analizados conteñen espesantes: Reina e Montero (amidón de millo) e Eroski (amidón de arroz).

É unha sobremesa saudable?

Moita xente pensa que o arroz con leite é unha sobremesa saudable porque está elaborado con estes ingredientes. É verdade que non contén moito máis: só algúns ingredientes para achegar aroma, como a canela, e azucre para edulcorar. Así, poderiamos dicir que é unha das sobremesas que ten unha mellor composición, se o comparamos con outros elaborados con ingredientes menos interesantes, como o aceite de palma, por exemplo. Pero non hai que esquecer que contén unha cantidade considerable de azucre, o que fai que non sexa recomendable para o seu consumo habitual. Por outra banda, tamén é importante non obsesionarse coa comida. Comer unha sobremesa nun día concreto, no contexto dunha dieta saudable, non vai ter un impacto significativo na saúde dunha persoa sa.

A cantidade de azucre, unha cifra clave

O azucre é o segundo ingrediente máis importante nesta sobremesa, por detrás do leite e por diante do arroz. Isto ocorre en todos os produtos analizados, excepto en La Lechera e en Gailla, nos que ocupa o terceiro posto, por detrás da auga e do arroz, respectivamente. O contido total en azucres está comprendido entre o 8,5 % de Mahala e o 18 % de La Ermita. É dicir, neste último, a cantidade de azucres é máis do dobre que no primeiro.

En calquera caso, La Ermita é un caso excepcional. Na maioría dos produtos, o contido de azucre sitúase arredor do 14 %-16 %. Hai que ter en conta que non todos eses azucres son engadidos. Nesta cifra englóbanse tanto o azucre engadido polo fabricante (sacarosa) como o azucre contido no leite de forma natural (lactosa). Os que deben evitarse na medida do posible son os primeiros. Pero non temos xeito de coñecer a proporción concreta na que se atopan, porque non existe a obriga de especificar na etiquetaxe o contido de azucres engadidos (só se indican os azucres totais). Ora ben, podemos facernos unha lixeira idea, dado que coñecemos o contido de lactosa no leite (aproximadamente 4,5 %), e a proporción de leite que teñen estas sobremesas (arredor do 70 %). Así, podemos estimar que o contido de lactosa nestes produtos rolda o 3,2 % e que, polo tanto, a cantidade de azucres engadidos é de aproximadamente o 12 %. É dicir, unhas dúas culleradas e media por cada 100 gramos.

Aromas: unha pista da calidade

Pódese facer arroz con leite con tan só tres ingredientes: leite, arroz e azucre. Gailla é proba diso. Pero o máis habitual é utilizar algún elemento para achegar aromas a canela, limón ou mesmo vainilla ou anís. Isto é o que ocorre en todas as sobremesas analizadas, excepto en Gailla e en La Lechera, que só utiliza sal (en pouca cantidade) para potenciar o sabor do produto.

A forma de aromatizar o produto pode darnos unha boa pista sobre a súa calidade comercial. Por exemplo, en Mahala e La Ermita emprégase leite aromatizado con ramas de canela ou con canela en rama e casca de limón, respectivamente. É dicir, a preparación realízase dun xeito similar a como fariamos na casa, infundindo estes ingredientes no leite, en lugar de engadir aromas ou canela en po a posteriori, como ocorre na maioría dos produtos analizados. Deste xeito, conséguese que o leite teña un aroma máis delicado e apreciado.

A tradición manda

O arroz con leite é unha sobremesa sinxela que se elabora con poucos ingredientes. Por iso se atopa entre esas sobremesas “de toda a vida”. Este aspecto destaca en moitos dos produtos analizados, que evocan nos seus envases a tradición (“elaboración tradicional”) ou a familiaridade (“receita familiar” ou “a nosa casa”), que nalgúns casos tamén se reforza co formato, en envases de barro ou de vidro. Estes reclamos adoitan espertar recordos e sentimentos positivos que poden levarnos a pensar que os produtos son mellores que os que non levan eses reclamos. Pero non ten por que ser así necesariamente. Así que convén telo presente para non deixarse levar por estas estratexias de márketing.

