Análise das medidas antropométricas de 3966 persoas para coñecer a prevalencia de exceso de peso e obesidade abdominal en España

3 de cada 5 persoas de 25 a 64 anos sofre exceso de peso

A prevalencia de sobrepeso estimada na poboación adulta en España é do 39,6 % e a de obesidade Do 21,6 %, segundo a Enquisa Nutricional da Poboación Española (ENPE)
1 Xullo de 2016
Img tema de portada listado 202

3 de cada 5 persoas de 25 a 64 anos sofre exceso de peso

A prevalencia mundial de obesidade duplicouse entre 1980 e 2014, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS). En 2014, o 39 % das persoas adultas de 18 ou máis anos tiña sobrepeso e o 13 % era obesa. En 2013, máis de 42 millóns de nenos menores de cinco anos tiñan sobrepeso.

A OMS define a obesidade e o sobrepeso como unha acumulación anormal ou excesiva de graxa que pode ser prexudicial para a saúde. Este problema débese fundamentalmente a un desequilibrio enerxético entre as calorías consumidas e gastadas. En liñas xerais, a humanidade aumentou a súa inxestión de alimentos hipercalóricos (ricos en graxa, sal e azucres, pero pobres en vitaminas, minerais e outros micronutrientes) e reduciu considerablemente a actividade física realizada, o que supón un fomento do sedentarismo.

O exceso de peso converteuse nun dos problemas máis importantes de saúde pública no mundo. Segundo a OMS, tanto a obesidade coma o sobrepeso están relacionados con máis mortes ca o baixo peso. Presentar valores altos no índice de masa corporal (IMC) e obesidade abdominal asóciase con mortalidade, morbilidade, discapacidade e, polo tanto, cun estado de saúde deteriorado e cunha baixa calidade de vida. Ademais, a obesidade é un factor de risco de enfermidades como a diabetes mellitus tipo 2, as enfermidades cardiovasculares e algúns tipos de cancro.

Esta situación levou a Fundación EROSKI a poñer en marcha en 2014 a Enquisa Nutricional da Poboación Española (ENPE), xunto á Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC), co obxectivo de describir a prevalencia de obesidade total e abdominal nunha mostra representativa da poboación española e tamén para analizar a distribución de distintos indicadores de adiposidade corporal (porcentaxe de masa total do corpo composto de graxa).

Como se fixo

En total, 3966 persoas distribuídas por todo o territorio nacional (máis de 210 persoas por comunidade autónoma) achegaron as súas medidas antropométricas. O 52 % eran mulleres e todos os participantes tiñan idades comprendidas entre os 25 e os 64 anos: o 30 % de 45 a 54, un 28 % entre 35 e 44, outro 21 % entre 55 e 64 e o 20 % de 25 a 34. Ademais, segundo o seu nivel educativo, o 43 % tiña estudos primarios ou menos, o 34 % contaba con estudos secundarios e o 23 % contaba con estudos superiores.

Esta investigación foi dirixida por varios especialistas: o director, Javier Aranceta (profesor de Nutrición Comunitaria na Universidade de Navarra, presidente do Comité Científico SENC e investigador na Rede CiberOBN); a coordinadora, Carmen Pérez Rodrigo (SENC-Fundación FIDEC) e os investigadores, Goiuri Alberdi (SENC-School of Medicine en University College of Dublin), Natalia Ramos (departamento técnico-Sprim) e Sonia Lázaro (Sprim). Ademais, a Revista Española de Cardioloxía publicou en abril de 2016 as conclusións principais do estudo (Aranceta-Bartrina J, Pérez-Rodrigo C, Alberdi-Aresti G, Ramos-Carrera N, Lázaro-Masedo S. Prevalencia de obesidade xeral e obesidade abdominal na poboación adulta española (25-64 anos) 2014-2015: estudo ENPE. Rev Esp Cardiol. 2016;69(6): 579-587).

Medidas

A recompilación de datos levouse a cabo entre maio de 2014 e maio de 2015. Obtivéronse datos antropométricos válidos de 3801 suxeitos (o 49 % homes e o 51 % mulleres).

Enquisadores profesionais formados especificamente para esta investigación mediu cada participante en posición de bipedestación (de pé), descalzo e con roupa lixeira.

En concreto, tomáronse as seguintes medidas antropométricas individuais:

  • Talle (cm): cun estadiómetro portátil mediuse a distancia entre a cabeza e os pés.
  • Peso corporal (kg): con básculas dixitais mediuse o peso do corpo distribuído entre ambos os pés.
  • Perímetro da cintura ou PC (cm): cunha cinta métrica inextensible buscouse o punto medio entre o último aro costal e a crista ilíaca e, nese punto, mediuse a circunferencia da cintura.
  • Perímetro da cadeira (cm): cunha cinta métrica inextensible mediuse o punto de máxima circunferencia sobre as nádegas nun plano horizontal.

O talle e o peso corporal proporcionan o índice de masa corporal ou IMC. A OMS explica que se trata dun indicador simple da relación entre o peso e o talle que se adoita utilizar para identificar o sobrepeso e a obesidade nos adultos. Aínda que o IMC proporciona información útil sobre o exceso de peso na poboación (é a mesma medida para ambos os sexos e para os adultos de todas as idades), a OMS recomenda considerala a título indicativo porque é posible que non se corresponda co mesmo nivel de grosor en diferentes persoas.

