Parecen zumes, pero non o son
Cando compramos un zume, adoitamos fixarnos no seu sabor, tamén no que custa ou na cantidade de azucres que ten. Pero podemos pasar por alto dous aspectos fundamentais: que tipo de bebida é realmente e canta froita contén. Nesta guía damos as claves para elixir con criterio.
Zume, néctar ou bebida refrescante?
Se un envase destaca a palabra “laranxa” e mostra imaxes desta froita, probablemente pensemos que contén exclusivamente zume de laranxa. Pero entre as bebidas elaboradas con froitas existen diferentes tipos e categorías:
- Zume de froitas. Obtense directamente de froitas maduras e conserva de forma natural os seus azucres, vitaminas e outros compostos propios da froita. Non pode levar azucres engadidos.
- Zume de froitas a partir de concentrado. Obtense ao reconstituír un zume concentrado –ao que previamente se lle retirou parte da auga– e se lle engadiu de novo a auga necesaria para devolverlle o seu estado orixinal.
- Néctar. É unha mestura de zume ou puré de froita con auga, que pode incorporar tamén azucre ou edulcorantes. A normativa esixe un contido mínimo de froita, segundo o tipo; por exemplo, polo menos un 50 % para a mazá e un 25 % para o plátano. Os dous néctares desta guía –Granini plátano e Juver néctar de melocotón– están elaborados a partir de puré.
- Bebida refrescante de zumes de froitas. Elabórase con auga e pode incorporar zume ou puré de froita en proporcións moi variables, ademais doutros ingredientes como azucre, edulcorantes, aromas ou aditivos autorizados. Neste produto a lexislación non esixe un contido mínimo de froita.
Nesta guía analizamos oito bebidas refrescantes e dous néctares. Como a primeira vista poden confundirse con zumes, convén consultar a denominación de venda, que adoita aparecer xunto á lista de ingredientes.
Para realizar esta guía seleccionáronse dez bebidas elaboradas con zumes de froitas, nas que se analizou principalmente:
- Puntuación Nutri-Score. A valoración co algoritmo actualizado en 2024 vén determinada pola cantidade de froita, azucres e calorías.
- Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial do produto, especialmente no que respecta ao tipo de bebida e á cantidade de zume.
- Información comercial.Analizamos se proporciona información valiosa, se pode ser confusa ou enganar o consumidor.
- Prezos Recollidos en setembro de 2026. Non foi un criterio para avaliar a calidade, pero a relación calidade-prezo tívose en conta no ranquin.
- Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.
Zume e polpa, en cifras
A diferenza dos zumes, os néctares e as bebidas refrescantes non están elaborados exclusivamente a partir de zume ou puré de froita, polo que convén comprobar que proporción conteñen. Os que máis levan son Zü (85 %), Hohes C (70 %) e Juver néctar de melocotón (61,5 %); e os que menos, Granini plátano (25 %), Florida (20 %) e Don Simón naranjada light (15 %). Os dous néctares cumpren cos mínimos legais: Granini plátano contén un 25% de zume ou puré de froita, o mínimo esixido para o plátano, e Juver néctar de melocotón, un 61,5 %, fronte ao mínimo do 50 %.
O envase pode levar a pensar que hai máis froita da que realmente contén. Don Simón naranjada light, por exemplo, ten aspecto de zume e mostra laranxas, pero só leva un 15 % de zume. Tamén convén mirar que froitas contén. Zü anuncia un 85 % de zume e destaca a laranxa no envase, pero só un 53 % é zume de laranxa e un 2 %, polpa de laranxa. O 30 % restante é zume de uva.
A cantidade non o é todo
Algunhas bebidas analizadas conteñen suficiente zume ou polpa de froita como para alcanzar o mínimo esixido para os néctares: Juver melocotón (50 %), Eroski naranja (50 %), Zü naranja (85 %) e Hohes C (70 %). Porén, ter moito zume ou puré de froita non basta para ser un néctar. A normativa fixa ademais determinadas condicións sobre a súa composición e etiquetaxe. Por exemplo, Hohes C contén un ingrediente adicional, fibra de acacia, que non está previsto para a categoría dos néctares. Por iso se comercializa como bebida refrescante. O resto dos produtos –Don Simón naranjada light, Don Simón piña, Florida e Granini melocotón– tampouco poden considerarse néctares: conteñen ingredientes non permitidos nesta categoría e non alcanzan a cantidade mínima de zume ou puré esixida.