Os nutrientes máis destacados

Observando a información nutricional podemos observar que os nutrientes que se atopan en maior proporción son os hidratos de carbono (16 %-26 %), algo lóxico tendo en conta a presenza de arroz e o contido en azucre. Tamén é normal que o contido proteico sexa modesto, arredor do 3 %-4 %, xa que este nutriente procede do leite e do arroz, onde se atopa en cantidades moderadas (arredor do 3,1 % e 2,7 %, respectivamente). O resto de nutrientes que hai que ter en conta son os seguintes:

  • Graxas. O nutriente máis interesante, ademais dos azucres. Non porque supoña unha achega importante á dieta (o seu contido é relativamente moderado e sitúase entre o 2,8 % de La Ermita e un 4,1 % de Gailla), senón porque pode orientarnos sobre as características organolépticas do produto. Máis graxa significa máis sabor e cremosidade, polo que é unha característica apreciable.
    En todos os casos, esas graxas son de orixe láctea, xa sexa do leite que, ao ser enteiro, debe conter polo menos un 3,5 % deste nutriente, ou ben do leite e da nata engadida. Os que conteñen nata –Danone, Eroski Seleqtia, Goshua, La Lechera, Reina e Montero– achegan entre un 3,5 % e un 3,8 % de graxas. A excepción é La Lechera, cun 3,1 %, o que se explica polo seu baixo contido en leite (65 %). Os que non levan nata –La Ermita, Eroski, Mahala e Gailla– conteñen entre un 2,8 % e un 3 % de graxas. A excepción é Gailla, cun 4,1 % debido a que neste caso o contido graxo do leite é maior que no resto.
  • Enerxía. A achega calórica por 100 g está entre as 104 kcal de Mahala e as 152 kcal de Montero, cunha cantidade media de 132 kcal, o que equivale á enerxía proporcionada por tres racións de queixo fresco (70 g cada unha).
    As diferenzas na achega calórica están determinadas sobre todo polo contido graxo. Os produtos que achegan menos de 130 kcal son aqueles que non conteñen nata. (Eroski, Mahala, La Ermita e Gailla), ademais de La Lechera. É dicir, trátase dos produtos con menos graxa, coa excepción de Gailla, que é a máis graxa, pero a súa achega calórica é baixa porque tamén achega poucos hidratos de carbono. As sobremesas con máis de 145 kcal son as que engaden nata (a excepción de La Lechera). Destacan Goshua (146 kcal), Reina (149 kcal) e Montero (152 kcal), que tamén son os máis graxos.

Canto achega unha ración?

Ata agora vimos a composición nutricional por cada 100 gramos. Isto é útil para poder facer comparacións, pero debemos ter en conta que estas sobremesas adoitan venderse en envases de 130 g, que é a cantidade que consumimos nunha soa inxestión. Así, a achega por ración é lixeiramente superior. Para que nos fagamos unha idea, a achega nutricional dunha ración (130 g) sería a seguinte: azucres, entre 11 g de Mahala e 23,4 g de La Ermita, aínda que na maioría dos casos a cantidade rolda os 18 g; graxas, entre 3,6 g de La Ermita e 5,3 g de Gailla, e enerxía, entre 135 kcal de Mahala e 198 kcal de Montero. A achega media sería de 170 kcal, o que equivale ao que achegan dous iogures naturais sen azucre.