Pola súa banda, o perímetro da cintura utilízase para estimar a prevalencia da obesidade abdominal. No entanto, este indicador pode sobreestimar ou subestimar o risco dos individuos altos e baixos, xa que non ten en conta o talle. De modo que, como alternativa, os expertos do ENPE propuxeron o índice cintura-talle, un bo indicador de adiposidade abdominal, similar ao perímetro da cintura.

Medidas ga

Conclusións principais

Principais conclusións

En España, un IMC alto e un perfil de dieta inadecuada eríxense como os dous principais factores de risco á hora de desenvolver unha enfermidade, segundo un informe elaborado polo Institute for Health Metrics and Evaluation con datos do ano 2013.

As conclusións do estudo ENPE inciden principalmente no primeiro aspecto e os resultados non son alentadores. Os expertos do estudo ENPE conclúen que a prevalencia de obesidade xeral e de obesidade abdominal en España é alta, aínda que presenta unha distribución desigual entre as distintas comunidades autónomas.

Ademais, insisten na necesidade dunha mellor vixilancia sistemática, especialmente nos grupos de poboación con maior risco e a implementación de estratexias preventivas de carácter xeral dirixidas a toda a poboación e accións asistenciais específicas para os individuos afectados.

Exceso de peso frecuente

A prevalencia de sobrepeso estimada na poboación adulta española entre os 25 e os 64 anos alcanza o 39,3 % e é máis elevada entre os homes (46,5 %, fronte ao 32,1 % das mulleres). Pola súa banda, a prevalencia global de obesidade estímase no 21,6 %, tamén superior nos homes (22,8 %) fronte ás mulleres (20,5 %).

Tanto o sobrepeso como a obesidade aumentan significativamente coa idade en ambos os sexos e en todos os grupos analizados a cifra é superior entre os homes.

Se se suman as proporcións de prevalencia de sobrepeso e obesidade, o total entre a poboación adulta española de 25 a 64 anos é do 60,9 %: o 69,3 % os homes e o 52,6 % as mulleres. E, en concreto, a prevalencia de valores de IMC igual ou superior a 35 estímase no 5,2 % e alcanza o 6,9 % no grupo de 55 a 64 anos.

Por comunidade autónoma, as taxas de obesidade máis altas atópanse en Asturias (25,7 %) e en Galicia (24,9 %), seguido de Andalucía (24,4 %), mentres que as taxas máis baixas obsérvanse nas Illas Baleares (10,5 %), Cataluña (15,5 %) e País Vasco (16,8 %).

Prevalencia de obesidade abdominal

A obesidade abdominal pode medirse en función de diferentes criterios. En primeiro lugar, se se ten en conta o perímetro da cintura, estímase que un 33,4 % da poboación cunha idade entre 25 e 64 anos ten obesidade abdominal; é dicir, a súa cintura supera os 102 cm se é home e os 88 cm se é muller. Por sexos, afecta o 43,3 % das mulleres e o 23,3 % dos homes.

Estas cifras son moi superiores se se utiliza como criterio o índice de cintura-cadeira: en homes máis do 0,90 e, en mulleres, maior ca o 0,85. Así, a proporción de persoas entrevistadas con obesidade abdominal alcanzaría o 64,5 %.

Tamén son elevadas se se ten en conta o índice de cintura-talle. Neste caso, se se sitúa o punto de corte en 0,55, a proporción é do 69,7 % e, se se sitúa no 0,55, a cifra redúcese ata o 44,4 %.

A maioría das persoas con obesidade abdominal padecen tamén sobrepeso ou obesidade; é dicir, teñen un IMC igual ou superior a 25. Tendo en conta o criterio de perímetro de cadeira, a proporción é de 90 %. Se se usa o de cadeira-cintura, a cifra baixa ata o 72,5 % e, se se usa o de cintura-talle, está entre o 81,8 % e o 89,8 %.

Mapa ga

Peso e talle

Entre os homes, o peso aumenta significativamente entre o grupo de 25 a 34 anos e o seguinte intervalo de idade é o de 35 a 44 anos. En concreto, a media vai dos 80,3 kg aos 82,6 kg. Pola súa banda, entre as mulleres a tendencia é similar, aínda que o incremento se produce a medida que avanza a idade. A media sobe desde os 63,5 kg ata os 70,6 kg.

En canto ao talle, esta medida diminúe progresivamente coa idade, tanto nos homes coma nas mulleres. Eles pasan dunha media de 175,7 cm a 169,9 cm e elas de 162,2 cm a 158,6 cm.

Por último, os valores medios das circunferencias de cintura e cadeira mostran un aumento importante coa idade, tanto nos homes (a cintura vai desde os 88,7 cm aos 99,7 cm e a cadeira empeza nos 97,8 cm ata os 103,5 cm) coma nas mulleres (en cintura vai de 79,9 cm a 91,8 cm e en cadeira empeza en 97,9 cm aos 104,9 cm).

Índices crecentes

O crecemento das medidas de acordo co aumento de idade tamén inflúe no resultado dos índices. Por tanto, crece a media de IMC (un 10 % eles e un 15 % elas) e tamén o índice medio de adiposidade corporal ou IAC (tanto en homes coma en mulleres, un 18 %).

Ocorre o mesmo cos índices de cintura-cadeira e cintura-talle. Tanto nos homes coma nas mulleres aumenta en función da idade: o de cadeira arredor dun 6 % en ambos os sexos e o de talle un 16 % nos homes e un 18 % nas mulleres.

Peso ga