É habitual pensar que beber zume ou unha bebida con froita equivale a comer froita fresca. Algúns produtos mesmo suxiren esa idea: Juver melocotón, por exemplo, indica “1 vaso = 1 porción de froita”. Pero nutricionalmente non son equivalentes.
Na froita enteira, os azucres permanecen dentro da súa estrutura e acompañados de fibra. Ademais, hai que mastigala e tárdase máis en consumila, polo que resulta máis saciante e os seus azucres absórbense de forma máis gradual. Ao espremer ou triturar a froita pérdese boa parte desa estrutura e parte da fibra. Ademais, ao bebela é fácil consumir rapidamente unha cantidade maior. Para preparar un zume utilízanse dúas ou tres laranxas, mentres que normalmente comeriamos unha peza.
Isto reflíctese nas cifras: unha laranxa achega uns 10 g de azucres e 60 kcal, fronte aos 18 g de azucres e 90 kcal dun vaso de zume (200 ml) de laranxa. Por iso, aínda que procedan da froita, os zumes e outras bebidas con froita non son equivalentes á froita enteira.
Con azucre ou edulcorantes?
A diferenza dos zumes, os néctares e as bebidas refrescantes poden incorporar azucre, edulcorantes ou ambos. Entre os produtos analizados atopamos tres situacións:
- Con azucre. Os dous néctares e Granini melocotón só utilizan azucre como adozante.
- Con edulcorantes. Tres produtos só conteñen edulcorantes: Don Simón piña e Eroski, ambos con sucralosa, e Juver melocotón, con sucralosa e acesulfamo K.
- Azucres e edulcorantes. Don Simón naranjada light combina azucre e sucralosa e Florida contén xarope de glicosa e frutosa, azucre e sucralosa.
Pola súa parte, Hohes C e Zü non conteñen azucres engadidos nin edulcorantes. Aínda así, teñen sabor doce porque incorporan zumes de froitas que achegan azucres, como o de mazá en Hohes C e o de uva en Zü.
Os edulcorantes presentan algunhas vantaxes fronte ao azucre: non achegan calorías, non elevan a glicosa no sangue e non favorecen a aparición de carie. Con todo, non parecen contribuír ao control do peso a longo prazo e algúns estudos suxiren que o seu consumo habitual podería influír na microbiota intestinal ou axudar a manter a preferencia por sabores moi doces. En calquera caso, todas estas bebidas conteñen zumes de froitas e, polo tanto, azucres libres, que as recomendacións dietéticas equiparan aos azucres engadidos.
Cantos azucres conteñen?
As cantidades máis elevadas atópanse nos dous néctares: Granini plátano (12 %) e Juver néctar de melocotón (11,4 %), ambos con azucre engadido. Tamén destacan Zü (9,2 %) e Hohes C (6,4 %).
Granini melocotón contén un 8,8 % de azucres e Don Simón naranjada light, un 5,6 %. Os valores máis baixos corresponden a Don Simón piña (3,9 %), Juver melocotón (4,2 %), Eroski (4,3 %) e Florida (4,6 %). Todos conteñen edulcorantes; Florida, ademais, contén azucres engadidos.

Non sempre o produto que contén máis froita, ten menos azucres ou custa máis é a mellor elección. Para comparar estas bebidas convén ter en conta os seguintes factores:
- Tipo de bebida. Consulta a denominación de venda para saber se é un zume, un néctar ou unha bebida refrescante. A cantidade de froita non sempre permite distinguilas.
- Cantidade e tipo de froita. Comproba a porcentaxe e que froitas contén: canto maior sexa, mellor.
- Azucre ou edulcorantes. Mellor optar por produtos sen azucres engadidos nin edulcorantes e, entre eles, os que teñan menos azucres totais.
- Reclamos comerciais. Non te guíes só polas imaxes ou mensaxes do envase, como “sen azucres engadidos”. A mellor elección faise lendo a denominación, os ingredientes e a información nutricional.
- Prezo. Valórao en relación coa cantidade de froita: interesa o que ofreza máis froita a un prezo máis baixo.
Cal é o seu perfil nutricional?
Dado que estas bebidas apenas achegan graxas, proteínas, fibra ou sal, o principal aspecto nutricional que hai que considerar é o seu contido de azucres. Por iso, as diferenzas en calorías entre uns produtos e outros están estreitamente relacionadas coa cantidade de azucre que conteñen. Por cada 100 ml, os produtos máis calóricos son os dous néctares: Juver néctar de melocotón (58 kcal/100 ml) e Granini plátano (52 kcal/100 ml). No extremo contrario atópanse Eroski naranja (18 kcal), Don Simón piña e Florida (22 kcal) e Juver melocotón (23 kcal).
Todas as bebidas analizadas obteñen unha valoración desfavorable en Nutri-Score. A nota está determinada principalmente pola cantidade de froita e de azucres. Os dous néctares, que son os que máis azucres conteñen, obteñen un E. Tamén, Don Simón naranjada light, neste caso pola súa escasa cantidade de froita (15 %). As mellores valoracións, un C, corresponden a Zü e Hohes C, polo seu elevado contido de froita, e a Eroski, que combina un 50 % de froita cun contido moderado de azucres (4,3 %).
Compensa o que pagamos?
Os prezos varían considerablemente, desde os 3,09 euros por litro de Hohes C ata os 0,70 euros por litro de Juver melocotón. Pero o prezo por si só non reflicte o valor destes produtos, xa que tamén convén ter en conta a súa cantidade de zume ou polpa de froita. Ao relacionar ambos os aspectos, as opcións máis vantaxosas son Juver melocotón (0,014 euros por punto porcentual de froita), Zü (0,018 euros) e Eroski (0,030 euros). No extremo contrario atópanse Granini plátano (0,122 euros), Florida (0,093 euros) e Don Simón light (0,062 euros).

Non todas as bebidas que parecen zume o son, e a súa categoría tampouco indica necesariamente canto zume ou polpa de froita conteñen. De feito, as que máis achegan son dúas bebidas refrescantes: Zü (85 %) e Hohes C (70 %), mentres que Granini plátano, que é un néctar, contén un 25 %.
Tamén convén fixarse nos azucres. Zü e Hohes C non conteñen azucres engadidos nin edulcorantes, aínda que si achegan azucres libres procedentes dos zumes que conteñen. Os valores máis baixos de azucres totais corresponden a Don Simón piña, Juver melocotón, Eroski e Florida, grazas principalmente ao uso de edulcorantes.
Tendo en conta a cantidade de froita, a composición nutricional e a etiquetaxe, as mellores opcións son Hohes C, Zü e Eroski. Se ademais se ten en conta o prezo, Zü e Eroski mantéñense entre as mellores eleccións e súmase Juver melocotón.