Recomendacións de compra
  1. Leite. En principio, canta máis cantidade, mellor. Pero non é determinante porque cómpre considerar outros aspectos importantes, como a cantidade de graxa.
  2. Graxa. Achega sabor e cremosidade, así que é desexable que sexa o máis alta posible.
  3. Azucre. Se nos baseamos en criterios de saúde, o ideal sería que así fose o máis baixo posible.
  4. Forma de aromatizar. Son máis apreciados os produtos aromatizados con canela en rama e casca de limón, que os que conteñen aromas.
  5. Prezo. Pode haber diferenzas importantes entre os distintos produtos, ás veces influenciadas por aspectos como o envasado. Convén valoralo con base na composición, e máis concretamente na cantidade de graxa, na forma en que se aromatiza ou na presenza de leite en po ou amidóns.

A mesma nota en Nutri-Score

Todos os produtos analizados obteñen a mesma nota co novo algoritmo do sistema Nutri-Score, concretamente un C, debido ao seu contido en azucres, graxas saturadas e calorías.

Relación calidade-prezo

O prezo por cada 100 gramos de produto oscila entre os 0,27 euros de Eroski e os 1,12 euros de Goshua. É dicir, o máis caro custa catro veces máis que o máis barato. Os máis económicos son Eroski (0,27 euros), Reina (0,37 euros) e Mahala (0,50 euros). Entre os de prezo medio sitúanse La Lechera (0,54 euros), Danone (0,61 euros) e Gailla (0,72 euros). E, finalmente, os máis caros corresponden a La Ermita (0,83 euros), Eroski Seleqtia (0,91 euros), Montero (1 euro) e Goshua (1,12 euros).

Poderiamos pensar que o prezo podería estar determinado pola composición do produto e máis concretamente pola cantidade de leite, pero dous dos produtos que máis leite levan (Eroski e Mahala) son os máis económicos, mentres que un dos que menos ten (Montero) atópase entre os máis caros. Tamén poderiamos esperar que o prezo viñese determinado pola cantidade de graxa. Pero esta relación non se cumpre para algúns produtos, como Reina, que é unha das sobremesas que máis graxa ten e está entre os máis económicos.

O formato tamén pode influír no prezo. Por exemplo, entre os máis caros están os que se venden en envases de vidro ou barro (La Ermita, Goshua e Eroski Seleqtia), mentres que entre os máis baratos está Reina, que se comercializa nun recipiente de plástico de gran tamaño (500 g). Se valoramos a relación entre a calidade global e o prezo, as mellores opcións serían Eroski, Reina e Mahala.

Conclusións

A pesar de tratarse dunha sobremesa relativamente sinxela, con só tres ingredientes, leite, arroz e azucre, existen diferenzas notables entre os produtos analizados. Para avaliar os produtos que máis destacan, podemos fixarnos nos seguintes criterios:

  • Cantidade de leite. Os que máis destacan son Eroski (81,7 %), La Ermita (78 %) e Mahala (76,5 %). Gailla non mostra o contido, o que incumpre a lexislación.
  • Cantidade de graxa. É un dos aspectos máis importantes para ter unha idea das características do produto, porque é un elemento valioso e que achega sabor e cremosidade. Os produtos con maior cantidade son Gailla (4,1 %), Reina e Montero (ambos cun 3,8 %).
  • Cantidade de azucre. Se priorizamos a saúde, o ideal sería que a cantidade fose o máis baixa posible. Neste aspecto, destaca Mahala (8,5 %), coa metade dos azucres do produto de maior valor (La Ermita, cun 18 %).
  • Detalles relacionados coa calidade do produto. Hai algúns aspectos que poden orientarnos sobre as características desta sobremesa, como o modo no que se aromatiza (canela en rama e limón, en lugar de aromas). Neste sentido, destacan Mahala e La Ermita, elaborados con leite aromatizado con canela en rama e limón natural.

Se temos en conta as características xerais, destaca Gailla, sobre todo polo seu contido en graxa, pero incumpre a lexislación ao non mostrar o contido de leite ou arroz na lista de ingredientes. Tamén destacan Mahala, La Ermita e Goshua, cales serían os mellores produtos se non temos en conta o prezo.

Se consideramos todas as características en conxunto, incluído o prezo, os produtos máis destacables serían Eroski, Reina e Mahala.